DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Luns, 7 de xullo de 2025 Páx. 37822

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2024, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, da LAT 220 kV Campelo-Mesón, que transcorre polos termos municipais de Coristanco, Tordoia, Carballo, Cerceda, Ordes e Carral (A Coruña) e promove Greenalia Wind Power Campelo, S.L.U. (expediente IN408A 2018/014).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Greenalia Power, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción da LAT 220 kV Campelo-Mesón, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 10.4.2018, Greenalia Power, S.L.U. (en diante, promotor) presentou, ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (en diante, DXPERN), a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción, declaración de utilidade pública, en concreto, aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e declaración de interese especial, para a infraestrutura de evacuación de enerxía eléctrica denominada LAT 220 kV Campelo-Mesón, á cal se lle asignou o número de expediente IN408A 2018/014.

Esta solicitude veu acompañada da seguinte documentación técnica: estudo de impacto ambiental –EsIA– (datado en abril 2018 e asinado o 10.4.2018), proxecto de execución (datado en abril 2018 e visado o 10.4.2018), proxecto sectorial (datado en abril 2018 e visado o 10.4.2018), relación de bens e dereitos afectados –RBDA– (datada en maio 2018), e separatas técnicas para os organismos afectados (datadas en abril de 2018 e visadas o 10.04.2018: AXI, Augas de Galicia, Deputación Provincial da Coruña, Ministerio de Fomento, Enagás, REE, Telefónica, Unión Fenosa Distribución e Unión Distribuidores Electricidad).

Segundo consta no proxecto de execución, a LAT a 220 kV que unirá a subestación (SE) do parque eólico (PE) Campelo coa SE de Mesón do Vento proxéctase co obxecto de dar evacuación á enerxía producida nos parques eólicos (PPEE) (Campelo, Bustelo e Monte Toural), aínda que para dar capacidade ás instalacións de produción de enerxía, previstas ou que xa teñen solicitude de acceso á SE de Mesón do Vento, deséñase para unha capacidade de transporte maior, presentando as seguintes características básicas: LAT a 220 kV, en simple circuíto dúplex, deseñada para unha potencia máxima de transporte de 568,158 MVA, cunha lonxitude de 38.122 m, que transcorrerá por varios concellos da provincia da Coruña (Coristanco, Tordoia, Carballo, Cerceda, Ordes e Carral) e constará de dous tramos:

– Tramo 1º: en aéreo, con 109 apoios, cunha lonxitude de 36.840 m, coa orixe na SE do PE Campelo e final nas inmediacións do lugar das Travesas, no concello de Mesón do Vento.

– Tramo 2º: en subterráneo, cunha lonxitude de 1.282 m, coa orixe no apoio 109 de paso aéreo-subterráneo (PAS) e final no punto de acceso da SE de Mesón do Vento.

Segundo. O 26.4.2018, o Consello da Xunta, con base no disposto na disposición adicional primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a respecto dos proxectos declarados de interese especial, adoptou o acordo de declarar de interese especial o proxecto da LAT 220 kV Campelo-Mesón, que se fixo público mediante a Resolución do 27.4.2018 da DXPERN (DOG núm. 94, do 18 de maio).

Terceiro. O 25.5.2018, o órgano ambiental, por petición da DXPERN, emitiu informe sobre os organismos que se deben consultar no procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria, en que se relacionan os seguintes: Dirección Xeral (DX) do Patrimonio Cultural, DX Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio (IET), DX Saúde Pública, DX Ordenación Forestal, organismos de bacía afectados e concellos afectados.

Cuarto. O 15.6.2018, a DXPERN trasladou á Xefatura Territorial da Coruña da consellería (en diante, xefatura territorial) o expediente da LAT 220 kV Campelo-Mesón, para os efectos de continuar coa súa tramitación, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a respecto da instrución do procedemento.

Quinto. O 5.7.2018, o promotor, en resposta a un requirimento da xefatura territorial, presentou a seguinte documentación:

– Anexo de lexislación do proxecto de execución (datado en xullo de 2018 e visado o 4.7.2018).

– Declaración responsable do técnico proxectista (asinada o 4.7.2018), segundo o exixido no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

– Unha nova RBDA en substitución da presentada inicialmente (datada en xullo de 2018)

Sexto. O 6.7.2018, a xefatura territorial ditou acordo pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental da LAT 220 kV Campelo-Mesón. En relación con esta información pública, indicar o seguinte:

– Documentación sometida a información pública: Proxecto de execución (abril 2018-visado o 10.4.2018); RBDA (xullo 2018); proxecto sectorial (abril 2018-visado o 10.4.2018); e EsIA (abril 2018-asinado o 10.4.2018).

– O dito acordo publicouse no DOG do 3.8.2018 e no xornal La Voz de Galicia do 30.7.2018.

– O 31.7.2018 déuselles audiencia aos concellos afectados e remitíuselles a documentación sometida a información pública para que fose exposta nos seus taboleiros de anuncios durante o prazo de quince (15) días, que comezarían a contar a partir do día seguinte ao da última publicación do acordo no DOG ou no xornal.

– Durante o mesmo período de tempo estivo exposto o acordo e a documentación no portal web desta consellería, e tamén se realizou a súa exposición pública nas dependencias da xefatura territorial; o EsIA estivo tamén dispoñible nas dependencias da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente.

– O 28.8.2018 efectuáronse as notificacións individuais da solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, aos propietarios que figuran na RBDA publicada.

– No período de información pública tiveron entrada na xefatura territorial alegacións que figuran relacionadas no certificado de información pública da xefatura territorial, emitido con data do 12.11.2021, das cales se deu traslado ao promotor para que presentase a súa contestación ao respecto.

Sétimo. O 31.07.2018 iniciouse o trámite de consultas ás administracións públicas, organismos ou, se é o caso, empresas de servizo público ou de servizo de interese xeral na parte en que a instalación poida afectar bens e dereitos ao seu cargo. Con ese fin solicitáronse informes referentes á documentación achegada.

Durante a tramitación do procedemento, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Carballo, Concello de Carral, Concello de Cerceda, Concello de Coristanco, Concello de Ordes, Concello de Tordoia, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Deputación da Coruña, Enagas, S.A., REE de España, Telefónica, UDESA, Unión Fenosa Distribución.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: 

Augas de Galicia (12.11.2018), Axencia Galega de Infraestruturas (24.8.2018), Concello de Carballo (24.8.2018), Concello de Cerceda (25.7.2018), Concello de Coristanco (21.11.2018), Concello de Ordes (17.8.2018), Concello de Tordoia (30.8.2018), Demarcación de Estradas do Estado en Galicia (21.8.2018), Enagas, S.A. (18.9.2018), REE de España (14.8.2018), UDESA (24.10.2018), Unión Fenosa Distribución (19.10.2018).

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Oitavo. O 7.2.2019 a DXPERN tomou razón do cambio de denominación da sociedade Greenalia Power, S.L.U. a Greenalia Wind Power, S.L.U.

Noveno. Con datas do 12.12.2018, do 11.3.2019, do 25.3.2019 e do 12.4.2019, o promotor presentou unha nova documentación técnica que supón unha modificación do proxecto (1ª modificación) con respecto á documentación sometida a información pública mediante o Acordo da xefatura territorial do 6.7.2018. En relación con esta nova documentación, indicar o seguinte:

– As modificacións realizáronse polas recomendacións dos informes do Concello de Tordoia, Leta Sol, S.L., Concello de Ordes e a Axencia Galega de Infraestructuras (AXI); tamén se desprazaron dous apoios.

– Estas modificacións implicaron unha RBDA de desafectados e produciron os seguintes cambios con respecto ao proxecto anterior:

– Concello de Tordoia. Desprázase a liña cara ao norte modificando a localización dos apoios 54 e 55 para diminuír o impacto sobre a poboación do Pedrouzo.

– Leta Sol, S.L. Desprázase a liña cara ao sur modificando a situación dos apoios 79 e 80 para non pasar por riba dun vertedoiro que se está a promover.

– Concello de Ordes. Sotérrase a liña entre os apoios 103 (102 no proxecto orixinal) e 104 (106 no proxecto orixinal) e cámbiase a súa localización. Intercálase un novo apoio 102.

– AXI. Desprázase o tramo soterrado que discorre paralelo á estrada AC-542 para quedar fóra da súa zona de dominio público e servidume.

– Desprázase a localización do apoio 7 uns 35 m cara ao oeste mantendo a traza.

– Desprázase o apoio 47 cara ao oeste ata o límite do predio en que se sitúa mantendo a traza, para atender a petición dun alegante.

– Segundo consta no proxecto de execución, a LAT presenta cambios nas súas características básicas respecto do proxecto anterior, isto é, deséñase para unha potencia máxima de transporte de 471,571 MVA, terá unha lonxitude de 38.228 m (35.798 m en aéreo, con 107 apoios, e 2.430 m en subterráneo) e constará de catro tramos:

– Tramo 1º: en aéreo (34.988 m desde a SE de PE Campelo ata o apoio 103 de paso aéreo-subterráneo -PAS-).

– Tramo 2º: en subterráneo (1.186 m entre os apoios PAS 103 e 104).

– Tramo 3º: en aéreo (809 m entre os apoios PAS 104 e 107).

– Tramo 4º: en subterráneo (1.244 m dende o apoio PAS 107 ata o punto de acceso á SE de Mesón do Vento).

Décimo. Con datas do 21.2.2019 e do 10.4.2019, o órgano ambiental, por petición da DXPERN, emitiu informe sobre os organismos que se deben consultar no procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria. Segundo estas respostas, cómpre consultar aos seguintes organismos: DX Patrimonio Cultural, DX Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio (IET), DX Saúde Pública, DX Ordenación Forestal, organismos de bacía afectados, DX Emerxencias e Interior e concellos afectados.

Décimo primeiro. O 3.5.2019, a xefatura territorial ditou acordo polo que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental da LAT 220 kV Campelo-Mesón (modificado). En relación con esta información pública, indicar o seguinte:

– Documentación sometida a información pública: proxecto de execución (febreiro 2019-visado o 6.3.2019); RRBDA (marzo 2019); proxecto sectorial (abril 2019-visado o 11.4.2019); e addenda ao EsIA (marzo 2019).

– O dito acordo publicouse no DOG do 28.5.2019 e no xornal La Voz de Galicia do 28.5.2019.

– O 27.5.2019 déuselles audiencia aos concellos afectados e remitíuselles a documentación sometida a información pública para que fose exposta nos seus taboleiros de anuncios durante o prazo de quince (15) días, que comezarían a contar a partir do día seguinte ao da última publicación do Acordo no DOG ou no xornal.

– Durante o mesmo período de tempo estivo exposto o acordo e a documentación no portal web da consellería, e tamén se realizou a súa exposición pública nas dependencias da xefatura territorial; o EsIA estivo tamén dispoñible nas dependencias da Xefatura Territorial da Coruña da consellería competente en materia de medioambiente.

– No período de información pública tiveron entrada na xefatura territorial alegacións que figuran relacionadas no certificado de información pública da xefatura territorial, emitido con data do 12.11.2021, das cales se deu traslado ao promotor para que presentase a súa contestación ao respecto.

Décimo segundo. O 13.5.2019, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Carballo, Concello de Carral, Concello de Cerceda, Concello de Coristanco, Concello de Ordes, Concello de Tordoia, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Deputación da Coruña, Reganosa, REE de España, Telefónica, UDESA, Unión Fenosa Distribución.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos:

Augas de Galicia (13.6.2019), Axencia Galega de Infraestruturas (3.6.2019), Concello de Carballo (8.7.2019), Concello de Cerceda (16.7.2019), Concello de Ordes (12.7.2019), Concello de Tordoia (11.6.2019), Demarcación de Estradas do Estado en Galicia (12.6.2019), Reganosa (20.5.2019), REE de España (6.6.2019).

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Décimo terceiro. Con datas do 28.2.2020, do 12.3.2020 e do 3.8.2020, o promotor presentou unha nova documentación técnica que supón unha modificación do proxecto (2ª modificación) con respecto á documentación sometida a información pública mediante o Acordo da xefatura territorial do 3.5.2019. En relación con esta nova documentación, indicar o seguinte:

– As modificacións realizáronse polas recomendacións do informe emitido polo Concello de Tordoia logo de aprobación do PXOM (en marzo 2019).

– Estas modificacións implicaron unha RBDA de desafectados e produciron os seguintes cambios con respecto ao proxecto anterior:

– Desprázase a traza da liña cara ao sur modificando a localización dos apoios 57, 58 e 59.

– Segundo consta no proxecto de execución, a LAT presenta cambios nas súas características básicas respecto do proxecto anterior, isto é, terá unha lonxitude de 38.574 m (36.144 m en aéreo, con 107 apoios, e 2.430 m en subterráneo), mantendo os catro tramos con variación da lonxitude só do 1º tramo (35.334 m).

Décimo cuarto. O 24.4.2020, o órgano ambiental, por petición da DXPERN, emitiu informe sobre os organismos que se deben consultar no procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria. Segundo este informe, cómpre consultar os mesmos organismos que os indicados para o primeiro modificado.

Décimo quinto. O 19.8.2020, a xefatura territorial ditou acordo polo que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental da LAT 220 kV Campelo-Mesón (2º modificado). En relación con esta información pública, indicar o seguinte:

– Documentación sometida a información pública: proxecto de execución (febreiro 2020-visado o 27.2.2020); RBDA (xullo 2020); proxecto sectorial (febreiro 2020-visado o 27.2.2020); e 2ª addenda ao EsIA (febreiro 2020).

– O dito acordo publicouse no DOG do 27.8.2020 e no xornal La Voz de Galicia do 27.8.2020.

– O 25.8.2020 déuselles audiencia aos concellos afectados e remitíuselles a documentación sometida a información pública para que fose exposta nos seus taboleiros de anuncios durante o prazo de trinta (30) días, que comezarían a contar a partir do día seguinte ao da última publicación do Acordo no DOG ou no xornal.

– Durante o mesmo período de tempo estivo exposto o acordo e a documentación no portal web da consellería, e tamén se realizou a súa exposición pública nas dependencias da xefatura territorial; o EsIA estivo tamén dispoñible nas dependencias da Xefatura Territorial da Coruña da consellería competente en materia de medioambiente.

– No período de información pública tiveron entrada na xefatura territorial alegacións que figuran relacionadas no certificado de información pública desa xefatura territorial, emitido con data do 12.11.2021, das cales se deu traslado ao promotor para que presentase a súa contestación ao respecto.

Décimo sexto. O 2.9.2020, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución aos seguintes organismos e empresas de servizo público: ADIF, Augas de Galicia, Concello de Coristanco, Concello de Tordoia, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Unión Fenosa Distribución, Sogama.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: 

ADIF (9.7.2021, 16.7.2021), Augas de Galicia (7.10.2020), Concello de Coristanco (1.10.2020).

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Décimo sétimo. O 3.6.2021, a xefatura territorial requiriulle ao promotor a presentación da documentación técnica definitiva, logo de ter rematados os trámites de información pública e audiencia e consulta a organismos.

Décimo oitavo. O 14.7.2021, o promotor presentou a seguinte documentación técnica definitiva: proxecto de execución refundido (xullo 2021-asinado o 13.7.2021); e EsIA nun único documento (EsIA+addenda+2ªaddenda).

O 9.9.2021, o promotor presentou un documento explicativo das modificacións realizadas no proxecto de execución refundido respecto do último proxecto de execución publicado. Segundo consta no proxecto de execución definitivo, a LAT presenta as seguintes características básicas:

– LAT a 220 kV, en simple circuíto dúplex, cunha lonxitude total de 38.574 m (36.144 m en aéreo, con 107 apoios, e 2.430 m en subterráneo), que transcorrerá por varios concellos da provincia da Coruña (Coristanco, Tordoia, Carballo, Cerceda, Ordes e Carral) e constará de catro tramos: 1º en aéreo (35.334 m desde a SE de PE Campelo ata o apoio PAS 103), 2º en subterráneo (1.186 m entre os apoios PAS 103 e 104), 3º en aéreo (809 m entre os apoios PAS 104 e 107) e 4º en subterráneo (1.244 m desde o apoio PAS 107 ata o punto de interconexión coa SE de Mesón do Vento).

– Terá por obxecto a evacuación da enerxía eléctrica xerada en varios PPEE, que suman unha potencia de 345,72 MW.

– Potencia máxima de transporte de 475,199 MVA.

Décimo noveno. En cumprimento do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, o 29.10.2021, a xefatura territorial emitiu o informe sobre o proxecto de execución (xullo 2021), relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas, e o 16.11.2021 remitiu o expediente completo á DXPERN, acompañado do informe anterior e dun resumo da tramitación realizada.

Vixésimo. O 19.11.2021, a DXPERN ditou resolución pola que se autorizou a transmisión, a favor de Greenalia Wind Power Campelo, S.L.U. (NIF: B70257944), do expediente IN408A 2018/14 correspondente á LAT 220 kV Campelo-Mesón promovida por Greenalia Wind Power, S.L.U. (NIF: B70501473).

Vixésimo primeiro. O 30.11.2021, a DXPERN ditou resolución pola que se declarou a tramitación de urxencia do procedemento administrativo correspondente á LAT 220 kV Campelo-Mesón (expediente IN408A 2018/14), de acordo co establecido no artigo 44.2 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento de implantación de iniciativas empresarias en Galicia, e no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Vixésimo segundo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, concellos de Carballo, Carral, Cerceda, Coristanco, Ordes, Tordoia.

Formalizada a tramitación ambiental, o 17.6.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 17 de xuño de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 129, do 7.7.2022).

Vixésimo terceiro. Con data do 24.7.2024, Greenalia Wind Power Campelo, S.L.U. presentou acordo vinculante para o uso compartido das instalacións de conexión de evacuación no nó Mesón do Vento 220 kV de acordo co artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación as seguintes

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, o Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro), e polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro).

Segunda. A lexislación de aplicación a este expediente é a seguinte, Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental., Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento de implantación de iniciativas empresarias en Galicia, Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, polo que se establecen medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión, Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental (DOG núm. 32, do 17.02.1997), Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1.2.2017).

Terceira. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

– En relación coas alegacións relativas á titularidade das parcelas afectadas ou á identificación das afeccións (superficie, tipo de afección, limitacións de uso, tipo de cultivo, elementos afectados, identificación sobre o terreo, estaquillado, etc.), indicar que estas cuestións se corresponden co procedemento de declaración de utilidade pública, o cal non é obxecto desta resolución. Non obstante, cómpre indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas e que, no caso de iniciarse o procedemento expropiador, será no acto de levantamento de actas previas á ocupación, ao cal serán oportunamente convocados todos os afectados, cando corresponda formular alegacións e manifestacións ao respecto, así como achegar a documentación que se considere pertinente. Pola súa banda, a respecto dos datos facilitados polos interesados (nome e enderezo) para os efectos de futuras comunicacións dentro do expediente, indicar que se tomou razón deles.

Así mesmo, en relación coas alegacións relativas ao prezo ou valoración económica das afeccións, indicar que, no caso de que non se acaden acordos entre a promotora e os titulares dos bens e dereitos afectados, estas cuestións resolveranse no eventual procedemento expropiador de acordo coa normativa de aplicación.

– En relación coas alegacións de carácter ambiental referentes aos impactos ambientais ou danos sobre a saúde que provocará a instalación da LAT, indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida o 17.6.2022 polo órgano ambiental, na cal se recollen as condicións desde o punto de vista ambiental baixo as que se pode desenvolver o proxecto da LAT, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias. O procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria tramitouse conforme o disposto na normativa de aplicación (Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental), cumprindo a documentación ambiental co exixido na dita normativa. Cómpre indicar que no EsIA se inclúe unha avaliación de efectos sinérxicos coas liñas eléctricas de similares características, tanto instaladas como en execución, coas que existe algún tipo de interactuación.

– En relación coas alegacións relativas ao trámite de información pública ou acceso á documentación técnica, notificacións individuais ou participación da veciñanza, indicar que a tramitación da LAT axustouse ao procedemento legalmente establecido (Lei 8/2009, do 22 de decembro, polo que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o cano eólico e o Fondo de Compensación Ambiental). A documentación técnica púxose á disposición da cidadanía, nos distintos períodos de información pública ao cal foi sometido o proxecto inicial e os dous proxectos posteriores modificados da LAT, nas dependencias das xefaturas territoriais da Coruña do órgano instrutor e do órgano ambiental, nas dependencias dos concellos afectados e no portal de transparencia da consellería do órgano instrutor. Efectuáronse as notificacións individuais, con base nos datos catastrais obtidos e facilitados pola empresa promotora da LAT, aos titulares dos predios que figuran como afectados na RBDA asociada ao proxecto inicial e aos dous proxectos posteriores, e publícase, para aqueles casos en que a notificación non puido ser efectuada, a relación destas persoas no DOG e no BOE, para os efectos da súa notificación. Segundo a lexislación procedimental, a veciñanza ten garantida a súa participación coa apertura dos preceptivos trámites de información pública, nos cales se facilita o seu acceso á documentación técnica e a posibilidade de presentar as alegacións oportunas.

– En relación coas alegacións relativas ao impacto sobre a actividade agropecuaria e a incompatibilidade co solo rústico de especial protección agropecuaria, indicar que a LAT basicamente ocupa un espazo aéreo que non imposibilita o desenvolvemento dunha actividade agrícola nin gandeira, e tampouco resulta incompatible co solo referenciado, posto que no artigo 35 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo e urbanismo de Galicia, regúlanse os usos e actividades admisibles no solo rústico (onde se inclúe o solo rústico de especial protección agropecuaria), entre os que se atopan, entre outros, as instalacións e infraestruturas de produción e transporte de enerxía, sempre que non impliquen a urbanización ou transformación urbanística dos terreos polos que discorren.

– No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico e ás relativas á tramitación do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico), cómpre manifestar que, de acordo co artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, na súa redacción dada pola Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas: «Conforme o establecido no artigo 35.1.m) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e logo da obtención do título habilitante municipal de natureza urbanística, os proxectos de parques eólicos e das súas infraestruturas de evacuación poderán implantarse en calquera categoría de solo rústico, ao non implicar a urbanización ou transformación urbanística dos terreos, sen que sexa necesaria a aprobación dun proxecto de interese autonómico regulado pola lexislación de ordenación do territorio».

– En relación coas alegacións relativas á proximidade da LAT con vivendas, indicar que a LAT cumpre coas distancias mínimas exixidas a este respecto na lexislación de aplicación.

– En relación coas alegacións referentes á falta de xustificación da utilidade pública da LAT, indicar que o artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que se declaran de utilidade pública as instalacións eléctricas, entre outras, de xeración, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso. Para o recoñecemento en concreto desta utilidade pública, o promotor actuou conforme o disposto no seu artigo 55, presentando a correspondente solicitude, acompañada do proxecto de execución da instalación e unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que considera de necesaria expropiación, axustada ao exixido na normativa de aplicación.

– En relación coas alegacións referentes á necesidade de tramitar como un único proxecto a LAT de evacuación e os PPEE (Campelo, Bustelo e Monte Toural promovidos por Greenalia), indicar que a LAT non só vai evacuar os 3 PPEE indicados senón que, como consta no proxecto, evacuará outros PPEE, de Greenalia e doutros promotores.

En canto aos PPEE que evacuará a LAT, independente e individualmente considerados, reúnen todos e cada un dos requisitos establecidos na definición de parque eólico recollida no artigo 2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro (instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos y control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria).

En calquera caso, os estudos de impacto ambiental da LAT de evacuación e dos distintos PPEE que evacuará inclúen os preceptivos estudos de efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros PPEE e liñas eléctricas situadas na súa contorna, en cumprimento do exixido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, de tal xeito, que na avaliación ambiental de cada un deles pódese ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas eléctricas.

– En relación coas alegacións referentes á necesidade de inclusión da LAT Campelo-Mesón na planificación eléctrica, indicar que o artigo 4.4 da Lei 21/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece a necesidade de incluír na planificación eléctrica os plans de desenvolvemento da rede de transporte (liñas de transporte e subestacións previstas) que deberán abranguer períodos de seis anos. A LAT que nos ocupa é unha infraestrutura de evacuación de diversos PPEE e, como tal, forma parte destas instalacións de produción de enerxía eléctrica, rematando coa súa conexión coa rede de transporte ou distribución. Polo tanto, non se trata dunha liña de transporte de enerxía eléctrica e, en consecuencia, non debe nin pode incluírse nos referidos plans de desenvolvemento da rede de transporte de enerxía eléctrica.

– En relación coas alegacións en que se solicita a revogación da declaración de interese especial desta LAT, indicar que esta declaración, que foi adoptada de conformidade co disposto na disposición adicional primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, xa produciu os seu efectos, consistentes na tramitación de forma prioritaria e con carácter de urxencia e a redución á metade dos prazos necesarios na instrución do procedemento da autorización administrativa previa e de construción, así como dos prazos na instrución do procedemento de avaliación ambiental e na tramitación do proxecto sectorial.

– Segundo o promotor estudáronse varias alternativas posibles para o trazado da LAT, co fin de elixir a que tivera una maior integración ambiental, coincidindo todas as alternativas estudadas en dous puntos, o punto inicial (PE Campelo, situado no municipio de Coristanco) e o punto final (subestación Mesón do Vento, no municipio de Carral), e decantándose por aquela coas menores afeccións ambientais. Así mesmo, o promotor manifesta que se valoraron inicialmente as opcións de conexión directa ou desdobramento dunha das liñas eléctricas existentes na zona, non obstante, estas opcións foron descartadas por REE (propietaria da liña eléctrica máis próxima: LAT 220 kV Mesón do Vento - Regoelle), quen non permitiu tales opcións, fixando directamente o punto de conexión na subestación de Mesón do Vento. Posteriormente, sendo coñecedores da existencia doutros promotores de enerxía eólica con punto de acceso e conexión concedido na subestación de Mesón do Vento, para parques eólicos situados nas proximidades, o promotor optou por consensuar unha LAT con capacidade suficiente para a evacuación conxunta, evitando deste xeito a instalación futura de máis liñas eléctricas.

En canto os parque eólicos para evacuar e ao sobredimensionamento da LAT: no proxecto de execución detállase que a LAT ten por obxecto a evacuación da enerxía eléctrica de diversos parques eólicos totalizando unha potencia de 345,72 MW, co que segundo manifesta o proxectista, queda xustificada a necesidade de evacuación considerada no dimensionamento da liña.

– En relación coas afeccións do proxecto a un vertedoiro proxectado no concello de Ordes, indicar que as localizacións dos apoios 79 e 80 foron obxecto de modificación para que a LAT non pase por riba do dito vertedoiro.

– Polo que respecta ao trazado definitivo proxectado da liña eléctrica e das variantes pretendidas, hai que ter en conta o disposto na epígrafe 1.5.1 (requisitos básicos) da ITC-LAT 07 «Liñas aéreas con condutores espidos» do Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión (Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09): «[...] as liñas eléctricas aéreas estudaranse seguindo o trazado que considere o autor do proxecto, no seu intento de lograr a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose en todo caso ás prescricións que nesta instrución se establecen [...]» . Por outra banda, a non aceptación das pretensións de modificación baséanse en que esta provocaría afección a novos predios ou a modificación das afeccións a predios incluídos na RBDA, ao non estar acreditada a conformidade dos afectados.

Cuarta. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións da LAT 220 kV PE Campelo-SET Mesón, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 17.6.2022.

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu:

«Formular a declaración de impacto ambiental do proxecto da LAT 220 kV PE Campelo-SET Mesón considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA.

Ademais do obrigado cumprimento das condicións sinaladas, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental poderá ditar, do xeito que proceda, os condicionados adicionais que resulten oportunos.

Consonte o disposto no artigo 52 da dita Lei 21/2013, correspóndelle ao órgano substantivo o seguimento e vixilancia do cumprimento da declaración de impacto ambiental.

Esta declaración de impacto ambiental farase pública a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e se lle remitirá ao órgano substantivo para os efectos que correspondan no marco do procedemento de autorización administrativa das instalacións.

Así mesmo, non exime o promotor de obter calquera outra autorización, licenza, permiso ou informe que sexa necesario para a execución e/ou funcionamento do proxecto.

O órgano substantivo deberá notificar a esta dirección xeral calquera cambio de titularidade que se produza na instalación.

De acordo co artigo 41.4 da Lei de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan na vía administrativa e xudicial fronte o acto polo que se autoriza o proxecto».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións da LAT 220 kV PE Campelo-SET Mesón.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1 Protección da atmosfera.

4.2.2 Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3 Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4 Xestión de residuos.

4.2.5 Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6 Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

Quinta. Debe terse en conta que no presente caso a solicitude de autorización da infraestrutura de evacuación de enerxía eléctrica que nos ocupa tramítase e autorízase de forma autónoma ou separada, e non conxuntamente coa solicitude de autorización dun parque eólico, como permite a lexislación estatal e autonómica aplicable. Esta posibilidade de tramitación independente do proxecto está recollida, en particular, na disposición adicional novena da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (introducida polo artigo 39.12 da Lei 10/2023, do 28 de decembro). Así, esta norma establece que «non afectará a autonomía e a independencia dos parques e a súa posible tramitación e autorización independente a posible tramitación e autorización separada dos proxectos relativos ás súas instalacións de conexión».

Como se expresou nos antecedentes de feito, esta infraestrutura proxéctase inicialmente co obxecto de dar evacuación á enerxía producida nos parques eólicos (PPEE) Campelo, Bustelo e Monte Toural, aínda que para dar capacidade ás instalacións de produción de enerxía, previstas ou que xa teñen solicitude de acceso á SE de Mesón do Vento, deséñase para unha capacidade de transporte maior, tendo por obxecto finalmente a evacuación da enerxía eléctrica xerada en varios PPEE, que suman unha potencia de 345,72 MW, tal e como se describe no proxecto técnico definitivo.

Esta autorización tramítase e outórgase, por tanto, de acordo coa propia solicitude do promotor (que non optou pola tramitación conxunta como permite a Lei 8/2009), de forma autónoma e independente da situación xurídica en que se encontran os parques eólicos citados, que como lle consta ao promotor, pese a que están autorizados pola Administración autonómica, encóntranse nunha situación contenciosa e se ven afectados por distintas medidas cautelares de suspensión e sentencias aínda non firmes. Polo tanto, esta tramitación e autorización independente debe entenderse, non obstante, sen prexuízo de que, naturalmente, deberá estarse ao resultado dos correspondentes procedementos xudiciais pendentes, dado que, en último termo, a utilización e utilidade práctica desta infraestrutura de evacuación dependerá da confirmación e validez das autorizacións das instalacións de xeración indicadas ás cales debe dar servizo, sen prexuízo de que poida vir determinada tamén por outros proxectos tamén autorizados ou en tramitación que poden utilizar a súa capacidade.

En definitiva, esta autorización outórgase atendendo a situación actual, e baixo o presuposto da utilidade da infraestrutura para a evacuación da electricidade derivada dos proxectos de instalacións de xeración cos que aparece relacionada e que contan con ela para a referida evacuación, xa sexa os indicados no proxecto ou outros que así o fagan, o que se fai constar, en último termo, en relación co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro e na condición recollida no número 11 desta resolución.

De conformidade con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de evacuación de enerxía eléctrica denominada LAT 220 kV Campelo-Mesón, que transcorre polos concellos de Coristanco, Tordoia, Carballo, Cerceda, Ordes e Carral (A Coruña) e promove Greenalia Wind Power Campelo, S.L.U.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura eléctrica, asinado o 13.7.2021 polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares, colexiado nº 1.102 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, e en que figura un orzamento total de 12.086.065,65 €.

Características:

– Número de expediente asignado: IN408A 2018/014.

– Solicitante/promotor: Greenalia Wind Power, S.L.U.

– Enderezo social: praza María Pita, nº 10, andar 1, 15001 A Coruña.

– Denominación da instalación: LAT 220 kV Campelo-Mesón.

– Denominación do proxecto de execución: proxecto de execución.

– Refundido LAT 220 kV Campelo-Mesón (xullo 2021).

– Orzamento: 10.156.357,69 €.

– Tipo de instalación: instalación conexión de 220 kV.

Descrición do trazado:

A liña ten un total de 38.574 m, discorre entre a subestación do parque eólico de Campelo (IN661A 2011/016) e a subestación de transporte de Mesón do Vento, polos concellos de Coristanco, Tordoia, Carballo, Cerceda, Ordes e Carral.

– Consta dun primeiro tramo aéreo 35.334 m que parte do van destensado instalado entre o pórtico de 220 kV da subestación de Campelo e o apoio 1 da liña e finalizará no apoio 103 de tipo paso aéreo a soterrado.

– A seguir vén un tramo soterrado de 1.186 m entre o paso aéreo soterrado do apoio 103 e o paso aéreo soterrado do apoio 104, que discorre polo centro de estradas pertencentes ao concello de Ordes e ao norte da localidade de Mesón do Vento.

– Un segundo tramo aéreo de 809 m partirá do apoio 104 e finalizará no apoio 107, sendo ambos apoios de tipo paso aéreo-soterrado.

– Por último, un tramo soterrado de 1.244 m partirá do paso aéreo-soterrado do apoio 107 ata a subestación de transporte de Mesón do Vento, discorrendo paralela á estrada AC-542 sen invadir a zona de servidume da carreteira.

De seguido indícanse as coordenadas UTM ETRS-89 fuso 29 dalgúns dos apoios máis representativos da liña:

Apoio nº

X

Y

1

519.317,44

4.774.624,53

13

522.595,61

4.772.991,86

20

525.563,16

4.773.002,55

25

527.603,68

4.772.112,93

34

530.615,57

4.773.352,42

39

532.039,79

4.772.942,77

45

533.974,07

4.773.813,65

54

536.744,73

4.774.165,63

55

537.000,21

4.774.065,68

58

538.006,00

4.773.537,00

66

540.226,55

4.774.149,72

69

541.060,50

4.773.852,60

73

542.349,03

4.773.734,01

79

543.856,69

4.774.831,64

88

546.780,64

4.774.520,19

95

548.362,30

4.776.824,37

103

549.904,34

4.778.152,69

104

550.862,00

4.778.458,00

105

551.016,02

4.778.621,63

107

551.598,73

4.778.670,41

Descrición técnica da instalación:

LAT a 220 kV simple circuíto de 38.574 m, coa seguinte configuración técnica:

– LAT a 220 kV simple circuíto dúplex, de 35.334 m, condutor tipo LA-455 Al, coa orixe no pórtico da SET do parque eólico de Campelo proxectada (IN661A 2011/16), e remate no paso A/S do apoio nº 103 proxectado. Os apoios proxectados son do tipo celosía de aceiro.

– LATS a 220 kV, de 1.186 m, condutor tipo RHZ1-RA+2OL (AS) 127/220 2×(1×630) Al, coa orixe no PA/S do apoio nº 103 proxectado e final no paso A/S do apoio nº 104 proxectado. Conexión equipotencial das terras en ambos os dous extremos en condutor tipo RV 0,6/1 kV 1×Cu185 mm².

– LAT a 220 kV simple circuíto dúplex, de 809 m, condutor tipo LA-455 Al, coa orixe no paso A/S do apoio nº 104 proxectada, e final no paso A/S do apoio nº 107 proxectado. Os apoios proxectados son do tipo celosía de aceiro.

– LATS a 220 kV, de 1.244 m, condutor tipo RHZ1-RA+2OL (AS) 127/220 2×(1×630) Al, coa orixe no PA/S do apoio nº 107 proxectado e final na posición prevista na SET Mesón do Vento de transporte. Conexión equipotencial das terras en ambos

Esta resolución axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. En cumprimento do disposto na declaración de impacto ambiental da LAT 220 kV Campelo-Mesón, de conformidade co disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, fíxase en 177.735 € a contía do aval (dos cales 76.172 € corresponden á fase de obras e 101.563 € á fase de desmantelamento e abandono da liña eléctrica), que deberá constituír o promotor para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do seu custo de restauración.

O promotor deberá depositar este aval, con carácter previo ao inicio das obras, na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e devolverase cando desaparezan as causas que motivaron a súa constitución, de conformidade co disposto no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro.

2. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado LAT 220 kV Campelo-Mesón, asinado o 13.7.2021 polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares, colexiado nº 1.102 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, e en que figura un orzamento total de 12.086.065,65 €.

3. En relación co restablecido no informe técnico do 29.10.2021 recollido no antecedente de feito décimo noveno, no cal se sinalan posibles servidumes sobre as parcelas 493-5 e 861, o promotor deberá tramitar unha modificación do trazado previo autorización da declaración de utilidade pública para cumprir co artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

4. O promotor asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Con carácter previo á comunicación do inicio de obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral, para a configuración definitiva do proxecto, a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

7. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 17.6.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

8. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático; non obstante, o departamento territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

9. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

10. O promotor disporá dun prazo de 3 anos, contado a partir da presente resolución, para solicitar a autorización de explotación da referida infraestrutura eléctrica, de conformidade co establecido no artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

A solicitude de autorización de explotación deberá acompañarse dun certificado de final de obra, subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a infraestrutura eléctrica se realizou conforme as especificacións contidas nesta resolución e no proxecto de execución autorizado, así como nas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, e deberá presentarse ante a xefatura territorial, que será a encargada de emitila logo das comprobacións técnicas que considere oportunas, de conformidade co disposto no artigo 35 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións.

11. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

12. Esta resolución adóptase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Con carácter previo á comunicación de inicio de obras o promotor deberá acreditar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático que conta cos títulos habilitantes municipais de natureza urbanística, dos terreos de implantación das instalacións recollidas na presente resolución, de acordo co artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio ambiente e Cambio climático no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015 do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2024

Paula Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático