DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 2 de xullo de 2025 Páx. 36994

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 17 de xuño de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se publica a resolución de non clasificación como veciñal en man común do monte San Salvador de Padreiro, do concello de Santa Comba (expediente 434).

Na sesión celebrada, o día 21 de maio de 2025, polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais da Coruña figura o seguinte acordo:

Antecedentes de feito:

1. O 1 de marzo de 2023 a xunta promotora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Salvador de Padreiro presenta unha solicitude de clasificación como MVMC do monte de Salvador Padreiro no Concello de Santa Comba.

No expediente consta:

• Designación de representantes da xunta promotora de 18.3.2023.

• Relación de veciños comuneiros con casa aberta no lugar.

• Cartografía e perímetro do monte San Salvador de Padreiro.

• Contratos de 1992 e 1999 do alugamento das parcelas do monte á empresa Canteira da Mina, S.L.

2. Con data do 20 de xuño de 2024 o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña acorda iniciar o expediente para a clasificación de parte do monte San Salvador de Padreiro, asignándolle o número de expediente 434.

3. Con data do 11 de decembro de 2024 publícase no Diario Oficial de Galicia (DOG num. 38) o edicto do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña relativo ao comezo do expediente de clasificación e desde esa data comeza o período dun mes de exposición pública do expediente.

4. Varios argumentos presentáronse en contra da clasificación do monte San Salvador de Padreiro como monte veciñal en man común, segundo se desprende dos documentos achegados.

A sentenza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Negreira considerou non probado o carácter de monte veciñal en man común dos terreos. A demanda presentada por un dos promotores da clasificación pretendía anular o último contrato realizado coa sociedade Canteira da Mina, S.L. sobre a superficie en cuestión, argumentando a súa natureza de monte veciñal en man común. O xulgado desestimou a demanda en primeira instancia, validando o contrato ao non considerar probado o réxime de desfrute dos terreos conforme os principios da comunidade xermánica.

O xulgado sinalou que o contrato de 1992 foi subscrito por todos os veciños en nome propio ou representados, en lugar de por o presidente dunha xunta reitora, o que suxire unha comunidade de tipo romano con cotas individuais, en contraposición á natureza xermánica sen cotas dos MVMC.

A sentenza xudicial que desestima a natureza de monte veciñal en man común dos terreos como cuestión incidental no procedemento xudicial é un argumento de peso que debe ser tido en conta polo xurado, malia que a dita sentenza aínda non é firme. Non obstante, esta controversia sobre a titularidade do monte e o réxime de desfrute do monte considérase suficiente para argumentar en contra da posible clasificación do monte como veciñal en man común.

Por outra banda, no expediente constan numerosas alegacións que poñen de manifesto que o aproveitamento do monte non resulta pacífico e que existe controversia sobre os seus límites e sobre a súa titularidade, aspectos que deben resolverse ante a xurisdición ordinaria.

5. No expediente cumpríronse os trámites de audiencia previa á redacción da proposta de resolución e comparecencia das persoas promotoras na reunión do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común que tivo lugar o 21 de maio de 2025.

Fundamentos de dereito:

1. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer deste expediente, en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2. De conformidade co contido do artigo 11 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, e o artigo 19 do seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os promotores son parte lexítima para solicitar o inicio do presente expediente de clasificación.

3. Para a súa clasificación como veciñal en man común, o monte debe reunir as seguintes características:

a) Que pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas.

b) Que se veña aproveitando consuetudinariamente e na actualidade en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, polos membros destes grupos na súa condición de veciños comuneiros.

c) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, e artigos 1, 2 e 3 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro).

4. De conformidade coa normativa de aplicación é pois, un elemento determinante para a clasificación dun monte como veciñal en man común por parte do xurado que este teña elementos probatorios suficientes no expediente para determinar se o monte que se pretende clasificar é aproveitado en réxime de comunidade sen cotas, polos veciños que a solicitan, neste caso os veciños da parroquia de Padreiro, e que estes o realicen pola súa condición de veciños comuneiros integrantes do grupo social, non como entidades administrativas, e isto á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais que se puidesen expor no procedemento que deberán de dirimirse ante a xurisdición ordinaria, segundo o disposto no artigo 10.2 da Lei estatal 55/1980, do 11 de novembro, de montes veciñais en man común.

En consecuencia, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, e de acordo coa Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e Regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, este Xurado, por unanimidade dos asistentes con dereito a voto

ACORDOU:

Non clasificar como monte veciñal en man común o monte San Salvador de Padreiro no concello de Santa Comba ao non quedar acreditado no expediente que se veña aproveitando consuetudinariamente e na actualidade en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, polos membros destes grupos na súa condición de veciños comuneiros.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de conformidade co previsto nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Transcorrido o prazo de interposición, esta resolución será firme a todos os efectos regulamentarios.

A Coruña, 17 de xuño de 2025

María Nieves Mancebo Santamaría
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común da Coruña