Mediante a Resolución do 14 de decembro de 2023 (DOG núm. 241, do 21 de decembro) regulouse o procedemento para a elaboración dunha bolsa de persoas formadoras colaboradoras para impartiren obradoiros fóra de Galicia.
O artigo 14 da dita resolución establece que o procedemento para formar parte da bolsa de persoas formadoras colaboradoras para impartiren obradoiros fóra de Galicia se abrirá unha vez ao ano. Para iso, no primeiro semestre de cada ano a Secretaría Xeral da Emigración publicará na páxina web https://emigracion.xunta.es a correspondente convocatoria.
En cumprimento do disposto anteriormente e co obxecto de que as persoas interesadas poidan presentar a súa candidatura e acreditar os requisitos previstos, esta secretaría xeral
RESOLVE:
Artigo 1. Obxecto e prazos
1. Esta resolución ten por obxecto a convocatoria e a apertura do prazo para presentar as solicitudes para formar parte da bolsa de persoas formadoras colaboradoras para impartiren obradoiros fóra de Galicia.
2. O procedemento para a elaboración da bolsa de persoas formadoras colaboradoras para impartiren obradoiros fóra de Galicia atópase recollido na Resolución do 14 de decembro de 2023 pola que se regula o procedemento para a elaboración dunha bolsa de persoas formadoras colaboradoras para impartiren obradoiros fóra de Galicia, publicada no DOG núm. 241, do 21 de decembro.
3. Habilitar un prazo de 15 días hábiles contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para a presentación de candidaturas nunha ou varias actividades das relacionadas a continuación:
a) Artesanía e folclore tradicional galego: baile, gaita, percusión, pandeireta, canto, outros instrumentos novos do folclore galego (frauta, requintas...), confección de traxes tradicionais e encaixe.
b) Cociña galega.
Artigo 2. Forma e lugar de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires (Arxentina) e en Montevideo (Uruguai).
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A presentación da solicitude de inscrición implicará a aceptación íntegra do establecido na Resolución do 14 de decembro de 2023.
Artigo 3. Acreditación de requisitos
Os requisitos para cada unha das materias previstas e o procedemento para acreditalos son os establecidos no artigo 4 da Resolución do 14 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración.
Non se terán en conta os méritos que non se presenten conforme o establecido no dito procedemento.
Artigo 4. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Curriculum vitae asinado comprensivo dos méritos alegados (anexo II).
b) Documentación acreditativa dos méritos alegados:
b.1) Titulacións oficiais relacionadas coa/s materia/s para que se presenta a candidatura: certificación académica ou título ou, se é o caso, resgardo do pagamento dos dereitos de expedición.
b.2) Cursos e outras actividades de formación, superados ou impartidos, relacionados coa/s materia/s para que se presenta a candidatura: certificado expedido pola entidade organizadora en que conste de modo expreso o número de horas de duración da actividade. No suposto de cursos e actividades organizados pola Secretaría Xeral da Emigración non será precisa a acreditación documental e é suficiente con indicar esta circunstancia e o ano e nome do curso ou actividade na epígrafe correspondente do currículo presentado (anexo II).
b.3) Experiencia profesional na/s materia/s para que se presenta a candidatura: certificación da entidade ou organización onde se desenvolvese en que conste expresamente a especialidade e o período ou calquera outra documentación que dea fe da experiencia alegada (discografía, publicacións etc.).
b.4) Actividade profesional por conta propia na/s materia/s para que se presenta a candidatura: certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social dos períodos de alta na Seguridade Social e da epígrafe do IAE e declaración responsable sobre a actividade desenvolvida.
b.5) Experiencia docente na/s materia/s para que se presenta a candidatura: certificación da persoa responsable da organización ou entidade en que debe constar expresamente o período e a especialidade impartida.
2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires (Arxentina) e en Montevideo (Uruguai).
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Artigo 5. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá as persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 6. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos contidos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante ou representante.
b) Consulta da inexistencia de antecedentes penais por delitos sexuais da persoa solicitante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 7. Procedemento para a inclusión na bolsa
O procedemento para a inclusión na bolsa será o previsto na Resolución do 14 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración.
As persoas formadoras que figuren na bolsa elaborada ao abeiro da Resolución do 14 de decembro de 2023 serán inscritas de oficio nas listas resultantes desta resolución, polo que non será necesario que presenten unha nova solicitude de inscrición. Non obstante, poderán actualizar o seu currículo mediante a presentación dun novo documento asinado comprensivo de todos os méritos xunto coa documentación acreditativa dos que se alegan por primeira vez.
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2025
Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración
