Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Val de María, pertencente á CMVMC Candosa e As Antas, no concello do Irixo, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O día 26.2.2019, a CMVMC Candosa e As Antas presentou unha solicitude (Rexel núm. 2019/411592) de revisión de esbozo do MVMC Val de María, no concello do Irixo.
Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:
– Certificación do acordo da asemblea xeral do 6.12.2018.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 19 de marzo de 2025 en relación coa citada solicitude. Despois da revisión de esbozo, o MVMC Maior queda formado por unha única parcela con encravados de predios particulares que se corresponden coas seguintes parcelas do polígono 83: 785, 783, 775, 774 e as comprendidas, con numeración consecutiva, entre a parcela núm. 8 e a 686 (ambas incluídas).
A superficie total aproximada do monte veciñal Val de María sería de 566 ha.
Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión de esbozo do MVMC Val de María.
Consideración legal e técnica:
Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 19 de marzo de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade, o día 2 de xuño de 2025:
Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Val de María, pertencente á CMVMC Candosa e As Antas, no concello do Irixo.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 20 de xuño de 2025
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
