DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Luns, 7 de xullo de 2025 Páx. 37846

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO do 5 de agosto de 2024 da Resolución do 24 de xullo de 2024, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, da LAT 220 kV Campelo-Mesón, que transcorre polos concellos de Coristanco, Tordoia, Carballo, Cerceda, Ordes e Carral (A Coruña) e promove Greenalia Wind Power Campelo, S.L.U. (expediente IN408A 2018/014).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 24 de xullo de 2024, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, da LAT 220 kV Campelo-Mesón, que transcorre polos concellos de Coristanco, Tordoia, Carballo, Cerceda, Ordes e Carral (A Coruña) e promove Greenalia Wind Power Campelo, S.L.U. (expediente IN408A 2018/014).

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan.

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de evacuación de enerxía eléctrica denominada LAT 220 kV Campelo-Mesón, que transcorre polos concellos de Coristanco, Tordoia, Carballo, Cerceda, Ordes e Carral (A Coruña) e promove Greenalia Wind Power Campelo, S.L.U.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura eléctrica, asinado o 13.7.2021 polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares, colexiado nº 1.102 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, e en que figura un orzamento total de 12.086.065,65 €.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. En cumprimento do disposto na declaración de impacto ambiental da LAT 220 kV Campelo-Mesón, de conformidade co disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, fíxase en 177.735 € a contía do aval (dos cales 76.172 € corresponden á fase de obras e 101.563 € á fase de desmantelamento e abandono da liña eléctrica), que deberá constituír o promotor para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do seu custo de restauración.

O promotor deberá depositar este aval, con carácter previo ao inicio das obras, na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e devolverase cando desaparezan as causas que motivaron a súa constitución, de conformidade co disposto no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro.

2. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado LAT 220 kV Campelo-Mesón, asinado o 13.7.2021 polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares, colexiado nº 1.102 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, e en que figura un orzamento total de 12.086.065,65 €.

3. En relación co restablecido no informe técnico do 29.10.2021 recollido no antecedente de feito décimo noveno, en que se sinalan posibles servidumes sobre as parcelas 493-5 e 861, o promotor deberá tramitar unha modificación do trazado previo autorización da declaración de utilidade pública para cumprir co artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

4. O promotor asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Con carácter previo á comunicación do inicio de obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral, para a configuración definitiva do proxecto, a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

7. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 17.6.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

8. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático; non obstante, o departamento territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

9. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

10. O promotor disporá dun prazo de 3 anos, contado a partir desta resolución, para solicitar a autorización de explotación da referida infraestrutura eléctrica, de conformidade co establecido no artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

A solicitude de autorización de explotación deberá acompañarse dun certificado de final de obra, subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a infraestrutura eléctrica se realizou conforme as especificacións contidas nesta resolución e no proxecto de execución autorizado, así como nas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, e deberá presentarse ante a xefatura territorial, que será a encargada de emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas, de conformidade co disposto no artigo 35 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións.

11. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

12. Esta resolución adóptase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Con carácter previo á comunicación de inicio de obras o promotor deberá acreditar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático que conta cos títulos habilitantes municipais de natureza urbanística, dos terreos de implantación das instalacións recollidas nesta resolución, de acordo co artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución.

Primeiro. O 10.4.2018, Greenalia Power, S.L.U. (en diante, promotor) presentou, ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (en diante, DXPERN), a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción, declaración de utilidade pública, en concreto, aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e declaración de interese especial, para a infraestrutura de evacuación de enerxía eléctrica denominada LAT 220 kV Campelo-Mesón, á cal se lle asignou o número de expediente IN408A 2018/014.

Segundo consta no proxecto de execución, a LAT a 220 kV que unirá a subestación (SE) do parque eólico (PE) Campelo coa SE de Mesón do Vento proxéctase co obxecto de dar evacuación á enerxía producida nos parques eólicos (PPEE) (Campelo, Bustelo e Monte Toural), aínda que para dar capacidade ás instalacións de produción de enerxía, previstas ou que xa teñen solicitude de acceso á SE de Mesón do Vento, deséñase para unha capacidade de transporte maior, presentando as seguintes características básicas: LAT a 220 kV, en simple circuíto dúplex, deseñada para unha potencia máxima de transporte de 568,158 MVA, cunha lonxitude de 38.122 m, que transcorrerá por varios concellos da provincia da Coruña (Coristanco, Tordoia, Carballo, Cerceda, Ordes e Carral) e constará de dous tramos.

Segundo. O 26.4.2018, o Consello da Xunta, con base no disposto na disposición adicional primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a respecto dos proxectos declarados de interese especial, adoptou o acordo de declarar de interese especial o proxecto da LAT 220 kV Campelo-Mesón, que se fixo público mediante a Resolución do 27.4.2018 da DXPERN (DOG núm. 94, do 18 de maio).

Terceiro. O 25.5.2018, o órgano ambiental, por petición da DXPERN, emitiu informe sobre os organismos que se deben consultar no procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria, en que se relacionan os seguintes: Dirección Xeral (DX) de Patrimonio Cultural, DX de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio (IET), DX de Saúde Pública, DX de Ordenación Forestal, organismos de bacía afectados e concellos afectados.

Cuarto. O 15.6.2018, a DXPERN trasladou á Xefatura Territorial da Coruña da consellería (en diante, xefatura territorial) o expediente da LAT 220 kV Campelo-Mesón, para os efectos de continuar coa súa tramitación, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a respecto da instrución do procedemento.

Quinto. O 5.7.2018, o promotor, en resposta a un requirimento da xefatura territorial, presentou a seguinte documentación:

– Anexo de lexislación do proxecto de execución (datado en xullo de 2018 e visado o 4.7.2018).

– Declaración responsable do técnico proxectista (asinada o 4.7.2018), segundo o exixido no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

– Unha nova RBDA en substitución da presentada inicialmente (datada en xullo de 2018).

Sexto. O 6.7.2018, a xefatura territorial ditou acordo pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental da LAT 220 kV Campelo-Mesón.

O dito acordo publicouse no DOG do 3.8.2018 e no xornal La Voz de Galicia do 30.7.2018. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados de Carballo, Carral, Cerceda, Coristanco, Ordes, Tordoia (A Coruña) durante o prazo de quince (15) días, e permaneceu exposto o acordo e a documentación no portal web desta consellería, e tamén se realizou a súa exposición pública nas dependencias da xefatura territorial; o EsIA estivo tamén dispoñible nas dependencias da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente.

Durante o procedemento de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

Sétimo. O 31.7.2018 iniciouse o trámite de consultas ás administracións públicas, organismos ou, se é o caso, empresas de servizo público ou de servizo de interese xeral na parte en que a instalación poida afectar bens e dereitos ao seu cargo. Con ese fin solicitáronse informes referentes á documentación achegada.

Durante a tramitación do procedemento, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Carballo, Concello de Carral, Concello de Cerceda, Concello de Coristanco, Concello de Ordes, Concello de Tordoia, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Deputación da Coruña, Enagas, S.A., REE de España, Telefónica, UDESA, Unión Fenosa Distribución.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Oitavo. O 7.2.2019, a DXPERN tomou razón do cambio de denominación da sociedade Greenalia Power, S.L.U. a Greenalia Wind Power, S.L.U.

Noveno. Con datas do 12.12.2018, do 11.3.2019, do 25.3.2019 e do 12.4.2019, o promotor presentou unha nova documentación técnica que supón unha modificación do proxecto (1ª modificación) con respecto á documentación sometida a información pública mediante o Acordo da xefatura territorial do 6.7.2018. En relación con esta nova documentación, indicar o seguinte:

– As modificacións realizáronse polas recomendacións dos informes do Concello de Tordoia, Leta Sol, S.L., Concello de Ordes e a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI); tamén se desprazaron dous apoios.

– Estas modificacións implicaron unha RBDA de desafectados e produciron determinados cambios con respecto ao proxecto anterior.

– Segundo consta no proxecto de execución, a LAT presenta cambios nas súas características básicas respecto do proxecto anterior.

Décimo. Con datas do 21.2.2019 e do 10.4.2019, o órgano ambiental, por petición da DXPERN, emitiu informe sobre os organismos que se deben consultar no procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria.

Décimo primeiro. O 3.5.2019, a xefatura territorial ditou acordo polo que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental da LAT 220 kV Campelo-Mesón (modificado).

O dito acordo publicouse no DOG do 28.5.2019 e no xornal La Voz de Galicia do 28.5.2019. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados durante o prazo de quince (15) días, e permaneceu exposto o acordo e a documentación no portal web desta consellería, e tamén se realizou a súa exposición pública nas dependencias da xefatura territorial; o EsIA estivo tamén dispoñible nas dependencias da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente.

Durante o procedemento de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

Décimo segundo. O 13.5.2019, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Carballo, Concello de Carral, Concello de Cerceda, Concello de Coristanco, Concello de Ordes, Concello de Tordoia, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Deputación da Coruña, Reganosa, REE de España, Telefónica, UDESA, Unión Fenosa Distribución.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Décimo terceiro. Con datas do 28.2.2020, do 12.3.2020 e do 3.8.2020, o promotor presentou unha nova documentación técnica que supón unha modificación do proxecto (2ª modificación) con respecto á documentación sometida a información pública mediante o Acordo da xefatura territorial do 3.5.2019.

En relación con esta nova documentación, indicar o seguinte:

– As modificacións realizáronse polas recomendacións do informe emitido polo Concello de Tordoia logo da aprobación do PXOM (en marzo 2019).

– Estas modificacións implicaron unha RBDA de desafectados e produciron determinados cambios con respecto ao proxecto anterior.

– Segundo consta no proxecto de execución, a LAT presenta cambios nas súas características básicas respecto do proxecto anterior.

Décimo cuarto. O 24.4.2020, o órgano ambiental, por petición da DXPERN, emitiu informe sobre os organismos que se deben consultar no procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria. Segundo este informe, cómpre consultar aos mesmos organismos que os indicados para o primeiro modificado.

Décimo quinto. O 19.8.2020, a xefatura territorial ditou acordo polo que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental da LAT 220 kV Campelo-Mesón (2º modificado).

O dito acordo publicouse no DOG do 27.8.2020 e no xornal La Voz de Galicia do 27.8.2020. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados, durante o prazo de trinta (30) días, e permaneceu exposto o acordo e a documentación no portal web desta consellería, e tamén se realizou a súa exposición pública nas dependencias da xefatura territorial; o EsIA estivo tamén dispoñible nas dependencias da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente.

Durante o procedemento de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

Décimo sexto. O 2.9.2020, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución aos seguintes organismos e empresas de servizo público: ADIF, Augas de Galicia, Concello de Coristanco, Concello de Tordoia, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Unión Fenosa distribución, Sogama.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Décimo sétimo. O 3.6.2021, a xefatura territorial requiriulle ao promotor a presentación da documentación técnica definitiva, logo de ter rematados os trámites de información pública e audiencia e consulta a organismos.

Décimo oitavo. O 14.7.2021, o promotor presentou a seguinte documentación técnica definitiva: proxecto de execución refundido (xullo 2021-asinado o 13.7.2021); e EsIA nun único documento (EsIA+addenda+2ª addenda).

O 9.9.2021, o promotor presentou un documento explicativo das modificacións realizadas no proxecto de execución refundido respecto do último proxecto de execución publicado.

Décimo noveno. En cumprimento do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, o 29.10.2021 a xefatura territorial emitiu o informe sobre o proxecto de execución (xullo 2021), relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas, e o 16.11.2021 remitiu o expediente completo á DXPERN, acompañado do informe anterior e dun resumo da tramitación realizada.

Vixésimo. O 19.11.2021, a DXPERN ditou resolución pola que se autorizou a transmisión, a favor de Greenalia Wind Power Campelo, S.L.U. (NIF: B70257944), do expediente IN408A 2018/14 correspondente á LAT 220 kV Campelo-Mesón promovida por Greenalia Wind Power, S.L.U. (NIF: B70501473).

Vixésimo primeiro. O 30.11.2021, a DXPERN ditou resolución pola que se declarou a tramitación de urxencia do procedemento administrativo correspondente á LAT 220 kV Campelo-Mesón (expediente IN408A 2018/14), de acordo co establecido no artigo 44.2 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, e no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Vixésimo segundo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concellos de Carballo, Carral, Cerceda, Coristanco, Ordes, Tordoia.

Formalizada a tramitación ambiental, o 17.6.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 17 de xuño de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 129, do 7.7.2022).

Vixésimo terceiro. Con data do 24.7.2024, Greenalia Wind Power Campelo, S.L.U. presentou acordo vinculante para o uso compartido das instalacións de conexión de evacuación no nó Mesón do Vento 220 kV de acordo co artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2024

Paula Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático