DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Martes, 1 de xullo de 2025 Páx. 36569

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 20 de xuño de 2025 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Alcalde Varela.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Alcalde Varela, con domicilio na rúa Norberto Pijuán, número 7, en Boiro (A Coruña).

Feitos:

1. O 14 de abril de 2025, María Eugenia Alcalde Varela, presidenta do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Alcalde Varela constituína María Eugenia Alcalde Varela, mediante escritura pública outorgada o 1 de abril de 2025, ante a notaria de Madrid María del Rosario Algora Wesolowski, co número de protocolo 350.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto: «a realización de calquera actividade e concesión de axudas que contribúan ao fomento, desenvolvemento e realización de actividades de formación, cultural e educativa, relacionados coa arte en todos os seus aspectos e no seu sentido máis amplo».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por María Eugenia Alcalde Varela, como presidenta; María Elena Fabeiro Castro, como vicepresidenta; Sofía Alcalde Trujillo, como secretaria; e María Varela Cuíña, Arturo Alcalde Trujillo, Christian Gabriel Griot e Ana María Benedetti, como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Alcalde Varela, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 3 de xuño de 2025,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Alcalde Varela, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; previamente e con carácter potestativo, poderase interpoñer no prazo dun mes recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes