O tribunal nomeado pola Resolución do 3 de abril de 2025 (DOG núm. 69, do 9 de abril) para cualificar o proceso selectivo citado, en sesión que tivo lugar o 17 de xuño de 2025,
ACORDOU:
Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, logo de revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo, realizado o 24 de maio de 2025:
Anular as preguntas 60, 78 e 133. O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas número 163, 164 e 167, respectivamente. Así mesmo, acórdase modificar o modelo de corrección de respostas na pregunta número 145, sendo correcta a alternativa a). Desestímanse as restantes reclamacións presentadas ao dito exercicio.
Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, pola Resolución deste tribunal do 7 de maio de 2025, publicáronse os criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio. Este cualificarase de 0 a 50 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 25 puntos.
Asignarase a valoración de 25 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 25 e os 50 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. As persoas aspirantes que non superen o exercicio serán declaradas non aptas.
Terceiro. Unha vez feita a corrección dos exames na sesión do 17 de xuño de 2025, de acordo cos criterios anteriores, acadaron a puntuación mínima de 25 puntos un total 18 aspirantes e fixouse en 68,00 o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións segundo o establecido na base II.1.1.1 da convocatoria, e acordouse publicar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal os resultados obtidos polas persoas aspirantes que se presentaron ao primeiro exercicio.
Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Quinto. De acordo co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2025
Marta Lorenzo Carpente
Presidenta do tribunal
