O Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados, establece no titulo III, capítulo II, o desenvolvemento territorial.
De acordo co establecido no regulamento mencionado, o desenvolvemento local participativo é unha modalidade de desenvolvemento territorial que se leva a cabo mediante estratexias de desenvolvemento local participativo baseadas en zonas xeográficas, e que está dirixido por grupos de acción local compostos por representantes dos intereses socioeconómicos locais públicos e privados.
O Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2017/1004, regula no artigo 30 o desenvolvemento local participativo, que se enmarca na prioridade 3 do fondo e co obxectivo específico de permitir unha economía azul sostible nas zonas costeiras, insulares e interiores, e fomentar o desenvolvemento das comunidades pesqueiras e acuícolas.
A prioridade 3 do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) encádrase no obxectivo político 5 da Unión Europea, de «Unha Europa máis próxima aos seus cidadáns, fomentando o desenvolvemento integrado e sostible de todo tipo de territorios e iniciativas locais».
O desenvolvemento local participativo para o período de programación 2021-2027 réxese polo disposto nos artigos 31 ao 34 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, e polo disposto nos artigos 29 e 30 do Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo.
En particular, o artigo 34 do Regulamento (UE) 2021/1060 inclúe o apoio dos fondos á execución das operacións, incluídas as actividades de cooperación e a súa preparación, seleccionadas no marco da estratexia.
O Programa español do FEMPA, aprobado pola Decisión de execución da Comisión do 22.11.2022 CCI 2021ES14MFPR001, recolle, no punto 2.3.1.1.1.2 de información específica sobre estratexias de desenvolvemento local participativo, que se poderá conceder axuda para a aplicación das EDLP co obxectivo, entre outros, de cooperación.
Para a posta en marcha do desenvolvemento local participativo na Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do período de programación do FEMPA, a Consellería do Mar seleccionou os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) e aprobou as estratexias de desenvolvemento local participativas (EDLP). Esta selección fíxose con base na Orde do 10 de maio de 2022, pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria do ano 2022 para a selección de estratexias de desenvolvemento local participativo e grupos de acción local do sector pesqueiro, así como para a concesión da axuda preparatoria, no período de programación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 en Galicia (DOG nº 100, do 25 de maio).
O 13 de decembro de 2022, mediante resolución da persoa titular da Consellería do Mar, seleccionáronse os seguintes GALP e zonas pesqueiras e aprobáronse as súas estratexias: GALP A Mariña Ortegal, GALP Golfo Ártabro Norte, GALP Golfo Ártabro Sur, GALP Costa da Morte, GALP Seo de Fisterra e Ría de Muros-Noia, GALP Ría de Arousa, GALP Ría de Pontevedra e GALP Ria de Vigo-A Guarda. Os GALP seleccionados asinaron convenios de colaboración coa Consellería do Mar o día 9 de xaneiro de 2023, para a aplicación das estratexias de desenvolvemento local participativas no marco do FEMPA.
As estratexias aprobadas son coherentes co obxectivo político da UE sobre o impulso das comunidades locais e coas políticas europeas do Pacto Verde e impulso da economía azul, e co programa FEMPA de España. As estratexias e plans rexionais tamén serán marcos de referencia obrigados para a implementación das estratexias.
Todas as EDLP aprobadas no marco do FEMPA aos GALP en Galicia inclúen un obxectivo estratéxico especifico de cooperación, que contribuirá a acadar o resto de obxectivos da EDLP.
No período do FEMP 2014-2020, os GALP executaron proxectos de cooperación que tiveron un papel importante na dinamización das zonas abordando temas como a remuda xeracional, o emprego inclusivo, o patrimonio cultural e o turismo. Este intercambio de experiencias e coñecementos e a suma de esforzos contribúe ao desenvolvemento das zonas costeiras.
O artigo 6.3 da Orde de 10 de maio de 2022 recolle os proxectos de cooperación como os únicos proxectos propios dos GALP. A cooperación poderá ser interterritorial ou transnacional e realizarase no ámbito do obxectivo estratéxico f) das súas EDLP, formando parte do seu plan financeiro, e os proxectos serán seleccionados no marco da estratexia directamente polos grupos.
As EDLP aprobadas conteñen un procedemento específico de selección dos proxectos de cooperación no cal participan todos os grupos para garantir a separación de funcións.
O obxecto da presente orde consiste no desenvolvemento de proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos GALP que contribúan á implementación das EDLP aprobadas. As beneficiarias serán entidades colectivas sen ánimo de lucro e os proxectos consideraranse de interese colectivo cando as accións abarquen máis que a suma dos intereses individuais dos membros dun beneficiario colectivo.
En relación co principio de non causar danos significativos, o alcance e as condicións do FEMPA asegúrano. O fondo ten como obxectivo promover a sustentabilidade ambiental no marco da política pesqueira común e a lexislación ambiental da Unión, e inclúe condicións precisas e unha lista de operacións non elixibles para prever operacións daniñas. Ademais, mediante a avaliación do programa sobre a base do punto 5 do artigo 8 do FEMPA, garántese que os tipos de accións descritos no programa sexan coherentes, cando proceda, co principio de non causar danos significativos.
Por todo o exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Normas xerais
Artigo 1. Obxecto
1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos grupos de Acción Local do Sector pesqueiro (GALP) ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobadas pola Consellería do Mar no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
2. Así mesmo, convócanse subvencións no exercicio orzamentario do ano 2025. O procedemento que regula a presente orde corresponde co código PE155B.
3. Para os efectos do presente artigo, defínense:
a) Cooperación interterritorial: a realizada dentro do Estado, entre os GALP dunha mesma zona ou de diferentes zonas do territorio nacional, ou entre os GALP e asociacións público-privadas locais dunha mesma zona ou de diferentes zonas do territorio nacional que apliquen unha EDLP.
b) Cooperación transnacional dentro da UE: a realizada entre grupos de distintos Estados membros da UE, ou con asociacións público-privadas locais doutros Estados membro que apliquen unha EDLP dentro da Unión.
Artigo 2. Marco normativo
Para todo o non previsto nesta convocatoria, observarase o disposto nas seguintes normas e disposicións de desenvolvemento:
1. Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados.
2. Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2017/1004.
3. Programa FEMPA 2021-2027 para España aprobado pola Decisión da Comisión C(2022)8732, do 29 de novembro.
4. Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión Europea, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1296/2013, (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013, (UE) nº 1304/2013, (UE) nº 1309/2013, (UE) nº 1316/2013, (UE) nº 223/2014 e (UE) nº 283/2014, e a Decisión nº 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) nº 966/2012.
5. Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.
6. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
7. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
8. Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
9. Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
10. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
11. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
12. Decreto 132/2006, do 27 de xullo, en materia de rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións.
13. Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.
14. Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.
15. Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.
16. Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar.
17. Calquera outra norma da Unión Europea, normativa nacional ou autonómica vixente que poida resultar de aplicación.
Artigo 3. Crédito orzamentario
1. O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio do ano 2025 e a plurianualidade asociada ás axudas que poidan concederse neste, acada o importe de setecentos cincuenta mil euros (750.000 euros), repartidos nas seguintes anualidades e partidas orzamentarias:
|
Partida orzamentaria |
2025 |
2026 |
Total |
|
16.03.723C.780.0 |
350.000 € |
400.000 € |
750.000 € |
Na partida orzamentaria sinalada, no código de proxecto 2023-183, existe crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
2. O importe consignado nesta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. As axudas estarán limitadas, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.
3. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 70 % con fondos FEMPA e o 30 % pola Comunidade Autónoma.
O cofinanciamento enmárcase dentro da prioridade 3 dunha Europa máis próxima aos seus cidadáns, fomentando o desenvolvemento integrado e sostible de todo tipo de territorios e iniciativas locais, obxectivo específico 3.1 de posibilitar unha economía azul sostible nas zonas costeiras, insulares e interiores, e a fomentar o desenvolvemento de comunidades pesqueiras e acuícolas, tipo de actividade 3.1.2 de estratexias de desenvolvemento local participativo, e tipo de intervención 1.4 de aplicación da estratexia de CLLD.
4. Poderán adquirirse compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 de Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Artigo 4. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas os GALP que reúnan os seguintes requisitos:
a) Ter sido seleccionados pola Consellería do Mar no marco do desenvolvemento local participativo e da prioridade 3 do FEMPA 2021-2027.
b) Ter asinado un convenio de colaboración coa Consellería do Mar para o desenvolvemento dunha estratexia de desenvolvemento local participativo (EDLP).
c) Participar nun proxecto de cooperación interterritorial e/ou transnacional.
d) Dispor de capacidade administrativa, financeira e operativa para desenvolver as tarefas correspondentes ao proxecto.
2. Non poderán obter a condición de beneficiario dunha axuda, os GALP:
a) Que se atopen nalgún dos supostos establecidos no artigo 11.1 e 3 do Regulamento (UE) nº (UE) 2021/1139.
b) Nos que concorran algunha das circunstancias sinaladas no artigo 10, parágrafos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Os que incorran nas circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Que non estean ao corrente no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.
3. Os GALP poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente entre eles, como unha agrupación de entidades. Aqueles que concorran conxuntamente deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada un deles na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada un deles. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que como beneficiario lle corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.
4. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente cando non fose posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.
5. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8 desta lei.
Artigo 5. Acordo de cooperación
1. Enténdese por acordo de cooperación o documento asinado polos socios cooperantes en que se establezan os obxectivos do proxecto, as accións que se levarán a cabo para conseguilos, as actuacións de cada un dos participantes, a participación económica, así como o cronograma.
2. O contido mínimo do acordo de cooperación é o seguinte:
a) Datos de cada grupo ou entidade participante así como das persoas e/ou entidades colaboradoras do proxecto, se procede.
b) Descrición detallada do proxecto, en que se indique:
1º. Obxectivos.
2º. Accións que se emprenderán para conseguilos.
3º. Resultados previstos.
4º. Beneficiarios potenciais.
5º. Papel de cada participante na organización e a implementación do proxecto.
6º. Papel das persoas ou entidades colaboradoras, se é o caso.
7º. Acordos para a organización e o seguimento do proxecto.
8º. Resultados esperados.
9º. Orzamento xeral global e a participación de cada socio.
10º. Cronograma de execución previsto por accións e tipo de gasto.
c) Cláusula que permita novas adhesións (opcional).
d) Duración do acordo.
e) Modificación do acordo.
3. Cada socio é responsable dos compromisos que asumiu ante os outros conforme o acordo de cooperación. Así mesmo, cada socio ten a responsabilidade administrativa e financeira das operacións que dirixa.
4. No acordo de cooperación designarase un GALP coordinador, que será o socio cuxo papel e responsabilidades inclúen a dirección e coordinación da preparación e implementación do proxecto, así como do seguimento e da comunicación dos obxectivos conseguidos. Será a canle de comunicación coa Administración para proporcionar a información sobre o seguimento do proxecto e dos logros acadados.
5. No caso de que un ou más GALP galegos cooperen nun proxecto fóra do ámbito territorial da Comunidade Autónoma, un destes GALP terá que realizar as funcións de coordinador a nivel galego.
6. Cada un dos GALP galegos participantes no acordo terá a condición de beneficiario, asumindo as obrigas establecidas no artigo 7.
Artigo 6. Persoas e/ou entidades colaboradoras dun proxecto de cooperación
Nun proxecto de cooperación poden colaborar entidades locais, fundacións, asociacións, entidades económicas ou empresarios individuais e, en xeral, calquera persoa física ou entidade con personalidade xurídica que manifeste o seu interese para contribuír ao desenvolvemento do proxecto.
Artigo 7. Obrigas das persoas beneficiarias
1. As persoas beneficiarias, ao formalizar a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, aos sinalados na resolución que establece as condicións de axuda (DECA), así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa que lles sexa de aplicación.
2. As persoas beneficiarias deberán:
a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, co cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, na orde de convocatoria ou demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a súa comprobación documental e material.
b) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades para as que se solicita axuda, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate.
c) Achegar e actualizar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións concedidas, así como calquera outra actuación de comprobación ou control financeiro que poidan realizar os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma de Galicia, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea, para o que se achegará canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 11 do Regulamento (UE) 2021/1139, de conformidade co seu punto 4.
Cumprir as condicións de admisión do artigo 11.1 do Regulamento (UE) 2021/1139 durante todo o período de execución da operación e durante un período de 5 anos despois da realización do pagamento final ao beneficiario. No caso de incumprimento neste período, recuperarase a axuda concedida de conformidade co artigo 44 do Regulamento (UE) 2021/1139 e co artigo 103 do Regulamento (UE) 2021/1060.
Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 11.3 do Regulamento (UE) 2021/1139 en relación con solicitudes de axuda presentadas por un operador respecto do cal a autoridade competente determinase, por medio dunha resolución definitiva, que cometeu fraude, no contexto do FEMP ou do FEMPA.
No caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, recuperarase a axuda concedida de conformidade co disposto no artigo 202 do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046.
e) Manter os investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos obxecto de subvención durante 5 anos, ou 3 anos no caso de pemes, desde o pagamento final, de acordo co previsto no artigo 65 do Regulamento (UE) 2021/1060.
Tomarase como data de referencia, para o cálculo dos períodos de tempo mencionados, a data contable do último pagamento da axuda.
Os supostos do devandito artigo 65.1 do regulamento mencionado non se aplican no caso de producirse o cese dunha actividade produtiva por quebra non fraudulenta.
f) Proporcionar toda a información e os datos necesarios para poder proceder ao seguimento e avaliación do programa, para poder dar cumprimento ao artigo 42 do Regulamento (UE) 2021/1060 e ao artigo 46 do Regulamento (UE) 2021/1139.
g) Xustificar ante o organismo intermedio de xestión o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento do obxecto e finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención, conforme o establecido nesta orde.
h) Levar rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, de conformidade co artigo 74.1.a).i) do Regulamento (UE) 2021/1060.
i) Conservar os documentos xustificativos relacionados coa operación que recibe axuda durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o organismo intermedio de xestión efectúe o último pagamento ao beneficiario.
Os rexistros e documentos conservaranse, ben en forma de orixinais ben en forma de copias auténticas, ben en soportes de datos comunmente aceptados, entre eles versións electrónicas de documentos orixinais ou documentos existentes só en versión electrónica. Cando existan versións electrónicas, non serán necesarios orixinais, se os ditos documentos cumpren os requisitos legais para poder ser considerados equivalentes a orixinais e fiables, para os efectos de auditoría.
j) A resolución de concesión supón a aceptación da persoa beneficiaria para ser incluída na lista pública que se recolle no artigo 49.3 e 5 do Regulamento (UE) 2021/1060.
k) Dar a coñecer a axuda prestada polos fondos á operación, de conformidade co establecido artigo 50 do Regulamento (UE) 2021/1060, para o cal:
1º. Se o beneficiario dispón de web ou contas en redes sociais, realizarán unha breve descrición da operación en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, e destacarán a axuda financeira da Unión Europea.
2º. Nos documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da operación, destinados ao público ou participantes, incluirán unha declaración que destaque a axuda da Unión Europea de maneira visible, cun paragrafo similar a «Este proxecto se cofinancia pola Unión Europea polo FEMPA (Fondo europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura)».
3º. No caso de operacións que impliquen investimentos físicos ou se instalen equipamentos adquiridos e teñan un custo total superior a 100.000 euros: instalarán placas ou valos publicitarios resistentes en lugares ben visibles ao público, en que apareza o emblema da Unión Europea, tan axiña como comece a execución física da operación.
4º. Para as operacións non incluídas no punto 3º, exhibirán nun lugar ben visible para o público un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica con información sobre a operación, destacando a axuda do FEMPA. Cando a persoa beneficiaria sexa unha persoa física, na medida do posible, asegurará a dispoñibilidade da información onde se destaque a axuda do FEMPA nun lugar visible para o público ou mediante unha pantalla electrónica.
En calquera actuación, incluirán, así mesmo, o logotipo da Xunta de Galicia.
O emblema da Unión Europea empregarase, de conformidade co anexo IX do Regulamento (UE) 2021/1061, cando se realicen actividades de visibilidade, transparencia e comunicación.
Cando os beneficiarios non empreguen o emblema da Unión Europea ou incumpran o establecido nos puntos 1º a 4º desta letra, o organismo intermedio de xestión aplicará medidas, tendo en conta o principio de proporcionalidade e cancelará ata un máximo do 3 % da axuda á operación.
l) Facer mención á orixe do financiamento e velar por darlle visibilidade, en particular, cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público en xeral, de conformidade co artigo 60 do Regulamento (UE) 2021/1139.
m) Conservar o rexistro documental e gráfico que avale o cumprimento das obrigas de comunicación e visibilidade, que estará á disposición das autoridades do Programa e da Comisión Europa, cando se solicite.
n) A resolución de concesión supón que a persoa beneficiaria pon á disposición da Unión os materiais de comunicación e visibilidade, logo de petición, e autoriza o seu emprego. Isto non suporá custos adicionais significativos ou carga administrativa significativa a beneficiarios nin órganos xestores.
ñ) Non concertar a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou entidades afectadas polas situacións referidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
o) Cumprir coa normativa comunitaria, nacional e rexional vixente segundo a normativa sectorial que resulte de aplicación. En particular, aplicarase a lexislación en materia de accesibilidade para as persoas con discapacidade e en materia medioambiental, cando corresponda polo obxecto das operacións.
p) Respectar a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea. Ter en conta a promoción e igualdade entre mulleres e homes e a non discriminación. Evitar calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual e ter en conta a accesibilidade para as persoas con discapacidade, de ser o caso.
q) No caso de non ser quen de realizar a actuación para a cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.
r) Aplicar á actividade subvencionada os rendementos financeiros que se xeren polos fondos librados aos beneficiarios, que incrementan o importe da subvención concedida.
s) No caso de proxectos conxuntos, ratificar ante o órgano de xestión os compromisos de participación conxunta e o nomeamento de apoderado para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.
t) Ter a capacidade administrativa e financeira e operativa para levar a cabo o proxecto para o que se solicita a axuda.
u) Dispor dos recursos e mecanismos financeiros necesarios para cubrir os custos de funcionamento e mantemento das operacións, no caso de que estas impliquen investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos e para garantir a súa sustentabilidade financeira.
v) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos contemplados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 8. Proxectos obxecto de subvención
1. No marco deste réxime de axudas, os proxectos e actuacións subvencionables serán exclusivamente aqueles que acaden o obxectivo estratéxico de cooperación, no marco do desenvolvemento das EDLP.
2. Os proxectos só serán subvencionables cando exista orzamento dispoñible no obxectivo estratéxico de cooperación do Plan financeiro da EDLP de cada GALP.
Poderán admitirse transferencias entre importes dos obxectivos estratéxicos ata un máximo do 15 %, logo de comunicación á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e sempre que a entidade achegue a EDLP coas modificacións introducidas, de conformidade co establecido no artigo 20.2 da Orde do 10 de maio de 2022, pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria do ano 2022 para a selección de estratexias de desenvolvemento local participativo e grupos de acción local do sector pesqueiro, así como para a concesión da axuda preparatoria, no período de programación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 en Galicia.
Artigo 9. Requisitos xerais dos proxectos
Con carácter xeral, os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:
1. Apoiar o logro da prioridade 3 do FEMPA, ser coherentes coas EDLP aprobadas para as zonas pesqueiras dos GALP participantes onde se vaia desenvolver e contribuír aos seus obxectivos. Os proxectos poderán versar, entre outras, sobre as seguintes temáticas:
a) Promoción do consumo de produtos pesqueiros locais da pesca costeira artesanal, do marisqueo e a acuicultura, que garantan a súa rastrexabilidade.
b) Innovación e/ou transformación dos recursos e/ou produtos ou subprodutos do mar.
c) Consumo de proximidade de produtos do mar ou con produtos do agro.
d) Turismo mariñeiro ou pesca turismo.
e) Aproveitamento dos recursos do mar e dos residuos xerados nas actividades pesqueiras para novos usos.
f) Promoción da conexión das actividades náuticas (deportivas, recreativas, turismo) co sector pesqueiro ou coa posta en valor dos recursos do mar.
g) Valorización do patrimonio cultural material e inmaterial sobre os recursos e a cultura marítimo-pesqueira.
h) Posta en valor da contorna ambiental da zona costeira, que impliquen o sector ou os produtos pesqueiros.
i) Reforzo da economía circular nas actividades marítimo-pesqueiras. Formación e proxectos de investigación sobre o cambio climático e a adaptación do sector.
j) Dignificación dos oficios marítimo-pesqueiros tradicionais e actuais.
k) Proxectos innovadores que incidan na remuda xeracional no sector pesqueiro.
l) Igualdade e inclusión social.
m) Reforzo do empoderamento das mulleres no sector, fomento do asociacionismo, mellora das condicións de traballo e a súa visibilidade.
n) Promoción dunha maior vinculación das entidades de inclusión social coas actividades marítimo-pesqueiras ou o sector pesqueiro.
ñ) Posta en valor das boas prácticas ou intercambio de experiencias na execución do Fondo.
o) Mellora da gobernanza nas confrarías de pescadores e de reforzo do seu liderado na dinamización do territorio.
2. Estar localizados no ámbito territorial de aplicación das estratexias, ou de realizarse fora do ámbito que contribúan de forma indubidable a acadar os obxectivos das EDLP, e en consecuencia a Prioridade 3 do Programa.
3. Implicar a posta en común de ideas, coñecementos, recursos humanos e/ou materiais, para a consecución dun obxectivo de interese compartido e mediante a execución das accións que se consideren necesarias.
4. Implicará a execución dunha acción en común, no senso que se executa de forma conxunta. A cooperación ten que ir máis alá do intercambio de experiencias, e ten que supoñer a realización dunha acción común concreta con resultados claramente definidos e beneficios para os territorios correspondentes.
Os gastos preparatorios terán a consideración de fase previa de preparación dun proxecto, pero non de proxecto de cooperación como tal.
5. Os proxectos poderanse limitar a elaborar e compartir un deseño de accións beneficiosas para os territorios participantes, pero terase que levar a cabo a execución para cada un destes territorios, prolongando a colaboración nas tarefas de seguimento, avaliación e aproveitamento das sinerxías.
6. Poderán implicar a realización e/ou a comercialización de produtos e/ou servizos en calquera ámbito de desenvolvemento local, realizadas entre os territorios ou participantes de forma conxunta.
7. Promover a participación dos sectores socioeconómicos do territorio, afectados polos fins e obxectivos do proxecto.
8. Non estar iniciados na data de presentación da solicitude de axuda. Os gastos preparatorios terán a consideración de fase previa de preparación dun proxecto e non serán considerados a efectos do inicio do proxecto.
9. Os investimentos materiais que se atopen fóra de solos urbanos ou urbanizables ordenados o sectorizados, deberán estar xeorreferenciados.
Se a instalación ou actuación fose móbil, concretarase o seu rango xeográfico de mobilidade. Este requisito non aplica á dotación e mellora de equipos en barcos de pesca e vehículos.
10. Axustarse á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto. En particular, aplicarase a lexislación en materia de accesibilidade para as persoas con discapacidade e en materia medioambiental, cando corresponda polo obxecto das operacións.
11. Para actuacións de conservación, divulgación ou posta en valor de elementos do patrimonio cultural, cumprirase o disposto na normativa en materia de patrimonio.
Artigo 10. Gastos subvencionables
1. As accións e proxectos previstos ao abeiro desta orde débense corresponder con accións subvencionables, segundo o disposto no Regulamento (UE) 2021/1139, a súa normativa de aplicación e desenvolvemento, e no programa do FEMPA.
2. Os gastos subvencionables son os custos efectivamente asumidos polo perceptor da subvención e que se axustan aos seguintes requisitos xerais:
a) Que se efectuasen ao longo da duración da acción ou do programa de traballo.
b) Que se consignasen no orzamento estimado total da acción ou do proxecto.
c) Que sexan necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención.
d) Que sexan identificables e verificables; en particular, que consten na contabilidade do/da beneficiario/a e se determinaran de acordo coas normas contables aplicadas no país en que o/a beneficiario/a está establecido/a e de conformidade coas prácticas contables habituais do beneficiario en materia de gastos.
e) Que cumpran co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.
f) Que sexan razoables e xustificados e cumpran co principio de boa xestión financeira, en especial no referente á economía e eficiencia.
g) Que presenten a mellor relación entre o importe da axuda, as actividades emprendidas e a consecución dos obxectivos.
3. Gastos de persoal contratado especificamente para a execución das actividades do proxecto. O contrato laboral fará mención expresa ao proxecto e a súa dedicación.
Serán subvencionables en concepto de gastos de persoal:
1º. As retribucións brutas pactadas coa entidade ou establecidas en convenio colectivo. Inclúense neste concepto: o salario base, os complementos de antigüidade, os complementos derivados da actividade subvencionada, as horas extraordinarias que sexan necesarias para o desenvolvemento da actividade subvencionada e os complementos de residencia.
2º. A indemnización por finalización del servicio prestado.
3º. As cotizacións sociais e impostos a cargo da persoa traballadora e a Seguridade Social a cargo da entidade. En relación cos gastos relativos ás cotizacións sociais, para o cálculo do importe elixible deberá descontarse o importe correspondente ás bonificacións ou reducións que podan estar asociadas ao pagamento desa cotización.
Non terán a consideración de gastos de persoal: a percepción salarial correspondente á participación en beneficios, as prestacións en especie, as dietas por viaxe, aloxamento e manutención, e o resto de percepcións extra salariais distintas ás mencionadas.
Non se computarán as situacións retribuídas nas que non se presta un servizo efectivo como son as incapacidades temporais, e, neste caso, excluirase tamén a parte proporcional das cotizacións á Seguridade Social que proceda.
4. Poderán aceptarse como gastos da operación, sen ter a consideración de custos de persoal, as dietas por viaxe e manutención do persoal involucrado nas actividades obxecto de axuda sempre que estes estean directamente relacionadas co proxecto, se identifique a actividade pola que foron xerados e a persoa que incorreu no gasto. Estes gastos abonaranse segundo as contías máximas que se establezan para o grupo 2º no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre axudas de custo para o persoal con destino na Administración autonómica de Galicia ou normativa que o substitúa.
5. Os investimentos para os cales se solicita a axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude da axuda, agás os gastos preparatorios ligados exclusivamente á operación ata 3 meses anteriores á data da solicitude.
Considérase como data de inicio a da factura correspondente.
6. Gastos preparatorios.
a) Enténdense por gastos preparatorios os que se destinan a facilitar a busca de posibles socios e a apoiar a preparación dunha acción común. Son accións que preceden ao proxecto de cooperación e inclúen os gastos ocasionados desde tres meses antes da data de presentación da solicitude e ata a data da aceptación.
Estes gastos terán que identificarse claramente no orzamento dos proxectos e na xustificación de gastos, e non poderán superar o 20 % do custo total do proxecto.
b) Consideraranse gastos preparatorios subvencionables os gastos referidos ás seguintes actividades:
1º. Actuacións organizativas, análises previas e elaboración de anteproxectos de cooperación.
2º. Procura de socios participantes e creación e mantemento dunha ferramenta ad hoc. Gastos de subscrición do acordo ou convenio de cooperación e/ou de constitución da estrutura xurídica común.
3º. Promoción de colaboracións externas que, como universidades, organizacións non gobernamentais, etc., acheguen coñecementos, experiencia, recursos técnicos, entre outros, á cooperación entre os territorios.
4º. Recompilación e divulgación de boas prácticas en materia de cooperación.
5º. Gastos de viaxes e estancias para reunións e contactos de cara á posta en marcha do proxecto.
6º. Asesoramento contable, xurídico e fiscal.
7º. Gastos de interpretación e tradución.
8º. Contratación temporal de persoal experto.
9º. Estudos de viabilidade, seguimento e control, proxectos técnicos ou profesionais.
c) Os gastos preparatorios dun proxecto de cooperación poderán estimarse elixibles no caso de que, por causas debidamente xustificadas, o proxecto de cooperación non chegue a materializarse ou implantarse. Neste caso, o grupo enviará ao órgano instrutor, un informe do proxecto que deberá incluír información completa das causas ou circunstancias que imposibilitaron a súa implantación.
Artigo 11. Gastos non subvencionables
Para os efectos do disposto nesta orde, os seguintes gastos non serán subvencionables:
a) O imposto sobre o valor engadido (IVE), agás:
1º. Para as operacións cuxo custo total sexa inferior a 5 millóns de euros (IVE incluído).
2º. Para as operacións cuxo custo total sexa de, polo menos, 5 millóns de euros (IVE incluído) cando este non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre o IVE.
b) Os xuros debedores e outros gastos financeiros.
c) A adquisición de terreos non edificados, terreos edificados, e a compra de edificios ou locais.
d) As recargas e sancións administrativas e penais, así como os gastos dos procedementos xudiciais.
e) O custo dos elementos de transporte que non estean directamente relacionados coa operación.
f) A adquisición de elementos transporte.
g) A adquisición de materia, mobiliario e equipamento de oficina.
h) As compras de materiais e equipamentos usados.
i) Os gastos de reparacións, conservación, funcionamento e mantemento dos bens e equipamentos. Os gastos orixinados por unha mera reposición dos anteriores, salvo que a nova adquisición corresponda a investimentos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ben polo seu rendemento.
As actuacións que se correspondan con obras de restauración, rehabilitación, conservación, divulgación ou posta en valor e recuperación de bens patrimoniais non terán a consideración de reparacións, conservación, funcionamento e mantemento dos bens e equipamentos.
j) As contribucións en especie.
k) A adquisición de elementos e todo tipo de bens pagados en efectivo.
l) A repoboación directa, a menos que estea expresamente prevista como medida de reintrodución ou outras medidas de conservación nun acto xurídico da Unión Europea, no caso de repoboación experimental.
m) Os custos indirectos.
n) Os gastos de funcionamento da operación subvencionada.
ñ) Os agasallos e as atencións protocolarias ou de representación.
o) A contratación entre beneficiarios para levar a cabo actividades ou servizos do proxecto, nin a autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).
p) A contratación de servizos de profesionais externos e asesoramento con traballadores dalgunhas das entidades beneficiarias do proxecto.
q) Os custos de manutención e desprazamento de persoas, agás os recollidos no artigo 10.4.
r) As obras non vinculadas co proxecto de investimento, vivendas, comedores, obras de embelecemento, equipos de recreo e similares.
s) A transferencia da propiedade dunha empresa.
t) Os gastos de resituación de operacións, de conformidade co artigo 66 do Regulamento (UE) 2021/1060, ou que constitúan a transferencia dunha actividade produtiva, de conformidade co artigo 65.1.a) do dito regulamento.
u) A adquisición de vestiario e equipamento persoal para a pesca e marisqueo.
v) As artes ou equipos utilizados directamente nunha operación de pesca de recursos mariños.
w) Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude de axuda, agás o informe os gastos preparatorios.
x) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable, en particular os incluídos no artigo 13 do Regulamento (UE) 2021/1139.
Artigo 12. Contía das axudas
1. O grao de financiamento dos proxectos para investimentos subvencionados ao abeiro da correspondente EDLP, para operacións que leven a cabo en virtude do título II, capítulo IV do Regulamento (EU) 2021/1139, será, de acordo co artigo 41 do mesmo regulamento, o seguinte:
a) Como norma xeral, a porcentaxe de axuda máxima para proxectos ascenderá ao 50 % do gasto subvencionable total da operación.
b) A porcentaxe máxima de axuda para os proxectos poderá ascender ao 100 % dos custos dos gastos subvencionables do proxecto cando a operación responda aos seguintes criterios: interese colectivo e beneficiario colectivo.
2. Os proxectos terán un importe máximo de axuda de 200.000 € por beneficiario/a (ou conxunto de beneficiarios/as) e convocatoria.
3. En todos os casos, teranse en conta os límites que, de ser o caso, se establezan nas respectivas EDLP, no caso de ser inferiores aos establecidos.
4. Nos proxectos que se amparen no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis, aplicaranse as porcentaxes anteriores, o límite do punto 2, e limitarase o importe total a un máximo de 300.000 € por promotor durante os tres anos previos. O regulamento será de aplicación para proxectos de investimentos que impliquen a realización dunha actividade económica.
Artigo 13. Compatibilidade das axudas
1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, agás a excepción sinalada a seguir.
Os investimentos financiados ao abeiro desta orde non poderán subvencionarse con outras axudas procedentes do FEMPA ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios.
2. No caso de compatibilidade, o importe da subvención concedida non poderá, en ningún caso, en concorrencia con outras subvencións ou axudas, superar o custo da actuación que vai desenvolver a entidade solicitante. En caso contrario, esta subvención reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.
3. No suposto de solicitantes ou beneficiarios que sexan perceptores doutras axudas para o mesmo fin, concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución do obxecto da subvención. En todo caso, deberán facerse constar de forma clara os conceptos de gastos afectados, así como os importes imputados a cada unha delas e as correspondentes anualidades afectadas. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á aplicación dada aos fondos percibidos.
Artigo 14. Criterios de selección
1. As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva. Os proxectos presentados valoraranse de acordo cos criterios de selección dos GALP establecidos nas EDLP aprobadas que se detallan a continuación:
a) Calidade da proposta. Máximo 20 puntos.
1º. Abordan as necesidades identificadas nas estratexias. Máximo 5 puntos.
2º. Grao de cobertura dos obxectivos estratéxicos: un punto por cada un dos cinco obxectivos a que contribúe, ata un máximo de 5 puntos.
3º. Coherencia entre o orzamento e as actividades. Máximo 5 puntos.
4º. Capacidade de execución: traxectoria da entidade, experiencia e capacidade da entidade para realizar o proxecto. Máximo 5 puntos.
b) Entidades participantes. Máximo de 30 puntos.
1º. Número de GALP participantes de Galicia. Máximo de 30 puntos:
i. Oito GALP: 30 puntos.
ii. Sete GALP: 20 puntos.
iii. Seis GALP: 15 puntos.
iv. Cinco GALP: 10 puntos.
v. Catro GALP: 5 puntos.
vi. Tres GALP: 2 puntos.
vii. Dous GALP: 1 punto.
2º. Número de GALP doutras comunidades autónomas ou países membros da UE, así como asociacións público-privadas que implementen unha EDLP (galegas, nacionais ou europeas). Máximo de 15 puntos.
i. Tres ou máis entidades: 15 puntos.
ii. Entre dúas e tres entidades: 7 puntos.
iii. Unha entidade: 2 puntos.
3º. Colaboración con outras entidades de interese. Máximo de 10 puntos.
i. Tres ou máis entidades: 10 puntos.
ii. Entre dúas e tres entidades: 5 puntos.
iii. Unha entidade: 1 punto.
c) Impacto do proxecto en determinados colectivos estratéxicos. Máximo de 20 puntos.
1º. Proxecto que contribúa á promoción ou ao desenvolvemento dos colectivos de mulleres: 5 puntos.
2º. Proxecto que contribúa á promoción ou ao desenvolvemento da mocidade (ata 40 anos): 5 puntos.
3º. Proxecto que contribúa á promoción da inclusión social: 5 puntos.
4º. Proxecto que contribúa á promoción da diversidade funcional: 5 puntos.
d) Contribución do proxecto ao marco estratéxico. Máximo de 30 puntos.
1º. Transformación dixital: máximo 6 puntos.
2º. Transformación ecolóxica: máximo 6 puntos.
3º. Transformación ecolóxica: adaptación ao cambio climático: máximo 6 puntos.
4º. Sustentabilidade: economía circular: máximo 6 puntos.
5º. Sustentabilidade: diversificación cara sectores da economía azul: Máximo 6 puntos.
2. A puntuación mínima para obter a axuda fixase en 30 puntos.
3. A prelación das solicitudes determinarase pola suma da puntuación acadada polos criterios de selección. No caso de empate na avaliación, aplicarase como criterio de desempate o valor das puntuacións outorgadas pola seguinte orde: a), b), c) e d), e de persistir o empate, polo número de entidades solicitantes do proxecto.
CAPÍTULO II
Procedemento de concesión das axudas
Artigo 15. Prazos de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de 45 días naturais contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Artigo 16. Presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). A presentación da solicitude nun formulario distinto será causa de inadmisión.
De conformidade co previsto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Se a emenda deste concreto defecto (presentación presencial da solicitude) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución en que se desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 20.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Para a presentación electrónica poderá utilizarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
As entidades solicitantes indicarán no anexo I os importes da axuda solicitada para cada unha das anualidades en que se execute o proxecto.
2. As persoas solicitantes realizarán as seguintes declaracións responsables, empregando para o efecto o formulario do anexo I:
a) Que respecta a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea.
b) Que ten en conta e promove a igualdade entre mulleres e homes.
c) Que evita calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual.
d) A veracidade de todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan.
e) As axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas, incluídas as axudas pola regra de minimis nos tres anos previos.
f) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
g) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
h) Estar ao día nas obrigas por reintegro de subvencións, de conformidade co artigo 11.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 10 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
i) Non atoparse en ningún dos supostos do artigo 11.1 e 3 do Regulamento (UE) 2021/1139, é dicir:
1º. Non cometeu infraccións graves conforme o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008, do Consello, ou o artigo 90 do Regulamento (CE) nº 1224/2009, ou conforme outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo e polo Consello no marco da PPC;
2º. Non estivo involucrado na explotación, xestión ou propiedade dalgún buque pesqueiro incluído na lista de buques INDNR da Unión Europea, segundo dispón o artigo 40.3 do Regulamento (CE) nº 1005/2008, ou dalgún buque con pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, segundo se establece no artigo 33 do devandito regulamento, ou
3º. Non se ten determinado por medio dunha resolución definitiva que cometeu fraude, tal como se define no artigo 3 da Directiva (UE) 2017/1371, no contexto do FEMP ou do FEMPA.
j) A condición de ser ou non ser poder adxudicador nos termos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.
k) Que o IVE soportado é recuperable ou non polo promotor.
l) Ter a capacidade administrativa e financeira e operativa para levar a cabo o proxecto para o que se solicita a axuda.
m) Que a operación presenta a mellor relación entre o importe da axuda, as actividades emprendidas e a consecución dos obxectivos.
n) Dispoñer dos recursos e mecanismos financeiros necesarios para cubrir os custos de funcionamento e mantemento das operacións, no caso de que estas impliquen investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos e para garantir a súa sustentabilidade financeira.
ñ) Estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.
o) No caso de investimentos en infraestruturas cuxa vida útil sexa, como mínimo, de cinco anos, cúmprese co principio de protección fronte ao cambio climático.
p) Os investimentos non foron iniciados.
q) Cumpre a normativa comunitaria, nacional e autonómica vixente, en particular, a lexislación en materia de accesibilidade para as persoas con discapacidade, e en materia ambiental, de ser o caso.
r) A operación non inclúe actividades que forman parte dunha operación suxeita a resituación, de conformidade co artigo 66, ou que constitúan unha transferencia dunha actividade produtiva, de conformidade co artigo 65.1.a), ambos os dous do Regulamento (UE) 2021/1060.
3. As solicitudes estarán asinadas polo representante legal da entidade solicitante. A presentación das solicitudes non asinadas polo representante legal será causa de inadmisión.
4. A presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores, por calquera medio ou rexistro dispoñible. No caso da declaración de cumprimento do artigo 11 do Regulamento (UE) 202/1139, a autorización terá validez nos 5 anos posteriores á concesión da axuda.
5. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, como organismo intermedio de xestión, recollerá información sobre os titulares reais dos perceptores do financiamento da Unión Europea, de conformidade cos datos que figuran no anexo XVII do Regulamento (UE) 2021/1060, e con base no establecido no artigo 62.2 do dito regulamento.
De conformidade co artigo 5, punto 8, do Regulamento do Rexistro Central de Titularidades Reais, aprobado polo Real decreto 609/2023, do 11 de xullo, a información contida no rexistro será accesible, de forma gratuíta e sen restrición, unicamente para o desenvolvemento das súas misións específicas, ás autoridades e aos organismos nacionais que xestionen, verifiquen, paguen ou auditen fondos europeos, e cuxas funcións veñan determinadas nun regulamento comunitario en que veña establecido que a información sobre titulares reais do beneficiario dos fondos pode cumprirse empregando os datos almacenados nos rexistros a que se refire o artigo 30 da Directiva (UE) nº 2015/849; no caso de España, o Rexistro Central de Titularidades Reais.
Artigo 17. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, ordenada segundo se indica:
a) Documentación acreditativa da personalidade:
1º. Certificación do órgano competente, na cal se especifique o acordo polo que se lle concede autorización para formular a solicitude ao asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.
O órgano xestor efectuará a comprobación da inscrición do poder no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG) e, no caso de non estar inscrito, a persoa solicitante deberá achegar o correspondente documento.
2º. Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo.
b) Certificado do acordo da xunta directiva dos grupos de presentación do proxecto e de designación de grupo coordinador.
c) Proxecto para o cal se solicita a subvención, que deberá conter, polo menos:
A memoria e orzamento que conteña unha descrición do proxecto conforme os modelos que figuran na páxina web https://mar.xunta.gal/gl/o-sector/grupos-de-accion-local-do-sector-pesqueiro
1º. No caso de investimentos de carácter material que se localizan ou realizan fóra de solos urbanos ou urbanizables ordenados ou sectorializados, localización cartográfica (planos sobre mapas) e xeorreferenciación.
2º. Información relativa aos indicadores previstos de resultados da prioridade 3 no programa FEMPA.
3º. Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, en que o IVE deberá vir separado. O orzamento deberá estruturarse en conceptos detallados e coincidentes cos orzamentos e facturas pro forma presentadas.
d) Declaración responsable sobre a aplicación da normativa en materia de accesibilidade para persoas con discapacidade conforme o anexo II.
e) Documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma, etc.).
Para todos os gastos subvencionables incluídos na solicitude de axuda, a entidade promotora deberá solicitar e achegar unha oferta. Non obstante, cando o importe deste gasto supere as contías establecidas no artigo 118.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, os/as beneficiarios/as deberán solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.
No suposto de que non exista no mercado número suficiente de entidades que subministren o ben ou presten o servizo e que, polo tanto, non se presenten tres (3) ofertas de distintos provedores, o solicitante acreditará o custo razoable do gasto subvencionable mediante un informe de taxador ou perito independente.
As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo, e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe unitario por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición dos elementos ofertados. Non se admitirán conceptos de orzamentos sen desagregar tales como «curso», «xornada», «outros», «imprevistos» ou similares.
As ofertas presentadas deberán incluír os mesmos elementos para ser comparables.
A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse a elección expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
f) No caso de actuacións de conservación, divulgación ou posta en valor de elementos do patrimonio cultural, autorización ou informe favorable da Administración competente no devandito patrimonio, ou, na súa falta, solicitude ante o órgano competente.
g) No caso de que o proxecto comprenda zonas incluídas na Rede Natura 2000, áreas mariñas protexidas ou espazos naturais protexidos, presentarán os correspondentes informes ambientais, ou, no seu defecto, a solicitude ante os órganos competentes. No caso de espazos incluídos na Rede Natura 2000 non será exixible a conformidade co artigo 6.3 da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio, relativa á conservación de hábitats naturais, fauna e flora silvestre, no caso de operacións materiais que se localicen sobre solo urbano ou urbanizable ordenado ou sectorizado. En proxectos sometidos a avaliación de impacto ambiental, a acreditación do cumprimento da avaliación permitirá considerar xustificada esta condición.
h) Plan comunicación. Descrición das accións de comunicación, información e publicidade do proxecto.
O Plan de comunicación consistirá en actuacións de comunicación e publicidade, entre outras: desenvolvemento dunha epígrafe explicativa do proxecto na páxina web das entidades, estratexia de difusión en redes sociais, difusión en medios de comunicación, organización e participación de actos públicos, e elaboración dunha memoria ou dun resumo executivo ao remate do proxecto.
2. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación das letras a) e d) do punto anterior por cada un dos solicitantes.
Ademais, engadirase:
a) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.
b) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.
c) Anexo III: declaración responsable a cubrir por cada entidade social do proxecto no caso de solicitudes formuladas conxuntamente.
3. Será obrigatoria a presentación electrónica da documentación complementaria. Se algunha persoa presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no apartado anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 18. Documentación mínima
A presentación da seguinte documentación da recollida nos artigos 16 e 17 considerarase mínimo imprescindible para a admisión a trámite das solicitudes:
1. Anexo I de solicitude da axuda.
2. Memoria e orzamento conforme o modelo exixido e debidamente formalizados.
3. Acordo de cooperación.
A non presentación desta documentación dará lugar á resolución de inadmisión da solicitude da axuda.
Artigo 19. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante e/ou da entidade representante.
b) DNI ou NIE do representante da entidade solicitante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).
f) Concesións doutras subvencións e axudas.
g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
h) Concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 20. Emenda da solicitude
1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. No caso contrario poráselles de manifesto por escrito aos interesados para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 17 desta orde, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas coa Comunidade Autónoma.
2. Sen prexuízo do sinalado nos parágrafos precedentes, en calquera momento do procedemento, o servizo xestor poderá requirir á entidade solicitante para que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.
Artigo 21. Órganos de xestión e resolución
1. O órgano encargado da ordenación e instrución do procedemento será o Servizo de Desenvolvemento das Zonas de Pesca, que realizará, de oficio, cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.
O órgano instrutor emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos da convocatoria, incluída a elixibilidade.
2. O informe do servizo instrutor xunto cos expedientes completos, serán remitidos á Comisión de Avaliación, que valorará os proxectos de acordo cos criterios de selección establecidos nas EDLP dos grupos e que se corresponden cos establecidos no artigo 14.
3. A Comisión de Avaliación elevará ao órgano concedente a proposta de axuda correspondente.
4. Os expedientes que non cumpran coas exixencias das bases ou a normativa de aplicación, de acordo co informe do servizo instrutor da consellería, quedarán á disposición da Comisión de Avaliación que formulará proposta de resolución desestimatoria ou de inadmisión, segundo o caso.
5. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar.
Artigo 22. Comisión de Avaliación
1. A persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, por proposta dos oito GALP constituídos en Galicia, designará unha comisión de avaliación con persoas titulares e suplentes, que estará formado por representantes dos oito GALP constituídos en Galicia:
a) Presidente/a nomeado/a de entre os membros da Comisión.
b) Secretario/a nomeado/a de entre os membros da Comisión.
c) Oito vogais titulares que serán designados un por cada un dos oito GALP de entre os seguintes:
i) Persoal do equipo técnico do GALP.
ii) Membros cualificados da asemblea que non formen parte da xunta directiva.
d) Oito vogais suplentes que serán designados entre os membros cualificados da asemblea que non formen parte das xuntas directivas do grupo.
e) A Comisión poderá actuar asistida por persoas expertas asesoras, con voz e sen voto.
2. Os GALP, co obxecto de garantir a separación de funcións, non proporán designar como membros da comisión as persoas que teñan participado na decisión de elaborar o proxecto, na realización del ou na decisión de presentar a axuda polo órgano correspondente do grupo.
3. As persoas involucradas nas fases vinculadas á avaliación e selección asinarán unha declaración de ausencia de conflito de intereses (DACI) co fin de garantir a súa independencia.
4. A reunión da Comisión de Avaliación poderá celebrarse presencial ou telemáticamente.
5. Funcionamento da Comisión de Avaliación:
a) A Comisión de Avaliación poderá:
1º. Propor a non concesión ou minoración da axuda cando o custo proposto polo solicitante dos gastos subvencionables sexa superior ao valor de mercado.
2º. Establecer, en vista das solicitudes presentadas, límites máximos de investimento subvencionable para investimentos substancialmente idénticos, independentemente do importe solicitado.
3º. Limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración económica ou á súa necesidade.
b) A avaliación dos proxectos xustificará a aplicación obxectiva dos criterios de selección, de tal forma que a puntuación de cada solicitante estea motivada e poida ser obxecto de comprobación inequívoca.
c) O orzamento da convocatoria dispoñible inicialmente será asignado ata atender as solicitudes de forma completa.
Comprobarase que existe orzamento dispoñible no obxectivo estratéxico de cooperación do plan financeiro de todos os GALP solicitantes.
d) Cando non exista orzamento dispoñible no obxectivo estratéxico do plan financeiro do GALP ou non existe orzamento na convocatoria, a Comisión proporá que as solicitudes que non se poidan atender de forma completa se inclúan na lista de reserva contemplada no artigo 23.
e) A persoa que ocupe a Presidencia da comisión formulará a proposta de resolución ao órgano concedente que conterá como mínimo:
1º. Relación das solicitudes que se propón desestimar porque non cumpran as condicións para seren persoas beneficiarias ou proxectos elixibles, xunto coa motivación que fundamenta a proposta de desestimación. Tamén se incluirán as persoas solicitantes que desistiron da súa petición.
2º. Relación dos proxectos para os que se propón a concesión de subvencións indicando para cada un deles a puntuación obtida, a identidade da persoa solicitante, o importe do investimento, o importe subvencionable, a porcentaxe de axuda proposta, o prazo de execución, a contía da subvención proposta e o dato de se se amparan no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis.
3º. Relación dos proxectos que quedarían na lista de reserva prevista no artigo 23, indicando a información establecida no punto 2º.
f) No caso de que exista crédito suficiente na orde para atender a todas as solicitudes da convocatoria, non será necesario realizar a valoración dos criterios de selección.
Artigo 23. Lista de reserva
1. A Comisión de Avaliación establecerá unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non acaden a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito.
2. De non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución na que se terán en conta as solicitudes que formen parte da listaxe de reserva a que se refire o punto 2.
Artigo 24. Resolución
1. En vista da proposta de resolución e logo da preceptiva fiscalización do gasto, o órgano competente emitirá resolución motivada pola que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas.
Nos proxectos de investimento que impliquen a realización dunha actividade económica Informarase sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, serie L).
2. A resolución de concesión emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de catro (4) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e no exercicio orzamentario 2024. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender rexeitada a súa solicitude por silencio administrativo.
Artigo 25. Aceptación
No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución, os interesados deberán comunicar a aceptación ou o rexeitamento da subvención nas condicións expresadas nela, conforme o anexo IV. De non facelo, entenderase tacitamente aceptada.
A aceptación da axuda, sexa de forma tácita ou expresa, implicará:
a) A autorización da inclusión da operación subvencionada na lista de operacións seleccionadas para recibir axudas do FEMPA, consonte o sinalado no artigo 49, puntos 3 e 5, do Regulamento (UE) 2021/1060.
b) A autorización á UE para o uso de materiais de comunicación e visibilidade, logo de solicitude, e a posibilidade de utilizalos sen que supoña carga administrativa ou custos adicionais significativos, nin para os beneficiarios nin para os órganos xestores.
Artigo 26. Recursos
As resolucións, expresas ou presuntas, que se diten ao abeiro desta orde, porán fin á vía administrativa e, contra elas, poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.
Artigo 27. Modificación da resolución e ampliación de prazo de execución
1. Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, ou calquera outro aspecto que afecte un aspecto substancial da resolución de concesión, requirirá a aceptación expresa do órgano concedente, e deberá ser posta en coñecemento deste, sempre con anterioridade á súa realización.
2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do interesado, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:
a) Que a actividade ou modificación proposta estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras e da convocatoria.
b) Que a modificación non cause prexuízos a terceiros.
c) Que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención ou a non selección do proxecto na concesión inicial.
d) Que a modificación non supoña un incremento do orzamento ou da porcentaxe de axuda.
3. A execución deberá axustarse á distribución dos conceptos do investimento acordado na resolución de concesión. Con todo, sen necesidade de instar o procedemento de modificación da subvención e sempre que exista causa xustificada e non se altere o obxecto e finalidade da axuda, na xustificación das partidas poderán ser admitidas compensacións dos importes duns conceptos cos doutros, ata un 15 % do investimento.
No caso de que exista un cambio de provedor, deberase comunicar polo promotor expoñendo, de forma razoada, as causas e consecuencias deste.
4. As modificacións deberán ser solicitadas polo beneficiario, por escrito, con anterioridade á súa realización, e a data límite para a solicitude será dun mes antes de rematar o prazo de execución e xustificación. O servizo xestor da medida, logo das comprobacións pertinentes, elevará proposta de modificación da resolución ao órgano concedente.
O incumprimento do prazo de execución dará lugar á perda de dereito á axuda concedida.
5. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
6. No suposto de que o beneficiario considere que non pode rematar o proxecto ou cumprir os compromisos dentro do prazo sinalado na resolución de concesión da axuda poderá, ata un mes antes de rematar o prazo de execución e xustificación, solicitar unha ampliación deste presentando unha memoria onde se indique a situación actual do proxecto, o grao de realización da actividade subvencionada, as causas do atraso na execución e o novo cronograma de actuación.
No caso de que a ampliación do prazo de execución sexa aprobada, non poderá exceder da metade do tempo inicialmente concedido. Para o cómputo do prazo de execución, terase por data de inicio da execución a data de solicitude.
7. Cando os cambios no expediente supoñan unha variación da distribución por anualidades recollida na resolución inicial, a modificación quedará supeditada á existencia de dispoñibilidades orzamentarias nas anualidades correspondentes.
Artigo 28. Xustificación
1. Con carácter xeral, agás que a resolución fixe outro prazo, os gastos deberán executarse e xustificarse como data límite o 30 de novembro de cada ano.
2. Para o cobramento da subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar a solicitude conforme o anexo V e a documentación que se sinala a seguir, indicando o número de expediente da resolución de concesión da subvención, e dentro do prazo establecido no parágrafo anterior:
a) Xustificación de ter realizado as accións para as que se concedeu a subvención, mediante os seguintes documentos:
1º. Memoria xustificativa da entidade beneficiaria en que se describa a realización das accións e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, e se acredite o cumprimento das obrigas de publicidade, asinado polo representante legal.
2º. Relación de custos individualizados por cada actuación, con e sen IVE, asinado polo representante legal que incluirá a lo menos: concepto facturado e empresa que factura, número de factura, data da factura, data de pagamento e importe xustificado subvencionable.
No caso de adquisición de equipamento, a relación incluirá a marca, o modelo e número de serie ou referencia equivalente para a súa identificación. A factura correspondente deberá identificar estes datos. Incluiranse reportaxe fotográfica dos equipamentos e acreditarase o cumprimento das obrigas de publicidade.
3º. Na xustificación da realización de estudos, guías, folletos, etc., o promotor entregará un exemplar en soporte informático adecuado para posibilitar a súa difusión. A documentación acreditará, así mesmo, o cumprimento das obrigas de publicidade.
No caso de realización de accións formativas ou de aprendizaxe, presentarase unha relación destas. Para cada acción, achegarase unha copia do programa, un informe final sobre o desenvolvemento da acción, o listado de asistentes, e as evidencias de participación deles (sinaturas, fotografías, notas de prensa, etc.). A documentación acreditará, así mesmo, o cumprimento das obrigas de publicidade.
4º. Facturas correspondentes aos custos que correspondan, sinalados na relación do paragrafo primeiro do punto 2 deste artigo, detalladas ao máximo posible e, polo menos, co mesmo nivel de desagregación dos investimentos que figuren na resolución de outorgamento da axuda.
5º. No caso de que a persoa beneficiaria tivese a condición de poder adxudicador nos termos da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de contratos do sector público, achegará toda a documentación relacionada co proceso de contratación, que deberá incluír a identificación do contratista, é dicir, o nome e apelidos, a data ou datas de nacemento e o número ou números de identificación a efectos do IVE ou o número ou números de identificación fiscal, e os contratos (data do contrato, nome, referencia e importe do contrato).
6º. Xustificantes bancarios (transferencia bancaria ou certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, o titular da conta desde a que se realiza a operación, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa ou empresa que emitiu a factura.
A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data da solicitude de axuda, agás os gastos preparatorios, e terán como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de execución e xustificación previsto no apartado 1 deste artigo.
7º. No caso de gastos de persoal contratado exclusivamente para o desenvolvemento do proxecto:
i. Contrato de traballo asinado pola persoa traballadora e a entidade, que fará mención expresa ao proxecto para o cal se efectuou a contratación.
ii. Nóminas.
iii. Documentos xustificativos de cotización á Seguridade Social e declaración e liquidación de IRPF coa xustificación do seu pagamento.
iv. Folla de gastos coa acreditación dos pagamentos correspondentes a dietas por viaxe e manutención indicando: data, horario, itinerario, quilómetros, persoa e motivo do desprazamento.
Dentro dos gastos de persoal, as obrigas tributarias e de Seguridade Social que non se poidan facer efectivas na data límite de xustificación, poderán xustificarse no primeiro trimestre do exercicio seguinte.
b) No caso de proxectos solicitados conxuntamente por varias entidades, documento formalizado ante o órgano de xestión no que se recolla a ratificación dos compromisos que correspondan a cada un deles, así como nomeamento de apoderado único.
c) No caso de opoñerse á súa consulta polo órgano xestor: certificación de estar ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.
d) De ser o caso, autorizacións ou permisos para o tipo de actividade que se trate. Os beneficiarios deberán estar en posesión das autorizacións ou permisos no momento do pagamento final da axuda, nos casos en que sexan necesarios para a execución do proxecto.
No caso de pagamento final proporcionarase información sobre os indicadores de resultados conforme ao previsto no Programa FEMPA.
3. No momento da xustificación da execución parcial e total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, así como, unha declaración responsable de que se manteñen os requisitos para ser beneficiario, incluída no anexo V.
4. Transcorrido o prazo establecido na resolución de concesión da axuda para a xustificación dos investimentos sen se ter presentado esta, requirirase ao beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comporta a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a esixencia do reintegro e demais responsabilidades que derivan da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 29. Pagamento, pagamentos parciais e anticipos
1. A Consellería do Mar efectuará o pagamento das axudas unha vez xustificada de forma documental e material a realización do obxecto da subvención e a elixibilidade do gasto. O importe da axuda aboaráselle mediante transferencia bancaria ao beneficiario e na contía que corresponda segundo o proxecto executado.
2. Poderán presentarse xustificacións parciais a medida en que se vaian executando as accións subvencionadas.
3. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actividades obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumprise cos requisitos esixidos, estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 32 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. No caso de que o investimento sexa xustificado por menor contía que o considerado como subvencionable inicialmente, poderase minorar a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración non afecte a aspectos fundamentais do proxecto e que non supoña unha realización deficiente deste.
No suposto de que o custe definitivo real do investimento fora inferior ao orzamento considerado para o outorgamento da axuda, esta minorarase proporcionalmente, aplicando a porcentaxe da axuda deducido, sobre a nova base constituída polo custo final do investimento.
5. Poderán realizarse pagamentos á conta da subvención concedida que supoñan a realización de pagamentos fraccionados, que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas.
Poderanse realizar pagamentos anticipados, con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, nos termos previstos neste artigo. O órgano xestor poderá propor un pagamento anticipado de ata o 100 % da subvención concedida, sempre que así o solicite a entidade beneficiaria.
O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados poderá chegar a unha porcentaxe do 100 % da subvención concedida e non excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.
Unha vez que a entidade beneficiaria presente a documentación exixida para a xustificación da subvención correspondente á anualidade en curso poderá realizarse un segundo pagamento anticipado polo 100 % da subvención concedida con cargo á anualidade do exercicio seguinte, sempre que así o solicite a entidade beneficiaria.
Para a concesión dos pagamentos á conta e anticipos non se exixirá a presentación de garantías por parte das entidades beneficiarias.
De conformidade cos artigos 62.4, 63.3 e 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que aproba o regulamento de desenvolvemento da Lei de subvencións de Galicia, deberá existir acordo do Consello da Xunta de Galicia que autorice a porcentaxe do 100 % destes pagamentos anticipados e á conta, así como para exonerar da obriga de constituír garantía para tal efecto.
Artigo 30. Reintegro
1. Producirase a perda do dereito ao pagamento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento da actuación, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.
2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de pagamento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Procederá a perda total do dereito ao pagamento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:
a) Non xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención. Tamén será aplicable no caso de que a actuación xustificada minorase a baremación da axuda, de xeito que coa nova puntuación non resultase concedida en réxime de concorrencia competitiva.
b) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en concreto, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, e non achegar canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
c) Non comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións e axudas concorrentes coas percibidas, no caso de que sexan incompatibles. Este suposto orixinará o reintegro do 100 % do importe da subvención recibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.
d) Non comunicarlle ao órgano concedente a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, agás o establecido no artigo 27.
4. O órgano concedente poderá apreciar un incumprimento parcial, sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:
a) O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se a xustificación fose inferior ao investimento previsto, sempre que se manteña o cumprimento da finalidade da subvención, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado. No caso de que o executado non cumpra a finalidade para a cal se concedeu a subvención, procederá a perda total do dereito ao pagamento da axuda.
b) Suporá o reintegro dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os conceptos financiados co Fondo, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade.
c) O incumprimento do beneficiario das obrigas de información, comunicación e visibilidade do apoio procedente do Fondo contempladas nos artigos 47 e 50.1 e 2 do Regulamento (UE) 2021/1060, sen adoptar medidas correctoras, suporá un reintegro de ata un máximo do 3 % da subvención.
d) O incumprimento da obrigación, relativa a comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que fosen compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento, de acordo co artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 31. Infraccións e sancións
As actuacións dos beneficiarios en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 32. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 33. Publicidade
Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.
Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da consellería do Mar (https://www.xunta.gal/mar) a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas.
Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberase transmitir á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria e para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 34. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 35. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 36. Loita contra a fraude
1. A Consellería do Mar considera a loita contra a fraude, o conflito de intereses e o dobre financiamento, un elemento clave na xestión dos fondos co fin de protexer os intereses financeiros da Unión Europea.
En consecuencia, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro como organismo intermedio de xestión do FEMPA, asume unha política de tolerancia cero, adoptando medidas de prevención, detección, corrección e persecución do fraude e aprobando unha declaración institucional o 27 de xaneiro de 2023.
2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través do canal habilitado para o efecto polo dito servizo no enderezo web
https://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/Comunicacion
SNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf
Disposición adicional primeira. Comisión de Avaliación
A creación da Comisión de Avaliación non xerará incremento da consignación orzamentaria do órgano con competencias en materia de desenvolvemento pesqueiro.
Disposición adicional segunda. Desenvolvemento da orde
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.
Disposición derradeira
Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2025
Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar
