Unha vez examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación STL, dítase esta resolución baseada nos feitos e nos fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:
Feitos:
1. O 6 de febreiro de 2025, Pablo Lago Almeida, en representación do Padroado da fundación, presentou a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Fundación STL constituíuna a entidade Sociedad Textil Lonia, S.A., representada por Josefina Domínguez Fernández, mediante escritura pública outorgada o 30 de xaneiro de 2025, ante a notaria de Ourense María Teresa Fernández Carrera, co número de protocolo 189.
Logo de requirimento do 5 de marzo de 2025, a fundación achega unha dilixencia de emenda da escritura anterior, outorgada o 26 de marzo de 2025 no mesmo lugar e ante a mesma notaria, que corrixe o artigo 25 dos seus estatutos.
3. A fundación, consonte os artigos 7 e 8 dos seus estatutos, ten por obxecto a promoción, o fomento, o desenvolvemento, a execución e o financiamento de todo tipo de actividades que coadxuven á difusión e extensión da cultura, da arte, da educación, da acción social e asistencial en calquera das súas manifestacións, e pode realizar as seguintes actividades neste sentido:
– A promoción, o desenvolvemento, a protección e o fomento de toda clase de estudos e actividades de carácter cultural e artístico, con especial inclinación cara aos campos da fotografía, o deseño e aqueles outros obxectivos que o Padroado poida decidir no futuro.
– A promoción, o ensino, a difusión e o desenvolvemento da artesanía, traballos tradicionais e oficios dentro da industria da moda.
– A realización de actividades que promovan a sustentabilidade da industria da moda, tanto desde unha perspectiva social como ambiental, en todas as súas etapas da cadea de valor.
– A promoción e realización de actividades de interese educativo, de formación, de desenvolvemento e de integración dos colectivos máis vulnerables e desfavorecidos.
– A promoción do benestar das persoas e da súa contorna, desenvolvendo accións no ámbito dos servizos sociais, asistenciais ou ambientais, co fin de mellorar a súa calidade de vida.
– A cooperación con persoas, organizacións e institucións que destaquen pola súa contribución ao logro dos fins propios da fundación.
– A investigación e o estudo, tanto na súa fase especulativa como na da técnica aplicada, de todas as ciencias, as letras e as artes.
4. Na escritura de constitución da fundación constan os puntos relativos á identificación das persoas fundadoras, a súa capacidade e vontade de constituíla como de interese galego, conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación, os seus estatutos e a composición do Padroado inicial.
5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación e natureza, a súa finalidade e as principais actividades para o seu cumprimento, o seu domicilio e ámbito de actuación, as regras para a aplicación dos recursos para cumprir os fins fundacionais e para a determinación das persoas beneficiarias, a composición e as normas de funcionamento do Padroado e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.
6. O Padroado inicial da fundación está formado pola entidade Sociedad Textil Lonia, S.A., representada por Josefina Domínguez Fernández, como presidenta; Berta Domínguez Rodríguez, como vicepresidenta; Ana Ramos Domínguez, como vogal; e Miguel Ángel Piñón Gamallo, como secretario sen dereito a voto.
7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como mixta da Fundación STL, consonte os seus fins fundacionais, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006 e de conformidade co establecido nos artigos 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; e 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado da Fundación sería exercido pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
8. De conformidade con esta proposta, por Orde do 5 de xuño de 2025, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, clasificouse como mixta a Fundación STL e adscribiuse a esta mesma consellería para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.
Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación STL, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.
Terceiro. En vista do disposto na Lei 12/2006 e nos decretos 14/2009 e 15/2009, e logo da emisión do regulamentario informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación STL, polo que,
RESOLVO:
1. Declarar de interese galego a Fundación STL.
2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e das actividades, a ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e o plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por la Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer un recurso de alzada ante o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, consonte os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2025
Francisco Javier Abad Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
