DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 4 de xullo de 2025 Páx. 37352

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2025, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura gasística de distribución denominado Instalación GN canalizado ao sector S-2 San Pedro de Visma, no concello da Coruña (A Coruña), promovido por Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2024/002-1).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Nedgia Galicia, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, edificio Área Central, local 31 HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. Con data do 7 de outubro de 2024, a mercantil Nedgia Galicia, S.A. solicitou a aprobación do proxecto de execución denominado Instalación GN canalizado ao sector S-2 San Pedro de Visma, no concello da Coruña (A Coruña), promovido por Nedgia Galicia, S.A.

Conforme o anterior e coa finalidade de cumprir as exixencias técnicas de conexión coa rede de distribución necesarias para atender a petición de subministración de gas, a empresa distribuidora Nedgia Galicia, S.A. presentou diante deste departamento territorial, entre outra, a seguinte documentación:

a) Proxecto técnico das instalacións denominado Instalación GN canalizado ao sector S-2 San Pedro de Visma, no concello da Coruña (A Coruña), subscrito por Alejandra Risco Barba, enxeñeira técnico industrial (colexiada núm. 25.430 do COITIM). Proxecto DISCCP24020002691001.

b) Declaración responsable asinada o 16.10.1023 pola técnica proxectista, nos termos dispostos na Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 229, do 30 de novembro), sobre os criterios que se aplican para exixir visado colexial en materia de industria e enerxía.

c) Solicitude de outorgamento de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución das instalacións recollidas no dito proxecto.

Para a súa tramitación, á dita solicitude foille asignado o número de expediente administrativo IN627A 2024/002-1.

Segundo. Mediante o Acordo do 14 de outubro de 2024, do Departamento Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa da infraestrutura gasística de distribución, que foi publicada no DOG núm. 226, do 22 de novembro, no BOP da Coruña núm. 208, do 28 de outubro, e nos xornais La Voz de Galicia (22 de novembro) e La Opinión da Coruña (22 de novembro).

Durante a fase de información pública non se achegaron alegacións. Unha vez rematada a tramitación do procedemento e consonte o artigo 82.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, prescíndese do trámite de audiencia.

Terceiro. Tendo en conta que no proxecto se reflicten afeccións a bens e dereitos do Concello da Coruña, Consellería do Medio Rural, Deputación Provincial da Coruña, Servizo de Patrimonio Cultural, R Cable, Telefónica de España, S.A.U., UFD Distribución Electricidad, S.A. e Lyntia, de conformidade co previsto no artigo 84 do Real decreto 1434/2002, do 1 de decembro, con data do 7 de setembro de 2022 e reiterado o 18 de outubro de 2022, solicitouse o condicionado técnico destes organismos, remitíndose separata do proxecto.

A Consellería do Medio Rural, o Servizo de Patrimonio Cultural, R Cable, Telefónica de España, S.A.U. e UFD Distribución Electricidad, S.A. estableceron condicionados técnicos que foron aceptados pola empresa Nedgia Galicia, S.A.

Unha vez reiterado o condicionado técnico ao Concello da Coruña, á Deputación Provincial da Coruña e a Lyntia, conforme o artigo 84 do Real decreto 1434/2002, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural (BOE núm. 313, do 31 de decembro), e transcorrido o prazo de dez días sen recibir resposta, consideraranse aprobadas as especificacións técnicas propostas pola peticionaria da instalación no proxecto de execución.

Consideracións legais e técnicas:

1. O director territorial da Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña é competente para resolver o presente expediente, ao abeiro do disposto no artigo 2 da Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio, sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas (DOG núm. 244, do 21 de decembro), e Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

2. A normativa de aplicación a este expediente é:

• Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos (BOE núm. 241, do 8 de outubro), modificada pola Lei 12/2007, do 7 de outubro (BOE núm. 158, do 3 de xullo), que ten por obxecto renovar, integrar e homoxeneizar a distinta normativa legal vixente en materia de hidrocarburos, e dispón, entre outras materias, a ordenación da subministración de gases combustibles por canalización.

• Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

• Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio (DOG núm. 244, do 21 de decembro), que regula o procedemento sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas e, no seu artigo 2 en particular, as competencias das delegacións provinciais (actualmente, departamentos territoriais), dentro do réxime de autorizacións administrativas das canalizacións de gas, agás a normativa derrogada a que se fai referencia nesta orde.

• Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización das instalacións de gas natural (BOE núm. 313, do 31 de decembro).

• Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11 (BOE núm. 211, do 4 de setembro), e, en particular:

– O disposto na ITC-ICG 01 Instalacións de distribución de combustibles gasosos por canalización, que ten como obxecto fixar os requisitos técnicos esenciais, as medidas de seguridade que se deben observar referentes ao proxectado, construción e explotación das instalacións de distribución de combustibles gasosos por canalización a que se refire o artigo 2 do citado real decreto, así como determinar as prescricións relativas ás probas que se deben realizar previamente á posta en marcha e os procedementos de operación, mantemento e control das instalacións.

3. As características máis significativas das instalacións recollidas no proxecto Instalación GN canalizado ao sector S-2 San Pedro de Visma, promovido por Nedgia Galicia, S.A., para as que se está a solicitar o outorgamento da autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución, son:

• Construción dunha nova antena de subministración de gas natural canalizado de 10 metros de lonxitude a unha presión MOP de 4 bar PE DN 200 SDR 17,6 e cunha válvula de conexión DN 200 (1 Ud.), que se instalará no sector S-2 San Pedro de Visma, no termo municipal da Coruña. Orixe da instalación na rede de distribución existente con núm. expediente IN 627B 2004/22-1 e remate na ERM proxectada.

• Estación de regulación e medida á infraestrutura de distribución.

– ERM MOP 4/0,4 Q 2500-D, cun caudal máximo de 2.874 m3(n)/h. Conexión de entrada na antena de subministración PE DN 200 a MOP 4 bar e conexión de saída a rede de distribución con PE DN 200 a MOP 0,4 bar.

• Construción dunha nova rede de gas natural canalizado que se instalará no sector S-2 San Pedro de Visma. Esta rede de distribución vaise executar a unha presión MOP de 0,4 bar e 4.824 metros de lonxitude total. Os puntos de conexión da rede, así como a súa ampliación será de:

– Presión: 0,4 bar.

– Diámetros:

• 345 metros de PE DN 200, SDR 17,6.

• 111 metros de PE DN 160, SDR 17,6.

• 548 metros de PE DN 110, SDR 17,6.

• 3.823 metros de PE DN 90, SDR 17,6.

• Instalación de válvulas de liña (15 Uds).

– DN 200 (1 Ud.).

– DN 160 (1 Ud.).

– DN 110 (3 Ud.).

– DN 90 (10 Ud.).

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

a) Autorizar administrativamente e aprobar o proxecto de execución das instalacións de gas canalizado proxectadas e descritas nos antecedentes, para a súa execución no prazo máximo dun ano desde a publicación desta resolución.

b) A autorización das instalacións concederase baixo as seguintes condicións:

– A aprobación do proxecto de execución solicitada por Nedgia Galicia, S.A. outorgarase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

– Antes do inicio das obras Nedgia Galicia, S.A. poñerá en coñecemento de todas as administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral con bens e dereitos ao seu cargo as respectivas afeccións que se estivesen a xerar coa execución das instalacións para que poidan establecer os condicionados pertinentes. Así mesmo, deberán achegar a designación da razón social da empresa instaladora autorizada de gas que vai realizar as actuacións e o director de obra responsable delas.

– Comunicar a este departamento territorial a data de inicio das obras, acompañada da documentación que acredite que dispoñen das autorizacións/licenzas/conformidades de todos os organismos ou empresas de servizos afectadas (no caso de que algunha empresa non conteste a súa solicitude, acreditarán o envío da información en tempo e forma), ou declaración responsable de ter realizado as solicitudes e dispor, de ser o caso, das citadas autorizacións/licenzas/conformidades.

– A empresa distribuidora vixiará que as canalizacións de gas respecten en todo momento as exixencias dispostas nas autorizacións e/ou informes emitidos por outras administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral e, en particular, naquelas zonas en que no subsolo se encontren instalados outros servizos, tales como electricidade, telecomunicacións, subministración de auga, etc., as conducións do gas serán instaladas de xeito que se cumpran escrupulosamente as distancias de seguridade previstas nas súas respectivas normativas sectoriais.

– De conformidade cos criterios e exixencias previstos na regulamentación vixente, deberanse instalar os elementos de seguridade que sexan necesarios, particularmente válvulas, coidando da súa accesibilidade.

– Se durante a fase de execución das obra se tivesen que adoptar medidas técnicas non recollidas neste proxecto e antes da súa execución, deberase dispoñer do pertinente visto e prace deste departamento territorial.

– Todas as modificación efectuadas na fase de execución deberán ser recollidas na dirección de obra, sempre e cando non superen un 20 % respecto ás instalacións recollidas neste proxecto, e só no que se refire ao cambio de trazado; superado este límite, deberán achegar a correspondente addenda para a súa aprobación por parte deste departamento territorial.

– Todas as ampliacións da rede de distribución de gas natural estarán suxeitas á presentación da correspondente addenda para a súa aprobación por parte deste departamento territorial.

– Este departamento territorial reserva para si o dereito de deixar sen efecto a autorización que se considere procedente emitir, no momento en que se comprobe o incumprimento das condicións regulamentarias ou de calquera das condicións precedentes.

– O prazo de execución das instalacións recollidas neste expediente será dun ano desde a data da notificación desta resolución.

– En cumprimento do artigo 6 da Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio, a empresa distribuidora Nedgia Galicia, S.A. deberá comunicar con antelación a este departamento territorial as datas previstas para a realización das probas regulamentarias.

– Para os efectos da posta en marcha provisional das instalacións, mediante dilixencia deste departamento territorial, presentarase un certificado da empresa distribuidora e da empresa instaladora de superación das probas regulamentarias realizadas baixo a supervisión do director de obra responsable delas, e o seu certificado de dirección de obra.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, nos termos establecidos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións publicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que se consideren pertinente.

A Coruña, 2 de xuño de 2025

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña