A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e o Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, prevén a convocatoria periódica de procedementos de selección de persoal estatutario fixo que garantan os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade no seu acceso.
O artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, dispoñen que as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que se deban prover mediante a incorporación de persoal de novo ingreso serán obxecto da oferta de emprego público, que aprobarán os órganos de goberno das administracións públicas; engaden que a oferta de emprego público poderá conter, ademais, medidas derivadas da planificación de recursos humanos.
Constitúe un dos obxectivos e compromisos do Servizo Galego de Saúde continuar apostando pola estabilidade no emprego coa convocatoria periódica de procedementos selectivos para a adquisición da condición de persoal fixo, nos cales se garantan os principios que rexen o acceso ao emprego público, como así vén desenvolvendo de forma ininterrompida este organismo nos últimos trece anos.
O artigo 12 da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, dispón que durante este ano só se poderá proceder á incorporación de novo persoal no sector público con suxeición aos límites e requisitos establecidos na normativa básica que se estableza ao respecto, e en particular no referente á taxa de reposición de efectivos, respectando en todo caso as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I dos correspondentes orzamentos de gastos.
De acordo co disposto no artigo 20.un da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, a incorporación de persoal de novo ingreso cunha relación indefinida no sector público levarase a cabo a través da oferta de emprego público, como plasmación do exercicio da planificación nun marco plurianual.
Neste mesmo artigo 20.dous fíxanse diferentes taxas de reposición de efectivos e autorízase unha taxa do 120 por cento nos sectores prioritarios, entre os cales se inclúen as administracións públicas con competencias sanitarias respecto das prazas de persoal estatutario e equivalente dos servizos de saúde do Sistema nacional de saúde.
En aplicación da dita taxa de reposición, o número total máximo de prazas autorizadas para configurar a oferta de emprego público deste ano 2025, para o persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia, sería 1.560.
Con todo, óptase por detraer 100 desas prazas para un próximo decreto de oferta de emprego de postos de difícil cobertura, de conformidade co previsto na Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en Ciencias da Saúde do Servizo Galego de Saúde. Desta forma, este decreto cuantifica en 1.460 as prazas ofertadas neste ano 2025 con base na taxa de reposición autorizada na normativa orzamentaria.
Por outra parte, acontece que, a pesar da masiva incorporación de novo persoal como resultado dos procesos de estabilización executados en desenvolvemento da Lei 20/2021, do 28 de decembro, das ofertas de emprego ordinarias de anos anteriores a este 2025, e da oferta que se pode aprobar para este ano 2025 en aplicación da taxa de reposición –as 1.560 prazas referidas–, a temporalidade do emprego do persoal estatutario se manterá varios puntos por riba da taxa do 8 por cento das prazas de carácter estrutural.
En consecuencia, na procura de aproximarse a esa cifra, procede autorizar con carácter extraordinario unha taxa adicional específica de 2.000 prazas, con base no previsto no artigo 20.dous.4 da citada Lei 31/2022.
Desta forma, con este decreto apróbase unha oferta de emprego público de 3.460 prazas: 1.460 resultantes da taxa de reposición e 2.000 da taxa adicional específica para a redución da temporalidade.
Esta nova oferta de 3.460 prazas, sumada ás prazas pendentes de convocar ofertadas nos decretos 215/2022, do 1 de decembro, 147/2023, do 23 de novembro, e 200/2024, do 27 de decembro, polos que se aprobaron, respectivamente, as ofertas de emprego público de persoal estatutario para os anos 2022, 2023 e 2024, posibilitará a execución de novas convocatorias de procesos selectivos en que se incluirá un total de 5.550 prazas de persoal estatutario do Sistema sanitario público de Galicia.
Ademais de aprobar a oferta de prazas e a súa distribución, este decreto establece criterios xerais referidos ao sistema e órganos de selección, reserva de prazas para a súa provisión por promoción interna, acceso das persoas con discapacidade e reserva de prazas para estes efectos, acreditación do coñecemento da lingua galega, xestión e publicidade dos procesos selectivos, adaptación das convocatorias á normativa en materia de igualdade e medidas de protección contra a violencia de xénero e sexual.
Por outra parte, inclúese unha disposición adicional primeira que posibilita cubrir prazas adicionais nas convocatorias que se diten na súa execución, consonte o previsto na disposición adicional décimo oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
Finalmente, como toda oferta de emprego público é un instrumento de planificación que ten como obxectivo a consecución da eficacia na prestación dos servizos públicos, este decreto inclúe na súa disposición adicional segunda determinadas previsións en materia de planificación de recursos humanos.
Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade, logo de negociación na Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de xuño de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público
Apróbase unha primeira oferta de emprego público para o ano 2025 de prazas básicas de diversas categorías de persoal estatutario das institucións sanitarias e entidades adscritas ao Servizo Galego de Saúde e á Consellería de Sanidade que conforman o Sistema público de saúde de Galicia.
Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público
1. O número de prazas que integran esta oferta de persoal estatutario para o ano 2025 ascende a un total de 3.460 prazas.
2. A distribución por categorías/especialidades e sistemas de acceso realizarase de conformidade co disposto no articulado e no anexo deste decreto.
Artigo 3. Sistema de selección
De conformidade co establecido no artigo 6.1 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, o sistema xeral de selección será o de concurso-oposición.
Artigo 4. Órganos de selección
1. A composición dos órganos de selección será paritaria para o conxunto da oferta de emprego público do Sistema público de saúde de Galicia, de acordo co disposto no artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
2. De conformidade co establecido no artigo 60 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, a pertenza aos órganos de selección será sempre a título individual, e non se poderá ter esta en representación ou por conta de ninguén.
3. O persoal de elección ou designación política, as/os funcionarias/os interinas/os e o persoal eventual non poderán formar parte dos órganos de selección.
4. Os órganos de selección aplicarán os principios de austeridade e axilidade na ordenación do desenvolvemento dos procesos selectivos, sen prexuízo do cumprimento dos demais principios de actuación establecidos pola normativa de selección e as instrucións sobre funcionamento e actuación dos tribunais que dite para o efecto o órgano competente.
Artigo 5. Promoción interna
1. Con carácter xeral, reservarase ata un máximo dun cincuenta por cento do total das prazas que se convoquen en cada categoría/especialidade para a súa provisión polo sistema de promoción interna.
2. Malia o anterior, poderase establecer unha reserva inferior cando así veña xustificado pola planificación eficiente das necesidades, polas características específicas da categoría/especialidade ou pola propia titulación requirida para o acceso.
3. Cando o resultado da aplicación da citada porcentaxe dea un resto igual ou superior a 0,5 prazas, computarase como unha praza que se incluirá nesta reserva.
4. O número de prazas reservadas á quenda de promoción interna por categoría/especialidade especificarase nas respectivas resolucións polas que se convoquen os procesos selectivos.
5. As prazas que non se provexan polo sistema de promoción interna acumularanse ás convocadas polo sistema xeral de acceso libre.
Artigo 6. Persoas con discapacidade
1. Nos procesos selectivos para o ingreso nas categorías de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia, serán admitidas as persoas con discapacidade nos termos previstos neste artigo e demais normativa aplicable.
As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.
2. De conformidade co que establecen o artigo 59 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do total de prazas que se ofertan neste decreto resérvase unha porcentaxe non inferior ao sete por cento para seren cubertas entre persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no artigo 4 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade e a compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.
3. Esta reserva efectúase de forma que o dous por cento das prazas ofertadas sexa para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual e o cinco por cento restante para seren cubertas por persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade xeral.
Cando da aplicación das porcentaxes resulten fraccións decimais, redondéase por exceso para o seu cómputo.
4. A reserva de prazas de discapacidade xeral efectúase sobre o cómputo total das vacantes incluídas nesta oferta de emprego público, consonte o exposto no número 2 deste artigo, e faise efectiva naquelas convocatorias que oferten un mínimo de dez prazas da correspondente categoría ou especialidade, en cumprimento do disposto no artigo 8 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, e segundo a distribución que se recolle no anexo.
5. A reserva de prazas de discapacidade intelectual efectúase sobre ese mesmo cómputo total e concéntrase en categorías profesionais que se adaptan mellor ás peculiaridades das persoas con este tipo de discapacidade, segundo a distribución que establece o anexo.
6. As prazas reservadas para persoas con discapacidade poderán convocarse conxuntamente coas prazas ordinarias ou mediante convocatorias independentes, garantíndose, en todo caso, o carácter individual dos procesos selectivos.
7. A opción a prazas reservadas a discapacidade terá que formularse na solicitude de participación no proceso selectivo con declaración expresa das persoas interesadas de reunir a condición exixida ao respecto, que se acreditará mediante certificación dos órganos competentes na forma e nos prazos que se determinen en cada convocatoria.
8. No desenvolvemento das probas selectivas estableceranse, para as persoas con discapacidade que o soliciten, as adaptacións e os axustes razoables necesarios de tempo e de medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade, para asegurar que estas persoas participen en condicións de igualdade. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que as persoas interesadas deberán formular a correspondente petición concreta na solicitude de participación.
Para tal efecto, os tribunais de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes.
9. Unha vez superado o proceso selectivo, o Servizo Galego de Saúde requirirá, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, ditame do órgano competente sobre a compatibilidade da/do candidata/o para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste.
10. No suposto de que algunha das persoas aspirantes con discapacidade que se presentase pola cota de reserva supere o proceso selectivo e non obteña praza na citada cota, sendo a súa puntuación superior á obtida por outras/os aspirantes do sistema de acceso xeral, esta será incluída pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.
11. As persoas aspirantes que superen o proceso selectivo pola cota de prazas reservadas a persoas con discapacidade poderán solicitarlle ao órgano convocante a alteración da orde de prelación para a elección das prazas dentro do ámbito territorial que se determine na convocatoria, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditados. O órgano convocante decidirá a dita alteración cando estea debidamente xustificada, e deberá limitarse a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa con discapacidade.
12. As bases das convocatorias dos procesos selectivos establecerán medidas destinadas á eliminación da discriminación interseccional nos casos de mulleres discapacitadas, atendendo especialmente a aquelas categorías ou clases con infrarrepresentación feminina.
Artigo 7. Acreditación do coñecemento da lingua galega
1. Para lle dar cumprimento á normalización do idioma galego e garantir o dereito das/dos usuarias/os dos distintos servizos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia ao seu uso, así como a promoción do uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, nas probas selectivas que se convoquen en desenvolvemento desta oferta incluirase un exame de galego, agás para aquelas persoas aspirantes que acrediten o coñecemento da lingua galega conforme a normativa vixente.
2. As bases das convocatorias dos procesos selectivos establecerán o carácter deste exame, así como a valoración da dita proba e da equivalente acreditación do coñecemento da lingua galega.
Artigo 8. Criterios xerais de xestión e publicidade dos procesos selectivos
1. A xestión das actuacións para o desenvolvemento dos procesos selectivos realizarase conforme o que determinen as bases das súas respectivas convocatorias.
2. Encoméndaselle á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde a xestión dos procesos selectivos correspondentes. A dita encomenda incluirá a convocatoria do proceso, a aprobación das súas bases reitoras, a designación dos tribunais cualificadores, a resolución do proceso e a adxudicación de destinos.
3. Co obxecto de axilizar a súa tramitación e reducir as cargas administrativas, a xestión dos procesos de selección e provisión de prazas efectuarase a través da Oficina virtual do profesional (Fides), punto de encontro telemático entre o Servizo Galego de Saúde e as/os profesionais e persoas aspirantes que participen nos procesos de selección e provisión de prazas convocados por este organismo.
De conformidade co artigo 10 da Orde do 8 de maio de 2012 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico dos profesionais do Sistema público de saúde de Galicia, a inscrición das persoas participantes en tales procesos efectuarase por medio do sistema informático expedient-e, a través da web corporativa do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es
4. Co fin de facilitar e simplificar as relacións entre a Administración e as persoas aspirantes, a través da Oficina virtual do profesional (Fides/expedient-e) e da páxina web do organismo (www.sergas.es) facilitarase toda a información que afecte o desenvolvemento dos procesos selectivos e que resulte de interese para as persoas aspirantes, sen prexuízo da preceptiva publicación no Diario Oficial de Galicia das resolucións que se determinen nas respectivas convocatorias.
Artigo 9. Criterios de igualdade no acceso
1. As convocatorias de procesos selectivos que se realicen en execución deste decreto adaptaranse ás previsións da Lei 7/2023, do 30 de novembro, en relación coas condicións de acceso e promoción no emprego público galego.
2. Coa finalidade de integrar a perspectiva de xénero na actividade estatística, os expedientes internos de execución desta oferta de emprego conterán unha referencia á distribución por sexo do cadro de persoal das correspondentes categorías e especialidades, así como das persoas aspirantes admitidas e das definitivamente seleccionadas.
Artigo 10. Medidas de protección contra a violencia de xénero e sexual
As convocatorias dos procesos selectivos que se realicen en execución deste decreto incorporarán medidas dirixidas a protexer as aspirantes vítimas de violencia de xénero ou violencia sexual.
As ditas medidas referiranse nomeadamente á protección da súa intimidade e, no caso das aspirantes definitivamente seleccionadas, á asignación dun destino que favoreza a súa protección e o dereito á asistencia social.
Disposición adicional primeira. Prazas adicionais
Coa finalidade de reducir a temporalidade, as convocatorias que se realicen en execución deste decreto poderán incluír, ademais das prazas autorizadas nel, un número de prazas adicionais para cubrir futuras vacantes derivadas de xubilacións a cargo das ofertas de emprego público dos anos 2026 e 2027, consonte o previsto na disposición adicional décimo oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
Disposición adicional segunda. Planificación dos recursos humanos
1. A planificación dos recursos humanos no Sistema público de saúde de Galicia orientarase ao cumprimento dos seguintes obxectivos da política de emprego: a atención aos ámbitos e sectores da actividade sanitaria con necesidades específicas de efectivos, o adecuado dimensionamento do volume de efectivos segundo as necesidades, a eficiencia das políticas de recursos humanos, a eficacia na distribución territorial, así como a redución da temporalidade no sector público.
2. Ao abeiro da facultade conferida polo artigo 70.3 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e como medida de planificación e ordenación dos recursos humanos no Sistema público de saúde de Galicia, os procesos de provisión de prazas básicas de persoal estatutario orientaranse á cobertura das categorías e ámbitos prioritarios e con necesidades específicas de dotación permanente de efectivos, non poderán afectar a continuidade asistencial nin incluír prazas afectadas por procesos de reordenación organizativa ou asistencial e deberán ter en conta as especificidades dos centros e unidades de referencia.
3. De conformidade coa habilitación conferida polo artigo 115.12 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e o acordo da Mesa sectorial do 29 de xuño de 2022, sobre medidas retributivas e de mellora no seo do Plan de ordenación de recursos humanos de atención primaria (Diario Oficial de Galicia número 182, do 23 de setembro), os baremos de méritos dos procesos selectivos deberán incluír unha puntuación específica que valore a prestación de servizos nos centros sanitarios de atención primaria do Servizo Galego de Saúde que teñan a consideración de illados ou de difícil cobertura, así como nos seus hospitais comarcais.
4. Dentro do límite determinado polo número de prazas ofertadas neste decreto para cada categoría/especialidade, e conforme os criterios de planificación e ordenación dos recursos humanos anteriormente indicados, os postos convocados no último concurso de traslados correspondente ás categorías/especialidades incluídas nesta oferta que non resulten adxudicados, así como os que deixe vacantes o persoal estatutario fixo do Sistema público de saúde de Galicia que resulte adxudicatario de destino no dito procedemento de mobilidade, incluiranse nos respectivos procesos de selección para a adquisición da condición de persoal estatutario fixo que se convoquen en execución desta oferta.
Así mesmo, e co obxecto de atender as necesidades asistenciais dos ámbitos sanitarios de difícil cobertura, poderánselles ofertar aos/ás aspirantes seleccionados/as nos procesos de selección fixa as prazas dos hospitais comarcais e postos de atención primaria de difícil cobertura que queden vacantes con posterioridade á data de publicación da oferta de destinos do último concurso de traslados.
Disposición derradeira primeira. Habilitación
Facúltase á persoa titular da Consellería de Sanidade para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e tres de xuño de dous mil vinte e cinco
O presidente
P.S. (Artigo 26.7 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro,
da Xunta e da súa Presidencia)
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
ANEXO
Relación de prazas ofertadas na OPE 2025
|
Licenciado/a sanitario/a |
Total prazas ofertadas |
Reserva discapacidade xeral |
Reserva discapacidade intelectual |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN ALERGOLOXÍA |
1 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN ANÁLISES CLÍNICAS |
7 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN ANATOMÍA PATOLÓXICA |
7 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN ANESTESIOLOXÍA E REANIMACIÓN |
25 |
2 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN ANXIOLOXÍA E CIRURXÍA VASCULAR |
2 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN APARELLO DIXESTIVO |
18 |
1 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN CARDIOLOXÍA |
13 |
1 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN CIRURXÍA CARDIOVASCULAR |
5 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN CIRURXÍA ORTOPÉDICA E TRAUMATOLOXÍA |
1 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN CIRURXÍA PEDIÁTRICA |
1 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN CIRURXÍA PLÁSTICA, ESTÉTICA E REPARADORA |
3 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN CIRURXÍA TORÁCICA |
1 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN CIRURXÍA XERAL E APARELLO DIXESTIVO |
2 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN DERMATOLOXÍA MÉDICO-CIRÚRXICA E VENEREOLOXÍA |
7 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN FARMACIA HOSPITALARIA |
6 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN HEMATOLOXÍA E HEMOTERAPIA |
8 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN MEDICINA DO TRABALLO |
1 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN MEDICINA FÍSICA E REHABILITACIÓN |
4 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN MEDICINA INTENSIVA |
4 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN MEDICINA NUCLEAR |
3 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN MEDICINA PREVENTIVA E SAÚDE PÚBLICA |
3 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN MICROBIOLOXÍA E PARASITOLOXÍA |
8 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN NEFROLOXÍA |
6 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN NEUROCIRURXÍA |
1 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN NEUROFISIOLOXÍA CLÍNICA |
2 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN OBSTETRICIA E XINECOLOXÍA |
8 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN OFTALMOLOXÍA |
1 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN ONCOLOXÍA MÉDICA |
3 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN OTORRINOLARINGOLOXÍA |
8 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN PEDIATRÍA E AS SÚAS ÁREAS ESPECÍFICAS |
10 |
1 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN PNEUMOLOXÍA |
5 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN PSICOLOXÍA CLÍNICA |
17 |
1 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN PSIQUIATRÍA |
3 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN RADIODIAGNÓSTICO |
4 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN REUMATOLOXÍA |
4 |
0 |
0 |
|
FACULTATIVO/A ESPECIALISTA EN UROLOXÍA |
3 |
0 |
0 |
|
MÉDICO/A ASISTENCIAL 061 |
5 |
0 |
0 |
|
MÉDICO/A DE ADMISIÓN E DOCUMENTACIÓN CLÍNICA |
5 |
0 |
0 |
|
MÉDICO/A DE HOSPITALIZACIÓN A DOMICILIO |
1 |
0 |
0 |
|
MÉDICO/A DE URXENCIAS HOSPITALARIAS |
48 |
3 |
0 |
|
MÉDICO/A XERAL DO CTG |
5 |
0 |
0 |
|
PEDIATRA DE ATENCIÓN PRIMARIA |
2 |
0 |
0 |
|
Total prazas licenciado/a sanitario/a |
271 |
9 |
0 |
|
Diplomado/a sanitario e de formación profesional |
Total prazas ofertadas |
Reserva discapacidade xeral |
Reserva discapacidade intelectual |
|
DIETISTA-NUTRICIONISTA |
45 |
3 |
0 |
|
ENFERMEIRO/A |
1.162 |
81 |
0 |
|
ENFERMEIRO/A ESPECIALISTA EN MEDICINA DO TRABALLO |
3 |
0 |
0 |
|
ENFERMEIRO/A ESPECIALISTA EN ENFERMARÍA FAMILIAR E COMUNITARIA |
40 |
3 |
0 |
|
ENFERMEIRO/A ESPECIALISTA EN ENFERMARÍA PEDIÁTRICA |
10 |
1 |
0 |
|
ENFERMEIRO/A ESPECIALISTA EN OBSTETRICIA-XINECOLOXÍA (MATRÓN/A) |
55 |
4 |
0 |
|
ENFERMEIRO/A ESPECIALISTA EN SAÚDE MENTAL |
1 |
0 |
0 |
|
FISIOTERAPEUTA |
12 |
1 |
0 |
|
LOGOPEDA |
4 |
0 |
0 |
|
TERAPEUTA OCUPACIONAL |
8 |
0 |
0 |
|
TÉCNICO/A EN COIDADOS AUXILIARES DE ENFERMARÍA |
975 |
40 |
30 |
|
TÉCNICO/A EN FARMACIA |
25 |
3 |
3 |
|
TÉCNICO/A SUPERIOR EN HIXIENE BUCODENTAL |
4 |
0 |
0 |
|
TÉCNICO/A SUPERIOR EN IMAXE PARA O DIAGNÓSTICO |
60 |
4 |
0 |
|
TÉCNICO/A SUPERIOR EN LABORATORIO DE DIAGNÓSTICO CLÍNICO |
60 |
4 |
0 |
|
Total prazas diplomado/a sanitario e de formación profesional |
2.464 |
144 |
33 |
|
Xestión e servizos |
Total prazas ofertadas |
Reserva discapacidade xeral |
Reserva discapacidade intelectual |
|
CALEFACTOR/A |
7 |
0 |
0 |
|
CELADOR/A |
198 |
10 |
15 |
|
COCIÑEIRO/A |
10 |
1 |
0 |
|
CONDUTOR/A |
10 |
1 |
0 |
|
ELECTRICISTA |
10 |
1 |
0 |
|
ENXEÑEIRO/A SUPERIOR BIOMÉDICO/A |
4 |
0 |
0 |
|
ENXEÑEIRO/A TÉCNICO/A |
2 |
0 |
0 |
|
FONTANEIRO/A |
6 |
0 |
0 |
|
GRUPO AUXILIAR DA FUNCIÓN ADMINISTRATIVA |
130 |
3 |
8 |
|
GRUPO TÉCNICO DA FUNCIÓN ADMINISTRATIVA |
5 |
0 |
0 |
|
LAVANDEIRO/A |
5 |
0 |
0 |
|
MECÁNICO/A |
2 |
0 |
0 |
|
PASADOR/A DE FERRO |
10 |
1 |
0 |
|
PEITEADOR/A |
3 |
0 |
0 |
|
PERSOAL DE SERVIZOS XERAIS |
185 |
4 |
10 |
|
PINCHE |
80 |
2 |
5 |
|
TÉCNICO/A ESPECIALISTA DE SISTEMAS E TECNOLOXÍAS DA INFORMACIÓN |
5 |
0 |
0 |
|
TÉCNICO/A SUPERIOR DE SISTEMAS E TECNOLOXÍAS DA INFORMACIÓN |
9 |
0 |
0 |
|
TÉCNICO/A XESTIÓN DE SISTEMAS E TECNOLOXÍAS DA INFORMACIÓN |
9 |
0 |
0 |
|
TELEFONISTA |
15 |
1 |
0 |
|
TRABALLADOR/A SOCIAL |
20 |
2 |
|
|
Total prazas de xestión e servizos |
725 |
26 |
38 |
|
Total prazas da oferta |
3.460 |
179 |
71 |
