DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 2 de xullo de 2025 Páx. 36893

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2025, conxunta do Instituto Galego da Vivenda e Solo e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas no ámbito dos proxectos e instrumentos de ordenación do territorio e planeamento urbanístico.

O Decreto 49/2024, do 22 de abril, fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia e establece un segundo nivel organizativo en distintos órganos superiores e de dirección e en diversas entidades do sector público, coa finalidade de acadar un maior grao de racionalización e eficacia consonte os criterios de mellora continua reflectidos na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

No artigo 7 deste decreto enuméranse as entidades que quedan adscritas á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, entre as que figura o organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), a través da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo.

Corresponde a este organismo, de acordo co establecido no Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a realización das políticas de vivenda e solo, coa finalidade de acadar os obxectivos previstos na Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS, e no marco dos principios reitores contidos no artigo 47 da Constitución española.

Especificamente, o artigo 3 da Lei 3/1988, do 27 de abril, atribúe ao IGVS a realización da política de solo e vivenda da Xunta de Galicia, co fin de garantir os dereitos constitucionais a unha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores con menos capacidade económica, e a unha utilización do solo de acordo co interese xeral, erradicando a especulación e actuando como elemento de regulación do mercado inmobiliario e de mellora da calidade ambiental. Así mesmo, correspóndelle o exercicio das funcións executivas das competencias indicadas, en relación con estas materias, nos termos establecidos nesta lei.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para os efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación. Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada.

Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito dos proxectos e instrumentos de ordenación do territorio e planeamento urbanístico:

• Certificar os documentos integrantes dos proxectos e instrumentos de ordenación do territorio e de planeamento urbanístico aprobados inicialmente por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

• Certificar os documentos integrantes dos proxectos e instrumentos de ordenación do territorio e de planeamento urbanístico aprobados finalmente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou polo Consello da Xunta de Galicia.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) O Instituto Galego da Vivenda e Solo como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) O Instituto Galego da Vivenda e Solo como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico «INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO», sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Quinto. Esta resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2025

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego
da Vivenda e Solo

Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia