DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 2 de xullo de 2025 Páx. 36898

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 2 de abril de 2025 pola que se nomea o representante da Axencia para a xestión da solicitude de axudas públicas no marco da liña de fomento de innovación desde a demanda (liña FID) para a compra pública de innovación (CPI).

A través do Decreto 52/2018, do 5 de abril, créase a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e apróbanse os seus estatutos, como unha axencia pública autonómica que se encadra dentro das entidades instrumentais do sector público autonómico reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A norma atribúelle a competencia para desenvolver as actividades de I+D+i e de formación nos sectores agrícola, gandeiro, silvícola e da industria agroalimentaria, e a promoción e defensa da calidade dos produtos amparados polas denominacións e indicativos de calidade. Para o cumprimento das súas funcións, conta con distintos centros de investigación, laboratorio de servizo e formación espallados pola xeografía galega.

En virtude do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria queda adscrita á Consellería do Medio Rural.

A Agacal ten interese en participar na próxima convocatoria de axudas públicas no marco da liña de fomento da innovación desde a demanda (liña FID) para a compra pública de innovación (CPI), en réxime de concorrencia competitiva. A CPI é unha actuación administrativa de fomento da innovación orientada a potenciar o desenvolvemento de solucións innovadoras desde o lado da demanda, a través do instrumento da contratación pública, e estas axudas permiten desenvolvelo. Entre outros obxectivos, perséguese mellorar os servizos públicos en termos de eficacia e eficiencia e mellorar a innovación. Para iso, búscase a mellora dos servizos e infraestruturas públicas, mediante a incorporación de bens ou servizos innovadores que satisfagan necesidades públicas debidamente identificadas e xustificadas. Ademais, ten un impacto directo na cidadanía, está aliñado coa Estratexia de ciencia, tecnoloxía e innovación 2021-2027, e desenvólvese a través do Feder Plurirrexional.

A Agacal cumpre coa condición de beneficiaria dado que se trata dunha entidade do sector público que ten a condición de poder adxudicador e presta un servizo do cal é titular, desempeñado a través das súas unidades dependentes, concretamente do Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Lafiga) e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

A convocatoria destas axudas realizarase durante a primeira quincena de maio.

Na preparación da documentación necesaria para formular a súa candidatura, desde a Agacal detectouse a necesidade de designar un representante da Axencia que poida realizar todas as actuacións que sexan precisas para a instrución do procedemento para a concesión das axudas públicas no marco da liña de fomento de innovación desde a demanda (liña FID) para a compra pública de innovación (CPI).

Así se infire da análise da anterior convocatoria, efectuada mediante a Orde do 16 de febreiro de 2024 pola que se aproba a convocatoria correspondente ao ano 2024 das axudas públicas no marco da liña de fomento de innovación desde a demanda (liña FID) para a compra pública de innovación (CPI), en concreto, do seu artigo 7.10.

De acordo con o establecido nestas bases, a sinatura electrónica avanzada de representación do representante legal tamén será requirida para outros trámites relacionados con este procedemento.

Pola súa banda, o artigo 13.2.a) do Decreto 52/2018 establece que a presidencia da Agacal corresponde á persoa titular da consellería de adscrición, quen exerce a máxima representación institucional da Axencia.

Na actualidade, a Presidencia da Agacal corresponde á persoa titular da Consellería do Medio Rural, en quen se concentran, ademais das competencias propias da súa condición de membro do Goberno da Xunta de Galicia, as funcións que o Decreto 52/2018 lle atribúe como titular da Presidencia da Agacal.

A participación na convocatoria de axudas públicas no marco da liña de fomento de innovación desde a demanda (liña FID) para a compra pública de innovación (CPI) comporta a realización de xestións e trámites para os cales non só se require coñecementos no ámbito da innovación senón tamén axilidade na xestión administrativa que permita cumprir cos prazos establecidos na convocatoria de axudas.

O volume de competencias e funcións que ten atribuídas a persoa titular da Presidencia da Agacal non permite que se poidan realizar coa celeridade requirida todos os trámites que comporta a xestión administrativa desta convocatoria de axudas públicas.

Por este motivo, resulta necesario designar un representante da Agacal que poida realizar todas as actuacións que sexan precisas para a instrución do procedemento para a concesión das axudas públicas no marco da liña de fomento de innovación desde a demanda (liña FID) para a compra pública de innovación (CPI).

O artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dispón que os interesados con capacidade de obrar poderán actuar por medio de representante, entendéndose con este as actuacións administrativas, e que a representación poderá acreditarse mediante calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna da súa existencia.

Por todo iso,

RESOLVO:

1. Outorgar poder de representación a Laura Mezquíriz Miguel, con DNI ***1386**, xerente da Agacal para actuar en nome e representación da Axencia Galega de Calidade Alimentaria no referido á xestión da solicitude de axuda que esta presentará na próxima convocatoria das axudas públicas no marco da liña de fomento de innovación desde a demanda (liña FID) para a compra pública de innovación (CPI).

2. Autorizar a Laura Mezquíriz Miguel para que, en relación co procedemento indicado, poida realizar cantas actuacións sexan requiridas para a solicitude de participación nel, achegar cantos datos e documentos se soliciten ou sexan de interese, recibir todo tipo de comunicacións, formular peticións e solicitudes, presentar declaracións responsables ou comunicacións, interpoñer recursos escritos e alegacións, manifestar a súa decisión de non efectuar alegación nin achegar novos documentos no correspondente trámite de audiencia, desistir de accións e renunciar a dereitos e, en xeral, realizar cantas actuacións correspondan ao representado no curso do devandito procedemento.

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2025

María José Gómez Rodríguez
Presidenta da Axencia Galega da Calidade Alimentaria