Na sesión celebrada o día 21 de maio de 2025 polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais da Coruña figura o seguinte acordo:
Antecedentes de feito:
1. O presidente da comunidade veciñal da Matanza e outros do concello de Padrón, en nome desta, con data 12.6.2014, presentou unha solicitude para a clasificación como montes veciñais de dúas parcelas do monte Lomba denominadas Campo Carreiro e Lomba Bis, sitas na parroquia de Iria Flavia do concello de Padrón.
2. Á vista de tal solicitude e da documentación achegada, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, na súa xuntanza do 28.11.2014, acordou iniciar o expediente de clasificación do monte Campo Carreiro e Lomba Bis.
As características dos montes dos que se solicita a clasificación son as seguintes:
– Montes: Campo Carreiro e Lomba Bis.
– Comunidade veciñal solicitante: parroquia de Iria Flavia.
– Concello: Padrón.
– Superficie total: 16,54 ha.
– Parcela I: Campo Carreiro: superficie de 14,46 ha. Características e lindeiros:
Norte: do vértice 60 ao 1 co monte veciñal en man común de Lomba (expediente 241); do vértice 1 ao 6 co monte veciñal en man común de Retén de Iria (expediente 187).
Leste: do vértice 6 ao 17 co monte veciñal en man común de Lomba e Miranda (expediente 139).
Sur: do vértice 17 ao 59 con propiedades particulares de Herbón.
Oeste: do vértice 59 ao 60 co monte veciñal en man común de Lomba (expediente 241).
– Parcela II: Lomba Bis: superficie de 2,08 ha. Características e lindeiros:
Norte: do vértice 62 ao 66 con propiedades particulares.
Leste: do vértice 66 ao 77 con propiedades particulares.
Sur: do vértice 77 ao 79 antigo monte Lomba núm. 262 do Catálogo de utilidade pública (CUP).
Oeste: do vértice 70 ao 81 con pista; do vértice 81 ao 62 co monte veciñal en man común de Lomba (expediente241).
3. En cumprimento do disposto no artigo 20 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o Servizo de Montes emitiu informe sobre o monte de referencia.
Os montes solicitados non están inscritos no Catálogo de montes de utilidade pública.
En canto ao aproveitamento comunal do monte, o Distrito Forestal IV-Barbanza, no seu informe de data 12.2.2015, indica «que as parcelas son aproveitadas en común e sen asignación de cotas polos veciños da parroquia; a comunidade de montes vén xestionándoas de facto sen que conste oposición á dita situación».
4. Para dar cumprimento ao disposto no artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, o edicto do acordo de inicio do expediente publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 114, do 18.6.2015) e no taboleiro de anuncios do Concello de Padrón polo período dun mes. Durante o período de alegacións non se presentou alegación ningunha.
Fundamentos de dereito:
1. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer deste expediente, en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro.
2. De conformidade co contido do artigo 11 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, e do artigo 19 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, a comunidade veciñal da Matanza e outros do concello de Padrón é parte lexítima para solicitar o inicio do presente expediente de clasificación.
3. Para a súa clasificación como veciñal en man común, o monte debe reunir as seguintes características:
a) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas.
b) Que o veñan aproveitando habitualmente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros.
c) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, e artigos 1, 2 e 3 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro).
4. Da análise da documentación que figura no expediente e, en particular, do informe do Distrito Forestal IV-Barbanza do 12.2.2015, queda constancia de que os montes dos cales se solicita a clasificación teñen a consideración de veciñais e son aproveitados en común polos veciños integrantes da comunidade veciñal constituída da Matanza e outros, quen xestiona de facto estas parcelas, e non consta oposición ningunha á súa clasificación durante a tramitación do expediente.
5. Segundo o informe emitido polo xefe da Area técnica de montes veciñais en man común e das actuacións e documentación existente no expediente, conclúese que o monte cumpre coas esixencias legais establecidas para ser clasificado como monte veciñal en man común ao terse acreditado a súa titularidade veciñal e o seu aproveitamento consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, polos veciños do lugar.
En consecuencia co que antecede, unha vez examinada a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común; o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro; o Decreto 223/2022, do 22 de decembro, que establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, e a demais normativa legal e regulamentaria, o Xurado Provincial, por unanimidade dos seus membros,
ACORDOU:
Clasificar como monte veciñal en man común os montes Campo Carreiro e Lomba Bis da parroquia de Iria Flavia do concello de Padrón, en favor da comunidade veciñal da Matanza, Vista Alegre, Luáns, Lestido, Piñeiro e O Barco, cos lindeiros, superficie e características indicadas no antecedente segundo, e conforme a planimetría presentada polos solicitantes no seu informe técnico do 12.6.2014 e validada polo xefe da Area técnica de montes veciñais en man común do Servizo de Montes de Coruña no seu informe do 11.3.2015.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de conformidade co previsto nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Transcorrido o prazo de interposición dos recursos citados, esta resolución será firme para todos os efectos regulamentarios.
A Coruña, 10 de xuño de 2025
María Nieves Mancebo Santamaría
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común da Coruña
