A presente orde, pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento TR301K para o período 2025-2027, ten por obxecto concretar os criterios que rexerán a concesión de axudas para o financiamento e execución de accións formativas dos graos A, B e C do Sistema de formación profesional dirixidas á cualificación profesional das persoas traballadoras desempregadas.
Ao abeiro das bases reguladoras establecidas na presente orde aprobaranse, de ser o caso, as sucesivas convocatorias para o período indicado.
A Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, estableceu un novo marco normativo que ten por obxectivo a constitución e ordenación dun sistema único e integrado de formación profesional.
A súa finalidade é regular un réxime de formación e acompañamento que sexa capaz de responder con flexibilidade aos intereses, expectativas e aspiracións de cualificación profesional das persoas ao longo da súa vida e ás competencias demandadas polas novas necesidades produtivas e sectoriais, tanto para o aumento da produtividade como para a xeración de emprego.
Para estes efectos, a lei orgánica establece que as ofertas de formación profesional deberán cubrir as necesidades de cualificación de, entre outros colectivos, as persoas desempregadas que necesiten adquirir, ampliar ou actualizar competencias profesionais identificadas no mercado de traballo que lles permitan a incorporación ou reincorporación ao mercado laboral e a reorientación do seu itinerario profesional.
O capítulo II do título II da Lei orgánica 3/2022 describe as tipoloxías de ofertas e graos de formación que, para o suposto concreto dos graos A, B e C, figuran regulados nas súas seccións 1ª, 2ª e 3ª.
A disposición derrogatoria única da Lei orgánica 3/2022 derroga a Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, así como cantas disposicións da Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, se opoñan ao establecido na dita lei.
Coa publicación do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, modificado posteriormente coa entrada en vigor do Real decreto 658/2024, do 9 de xullo, desenvolveuse a ordenación do Sistema de formación profesional.
Na súa disposición transitoria primeira, o Real decreto 659/2023 establece que en canto non se proceda regulamentariamente á súa modificación, permanecerá vixente a ordenación dos certificados de profesionalidade recollida en cada un dos reais decretos polos que se establecen e a súa oferta quedará integrada nos graos C do Sistema de formación profesional coa denominación de certificados profesionais.
O punto 1 da disposición derrogatoria única do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, dispón que queda derrogado, agás o anexo IV, o Real decreto 34/2008 do 18 de
xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, sen prexuízo do mantemento en vigor dos requisitos recollidos no Real decreto 62/2022, do 25 de
xaneiro, de flexibilización dos requisitos exixibles para impartir ofertas de formación
profesional conducentes á obtención de certificados de profesionalidade, así como da
oferta de formación profesional en centros do sistema educativo e de formación
profesional para o emprego.
Así mesmo, o punto 5 da disposición derrogatoria establece que quedan derrogados todos aqueles aspectos da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro, pola que se desenvolve o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade e o reais decretos polos que se establecen certificados de profesionalidade ditados na súa aplicación, que contradigan ou queden regulados no citado real decreto.
O artigo dous, punto vinte e dous, do Real decreto 658/2024, do 9 de xullo, dispón, en relación coa formación en empresa, que unha vez esgotado o período transitorio establecido ata o 31 de decembro de 2024 para a adecuación da duración actual do período de formación en empresa ao previsto na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, o módulo de prácticas profesionais non laborais que formaba parte da extinta ordenación dos certificados de profesionalidade establecidos ao abeiro do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, será suprimido en favor dun dos réximes de dual a que se refiren os artigos 71 e 72 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo.
Coa publicación no BOE do 5 de outubro de 2022 da Orde EFP/942/2022, do 23 de setembro, procedeuse a regular a oferta formativa do Sistema de formación profesional no ámbito laboral asociada ao Catálogo nacional de cualificacións profesionais efectuada polas administracións competentes, establecéndose as bases reguladoras e as condicións para o seu financiamento.
Entre as distintas iniciativas de oferta formativa que regula a Orde EFP/942/2022, do 23 de setembro, inclúense as accións formativas dirixidas ás persoas desempregadas.
A Comunidade Autónoma de Galicia, en aplicación do Decreto 69/1993, do 10 de marzo, asume as funcións e os servizos transferidos pola Administración do Estado en materia de formación profesional para o emprego.
O Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, atribúe á Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego as competencias relativas á formación profesional para o emprego en toda a súa extensión, incluídos os graos A, B e C da Lei orgánica 3/2022, do 1 de marzo, sen prexuízo das competencias da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e en coordinación con ela.
O Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional establece no seu artigo 209.3.c) que as administracións competentes poderán establecer unha rede de centros sostidos total ou parcialmente con financiamento público para impartir graos A, B e C, que lles permitan axilizar a posta en marcha das ofertas de formación. Para tales efectos cita, entre outras opcións, os centros e entidades autorizados para impartir accións formativas do Sistema de formación profesional que concorran ás convocatorias de subvencións destinadas á impartición de accións formativas.
Valorando que a rede de centros propios, asociados e dependentes doutras administracións non cobre actualmente a demanda de accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas conducentes á obtención dun certificado profesional, e tendo en conta as características deste tipo de formación e o perfil do alumnado participante, enténdese que un sistema que permita solicitar as accións formativas cando exista demanda constatada para a súa impartición é o modo máis idóneo de poñer en marcha esta liña de subvencións.
A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, regula entre outros aspectos os procedementos de concesión de subvencións e, no seu artigo 19.2, dispón que as bases reguladoras poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.
O artigo 2.2 da Orde EFP/942/2022, do 23 de setembro, establece que as administracións públicas competentes poderán optar por aplicar o réxime de concesión de subvencións mediante concorrencia competitiva, ou por calquera outro procedemento de concesión de subvencións previsto na normativas das administracións competentes que permita a concorrencia entre entidades beneficiarias.
Vista a viabilidade legal da súa aplicación, este procedemento de concorrencia non competitiva ten como obxectivo o financiamento de actividades formativas que non requiren dunha valoración comparativa con outras propostas, polo que as resolucións de concesión se ditarán en orde de presentación das solicitudes, unha vez verificado o cumprimento dos requisitos exixidos, e ata o esgotamento do orzamento dispoñible en cada convocatoria.
Con base no exposto, é propósito da orde axilizar o proceso de concesión de subvencións e axustar ao máximo posible o momento en que existe demanda de formación por parte das persoas traballadoras desempregadas e dispoñibilidade das entidades de formación para a súa impartición, incrementando, en consecuencia, a eficacia e a eficiencia da tramitación administrativa e a xestión dos recursos dispoñibles.
A presente disposición axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que, no seu artigo 5.2, relativo aos seus principios xerais, establece que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos cales se axusta esta disposición. Tamén será de aplicación o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, regula os requisitos de concesión e xustificación das subvencións concedidas na Administración do Estado, incluíndo aqueles de carácter básico que son de aplicación na normativa desta comunidade autónoma e, en consecuencia, a esta orde.
O orzamento destinado ás distintas convocatorias que poidan publicarse ao abeiro destas bases reguladoras está financiado por fondos finalistas transferidos polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
A concesión e a xustificación das subvencións concedidas realizarase a través do réxime de módulos económicos. Para os efectos de aplicar o dito réxime, a determinación da contía dos módulos económicos específicos das distintas especialidades formativas que se van ofertar establecerase na correspondente convocatoria e de acordo co disposto no artigo 3 e no anexo I da Orde EFP/942/2022.
O cálculo do importe dos módulos específicos efectuarase conforme criterios obxectivos en atención aos valores medios de mercado dos distintos compoñentes dos custos directos e indirectos da actividade formativa, en función da familia profesional ou especialidade formativa, así como da modalidade de impartición.
Consecuentemente con todo o anterior, logo de consultar á Federación Galega de Municipios e Provincias, ao Consello Galego de Formación Profesional Continua e ao Consello Galego de Relacións Laborais, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as convocatorias públicas para a execución das accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, para persoas traballadoras desempregadas xestionadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (procedemento TR301K), a través dos seus departamentos territoriais.
2. As bases reguladoras terán vixencia temporal para o período 2025-2027. Coa publicación desta orde realízase a súa primeira convocatoria para os anos 2025-2026.
Artigo 2. Finalidade
1. As subvencións que se concedan ao abeiro do disposto nesta orde de bases reguladoras terán como finalidade o financiamento das especialidades formativas relacionadas no anexo III de cada convocatoria, e estarán dirixidas á adquisición e mellora de competencias profesionais con impacto no mercado laboral conducentes a unha formación total o parcial incluída nun certificado profesional.
2. Para os efectos desta orde entenderase con carácter xenérico como especialidade formativa calquera oferta do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, que se vaia impartir nunha acción formativa.
3. A superación dun grao C conduce á obtención dun certificado profesional de nivel 1, 2 ou 3, segundo o caso.
A superación dun grao B conduce á obtención dun certificado de competencia de nivel 1, 2 ou 3, segundo o caso, e permite a continuidade do itinerario formativo e a progresión cara un grao C.
A superación dun grao A conduce á obtención dunha acreditación parcial da competencia de nivel 1, 2 ou 3, segundo o caso.
Artigo 3. Financiamento e principios que rexen a concesión das subvencións
1. A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva nos termos establecidos no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, e de acordo co disposto nos artigos 2 e 5 da Orde EFP/942/2022, do 23 de setembro.
2. Cada convocatoria determinará o importe total do crédito que se destinará á subvención das accións formativas, con indicación da anualidade ou anualidades en que se distribuirá, as aplicacións orzamentarias ás cales se imputará, así como o financiamento e as reservas de crédito que, se for o caso, se establezan para determinadas familias profesionais ou especialidades formativas.
3. De ser o caso, cada convocatoria poderá establecer reservas de crédito dirixidas a desenvolver aquelas liñas formativas que nela se determinen.
Artigo 4. Convocatorias
1. As accións formativas para as cales se pode solicitar financiamento mediante subvención serán as correspondentes a aquelas ofertas de formación profesional dos graos A, B e C que en cada convocatoria se determinen, así como os módulos transversais que se impartan asociados a estas.
2. As convocatorias poderán fixar, por entidade e/ou por número de censo, a contía máxima do crédito orzamentario global ou provincial, que poden obter como subvención, así como os posibles límites para aplicar sobre este tope.
3. Para cada número de censo poderase solicitar, como máximo, o número de edicións por especialidade que, de ser o caso, se determinen na correspondente convocatoria, na que tamén poderán establecerse excepcións ao dito límite. Así mesmo, poderán aplicarse límites relativos ao número de edicións de especialidades formativas e/ou familias profesionais que se van impartir no ámbito territorial que se determine.
4. Cada convocatoria determinará o prazo para a presentación das solicitudes, o intervalo de datas establecido para o comezo e remate das accións formativas, así como para a xustificación da súa realización.
Artigo 5. Entidades solicitantes
1. Poderán solicitar e obter a condición de beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases as entidades e centros de formación que, con anterioridade á data de presentación da solicitude, estean acreditados para impartiren no ámbito da Comunidade Autónoma as ofertas formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C para as cales soliciten subvención, xa sexa na modalidade presencial ou virtual, entendida esta última como modalidade de teleformación.
As entidades solicitantes deberán estar acreditadas para impartir as ofertas de formación profesional dos graos A, B e C, no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Comunidade Autónoma de Galicia ou, de ser o caso, que a formación se imparta na modalidade virtual, no correspondente rexistro estatal.
2. As entidades deberán dispor, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, das instalacións debidamente acreditadas que permitan a impartición das actividades presenciais das accións formativas solicitadas.
3. As entidades que soliciten impartir a formación na modalidade virtual deberán contar con autorización previa para a impartición das mesmas ofertas na modalidade presencial.
Caso de contar coa autorización para impartir a oferta presencial, deberá garantirse que se dispón dos espazos e recursos necesarios para a súa realización ou, de ser o caso, deberá formalizarse un convenio ou acordo público cun centro de formación profesional localizado na Comunidade Autónoma de Galicia que, estando acreditado na data de presentación da solicitude para impartir as referidas ofertas na modalidade presencial, garanta a realización das actividades de carácter presencial durante todo o tempo de duración da acción formativa, incluídas as probas finais de cada módulo profesional. Os ditos centros non se poderán modificar durante o desenvolvemento da acción formativa.
O convenio ou acordo de vinculación deberá estar formalizado, vixente e dado de alta no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Comunidade Autónoma de Galicia, logo de resolución favorable da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, con anterioridade á presentación da solicitude de subvención.
4. O incumprimento por parte da entidade solicitante do requisito de acreditación en prazo para impartir algún certificado profesional dará lugar á exclusión das accións formativas afectadas da solicitude.
5. As entidades beneficiarias poderán facer uso da aula virtual, nos termos establecidos nesta orde e nas instrucións que, ao respecto, publique a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
6. Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde aquelas nas cales concorran algunhas das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 7.6 da Orde EFP/942/2022, do 23 de setembro.
A xustificación polas entidades solicitantes de non estar incursas en ningunha das anteditas circunstancias realizarase mediante unha declaración responsable incluída no modelo de solicitude definido no anexo I de cada convocatoria, cuxo contido deberá respectar o disposto no artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Tampouco poderán ser beneficiarias, en aplicación do disposto no artigo 82 da Lei 4/2023, do 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI, aquelas entidades que cometan, inciten ou promocionen LGTBIfobia, incluíndo a promoción ou a realización de terapias de conversión.
7. Se así o determina a correspondente convocatoria, será requisito para ser beneficiaria da subvención que, con relación á ultima convocatoria regulada por estas bases para a que rematou o prazo de execución das accións formativas:
• Non se incorrese nun incumprimento total do expediente.
• Non abandonase máis do 50 % do alumnado con respecto ao total dos comunicados e iniciados do conxunto das accións formativas financiadas. Para o cómputo desta epígrafe non se entenderán como abandonos os considerados xustificados de acordo co disposto no artigo 38.2 desta orde.
• A entidade teña comunicado e iniciado máis do 60 % das prazas financiadas con respecto ao total das accións formativas financiadas. Para efectos do cálculo do tanto por cento, non serán computables as renuncias xustificadas ás cales se refire o artigo 16 desta orde.
8. Para poder seren beneficiarias da subvención, as entidades deberán contar co compromiso de participación do número mínimo de persoas traballadoras desempregadas que en cada convocatoria se determine para poder iniciar a acción formativa, así como do persoal docente encargado da súa impartición.
O compromiso de participación do alumnado acreditarase, de acordo co disposto no artigo 27 desta orde, mediante acta de selección previa á presentación da solicitude de subvención validada pola oficina de emprego.
9. De establecerse na convocatoria, para poder solicitar a subvención as entidades deberán ter implementado no centro de formación un sistema de xestión de calidade, vixente e certificado por entidades certificadoras acreditadas, Norma ISO 9001 ou certificado de calidade e excelencia EFQM, relativo á súa actividade de formación.
A documentación acreditativa da implantación e vixencia das certificacións relacionadas nesta epígrafe deberá estar incorporada pola entidade ao sistema informático con anterioridade á data de presentación da solicitude. Esta achega deberá efectuarse a través da páxina web https://emprego.xunta.es/forman
10. As entidades deberán dispor e manter durante todo o período de execución da formación solicitada, a capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, e de aulas, talleres e instalacións e equipamento en xeral, para asumir a xestión e a impartición da totalidade das accións formativas que solicita.
Para estes efectos, deberán dispor da documentación acreditativa do cumprimento dos citados requisitos; documentación que porá á disposición da Administración cando esta llelo demande.
11. Será requisito para conceder subvencións a entidades locais titulares de entidades ou centros de formación que teñan cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio.
12. De acordo co disposto no artigo 210 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, non será compatible a condición de centro asociado beneficiario, coa participación en convocatorias de outorgamento de subvencións destinadas ao desenvolvemento de accións formativas, destinadas a centros e entidades autorizados e non catalogados como centros asociados, naquelas especialidades ou familias profesionais comprendidas na súa condición de centro asociado.
A condición de centro asociado beneficiario requirirá da existencia dunha relación contractual ou convenio formalizado e da asignación dunha consignación orzamentaria para impartir accións formativas do Sistema de formación profesional.
Caso de que o centro asociado xa sexa, no momento de adquirir esta condición, beneficiario dunha subvención ou adxudicatario dunha licitación para impartir accións formativas do Sistema de formación profesional, deberá renunciar a impartir aquelas especialidades incluídas na súa condición de centro asociado cuxa realización aínda non comezase. A dita renuncia terá a consideración de xustificada.
CAPÍTULO II
Inicio do procedemento. Presentación e tramitación das solicitudes de subvención
Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, anexo I, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude ou a documentación presencialmente, requiriráselle para que a emende mediante a súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados nas bases reguladoras e/ou a correspondente convocatoria, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a persoa solicitante para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa solicitude, logo da resolución que así o declare.
Caso de que o requirimento afecte só a algunha das accións formativas da solicitude, entenderanse como desistidas unicamente tales accións, continuándose coa tramitación do resto do expediente.
Non se admitirán a trámite e, por conseguinte, non existirá a posibilidade de emenda, as solicitudes presentadas fóra de prazo.
3. As solicitudes dirixiranse ao departamento territorial en cuxa provincia se imparta a correspondente acción formativa.
No suposto de que a formación se imparta na modalidade virtual, a solicitude deberá dirixirse ao departamento territorial da provincia en que estea localizado o centro de formación en que se impartirá a parte presencial da acción formativa.
Sen prexuízo do disposto no artigo 45 desta orde, as entidades de formación poderán presentar en cada provincia solicitudes de subvención para cada unha das liñas formativas que, de ser o caso, se establezan en cada convocatoria, e incluirán nelas, dentro da súa capacidade real de execución e con respecto aos límites e requisitos que se determinan nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria, todas e cada unha das accións formativas a impartir nos censos de formación para os que solicita subvención.
Para os posibles efectos de superación, de ser o caso, do límite máximo do importe de subvención para conceder que se estableza en cada convocatoria, ou de esgotamento do orzamento dispoñible, as accións formativas para as que se solicita subvención deberán ir ordenadas en función da prioridade de impartición que lles outorgue a entidade solicitante, de xeito que estas figuren ordenadas segundo criterio de maior a menor preferencia.
Non poderán formularse solicitudes de subvencións para impartir accións formativas que teñan previsto comezar nunha data anterior ao prazo ou data que para cada convocatoria se estableza.
4. A solicitude, que incluirá a ficha das accións formativas que se pretende impartir (anexo II), deberá presentarse acompañada da documentación complementaria relacionada no artigo 8 desta orde.
Artigo 7. Declaración responsable que forma parte da solicitude
1. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e na cal se farán constar os aspectos seguintes:
a) Que, en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas:
• Non se solicitou nin se concedeu ningunha outra axuda para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención.
• De se solicitar e/ou conceder outras axudas para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención, deberán relacionarse estas.
b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
c) Que coñece as estipulacións da presente orde, que cumpre cos requisitos establecidos nela e que se compromete a destinar o importe da axuda ao obxecto da subvención indicada.
d) Que cumpre os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria, que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións e que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no artigo 7 da Orde EFP/942/2022, do 23 de setembro.
e) Que as dotacións, os equipamentos, os medios materiais, as instalacións, os lugares e as modalidades de impartición das accións formativas serán aquelas para as que están acreditadas e inscritas para tal fin, e que son aptas e que cumpren e manterán durante todo o período de impartición das accións formativas as condicións e requisitos que exixe a normativa aplicable.
f) Que conta con capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, así como, de ser o caso, de aulas, talleres e instalacións en xeral, para asumir na súa totalidade a execución completa das accións formativas que solicita.
g) Que para cada acción formativa que solicita conta co compromiso de participación do número mínimo de persoas traballadoras que para cada convocatoria se determine, así como do persoal docente encargado de impartir a acción formativa.
h) Que dispón da documentación que acredita o cumprimento das anteriores epígrafes e que a porá á disposición da Administración cando lle sexa requirida.
2. A presentación dunha declaración responsable que falsee ou oculte circunstancias que impidan ou limiten a concesión da subvención ou o seu pagamento terá a consideración dunha infracción moi grave nos termos do artigo 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas posibles consecuencias sancionadoras que se recollen na dita norma e no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
Coa finalidade de garantir a veracidade das declaracións responsables contidas neste artigo, poderán realizarse comprobacións durante calquera das fases do procedemento por parte do persoal técnico dos departamentos territoriais, das cales poderán derivarse, de ser o caso, as consecuencias sinaladas nesta epígrafe para os supostos de falseamento do contido das declaracións responsables.
Artigo 8. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo I, a seguinte documentación:
a) Ficha das accións formativas que se solicitan, anexo II.
b) Acreditación da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude (escritura notarial de poder ou calquera outro medio válido en dereito).
c) De ser o caso, cando as accións formativas que se solicitan se correspondan con ofertas formativas do grao C, compromiso de subscrición dun convenio ou acordo coa empresa ou empresas en que terá lugar a formación en empresa incluída no certificado profesional.
d) De ser o caso, naquelas accións formativas en que estea previsto o uso de aula virtual como medio complementario e adicional para desenvolver o proceso formativo, memoria explicativa detallada que acredite a viabilidade de impartir mediante aula virtual aqueles contidos formativos que estea previsto realizar utilizando este medio.
A memoria deberá indicar expresamente que contidos se impartirán mediante aula virtual, a súa duración e datas de realización, así como o calendario de sesións presenciais e de exames para realizar.
e) De ser o caso de tratarse de entidades locais, xustificación documental de ter remitido ao Consello de Contas as contas xerais do último exercicio a que estean obrigadas segundo o establecido no artigo 223 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.
f) De ser o caso, as entidades de formación que soliciten impartir ofertas formativas na modalidade virtual deberán acreditar que contan con autorización previa para impartilas na modalidade presencial. Esta acreditación non será necesaria caso de estar dada de alta no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Comunidade Autónoma de Galicia para impartir as ofertas solicitadas na modalidade presencial.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior.
A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. De existir discrepancia entre a información contida na solicitude (anexo I) e/ou na ficha da acción formativa (anexo II), en relación coa información achegada no resto de documentación que se vai presentar, será considerada como correcta, para os efectos de tramitar e revisar a solicitude, a alegada nos citados anexos I e II, con independencia de que para ter validez esta deba acreditarse documentalmente.
Artigo 9. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.
g) Concesión de subvencións e axudas.
h) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os correspondentes documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 10. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes, contado desde a data de entrada en vigor que se estableza na disposición derradeira segunda da correspondente convocatoria, estará aberto ata a data límite que nela se determine, ou, de ser o caso, ata que se esgote o crédito orzamentario dispoñible.
Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Artigo 11. Trámites posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban efectuar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática SIFO, debendo adecuarse a presentación da documentación derivada das notificacións practicadas pola administración ao disposto no artigo 12.6 desta orde.
Artigo 12. Réxime das notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal.
Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuaranse e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico.
En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e o sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
6. A presentación de documentación derivada das notificacións efectuadas será realizada exclusivamente mediante o programa informático SIFO ou, de ser o caso, a través do programa de notificación xenérico da aplicación Forman, https://emprego.xunta.es/forman, que disporá dun punto único para efectuar todos os envíos de documentación á Administración.
Unicamente no caso de que non fose posible, por problemas técnicos acreditados que imposibilitasen a presentación de documentación polos medios establecidos no parágrafo anterior, a persoa interesada podería realizar a súa presentación por medio dos trámites comúns da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, a través do procedemento PR004A.
Artigo 13. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
3. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación coas accións formativas financiadas no marco da presente orde de bases poderá, a través da canle de denuncias da Xunta de Galicia, de comunicación de información en materia de integridade institucional, dispoñible na ligazón https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias, pór os ditos feitos en coñecemento desta administración.
CAPÍTULO III
Instrución e resolución do procedemento
Artigo 14. Procedemento
1. Os órganos instrutores do procedemento serán os servizos de Formación e Cualificación para o Emprego de cada un dos departamentos territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, correspondentes á provincia do enderezo do centro de formación onde se vai impartir a formación presencial.
Para o exercicio das funcións que lles corresponden en aplicación destas bases reguladoras, os departamentos territoriais poderán actuar a través das unidades administrativas competentes en materia de formación profesional competencia desta consellería, das oficinas de emprego e dos centros de formación profesional adscritos a elas.
Os servizos de Formación e Cualificación para o Emprego serán os competentes para revisar as solicitudes que se presenten, analizar as accións formativas de formación profesional dos graos A, B e C que se propoñen impartir, verificar o cumprimento dos requisitos e formular a proposta de resolución.
O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas concrecións que se establecen na presente orde.
2. Para a concesión das subvencións reguladas nesta orde seguirase o procedemento de concesión directa, nos termos establecidos nos artigos 19 e 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Presentada unha solicitude de subvención, procederase ao seu estudo e revisión. Serán obxecto de desestimación todas aquelas solicitudes que non reúnan os requisitos exixidos para a súa concesión.
4. As solicitudes de subvención tramitaranse e resolveranse de acordo coa orde de presentación destas, en función do cumprimento dos requisitos exixidos e sempre que a solicitude e a documentación que se achegue estean completas. No caso de que fose necesaria a emenda da solicitude, entenderase como data de presentación, para os efectos de determinar a orde de prelación antes citada, a da súa emenda.
5. As axudas concederanse ás entidades solicitantes que reúnan todos os requisitos establecidos nesta orde, seguindo a orde de prelación temporal da presentación electrónica das solicitudes e até o esgotamento do orzamento dispoñible en cada anualidade ou, de ser o caso, o remate do prazo límite de presentación de solicitudes.
O esgotamento do crédito publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e procederá a inadmisión de todas as solicitudes presentadas que non fosen tramitadas ata ese momento sen necesidade de ningunha actuación previa.
6. No suposto de opoñerse á consulta ou, de ser o caso, de non prestar o consentimento expreso a que se refire o artigo 9 desta orde, as entidades deberán acreditar, tanto antes de ditarse a resolución de concesión como de proceder ao cobramento das subvencións, que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
No caso das entidades recollidas no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, esta obriga poderá ser substituída pola declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
7. A proposta de resolución xerarase en función dos criterios establecidos no punto 5 deste artigo.
Á vista das propostas emitidas polos respectivos servizos de Formación e Cualificación para o Emprego, de acordo co disposto no artigo 16 desta orde, o órgano competente ditará as resolucións correspondentes ao seu ámbito territorial.
8. De se produciren dispoñibilidades de crédito como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de formación para o emprego, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia, ou como consecuencia de posibles minoracións, renuncias ou modificacións nas subvencións concedidas, o órgano instrutor poderá realizar novas propostas de concesión de proxectos continuando coa orde de prelación temporal da presentación electrónica das solicitudes e ata esgotar o novo crédito.
9. De incluír a convocatoria diferentes liñas de formación e caso de que se esgotase o crédito reservado para algunha delas, poderá utilizarse o crédito dispoñible nas outras liñas para atender as solicitudes de subvención que correspondan á liña para a que se consumiron os fondos previstos.
10. O incumprimento da obriga a que se refire o artigo 23.2 desta orde de iniciar en prazo a acción formativa poderá dar lugar, logo de resolución do departamento territorial competente, á revogación da resolución de concesión desa acción formativa coa conseguinte dispoñibilidade do importe do crédito concedido.
11. Unha entidade non poderá ser beneficiaria dunha subvención para impartir accións formativas que, na modalidade presencial ou na parte presencial da modalidade virtual, non programen o número mínimo de horas diarias de formación ou superen o número máximo de horas diarias de impartición establecidas no artigo 23 desta orde.
Tampouco poderá solaparse en períodos de tempo coincidentes o uso dunha mesma aula física para a realización de accións formativas distintas.
Artigo 15. Determinación da subvención
1. O réxime de concesión e xustificación da subvención será a través de módulos económicos, segundo o previsto no Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
O anexo III de cada convocatoria incluirá a contía dos módulos económicos específicos establecidos como límite máximo para solicitar para cada familia profesional ou especialidade formativa, segundo se determine na correspondente convocatoria, de acordo co disposto no artigo 3 e no anexo I da Orde EFP/942/2022.
Para os efectos do previsto nesta orde, enténdese por módulo económico o custo por participante e hora de formación que poderá ser obxecto de financiamento público.
2. A contía da subvención que se vai conceder por cada acción formativa calcularase en función do número de participantes para os que a entidade solicita subvención, do número de horas do programa formativo, e dos módulos económicos específicos solicitados por participante e hora de formación recollidos, para cada familia profesional e/ou especialidade e en función da modalidade de impartición, no anexo III de cada convocatoria.
Nas especialidades formativas impartidas na modalidade virtual será de aplicación o 70 % do importe do módulo económico presencial euro/hora por persoa alumna, cunha contía máxima de 6 €.
A valoración económica dos módulos transversais será a mesma que a dos módulos económicos establecidos no anexo III para os contidos específicos da acción formativa, e de acordo coa modalidade de impartición en que os módulos transversais se realicen.
3. Realizada a acción formativa, a liquidación da subvención realizarase nos termos recollidos no capítulo VI desta orde. En ningún caso a liquidación poderá superar a contía da subvención concedida.
Artigo 16. Resolución
1. Instruído o expediente, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta de resolución.
A resolución dos expedientes de axudas corresponderalle, unha vez fiscalizada a proposta pola Intervención competente, ás persoas titulares dos departamentos territoriais, por delegación da persoa titular da consellería.
2. O prazo para resolver e notificar será dun mes contado desde a data de presentación da solicitude de subvención. A data prevista pola entidade para o inicio dunha acción formativa non poderá ser inferior a un mes desde a data de presentación da solicitude.
O dito prazo suspenderase cando deba requirirse á entidade interesada a emenda de deficiencias ou a achega de documentos e elementos de xuízo necesarios, polo tempo que medie entre a notificación do requirimento e o seu efectivo cumprimento pola entidade interesada.
Transcorrido o prazo dun mes para resolver sen que se notifique resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. A resolución da concesión de subvención fixará expresamente a contía total concedida, con indicación das accións formativas subvencionadas e o importe do orzamento aprobado para cada unha delas. Así mesmo incorporará, de ser o caso, as obrigas e determinacións accesorias a que deba estar suxeita a entidade beneficiaria.
4. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, a entidade beneficiaria disporá dun prazo de 10 días hábiles para a súa aceptación, a través da aplicación informática SIFO; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase, de acordo co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tacitamente aceptada.
A aceptación da concesión da subvención implica que a entidade beneficiaria recoñece que conta con capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, para asumir na súa totalidade a execución completa das accións formativas concedidas, así como que se compromete a dispor deles ao longo de todo o período de execución da actividade subvencionable.
5. No suposto de que as entidades beneficiarias decidan renunciar, parcial ou totalmente, de xeito sobrevido con posterioridade á súa aceptación a través da aplicacion SIFO, só se considerará causa xustificada a relativa a circunstancias de gravidade e excepcionalidade debidamente acreditadas.
En ningún caso será considerada causa xustificada a imposibilidade de atopar alumnado suficiente ou de contratar persoal docente para realizar a formación.
De ser o caso, a entidade estará obrigada a comunicar a súa renuncia motivada no prazo de 5 días hábiles desde que se produza a circunstancia causante. A dita renuncia deberá presentarse a través da aplicación informática de notificación xenérica Forman, https://emprego.xunta.es/forman, accedendo ao menú «Documentación -> Remitir documentación» para, tras indicar o expediente e acción formativa correspondente, seleccionar no campo «Tipo de anexo» a epígrafe «Solicitude de renuncia a curso».
O departamento territorial competente, agás no suposto regulado no artigo 5.12 desta orde, para o que bastará a simple comunicación da entidade, deberá ditar resolución expresa sobre a renuncia, nos termos preceptuados pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Salvo autorización expresa do órgano competente, se a acción formativa non dá comezo na data límite de inicio da acción formativa a que fai referencia o artigo 23.2 desta orde, entenderase feita unha renuncia tácita non xustificada, e poderá dar lugar ao inicio polo órgano xestor da tramitación desta nos termos expostos no anterior parágrafo e coas consecuencias previstas nesta orde.
A renuncia, independentemente de que esta sexa por causa xustificada ou non, dará lugar, unha vez realizados os axustes contables correspondentes, á dispoñibilidade do crédito concedido.
6. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.
7. De acordo co disposto no artigo 12.3 da Orde EFP/942/2022, do 23 de setembro, unha vez recaída a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a súa modificación. Calquera modificación, incluída a ampliación do prazo de execución do programa formativo, poderá solicitarse cando concorran circunstancias de toda índole, excepcionais e alleas á persoa beneficiaria, especialmente por razóns sanitarias, catástrofes naturais ou calquera outra de natureza análoga que se poidan incluír na resolución da convocatoria, que imposibiliten a realización da formación nas condicións establecidas na resolución de concesión.
A petición deberá fundamentarse, mediante memoria xustificativa, en circunstancias sobrevidas tras a resolución e durante o prazo de execución da actividade subvencionada para cada entidade beneficiaria e haberá de formalizarse con carácter inmediato ao seu acaecemento e, en todo caso, antes do remate do citado prazo de execución.
Ás modificacións que afecten exclusivamente o número de participantes nas accións formativas non lles será de aplicación o disposto nesta epígrafe.
As solicitudes de modificación serán resoltas polo órgano concedente da subvención. A modificación só poderá autorizarse se non dana dereitos de terceiros.
O órgano competente ditará resolución motivada no prazo dun mes desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido este prazo sen notificarse resolución expresa, a solicitude entenderase como desestimada. As resolucións poderán retrotraer os seus efectos, como máximo, ao momento de presentación da solicitude de modificación.
Artigo 17. Recursos
As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa, e contra elas poderá interporse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, se o acto for expreso, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, se o acto non for expreso, de conformidade con que preceptúan os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de 2 meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 18. Publicidade das subvencións
1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
2. Así mesmo, e tal como se recolle no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os órganos administrativos concedentes procederán a publicar no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, indicando a convocatoria, o programa e crédito orzamentario ao que se imputan, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.
3. Igualmente, publicaranse na páxina web oficial da consellería nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.
CAPÍTULO IV
Documentación, dereitos e obrigas
Artigo 19. Información e documentación requirida ás entidades para a xestión da execución das accións formativas
1. Os datos correspondentes á xestión das accións formativas deberán introducirse en liña a través da aplicación informática SIFO que a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego pon á disposición das entidades e centros de formación.
2. O tratamento de datos persoais estará suxeito ao disposto na normativa vixente e as instrucións que sobre esta materia dite a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.
3. Como mínimo 3 días antes da data de inicio de cada acción formativa deberá incorporarse ao sistema informático SIFO a seguinte información:
a) A relación nominal do alumnado seleccionado con indicación do seu DNI/NIE.
Nunha acción formativa non se poderán compaxinar os perfís de persoa alumna e persoal docente, nin o de persoa alumna co de persoal de apoio da entidade.
b) Os instrumentos de avaliación que se van aplicar, adecuados a cada metodoloxía de aprendizaxe e á normativa vixente reguladora de cada tipoloxía de oferta formativa, e de acordo co disposto no artigo 33 desta orde.
c) A relación de persoal docente, con especificación dos seus DNI/NIE, que vai impartir a acción formativa coa relación dos módulos e/ou contidos que impartirá cada un deles, facendo constar a súa formación metodolóxica e a documentación acreditativa da súa formación e experiencia cando esta non estea en poder da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Para poder impartir ofertas de formación profesional dos graos A, B ou C en centros de formación profesional non incorporados ao sistema educativo, o persoal formador deberá cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional, ou, de ser o caso, na normativa que o desenvolva ou modifique.
d) A identificación, con especificación do DNI/NIE, do persoal de preparación de clases e titorías para o reforzo formativo e a impartición da docencia, de ser o caso.
e) A identificación do persoal, con especificación dos seus DNI/NIE, que asuma as tarefas de administración, dirección e apoio estritamente necesarias para a preparación, xestión e execución do grupo formativo.
f) As datas de inicio e remate da acción formativa, así como, de ser o caso, o horario de impartición.
g) A planificación temporal do grupo que, no caso de especialidades de estrutura modular, deberá detallarse para cada un dos módulos do curso, incluídos os transversais, indicando, así mesmo, a previsión de visitas didácticas para realizar ao longo do curso.
h) No caso de accións formativas conducentes á obtención de certificados profesionais:
• Ratificación do compromiso de subscribir un convenio ou acordo coa empresa ou empresas nas que terá lugar a formación en empresa incluída no certificado profesional.
• Planificación didáctica, elaborada segundo o disposto no anexo III da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.
• Programación didáctica de cada módulo profesional elaborada segundo o establecido no anexo IV da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.
• Planificación da avaliación, de acordo co anexo V da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.
h) O seguro de accidentes das persoas participantes.
i) Indicación expresa e coincidente co manifestado na solicitude e ficha da acción formativa (anexos I e II desta orde), sobre que contidos e/ou módulos se van impartir na modalidade presencial, virtual ou, de ser o caso, a través de aula virtual, con información da súa duración, datas de realización e calendario de sesións presenciais.
j) Na modalidade virtual, para os efectos de seguimento e control do desenvolvemento da acción formativa, as chaves de acceso á correspondente plataforma de aprendizaxe.
As chaves de acceso á plataforma de aprendizaxe deberán permitir a conexión cos perfís de persoa administradora, titora-formadora e/ou persoa alumna.
4. O día de inicio de cada acción formativa introducirase no sistema informático SIFO a certificación xustificativa do comezo da acción formativa e, de ser o caso, das modificacións producidas respecto dos datos sinalados no punto 3 deste artigo.
Na modalidade virtual, sen prexuízo do establecido en cada convocatoria en relación coa acreditación da existencia dun número mínimo de persoas alumnas, relación do alumnado que se conecta á plataforma de aprendizaxe o día de comezo da acción formativa.
5. No momento da incorporación do alumnado á acción formativa deberá requirirlles ás persoas participantes a seguinte documentación para incluír no expediente electrónico da aplicación SIFO:
a) Ficha individual que, para os efectos de posibles notificacións, envío de diplomas ou remisión de certificados emitidos a solicitude da persoa interesada, deberá incluír o seu enderezo de correo electrónico.
Unha vez xestionada a documentación necesaria a través da aplicación SIFO, deberán eliminarse as copias da documentación proporcionada polas persoas seleccionadas e polas persoas candidatas non seleccionadas, en particular, as copias dos seus documentos identificativos e calquera outro que conteña datos de carácter persoal.
Para aquelas accións formativas que impartan parte dos seus contidos mediante aula virtual, o usuario de acceso do alumnado ao campus realizarase utilizando a conta de correo electrónico que se deu de alta no sistema informático SIFO.
Se, posteriormente, a persoa alumna modifica dita conta de correo, a entidade deberá comunicar dito cambio, no prazo de 3 días desde que este teña lugar, ao equipo de soporte do campus virtual (soporte-campusvirtual.emprego@xunta.gal), para facilitarlle os ditos datos de conexión. Se a conta de correo que emprega a persoa alumna non estivese actualizada, será preciso que a entidade faga o cambio correspondente no sistema informático SIFO e, ademais, verifique que o dito cambio conste na matriculación de campus virtual.
b) Asociada a cada participante deberá incorporarse ao expediente electrónico de SIFO a seguinte documentación:
• No marco da normativa vixente en materia de protección de datos persoais, documento asinado polo alumnado participante de que foi informado, conforme o exixido nos artigos 13 e 14 do Regulamento (UE) nº 216/179 xeral de protección de datos, do tratamento dos seus datos persoais para a xestión, control e seguimento das accións formativas.
Na aplicación informática SIFO estará dispoñible para a súa descarga o modelo normalizado que deberán facilitar as entidades ao alumnado.
• Para o seguimento da acción formativa, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración consultará automaticamente os datos do DNI/NIE do alumnado en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta. Caso de opoñerse á consulta, que deberá manifestarse por escrito, as persoas alumnas deberán facilitar unha copia do seu DNI/NIE á entidade de formación para a súa incorporación ao expediente.
• Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos de acceso para realizar a formación ou, de ser o caso, de ter iniciado e pendente de resolución un proceso de homologación de títulos estranxeiros que se corresponda cos requisitos exixidos para poder asistir á actividade de formación.
• Documentación acreditativa necesaria para a exención dun módulo profesional incluído nunha oferta formativa do grao C ou dun módulo transversal incluído na acción formativa, de ser o caso.
• Documentación acreditativa requirida para a exención da formación en empresa, de ser o caso.
• Documento informativo sobre dereitos e obrigas para entregar pola entidade ao alumnado debidamente asinado polas persoas participantes.
Na aplicación informática SIFO estará dispoñible para a súa descarga o modelo normalizado que deberán facilitar os centros de formación ao alumnado.
6. Mensualmente achegarase a seguinte información:
a) Nas actividades de carácter presencial, e de terse producido incidencias no sistema de control de asistencia debidamente acreditadas perante o equipo de soporte informático de COBIPE, partes diarios e mensuais de asistencia no modelo xerado pola aplicación SIFO asinados polo alumnado participante e polo persoal formador ao inicio e ao final de cada sesión, así como da persoa responsable da entidade beneficiaria.
Os ditos partes deberán identificar ás persoas participantes e expresar as horas realizadas en cada sesión por cada unha delas, reflectindo expresamente o número de horas de ausencia.
b) Comunicación das incidencias producidas, de ser o caso.
7. No prazo dun mes desde o remate de cada acción formativa, deberase:
a) Completar na aplicación SIFO calquera información relativa á finalización da acción formativa e, unha vez completada a introdución dos datos asinar, a persoa representante da entidade, a certificación de que a acción formativa está rematada.
Este certificado, xerado polo sistema informático con base nos datos que constan na aplicación, deberá estar asinado con carácter previo á presentación da xustificación da subvención.
b) No caso de accións formativas para impartir na modalidade virtual e sen prexuízo do disposto no artigo 37 desta orde, deberán achegar o informe das actividades de aprendizaxe realizadas, con indicación dos seguintes datos referidos a cada control de aprendizaxe:
• Código que permita identificar a proba e os resultados conseguidos polas persoas participantes na plataforma de aprendizaxe empregada para a execución da acción formativa.
• Información de se a persoa participante realizou ou non a proba. En caso afirmativo, consignarase a data e hora en que se desenvolveu a actividade, o tempo empregado para o seu desenvolvemento e o resultado obtido, con indicación da cualificación como superado ou non superado.
8. A non comunicación da información ou achegamento da documentación requirida nos prazos establecidos implicará a aplicación, de ser o caso, das minoracións recollidas no artigo 39 desta orde.
Artigo 20. Requisitos para cumprir en relación co persoal formador e titor
1. Para impartir as ofertas de formación profesional dos graos A, B e C reguladas nesta orde o persoal formador deberá cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, e demais normativa que resulte de aplicación.
2. Cada módulo profesional das ofertas de grao A, B ou C para realizar na modalidade presencial poderá ser impartido, como máximo, por dúas persoas formadoras, que deberán cumprir cos requisitos que para cada módulo se establezan na normativa vixente.
3. Toda persoa que fose validada como formadora por unha unidade administrativa dunha Administración pública competente en materia de formación profesional para o emprego para impartir unha determinada especialidade formativa entenderase que cumpre cos requisitos para impartila, na modalidade para a que foi validada, en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
4. As persoas responsables da titorización-formación que impartan formación na modalidade virtual deberán acreditar o cumprimento dos requisitos específicos requiridos para cada especialidade e contar con formación ou experiencia verificable nesta modalidade.
Para acreditar a formación e/ou a experiencia requirida na modalidade virtual e na utilización das tecnoloxías da información e comunicación, exixirase, cando menos, unha formación de 30 horas ou unha experiencia de 60 horas na impartición de accións formativas nesta modalidade.
5. A acreditación da experiencia profesional no eido das competencias relacionadas co módulo profesional, a experiencia docente e/ou a experiencia na modalidade virtual e na utilización das tecnoloxías da información e comunicación efectuarase de acordo co disposto no artigo 19.3 da Orde EFP/942/2022, do 23 de setembro.
6. As persoas docentes encargadas da impartición do módulo de formación sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e corresponsabilidade familiar e doméstica establecido no artigo 30 desta orde deberán acreditar 150 horas de formación en materia de xénero ou experiencia profesional ou docente en materia de xénero, séndolles de aplicación os mesmos criterios de equiparación da acreditación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, aplicables para as persoas docentes que impartan especialidades formativas.
Así mesmo, poderá impartir este módulo o persoal con recoñecemento de formación en igualade de nivel medio ou superior ou que estea inscrito no Rexistro de Persoal Docente acreditado para impartir a formación en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero (códigos de procedemento SI500A e SI500B, respectivamente). A resolución de inscrición no rexistro será condición suficiente para xustificar o cumprimento dos requisitos exixidos no parágrafo anterior.
Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias
As entidades poderán impartir as accións formativas subvencionadas no período comprendido entre a data de aceptación da resolución de concesión da subvención e a data límite de execución que para cada convocatoria se determine.
Ademais das obrigas establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e das establecidas con carácter xeral para todos os centros e entidades de formación no artigo 7 do Decreto 106/2011, do 19 de maio, e sen prexuízo das determinadas no Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, e na Orde EFP/942/2022, do 23 de setembro, e demais normativa reguladora do Sistema de formación profesional, as entidades beneficiarias estarán obrigadas a cumprir as seguintes condicións:
1. Realizar a execución das accións formativas de acordo coas condicións e requisitos formais e materiais establecidos na orde de bases e na correspondente convocatoria.
A subvención outorgada terá o carácter de importe máximo e destinarase á realización das accións formativas concedidas.
Non poderá comezar ningunha acción formativa que non conte coa validación previa do persoal técnico da unidade administrativa competente, a través da aplicación informática SIFO.
2. De ser o caso, comunicar ao departamento territorial correspondente a obtención de subvencións ou axudas para esta mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público.
3. Non subcontratar con terceiras persoas a execución da acción formativa subvencionada.
Para estes efectos, a contratación pola entidade beneficiaria de persoal docente para a impartición da formación non se considerará subcontratación. Por contratación de persoal docente enténdese exclusivamente a contratación de persoas físicas.
4. Expor no taboleiro de anuncios do centro e, de ser o caso, na súa páxina web, o programa completo da acción formativa, os dereitos e deberes do alumnado, os prazos para realizar os controis de aprendizaxe, así como a relación do persoal docente, as datas e modalidade de impartición e, de ser o caso, o horario da acción formativa.
No anuncio deberá facerse constar necesariamente o carácter público do financiamento da actividade subvencionada, incluíndose nel o emblema da Xunta de Galicia e o dos organismos que a financian.
Esta información deberá estar redactada en lingua galega, sen prexuízo de que, así mesmo, se publique noutros idiomas.
5. Informar o alumnado do alcance e obxectivos da formación e se esta conduce ou non á obtención dun certificado profesional.
Así mesmo, deberá informarse ás persoas participantes dos requisitos necesarios para poder participar na acción formativa e, naqueles casos nos que a realización da formación teña lugar mediante a modalidade virtual, ou a través de aula virtual, dos medios técnicos necesarios para poder asistir con aproveitamento á actividade.
Na modalidade virtual, ao comezo da acción formativa, deberá realizarse unha sesión inicial, que poderá ser presencial ou a través da plataforma virtual, co obxecto de informar o alumnado sobre aspectos relacionados co desenvolvemento do curso, metodoloxía, titorías, calendario e sistema de avaliación. Así mesmo, informarase sobre os requisitos de exención dos módulos transversais ou da formación en empresa.
6. Respectar o carácter gratuíto da formación para o alumnado.
7. Informar as persoas participantes en situación de desemprego das axudas e bolsas que poidan solicitar e colaborar na xestión das subvencións en concepto de bolsas e axudas a que ten dereito o alumnado que participe nas accións formativas.
Este compromiso concrétase nos seguintes puntos:
a) Informar adecuadamente ao alumnado, en tempo e forma, dos dereitos que posúen en canto á percepción de bolsas e axudas por asistir á actividade formativa, así como dos prazos para presentar a solicitude e da documentación necesaria.
b) Formular a solicitude de subvención en concepto de bolsa e axuda en representación da persoa interesada e, de ser o caso, remitir a documentación complementaria necesaria por medios electrónicos.
c) Elixir a opción de notificación por vía electrónica, así como colaborar coa Administración na contestación aos requirimentos de corrección das solicitudes e actualizar, dilixentemente e antes dos límites establecidos, a información para a tramitación e xestión das bolsas e axudas na aplicación informática SIFO.
d) Calquera outra que, a estes efectos, se estableza na orde de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas (procedemento TR301V).
Para os efectos do pagamento das bolsas e axudas ás persoas alumnas desempregadas que asistan a accións formativas na modalidade virtual, os resultados dos controis de teleformación deberán estar dados de alta na aplicación informática SIFO no prazo de 3 días hábiles desde a data límite que se determine para que o alumnado realice a correspondente proba.
O prazo máximo para realizar os controis de aprendizaxe por parte do alumnado será de 5 días hábiles desde a súa activación na plataforma de aprendizaxe.
8. Aboar mensualmente a remuneración do persoal formador a través de transferencia bancaria.
Non exime desta obriga o feito de que o centro ou entidade impartidora non percibise os anticipos previstos nesta orde.
9. Someterse ás actuacións de supervisión, seguimento e control que, en calquera momento, poidan acordar os servizos competentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, tanto no relativo ao desenvolvemento das accións formativas como á súa xestión e tramitación administrativa, e facilitar toda a documentación que, para tales efectos, se lle requira.
10. Aplicar aqueles sistemas de control de presenza para o seguimento e control de asistencia do alumnado e do persoal docente establecidos nesta orde.
En función da modalidade en que teña lugar a realización da acción formativa serán de aplicación os seguintes criterios:
a) Na modalidade presencial e na parte presencial da modalidade virtual, o control de asistencia realizarase mediante o uso dun sistema de identificación seguro e unívoco baseado en código QR e/ou DNI-e, que identifique as persoas participantes e, subsidiariamente, por fallo do sistema ou imposibilidade acreditada de utilizar os medios de control citados reportada ao equipo de soporte de COBIPE no momento en que esta se produza, mediante o uso de partes de asistencia asinados.
O control deberá realizarse diariamente ao inicio e ao remate de cada sesión, de ser a acción formativa en horario de mañá ou de tarde, e 4 veces ao día, de impartirse a acción formativa en xornada partida, ao inicio e ao fin da sesión de mañá e ao inicio e ao remate da sesión de tarde.
Tanto o conxunto do alumnado como o persoal docente estarán obrigados a efectuar o referido control de presenza.
A utilización dun código QR ou dun DNI-e por unha persoa distinta á titular do código ou do documento identificativo, ou a existencia de irregularidades na sinatura dos partes de sinatura, dará lugar, de acordo co procedemento establecido no artigo 22.7 desta orde, á expulsión da acción formativa da persoa infractora. Sen prexuízo de que as citadas incidencias poidan ser detectadas a través das actuacións de seguimento e control a realizar pola Administración, as ditas anomalías deberán ser comunicadas pola entidade ao órgano administrativo competente no momento da súa detección.
b) Nas accións formativas que se van impartir na modalidade virtual, as entidades deberán dispor da tecnoloxía necesaria para verificar e acreditar a participación e asistencia do alumnado e do persoal docente, segundo o caso, mediante o uso de DNI-e, sinatura dixital ou calquera outro método que garanta a identificación correcta e inequívoca das persoas participantes.
Para estes efectos, será admisible unha declaración responsable, que se presentará a través da aplicación SIFO, na cal se determine a correspondencia entre o código de usuario e a persoa alumna e permita o adecuado seguimento e control da participación do alumnado e persoas titoras-formadoras na acción formativa, así como o número de horas de conexión, a realización de exercicios prácticos e a superación dos correspondentes controis de aprendizaxe.
A presentación dunha declaración responsable que falsee as condicións requiridas para a concesión da subvención ou oculte as circunstancias que a impedisen ou limitasen terá os efectos recollidos no artigo 7.2 da presente orde.
Nas sesións de titoría incluídas na modalidade virtual, a persoa titora asume o compromiso de dispoñibilidade e presenza durante todo o tempo de duración desta.
c) Na formación presencial desenvolvida mediante aula virtual, esta deberá impartirse obrigatoriamente a través do campus virtual que, para estes efectos, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración porá á disposición das entidades de formación.
Os datos de asistencia do alumnado e persoal docente na formación presencial desenvolvida mediante aula virtual deberán ser mecanizados pola entidade beneficiaria na aplicación informática COBIPE, no prazo improrrogable de 3 días hábiles desde a impartición da sesión a que se refiran. O incumprimento da obriga de mecanización en prazo suporá a perda ao dereito a percibir a liquidación correspondente á sesión non mecanizada e para as persoas participantes para as que non se rexistraron os datos.
Non se computarán como asistidas aquelas sesións das persoas alumnas que non teñan acesa durante todo o tempo de duración da sesión formativa a cámara web e/ou a persoa non sexa identificable.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderá en calquera momento dentro do período de vixencia desta orde de bases reguladoras, e mediante a oportuna instrución que será comunicada ás entidades beneficiarias, substituír a obriga de mecanización establecida no parágrafo anterior por unha carga automática en COBIPE do tempo de conexión que para cada sesión, persoa alumna e acción formativa consten no campus virtual.
d) No relativo á realización da formación en empresa, o control de presenza efectuarase mediante partes de asistencia que deberán asinarse diariamente ao inicio e ao remate de cada sesión, de ser a acción formativa en horario de mañá ou de tarde, e 4 veces ao día, de impartirse a acción formativa en xornada partida, ao inicio e ao fin da sesión de mañá e ao inicio e ao remate da sesión de tarde.
Os datos de asistencia do alumnado deberán ser mecanizados pola entidade beneficiaria na aplicación informática COBIPE, no prazo improrrogable de 3 días hábiles desde a impartición da sesión a que se refiran. O incumprimento da obriga de mecanización en prazo suporá a perda do dereito a percibir a liquidación correspondente á sesión non mecanizada das persoas participantes para as que non se rexistraron os datos.
11. Contratar un seguro de accidentes para o alumnado, para o caso das accións formativas a impartir na modalidade presencial así como para a parte presencial da modalidade virtual, que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento do curso como os do traxecto en concepto de desprazamento ao lugar de impartición das clases teóricas, prácticas, visitas didácticas, titorías e probas presenciais.
A súa duración abranguerá o período da acción formativa, incluíndo expresamente a formación en empresa cando esta teña lugar, sen que poida admitirse restrición nin exclusión ningunha por razón do medio de transporte utilizado. Non se admitirán pólizas con franquías.
O seguro deberá ter a seguinte cobertura mínima:
a) No caso de morte: 60.000 €.
b) No caso de invalidez permanente: 60.000 €.
c) Asistencia médico farmacéutica: durante un ano a partir do sinistro.
12. Contratar unha póliza de responsabilidade civil dun mínimo de 300.000 € para facer fronte aos riscos que poidan derivarse para os bens e as persoas cando se realicen prácticas en empresas ou outras actividades relacionadas co curso. Non se admitirán pólizas con franquías.
13. Pór á disposición do alumnado os materiais didácticos que se precisen para a axeitada realización da formación, así como os equipos necesarios tanto para a realización das prácticas como para a súa protección e seguridade, do que deberá quedar constancia documental, asinada por cada unha das persoas alumnas, que se incorporará ao expediente electrónico de SIFO.
Os materiais didácticos, sexan en soporte de papel ou electrónico, deberán estar redactados en idioma galego salvo que pola súa especificidade non exista a posibilidade de adquirilos neste idioma no mercado. Para estes efectos, non se entenderá como material de contidos didácticos os folletos informativos ou manuais de instrucións redactados polos fabricantes ou subministradores de equipamento dos cales non exista versión en galego.
14. Comunicar ao departamento territorial competente calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución das accións formativas programadas. Esta comunicación deberá realizarse no prazo de 2 días hábiles desde que se teña coñecemento de que se vai producir ou dun día hábil desde que se produza.
15. Solicitar ao departamento territorial competente, cun mínimo de 3 días hábiles de antelación, autorización para realizar calquera modificación no desenvolvemento das accións formativas.
16. Comunicar ao departamento territorial competente, cun mínimo de 3 días hábiles de antelación ao día en que vaian ter lugar, a realización de viaxes ou visitas de carácter didáctico.
Estas actividades só poderán denegarse mediante resolución motivada cando o seu contido non supoña unha achega formativa para o alumnado ou reitere actividades xa realizadas.
17. Facilitar toda a información que lles sexa requirida polo órgano competente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ou pola Intervención Xeral ou Delegada competente da Comunidade Autónoma, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como someterse a todas as actuacións de comprobación e control previstas no artigo 11.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
18. Dispor de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa identificación en conta separada ou epígrafe específica da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións formativas, coa referencia común en todos eles á formación do Sistema de formación profesional, de maneira que exista pista de auditoría adecuada.
19. Para o caso do persoal interno vencellado á impartición da docencia, a entidade deberá crear, documentar e custodiar un sistema con valor probatorio suficiente, para acreditar as horas diarias dedicadas por cada persoa a estes labores de preparación e titoría, e as tarefas realizadas con indicación do seu custo.
20. Dispor de follas de reclamación á disposición do alumnado, en aplicación do disposto na Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias.
21. Realizar, durante o primeiro cuarto da acción formativa, cando menos un cuestionario de seguimento e avaliación da acción formativa a cubrir polo alumnado, dirixido a detectar posibles desviacións ou incidencias no desenvolvemento do curso que poidan afectar a calidade da formación ou a consecución dos obxectivos docentes previstos.
Ademais, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración realizará ao remate da acción formativa unha enquisa electrónica de avaliación de calidade a cubrir polas persoas participantes.
A Administración poderá facilitar ao alumnado no momento que considere oportuno, e especialmente se se detectan incidencias na impartición da formación, formularios dirixidos a coñecer a súa opinión en relación co desenvolvemento da acción formativa.
22. En aplicación do disposto no artigo 10.k) da Orde EFP/942/2022, do 23 de setembro, realizar cando menos unha sesión de orientación profesional para favorecer a xeración de itinerarios formativos e profesionais das persoas destinatarias da formación.
Da sesión, que poderá ser individual ou grupal, quedará constancia escrita asinada pola entidade e polo alumnado asistente que se incorporará ao expediente electrónico de SIFO. No documento deberá indicarse a data e o horario en que esta tivo lugar, a modalidade en que se desenvolveu, a relación de participantes, a súa duración e os contidos tratados.
23. Verificar que no momento do comezo da acción formativa a especialidade que se vai impartir segue de alta e vixente no Catálogo nacional de cualificacións profesionais. Non serán subvencionables aquelas especialidades que no momento do inicio da acción formativa non estivesen vixentes e/ou dadas de alta no citado catálogo.
No suposto de que un certificado profesional resulte dado de baixa do Catálogo con anterioridade ao inicio da acción formativa, poderá ser substituído por aquel outro do Catálogo que, estando vixente, se determine especificamente como equivalente ao que se deu de baixa, e sempre que o cambio non supoña incremento da subvención concedida.
24. Verificar o cumprimento dos requisitos de acceso para cumprir polo alumnado.
No proceso de liquidación da subvención, non serán computables para a determinación do importe a liquidar aqueles alumnos ou alumnas que non cumpran os requisitos exixidos para o acceso á acción formativa.
Tampouco se expedirán diplomas nin certificados de ningún tipo ás persoas alumnas que accedan á formación sen reunir os requisitos exixidos, nin se asumirá ningún tipo de responsabilidade económica por parte da Administración derivada da súa participación, o que inclúe que non terán dereito a percibir ningún tipo de bolsas e axudas.
Como excepción ao disposto nos anteriores parágrafos, poderán participar nunha acción formativa os seguintes colectivos:
a) As persoas candidatas que teñan iniciado e pendente de resolución un proceso de homologación de títulos e estudos estranxeiros e sempre e cando estes se correspondan cos requisitos exixidos para poder asistir á actividade de formación.
O recoñecemento oficial da formación estará condicionado a que se produza a validación ou homologación dos ditos estudos. Caso de que finalmente esta non teña lugar, a acción formativa considerarase, para os efectos da expedición do diploma ou certificado oficial, como non efectuada, xerando non obstante para a entidade dereitos liquidatorios de acordo cos criterios establecidos para estes efectos nesta orde.
b) As persoas titulares de autorización de arraigo por formación de acordo co disposto no artigo 39 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo.
25. As entidades beneficiarias da subvención non poderán tratar os datos persoais que lles poidan ser facilitados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para fins propios fóra do ámbito de xestión das actividades formativas subvencionadas, en particular, con fins publicitarios ou de mercadotecnia, nin poderán comunicalos a ningún terceiro fóra dos supostos legalmente previstos.
26. Respecto das persoas participantes en cada unha das accións formativas, as entidades beneficiarias están obrigadas a informalas conforme o exixido nos artigos 13 e 14 do Regulamento (UE) nº 216/179 xeral de protección de datos, e, en particular, que os datos persoais tratados para a participación na correspondente actividade formativa, incluídos, de ser o caso, os de categoría especial definidos no artigo 9.1 do Regulamento xeral de protección de datos, así como aqueles cuxo tratamento poida derivar do sistema de identificación baseado en código QR e/ou DNI-e, serán tratados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a xestión, control e seguimento das accións formativas reguladas nesta orde.
Da comunicación desta información ao alumnado deberá quedar a constancia escrita á que se refire o artigo 19.5.b) desta orde de bases.
Artigo 22. Dereitos e deberes do alumnado
1. A formación será de balde para todo o alumnado participante nas accións formativas realizadas ao abeiro desta orde.
2. Nas ofertas do grao C, as persoas que xa teñan cursado con aproveitamento algún módulo profesional dos que integran a oferta, non poderán volver a realizalo sempre que este sexa acreditable para os efectos da obtención do certificado profesional.
3. O alumnado desempregado que cumpra os requisitos establecidos na correspondente normativa reguladora terá dereito a percibir as axudas ou bolsas que establezan a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego (procedemento TR301V).
Para estes efectos, no suposto de seren persoas desempregadas, terá dereito á percepción de bolsas e axudas o alumnado que teña iniciado e pendente de resolución un proceso de homologación de títulos e estudos estranxeiros e as persoas titulares da autorización de residencia por arraigo para a formación.
4. O alumnado que resulte seleccionado para unha acción formativa regulada por esta orde non poderá asistir simultaneamente a ningunha outra subvencionada con fondos públicos.
Será excepción a este criterio a asistencia a cursos de formación non formal, suposto en que poderá asistir simultaneamente a ata un máximo de dúas accións formativas, sempre que exista compatibilidade horaria entre ambas as actividades, que a convocatoria da programación de formación non formal permita a dita simultaneidade e que, na modalidade presencial ou na parte presencial de modalidade virtual, o total de horas de formación non supere o límite máximo de 8 diarias e 40 semanais.
As persoas alumnas non poderán causar baixa nun curso financiado dentro desta programación para acceder a outra acción formativa financiada con fondos públicos, salvo autorización expresa previa da persoa titular do departamento territorial competente e por causas excepcionais debidamente xustificadas.
5. O alumnado participante terá a obriga de:
• Asistir e seguir con aproveitamento á impartición das accións formativas.
• Rexistrar a súa asistencia e seguimento da acción formativa mediante o uso daqueles sistemas de control autorizados para as distintas modalidades de impartición e que, para tales efectos, aplique a entidade formadora.
• Facilitar, segundo o disposto no artigo 19 desta orde, e nos prazos que nela se establecen, a documentación que lle ten que ser requirida pola entidade de formación.
• Responder ao formulario da enquisa de avaliación da calidade da acción formativa que se lle remitirá por vía telemática ao remate da acción formativa, ou, de ser o caso, se lle entregará en soporte de papel para a súa cobertura.
• De ser o caso, salvagardar o carácter persoal e intransferible das chaves de acceso á plataforma de aprendizaxe que lle proporcione a entidade de formación.
6. As alumnas e alumnos deberán ser dados de baixa nunha acción formativa cando se dea algunha das causas de exclusión que se relacionan nas seguintes epígrafes. Agás no suposto de baixa por colocación, o alumnado que causou baixa non poderá reincorporarse posteriormente ao mesmo curso en que se lle deu de baixa.
a) Incumprimento da prohibición de simultanear accións formativas nos termos recollidos no artigo 22.4 desta orde. A exclusión aplicarase na acción ou accións formativas en que a persoa alumna se incorporase máis recentemente.
b) Incumprimento dos requisitos exixidos para poder realizar a acción formativa. Será excepción a este criterio o establecido no artigo 21.24 desta orde.
c) Incumprimentos de asistencia na modalidade presencial ou na parte presencial da modalidade virtual.
I. Incorrer en máis de 3 faltas de asistencia non xustificadas ao mes.
Terán a consideración de faltas xustificadas as que a seguir se relacionan:
• Enfermidade ou accidente acreditados.
• Consulta médica propia ou de familiares ata o primeiro grao ou persoas ao seu cargo.
• Nacemento de fillo ou filla e supostos de acollemento ou adopción.
• Falecemento, accidente ou enfermidade grave dun familiar ata o segundo grao.
• Contratación laboral que permita compatibilizar a asistencia á acción formativa ata completar o 75 % de horas lectivas.
• Asistencia a exames finais e outras probas de aptitude, de carácter oficial.
• Citación administrativa ou xudicial.
• Permiso por violencia de xénero.
• As actividades vinculadas coa conciliación familiar por coidado de fillas/os e/ou persoas acollidas menores de 12 anos ou de familiares dependentes ata o segundo grao ao cargo da persoa alumna, sempre que resulte acreditada debidamente tanto a causa como o vínculo familiar nos termos da normativa aplicable.
• Entrevista de traballo, polo tempo indispensable para a súa realización.
A xustificación das faltas deberá facerse mediante documentos ou calquera outro medio que acredite de modo fidedigno o motivo da non asistencia.
As persoas alumnas disporán dun prazo de 5 días lectivos para presentar na entidade de formación os xustificantes das súas faltas de asistencia. Unha vez transcorrido este prazo sen que os presentasen, a falta será considerada como sen xustificar.
As faltas de asistencia por actividade laboral, cun máximo de 25 horas ao mes, xustificaranse cunha copia do contrato de traballo e a acreditación documental suficiente da superposición do horario laboral co horario lectivo.
Terán a consideración de falta de asistencia non xustificada do alumnado a ausencia por un período de tempo superior ao 50 % da duración da sesión formativa e, no suposto do uso da aula virtual, o incumprimento da obriga establecida no artigo 24.6 desta orde de ter acesa durante todo o tempo de duración da sesión formativa a cámara web e que a persoa sexa identificable.
II. Incorrer en sete incumprimentos horarios nun mes, sen xustificación.
Entenderase por incumprimento horario cando, sen causa xustificada, a suma dos minutos de atraso na hora de entrada, de antelación na hora da saída e das ausencias durante parte das horas lectivas sexa superior a 15 minutos por cada sesión.
A xustificación dos incumprimentos horarios deberá facerse mediante documentos ou calquera outro medio que acredite de modo fidedigno o motivo. As persoas alumnas disporán dun prazo de 5 días lectivos para presentar os xustificantes na entidade de formación. Unha vez transcorrido este prazo sen que os presentasen, a falta será considerada como sen xustificar.
d) Incumprimentos de seguimento na modalidade virtual:
• Non realizar as actividades de aprendizaxe, probas e avaliacións da acción formativa, ou incorrer en incumprimento reiterado na súa realización efectuándoas fóra do prazo establecido para o efecto, sempre e cando o dito incumprimento supere o 25 % do número de actividades programadas.
A entidade impartidora da acción formativa fará efectiva a baixa da persoa participante o día lectivo seguinte a aquel en que o incumprimento dun alumno ou alumna se corresponda con algún dos supostos referidos nas epígrafes a), b), c) ou d).
7. Serán motivos de expulsión da acción formativa por causas disciplinarias os seguintes:
I. Atentar contra os dereitos das persoas alumnas, do persoal docente ou da entidade formadora.
II. A falta de aproveitamento da acción formativa ou mostrar unha actitude indebida que dificulte ou impida o seu normal desenvolvemento e/ou prexudique o resto das persoas participantes.
III. Negarse a efectuar os controis de asistencia que procedan segundo a modalidade de impartición.
IV. Non entregar a documentación requirida pola entidade formadora ou a unidade administrativa correspondente para dar cumprimento á normativa aplicable.
V. Non cumprir nin respectar as medidas de seguridade e saúde establecidas polas autoridades competentes para facer fronte, de ser o caso, a emerxencias sanitarias, así como as debidas normas de hixiene e salubridade.
VI. A utilización dun código QR ou dun DNI-e por unha persoa distinta á titular do código ou do documento identificativo, ou a existencia de irregularidades na sinatura dos partes de sinatura.
8. O procedemento para seguir para resolver se procede a expulsión por causas disciplinarias será o seguinte:
• O proceso iniciarase mediante solicitude debidamente motivada presentada pola entidade formadora.
• No prazo de 5 días hábiles desde a presentación da solicitude, a persoa proposta para exclusión será obxecto de audiencia polo órgano instrutor, o Servizo de Formación e Cualificación para o Emprego do departamento territorial da provincia en que teña lugar a acción formativa en cuestión, logo da cal esta unidade formulará a súa proposta de resolución.
• A resolución corresponderá á persoa titular do departamento territorial competente.
• Durante a tramitación do procedemento a persoa alumna que o motiva poderá ser suspendida de asistencia á acción formativa até a notificación da resolución definitiva, que non pon fin á vía administrativa, contra a cal as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada.
As persoas alumnas que resulten expulsadas por causas disciplinarias dunha acción formativa non poderán ser seleccionadas para ningunha outra acción formativa que se imparta ao abeiro da convocatoria do procedemento TR301K en que resultaron excluídas.
CAPÍTULO V
Execución dos programas de formación
Artigo 23. Accións formativas
1. A acción formativa está constituída polo contido específico da especialidade formativa que se vai impartir e polos módulos formativos transversais a que se refire esta orde.
Poderán ser obxecto de subvención aquelas especialidades formativas que se determinen no anexo III de cada convocatoria, así como os módulos formativos transversais que se impartan asociados a estas.
Unha acción formativa poderá impartirse nun ou varios grupos e de acordo cos límites que en cada convocatoria se establezan para cada modalidade de impartición.
De ser o caso, e independentemente do número de grupos en que se desagregue unha acción formativa, as sesións de formación e avaliación presencial da acción formativa deberán efectuarse nun único centro presencial.
2. As accións formativas concedidas deberán iniciar a súa impartición no prazo que se determine na correspondente convocatoria.
O incumprimento do prazo establecido dará lugar á perda do dereito da entidade beneficiaria a solicitar, durante o período que se determine na convocatoria, contado desde o día seguinte ao da data límite para o inicio da acción formativa, unha subvención para o financiamento de accións formativas reguladas por este procedemento (TR301K) para impartir no censo que incumpriu.
A acción formativa entenderase iniciada o día do comezo da execución do primeiro grupo formativo e de acordo co calendario aprobado para tal efecto.
3. As accións formativas poderán impartirse nas modalidades de formación previstas no artigo 24 desta orde.
4. Nas accións formativas impartidas na modalidade presencial e na parte presencial da modalidade virtual, ou cando a formación se desenvolva mediante aula virtual, o número de horas por acción formativa non poderá ser inferior a 4 horas diarias nin superior a 5 horas por día. O número de horas semanais non poderá ser inferior a 20, nin superior a 25.
Logo da notificación da resolución de concesión da subvención, o departamento territorial competente, de maneira excepcional e mediante resolución motivada, poderá ampliar o referido límite de horas diarias e semanais establecido para as actividades presenciais ata un máximo de 7 horas por día e 35 horas semanais. Esta resolución deberá comunicárselle á entidade beneficiaria.
Non poderá impartirse formación en domingo ou día festivo.
Para facilitar o acceso e desaloxo do alumnado ás aulas físicas, así como os procesos de limpeza a realizar nas instalacións, o tempo mínimo que debe transcorrer entre o remate dunha acción formativa e o comezo da seguinte que teña lugar na mesma aula será de 20 minutos.
5. Para os efectos de facilitar a conciliación persoal do alumnado e posibilitar un mellor aproveitamento da formación a recibir polas persoas participantes, non está permitida a realización das accións formativas no período de tempo comprendido entre as 21.00 e as 8.00 horas.
Con carácter excepcional e logo de solicitude da entidade beneficiaria debidamente xustificada mediante memoria explicativa, o departamento territorial competente poderá autorizar a realización de accións formativas que total ou parcialmente se impartan fora da franxa horaria establecida no anterior parágrafo.
6. Logo da petición da entidade beneficiaria motivada por causas de forza maior debidamente acreditadas e presentada cunha antelación mínima de 5 días en relación coa data de inicio da acción formativa, o departamento territorial competente poderá autorizar o cambio do lugar de impartición sempre que este teña lugar no ámbito territorial da mesma provincia e se manteñan as datas autorizadas para o inicio da acción formativa.
A solicitude deberá fundamentar as causas que motivan a petición e incluirá unha declaración responsable asinada pola persoa representante da entidade manifestando que se mantén o compromiso de participación do número mínimo de persoas traballadoras desempregadas que para cada convocatoria se determine e que deu lugar a resolución de concesión, así como do persoal docente encargado de impartir a acción formativa. A declaración deberá incluír a relación do persoal formador e das persoas interesadas en asistir á formación.
En ningún caso será considerada motivo xustificado para o cambio do lugar de impartición a imposibilidade de atopar alumnado suficiente ou de contratar persoal docente para realizar a formación.
7. Na modalidade virtual, o límite máximo de horas de formación que se vai programar por mes natural será de 120. Este número de horas reducirase proporcionalmente caso de que a formación non se imparta a mes completo, considerándose, para efectos de realizar este axuste, meses de 30 días.
Nas accións formativas impartidas na modalidade virtual non poderán impartirse en sábado un número de sesións presenciais superior ao 50 % das previstas. Para o cálculo desta porcentaxe non se terán en conta as horas de formación en empresa.
8. Logo de solicitude da entidade beneficiaria, presentada cunha antelación mínima de 3 días hábiles en relación coa data en que serán de aplicación os cambios solicitados, a modificación das datas e horarios das accións formativas respecto do indicado no anexo II ou, de ser o caso, do autorizado posteriormente como consecuencia doutras solicitudes de cambio presentadas, requirirá autorización do departamento territorial competente outorgada a través da aplicación informática SIFO.
De acordo co disposto no punto 2 deste artigo, o aprazamento ou aprazamentos, salvo causas de forza maior ou circunstancias de gravidade debidamente acreditadas, non poderán superar a data límite de inicio da acción formativa que se estableza para cada convocatoria. Para estes efectos, a imposibilidade de atopar alumnado suficiente ou de contratar persoal docente non terán a consideración de causa excepcional.
Artigo 24. Modalidades de impartición
1. A formación obxecto de financiamento por esta orde poderá realizarse, de acordo co que para tal efecto estableza e autorice o correspondente programa formativo da especialidade a impartir, nas modalidades presencial ou virtual.
O tipo de modalidade de impartición estará definido pola modalidade en que se imparta o contido específico da especialidade formativa.
2. Enténdese por formación na modalidade presencial aquela que ten lugar nun aula, coa presenza do profesorado, que transmite os coñecementos nun mesmo lugar e tempo a un grupo de alumnas e alumnos.
3. Na modalidade virtual, as sesións de formación e/ou avaliación presencial deberán realizarse en centros presenciais localizados na Comunidade Autónoma de Galicia e homologados pola Administración pública competente para impartir a correspondente especialidade formativa.
Os contidos e as probas presenciais dunha acción formativa a impartir na modalidade virtual realizaranse nun único centro presencial que, para os efectos de cumprir os requisitos de capacidade, poderá desagregarse en varios grupos.
4. Na solicitude de subvención deberá especificarse expresamente a modalidade pola que se opta e, de ser a virtual, indicarase o número de horas presenciais e o número de horas de teleformación.
As horas de aprendizaxe presencial calcularanse sobre as horas de formación, excluídas, para estes efectos, as horas de formación en empresa.
5. As entidades beneficiarias poderán facer uso da aula virtual como medio complementario e adicional para desenvolver o proceso formativo utilizando o campus virtual que, para estes efectos, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración porá á disposición das entidades de formación, sen que a impartición da totalidade dunha especialidade formativa poida realizarse a través de aula virtual.
A impartición da formación mediante aula virtual terá a consideración de modalidade presencial.
Entenderase como aula virtual a contorna de aprendizaxe onde a persoa titora-formadora e o alumnado interactúan, de forma concorrente e en tempo real, a través dun sistema de comunicación telemático de carácter síncrono que garanta en todo o momento a existencia de conectividade entre as persoas formadoras e o alumnado participante, así como bidireccionalidade nas comunicacións.
Con carácter xeral non sen poderá impartir mediante aula virtual un número de horas superior ao 30 % da duración da formación correspondente aos contidos específicos da oferta formativa do grao A, B ou C que estea previsto impartir na acción formativa.
Nas ofertas formativas de grao C de nivel 3 e para aquelas especialidades formativas que se poidan impartir tanto na modalidade presencial como na virtual, poderá utilizarse a aula virtual para realizar aquelas sesións que, na modalidade virtual, non precisen presenza física do alumnado e/ou non requiran a utilización de espazos, instalacións ou equipamentos para a adquisición de destrezas prácticas.
O persoal docente deberá estar presente na aula física homologada do centro de formación para impartir a especialidade formativa durante a totalidade do horario de impartición de cada sesión. A ausencia do persoal formador da aula física dará lugar á consideración da sesión como non realizada.
As persoas alumnas poderán asistir ás sesións de formación na aula física desde a que se imparte a acción formativa.
Para seren seleccionadas, as persoas candidatas deberán dispor dos medios técnicos necesarios para poder seguir con aproveitamento a formación: micrófono, cámara web, que deberá estar acesa e en uso durante todo o tempo de duración da sesión formativa, e conexión adecuada. Será responsabilidade do centro de formación verificar o cumprimento dos citados requisitos.
O alumnado deberá estar localizado nunha contorna que permita seguir coa debida atención e aproveitamento o desenvolvemento da acción formativa. Para o seguimento do curso poderá utilizarse ordenador de sobremesa, portátil ou tableta, non estando autorizado, para estes efectos, o uso de teléfonos móbiles tipo smart.
A entidade non poderá computar como asistidas para a persoa alumna que incumpre aquelas sesións en que quebrante os requisitos establecidos.
A Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego poderá establecer mediante unha instrución a obriga de que as entidades de formación graven na nube, utilizando para tales efectos as ferramentas que proporciona o campus, as sesións que se desenvolvan mediante aula virtual. Teranse como non realizadas aquelas sesións que incumpran a obriga da súa gravación na nube caso de que unha instrución estableza dita obriga.
Non poderá utilizarse unha aula virtual para realizar exames finais e probas de aptitude de carácter oficial, nin aquelas sesións que precisen presenza física do alumnado e/ou requiran a utilización de espazos, instalacións ou equipamentos para a adquisición de destrezas prácticas.
Para a autorización do uso da aula virtual serán de aplicación, no non disposto nesta orde, as instrucións publicadas pola Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, que estarán dispoñibles para a súa descarga ou consulta no sistema informático SIFO.
Para os efectos de garantir o cumprimento do disposto neste punto os departamentos territoriais poderán, na fase de instrución da solicitude, requirir ás entidades de formación toda aquela información e/ou documentación acreditativa da viabilidade de impartir mediante aula virtual a totalidade ou parte dos contidos solicitados. Caso de que a información e/ou documentación solicitada non se achegue ou se achegue parcialmente, se presente fóra de prazo, ou non acredite a viabilidade de impartir a formación mediante aula virtual, esta deberá efectuarse, logo de notificación á entidade interesada, presencialmente.
6. Se unha vez concedida e aceptada unha solicitude de subvención, a entidade desexa modificar a impartición presencial de determinados contidos da acción formativa para realizalos a través de aula virtual, deberá solicitalo ao Servizo de Formación e Cualificación para o Emprego do departamento territorial competente cun mínimo de 10 días hábiles de antelación en relación coa data proposta para o comezo da impartición da formación por este medio virtual, e necesitará en todo caso a autorización previa do persoal técnico da dita unidade.
A solicitude deberá incluír unha memoria detallada da petición, con indicación expresa dos contidos que se impartirán mediante aula virtual, a súa duración e datas de realización, e o calendario de sesións presenciais e de exames que se van realizar.
Caso de que a acción formativa estivese iniciada no momento de realizar a solicitude, ou xa se efectuase a selección do alumnado que vai participar nela, deberá presentarse a documentación acreditativa de que todas e cada unha das persoas alumnas da acción formativa foron debidamente informadas das consecuencias de participar mediante aula virtual, incluída, de ser o caso, a perda do dereito para beneficiarse de determinadas bolsas e axudas, e que mostran o seu acordo expreso e unánime ao cambio. A documentación acreditativa deberá incluír a sinatura favorable da totalidade do alumnado.
7. Sexa cal sexa a modalidade de impartición en que se impartirá a especialidade formativa, as entidades deberán dispor e conservar as evidencias necesarias para comprobar os resultados da aprendizaxe.
Artigo 25. Difusión das accións formativas
Sen prexuízo do disposto no artigo 27 desta orde en relación co procedemento a seguir na selección do alumnado, as entidades beneficiarias poderán realizar actividades de difusión e promoción das accións formativas previas á selección do alumnado naqueles medios e canles que consideren convenientes. A difusión garantirá a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes, e do uso dunha linguaxe non sexista.
Nestes anuncios farase constar o financiamento da formación con cargo aos fondos recibidos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, incluíndo neles o emblema da Xunta de Galicia e o do organismo que financia.
No anuncio, que deberá estar redactado en lingua galega, sen prexuízo de que, así mesmo, se acompañe a publicación noutros idiomas, deberá especificarse, como mínimo:
• A entidade ou centro ofertante, con indicación do teléfono e/ou correo-e de contacto.
• As prazas existentes e o carácter gratuíto da formación.
• A acción formativa de que se trata, con indicación do código e denominación da especialidade formativa, o número de horas e a data prevista de inicio.
• O perfil requirido ao alumnado.
• A modalidade de impartición.
Artigo 26. Persoas destinatarias da formación e definición de persoa alumna
1. As accións formativas obxecto de financiamento dirixiranse prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas. Para tal efecto, a consideración de persoa traballadora desempregada virá determinada pola súa inscrición como demandante no Servizo Público de Emprego de Galicia e a súa situación laboral como non ocupada referida á data de validación da acta de selección polas oficinas de emprego.
Non será precisa a inscrición como demandante no caso de estar inscrita no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil.
Se durante o desenvolvemento da acción formativa algunha persoa alumna desempregada pasa á situación laboral de ocupada poderá continuar asistindo ao curso sempre que para o seguimento das actividades presenciais haxa compatibilidade entre o horario formativo e o laboral, de maneira que lle permita cumprir os requisitos de asistencia e, independentemente da modalidade de impartición, rematar con aproveitamento o curso.
Será requisito necesario para a participación do colectivo de persoas traballadoras desempregadas que o seu enderezo de intermediación laboral se localice na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Se así o autoriza a correspondente convocatoria e dentro dos límites que esta estableza, as persoas traballadoras ocupadas poderán participar nas accións formativas convocadas ao abeiro destas bases reguladoras.
Para os efectos desta orde e coas excepcións que se determinen neste artigo, terán a consideración de persoas traballadoras ocupadas as que estipule a última orde publicada pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexerán as accións formativas do Plan de formación para o emprego para persoas traballadoras ocupadas (procedementos TR302A ou TR301X).
Será requisito necesario para a participación dos colectivos de persoas traballadoras ocupadas relacionadas neste punto que o seu centro de traballo, ou o seu enderezo fiscal no caso das persoas traballadoras autónomas, se localice na Comunidade Autónoma de Galicia.
Non poderá participar nas accións formativas reguladas por este procedemento nin o persoal ao servizo das administracións públicas nin as persoas traballadoras ocupadas da entidade de formación beneficiaria da subvención.
3. Para os efectos desta orde, non computarán como ocupadas as persoas traballadoras fixas descontinuas nos períodos de non ocupación nin as persoas traballadoras afectadas por expedientes de regulación temporal de emprego, suspensións dos contratos de traballo ou as reducións de xornada, por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción ou derivadas de forza maior.
4. Poderán participar nas accións formativas as persoas demandantes de servizos previos ao emprego, nos termos que establezan os instrumentos de coordinación do Sistema nacional de emprego, concretamente, a Comisión de Coordinación e Seguimento (CCS) e o Sistema de información dos servizos públicos de emprego (SISPE).
5. As persoas candidatas que non conten cos requisitos de acceso para seren seleccionadas poderán participar na formación naqueles supostos regulados pola presente orde.
6. Caso de que a convocatoria autorice a asistencia de persoas traballadoras ocupadas, para a participación nas accións formativas terán prioridade as persoas traballadoras desempregadas sobre as persoas traballadoras ocupadas.
Defínense as seguintes situacións para aplicar os criterios de selección do alumnado:
|
Código de grupo |
Descrición |
|
1 |
Persoas que teñan incluída esta especialidade formativa no seu Itinerario persoal individualizado de emprego (IPE) |
|
2 |
Persoas que solicitasen a especialidade formativa en cuestión, comezando por aquelas que a teñan solicitado no centro en que se vai impartir o curso |
|
3 |
Persoas que, tendo unha especialidade formativa dun determinado nivel, queiran acceder á correspondente ao nivel inmediatamente superior da mesma familia |
|
4 |
Persoas que non se atopen en ningún dos supostos citados nos anteriores grupos (1, 2 ou 3) |
Os diferentes colectivos de persoas candidatas agrúpase cos seguintes criterios:
|
Código de grupo |
Colectivos |
|
A |
Persoas vítimas de violencia de xénero, en risco de exclusión social ou con discapacidade acreditada nun grao igual ou superior ao 33 % |
|
B |
Persoas emigrantes retornadas, persoas con autorización de residencia por arraigo para a formación ou persoas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado profesional ou que obtivesen acreditacións parciais mediante o procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral |
|
C |
Persoas menores de 30 anos, mulleres, persoas desempregadas de longa duración, persoas con baixa cualificación ou persoas traballadoras que se atopen en situación de suspensión de contrato ou de redución de xornada como consecuencia dun expediente de regulación temporal de emprego |
|
D |
Persoas que non se atopen en ningún dos supostos citados nos outros grupos (A, B ou C) |
Para os efectos de determinar a condición de pertenza a cada un dos colectivos citados terase en consideración os seguintes criterios definitorios:
a) Vítimas de violencia de xénero. Para os efectos desta orde, entenderanse por vítimas de violencia de xénero aquelas que teñan tal consideración de acordo co disposto no artigo 1 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Inclúense dentro do concepto de violencia de xénero, en aplicación da Lei 14/2021, do 20 de xullo, e da Lei 15/2021, do 3 de decembro, modificadoras ambas da Lei 11/2007, a violencia vicaria e a violencia dixital.
b) Persoas en risco de exclusión social. Terán a condición de persoas en risco de exclusión social aquelas en que se verifique a ausencia ou déficit grave de recursos económicos e a situación de desemprego. A valoración técnica da situación ou risco de exclusión social, así como a determinación dos factores de exclusión, serán os recollidos na Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.
c) Persoas emigrantes retornadas. Para os efectos desta orde, terán a condición de persoas emigrantes retornadas as persoas demandantes de emprego con nacionalidade española e inscritas no Servizo Público de Emprego que acreditasen ante o dito servizo a estadía no estranxeiro para residir ou traballar por un período mínimo de 3 anos. Esta condición manterase durante os 5 anos seguintes á data do retorno a España.
d) Persoas desempregadas de longa duración. Para os efectos desta orde, terá a consideración de persoa desempregada de longa duración aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia con situación laboral como non ocupada, e que na data de inicio da acción formativa estea sen traballo e acredite un período de inscrición como desempregada no Servizo Público de Emprego de, cando menos, doce meses durante os dezaoito meses anteriores ao inicio da acción formativa. Este período de 12 meses non ten que ser ininterrompido.
O proceso de selección do alumnado efectuarase con base na seguinte táboa, resultado das dúas anteriores:
|
Nivel de prioridade |
1 |
2 |
3 |
4 |
5 |
6 |
7 |
8 |
9 |
10 |
11 |
12 |
13 |
14 |
15 |
16 |
|
Colectivo para seleccionar |
1A |
1B |
2A |
2B |
1C |
2C |
1D |
2D |
3A |
3B |
3C |
4A |
4B |
4C |
3D |
4D |
No caso de empate no proceso de determinación das persoas traballadoras que participarán nas accións formativas, acudirase aos seguintes criterios de desempate segundo a orde que a seguir se indica:
• Primeiro. O tempo que leven sen participar en accións formativas no marco do Sistema de formación profesional.
• Segundo. O tempo que leven inscritas como demandantes de emprego.
7. Terán a condición de persoas alumnas as que fosen seleccionadas para participar na acción formativa a través dun procedemento realizado de conformidade ao establecido na presente orde.
Artigo 27. Procedemento de selección do alumnado
1. As entidades que presenten unha solicitude de subvención para impartir accións formativas ao abeiro do disposto nesta orde deberán contar, no momento da súa presentación, co número mínimo de persoas traballadoras desempregadas que para cada convocatoria se determine.
O procedemento de selección do alumnado estará definido por dúas fases:
• Primeira fase: obtención do número mínimo de persoas alumnas desempregadas requiridas na convocatoria. Esta fase é previa á de presentación da solicitude de subvención.
• Segunda fase: unha vez presentada a solicitude de subvención as entidades poderán, de ser o caso, incrementar o número de participantes ata acadar o máximo de persoas subvencionables por acción formativa ou grupo.
2. Na primeira fase as entidades utilizarán para a selección de candidatos o método de selección directa. Para estes efectos, as entidades publicarán no buscador Diplos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, https://emprego.xunta.es/diplos, as ofertas formativas que teñan previsto impartir. A solicitude para publicar as ofertas en Diplos realizarase a través do sistema informático SIFO mediante formulario normalizado habilitado ao respecto.
As ofertas estarán visibles en Diplos durante un período máximo de 2 meses ou, de ser o caso, ata que a acción formativa dea comezo, podendo as entidades, con anterioridade ao cumprimento dos prazos citados, solicitar a retirada do curso do buscador no suposto de que non desexe continuar co proceso de selección de alumnado e decida non presentar a solicitude de subvención para impartir a acción formativa que solicita retirar. As entidades de formación, caso de que non se solicite a subvención para unha oferta formativa publicada en Diplos, deberán informar ás persoas candidatas inscritas de que a dita acción non se vai impartir.
Cada convocatoria determinará por censo o número máximo de accións formativas e de accións formativas dunha mesma especialidade que se poderán publicitar simultaneamente en Diplos.
Publicada en Diplos a oferta de accións formativas, as persoas traballadoras poderán preinscribirse naquelas accións formativas que sexan do seu interese. As entidades priorizarán as persoas traballadoras desempregadas que exerzan o seu dereito de elección de centro a través do portal de emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, https://emprego.xunta.es/diplos, ou a través da rede de oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia.
3. Para captar o número mínimo de persoas traballadoras desempregadas requirido para presentar a solicitude de subvención, poderán realizarse, de acordo co establecido no artigo 25 desta orde, as actividades de difusión que se consideren pertinentes, con indicación dun teléfono e/ou correo-e de contacto.
4. Acadado o número mínimo de persoas traballadoras desempregadas establecido por acción formativa para poder presentar a solicitude de subvención, as entidades deberán remitir á oficina de emprego competente, para a súa validación no prazo máximo de 5 días naturais desde a recepción do documento, a acta de selección das persoas comprometidas a participar na acción formativa.
A selección das persoas destinatarias da formación deberá axustarse aos requisitos de participación establecidos nesta orde e será de aplicación o criterio de prelación establecido no artigo 26. Non se validará ningunha acta que non cumpra co requisito do compromiso de participación do número mínimo de persoas traballadoras desempregadas establecidos na convocatoria.
5. Para efectos de verificar a súa situación laboral e validar as actas, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración consultará automaticamente os datos de vida laboral en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, das persoas preseleccionadas para asistir á formación. As persoas non inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, caso de opoñerse á consulta, que deberá manifestarse por escrito ante a entidade de formación, deberán achegar a documentación acreditativa da súa situación laboral, que será remitida á oficina de emprego correspondente xunto coa acta de selección.
De ser o caso, a acta de selección reflectirá as persoas seleccionadas que non cumpren cos requisitos de acceso.
A validación da acta de selección coa relación de persoas comprometidas a participar na acción formativa supón un requisito previo e imprescindible para presentar a solicitude de subvención.
6. Validada a acta de selección a que se refire o punto 5 deste artigo e unha vez presentada a solicitude de subvención, a entidade poderá nesta segunda fase incrementar o número de persoas alumnas ata o límite máximo de participantes permitido para cada acción formativa. Para estes efectos, poderán empregar o método de selección directa ou o método de selección a través de oficina de emprego. Ambos os métodos deberán aplicarse de xeito sucesivo pero non simultáneo, agás no suposto de que a simultaneidade do uso de ambos os métodos de selección se autorice expresamente na correspondente convocatoria.
7. O procedemento a seguir na solicitude de realización dunha sondaxe polas oficinas de emprego será o seguinte:
a) Con 15 días naturais de antelación á realización da proba de selección, as entidades beneficiarias solicitaranlle directamente á oficina de emprego que corresponda e mediante o impreso normalizado establecido para o efecto unha listaxe de persoas que, cumprindo o disposto nesta orde para ser destinatarias da formación, se adecúen ao perfil requirido para a realización de cada acción formativa.
Así mesmo, nos supostos en que a entidade beneficiaria demande a selección de persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil que non estean inscritas como demandantes, poderá solicitarlle á oficina de emprego unha busca específica para tal efecto.
b) A oficina de emprego, mediante sondaxe entre as persoas demandantes inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, seleccionará, de haber persoas candidatas, dúas persoas por praza vacante para cada acción formativa e convocará as persoas demandantes preseleccionadas para que asistan á proba de selección que deberá realizar a entidade de formación.
Esta proba de selección deberá ser visada previamente pola oficina de emprego.
c) Remitida a listaxe das persoas preseleccionadas á entidade solicitante, esta procederá á selección do alumnado mediante a realización das probas que considere pertinentes e de conformidade cos criterios predeterminados na solicitude, que deberán pórse en coñecemento das persoas candidatas antes da súa realización.
Do proceso de selección e do seu resultado emitirase a correspondente acta no modelo normalizado establecido para tal efecto.
Na realización das probas de selección poderá estar presente unha persoa representante da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
d) As persoas demandantes propostas pola oficina de emprego só poderán ser rexeitadas para a realización da acción formativa cando concorran causas xustificadas que así o determinen debidamente acreditadas pola entidade beneficiaria e, en todo caso, cando incumpran os requisitos para participar na correspondente especialidade formativa establecidos nesta orde.
e) No caso de que ningunha persoa demandante proposta pola oficina de emprego supere as anteditas probas, ou que transcorresen 15 días naturais desde que se realizou a petición de persoas candidatas por parte da entidade beneficiaria sen que a oficina de emprego remitise persoas demandantes de emprego, ou que as persoas demandantes enviadas, xunto con aquelas outras pertencentes a outros colectivos cuxa participación se permite nesta orde de bases, sexan insuficientes, a oficina de emprego deberá repetir ou tentar novas sondaxes entre persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego que non respondan aos criterios que empregou na sondaxe inicial e entre os cales poderán incluírse:
• Sondar persoas que teñen certificados profesionais aprobados de menor nivel da mesma familia profesional.
• Sondar por estudos cursados, ocupación ou experiencia profesional afíns, relacionados coa especialidade que se vai impartir.
• Aumentar o ámbito xeográfico da sondaxe.
8. Finalizado, de ser o caso, o proceso de captación de novas persoas candidatas posterior á presentación da solicitude de subvención, as entidades deberán remitir á oficina de emprego competente para a súa validación, a acta de selección das persoas incorporadas na segunda fase. Para estes efectos, o procedemento para seguir e os prazos para cumprir serán os establecidos nos puntos 4 e 5 deste artigo.
A validación da acta de selección será requisito previo para poder iniciar a acción formativa.
9. O alumnado que realizase unha acción formativa e teña dereito a diploma non poderá volver a realizar outra acción formativa da mesma especialidade. No caso de detectarse esta circunstancia, as persoas nesta situación deberán ser dadas de baixa e non terán dereito a percibir ningunha das bolsas e axudas que se financian no marco do procedemento TR301V. Exceptúanse do anterior aqueles supostos en que exista normativa específica que obrigue á reciclaxe formativa dun determinado colectivo e así o acredite a entidade ou centro de formación.
10. Unha oferta de grao C só poderá cursarse, caso de non superarse, dúas veces como máximo. Cando circunstancias excepcionais así o xustifiquen, o órgano territorial competente poderá autorizar que se curse nunha terceira ocasión.
Artigo 28. Capacidade, incorporacións e suspensións
1. Cada convocatoria establecerá o número máximo de alumnas e alumnos que poderá participar nunha acción formativa, así como o número mínimo de alumnado necesario para poder iniciar a acción formativa.
En ningún caso o número de alumnas e alumnos que participen simultaneamente nunha acción formativa ou nun grupo dunha acción formativa poderá ser superior ao do alumnado orzado.
2. Para a regulación da capacidade nas actividades presenciais das accións formativas impartidas na modalidade virtual, serán de aplicación os límites establecidos para a modalidade presencial.
3. No suposto de que unha acción formativa ou un grupo dunha acción formativa inicie cun número de persoas alumnas inferior ao autorizado na resolución de subvención, ou no caso de que non se incorpore o alumnado seleccionado ou se produzan abandonos, poderán incorporarse outras persoas á formación en lugar daquelas sempre que non se superase o 25 % da duración da acción formativa ou, no caso da modalidade virtual, o 25 % das actividades de aprendizaxe que se establezan no proxecto formativo.
Cando se programen certificados profesionais completos para impartir de forma modular, oferta do grao C, co fin de facilitar o acceso a cada un dos módulos que integran o certificado, poderanse incorporar persoas alumnas desde no inicio de cada un dos módulos programados e sempre que no se superase o 25 % da súa duración.
4. Na modalidade virtual considerarase que unha persoa alumna abandonou a acción formativa se non accedeu á plataforma de aprendizaxe dentro do período do 25 % desde o inicio desta.
5. Cada nova alta ou baixa de alumnado que se produza na acción formativa deberá ser actualizada no sistema informático SIFO no prazo de 3 días hábiles desde que esta teña lugar. Se a dita alta ou baixa corresponde a participantes desempregadas/os deberá, así mesmo, comunicarse á oficina de emprego correspondente no prazo máximo de 3 días hábiles desde que esta se produza.
6. As accións formativas en que, malia o intento de completarse o número de persoas alumnas, diminúa o número de participantes ata un número inferior ao 50% do número programado, exceptuadas as baixas que se produzan por colocación das persoas alumnas, poderán ser canceladas polo órgano competente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Artigo 29. Formación na modalidade virtual. Persoas titoras-formadoras
1. Nas accións formativas que se van impartir na modalidade virtual deberá haber, como mínimo, unha persoa titora por cada 80 participantes cando a súa dedicación sexa de 40 horas semanais. Para xornadas inferiores, o tempo de dedicación da persoa titora reducirase proporcionalmente ao número máximo de persoas alumnas, de xeito que o mínimo de dedicación do titor equivalla a 10 horas semanais por cada 20 persoas alumnas, incluídas, de ser o caso, as titorías presenciais.
2. Serán funcións das persoas titoras-formadoras, as seguintes:
• Desenvolver o plan de acollida do alumnado do grupo de formación segundo as características específicas da acción formativa.
• Orientar e guiar o alumnado na realización das actividades, o uso dos materiais e a utilización das ferramentas da plataforma virtual de aprendizaxe.
• Fomentar a participación do alumnado propoñendo actividades e debates, e organizando tarefas individuais e en equipo.
• Realizar o seguimento e valoración das actividades realizadas polas persoas participantes, resolvendo dúbidas e solucionando problemas e incidencias a través da plataforma virtual de aprendizaxe, axustándose á planificación prevista.
• Avaliar o alumnado de acordo cos criterios establecidos, así como participar na organización e desenvolvemento das probas de avaliación que procedan.
• Participar en todas aquelas actividades que impliquen coordinación co resto do equipo responsable da organización, xestión e desenvolvemento das accións formativas.
3. As persoas titoras-formadoras atenderán as peticións e dúbidas do alumnado e realizarán a actividade titorial a través das ferramentas de comunicación da plataforma.
A plataforma de aprendizaxe deberá levar rexistro de actividade das titorías realizadas e das consultas formuladas e respondidas, con indicación dos accesos e horas de conexión, para a súa comprobación por parte dos órganos de control e seguimento da Administración.
4. Unha persoa titora non poderá compaxinar as funcións de titoría para accións formativas ou grupos que teñan horarios de titoría parcial ou totalmente coincidentes.
Artigo 30. Módulos formativos transversais
1. O artigo 115 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, establece a obriga de integrar a perspectiva de xénero nos programas de formación da consellería competente en materia de emprego.
As entidades de formación estarán obrigadas, en todas as accións formativas subvencionadas ao abeiro da presente orde, á impartición do módulo transversal denominado de Inserción laboral, sensibilización ambiental e na igualdade de xénero (FCOO03), de 10 horas de duración, das cales cando menos 2 horas deberán referirse á igualdade de xénero, vinculada coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e corresponsabilidade familiar e doméstica.
Así mesmo, as entidades deberán impartir obrigatoriamente un módulo formativo sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica, cunha duración de 3 horas nos cursos de duración menor ou igual a cincuenta horas (FCOXXX23), e de 8 horas nos cursos de duración superior a cincuenta horas (FCOXXX24).
A formación en materia de igualdade consecuencia da impartición, segundo o caso, dos módulos FCOO03 e FCOXXX23, ou FCOO03 e FCOXXX24, incluirá obrigatoriamente un mínimo de 5 horas (2+3) naquelas accións formativas en que se impartan especialidades formativas de duración menor ou igual a cincuenta horas, e un mínimo de 10 horas (2+8) para aquelas especialidades que superen a dita duración.
A cualificación do alumnado será de «superado» ou «non superado» e requirirá a superación dunha proba final de aptitude.
2. As alumnas e alumnos que acrediten documentalmente ter realizado formación en materia de igualdade de xénero e igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e corresponsabilidade familiar e doméstica quedarán exentas/os de realizar os módulos transversais FCOXXX23 ou FCOXXX24 sempre que a formación recibida fose impartida ou homologada por un organismo oficial, que os contidos impartidos se axusten aos contidos do módulo transversal e que o número de horas da formación recibida sexa igual ou superior ás horas de formación do módulo que se vai eximir.
3. En todas aquelas accións formativas que inclúan formación en empresa deberá garantirse que o alumnado teña cursado previamente a formación correspondente para acadar as competencias necesarias para o desempeño das funcións de nivel básico en prevención de riscos laborais establecidas no artigo 35 do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención (RSP).
Para estes efectos, será obrigatoria a realización dun módulo formativo básico en materia de prevención de riscos laborais cun mínimo de 60 horas (código FCOXXX26), en todas aquelas ofertas formativas que inclúan formación en empresa. Non será necesario realizar este curso no suposto en que os propios contidos da oferta formativa, impartidos de acordo cos criterios establecidos no primeiro parágrafo desta epígrafe xa inclúan a realización de formación nesta materia.
4. Naquelas accións formativas en que deba impartirse o módulo formativo FCOXXX26 por non estar incluído no contido da oferta de formación, será necesario, para acreditar dispor das competencias relativas á prevención de riscos laborais, superar unha proba final de aptitude de carácter presencial.
Sen prexuízo do disposto no punto 6 deste artigo, para poder presentarse á proba de avaliación final de aptitude, a persoa alumna deberá xustificar unha asistencia ao módulo de, cando menos, o 75 % das súas horas totais na modalidade presencial ou, con independencia das horas de conexión, ter realizado un 75 % das actividades de aprendizaxe na modalidade virtual e superado, polo menos, o 70 %.
Naqueles sectores ou actividades cuxo respectivo convenio colectivo regule a formación en prevención de riscos laborais de nivel básico, o curso de prevención de riscos laborais deberá impartirse de acordo co indicado nel.
O alumnado que xustifique documentalmente estar en posesión dun diploma oficial que acredite formación en materia de prevención de riscos laborais de 60 horas, ou do diploma de técnico intermedio ou superior de riscos laborais, estará, de ser o caso, exento de realizar o módulo de prevención de riscos laborais.
Poderán volver realizar este curso aquelas persoas que xa o efectuasen con anterioridade e sempre e cando o módulo realizado previamente non garanta estar en posesión do nivel de coñecementos necesarios para desempeñar as funcións de nivel básico en prevención de riscos laborais ou non se corresponda coa formación requirida para a actividade profesional ou económica vencellada cos contidos da oferta formativa impartida.
5. Os módulos formativos transversais poderán, con carácter xeral, impartirse nas modalidades presencial ou virtual.
A modalidade de impartición dos módulos formativos transversais non poderá ser obxecto de modificación con respecto á establecida na resolución de concesión da subvención.
6. Serán excepción ao disposto no parágrafo primeiro do punto 5 as ofertas formativas das especialidades relacionadas na columna «Obriga de impartir en presencial o módulo de prevención de riscos laborais», do anexo III, que deberán impartir o módulo de prevención na modalidade presencial, sen que estea permitido o uso de aula virtual.
Nas especialidades incluídas na citada columna do anexo III requirirase, para poder presentarse á proba de avaliación final do módulo de prevención de riscos, a asistencia por parte do alumnado á totalidade das sesións presenciais da formación. No caso de que unha persoa alumna non poida asistir a algunha sesión presencial, esta sesión poderá, con anterioridade á data de remate da acción formativa, impartirse nunha segunda ocasión. O número máximo de sesións que unha persoa poderá repetir será de dúas.
7. A impartición dos módulos formativos transversais en materia de igualdade poderá realizarse en calquera momento dentro do intervalo de datas da acción formativa. A formación en materia de prevención de riscos laborais deberá impartirse con carácter previo á formación en empresa.
Non poderá simultanearse a impartición dos contidos específicos dos módulos transversais cos contidos propios do programa formativo da especialidade. Neste senso, os módulos transversais poderán desenvolverse tanto ao inicio coma ao remate da acción formativa ou, así mesmo, no período que vai desde o remate dun módulo profesional ata o comezo do seguinte.
8. Excepcionalmente, as entidades poderán solicitar a impartición dun módulo de formación complementaria de entre os que a seguir se especifican, sempre que a súa impartición estea xustificada polo contido da especialidade formativa solicitada. A súa impartición será autorizada ou denegada na resolución de concesión da subvención:
|
Código |
Denominación |
Horas |
|
CTRE0003 |
Asesoramento para a creación de empresas |
30 |
|
FCOM01 |
Manipulador de alimentos |
10 |
9. As entidades de formación, no momento de presentar a solicitude de accións formativas que se van impartir, deberán indicar os módulos formativos transversais a incluír en cada unha delas.
Artigo 31. Seguimento e control das accións formativas
1. Para verificar o cumprimento do disposto nesta orde, os departamentos territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración aplicarán un sistema de seguimento e control do desenvolvemento da acción formativa que poderá implicar, entre outras actuacións, visitas presenciais para aqueles cursos que se realicen total ou parcialmente na modalidade presencial.
Durante as visitas poderá solicitarse ás entidades as evidencias físicas relativas ao desenvolvemento da actividade formativa que se consideren oportunas, recoller testemuños do alumnado sobre o desenvolvemento da acción formativa e tomar imaxes fotográficas do material, equipamento e instalacións necesarias para impartir a formación.
De ser o caso, as citadas actuacións de seguimento e control poderán ser realizadas por unha entidade, pública ou privada, se así se lle encomenda a través do instrumento xurídico correspondente.
2. Nas accións formativas para impartir na modalidade virtual, o seguimento poderá implicar o acceso á correspondente plataforma informática para verificar a evolución do desenvolvemento da actividade formativa a través do uso de chaves de acceso con perfil de persoa administradora, titora-formadora ou alumna, que, para tales efectos, deberá facilitar a entidade beneficiaria.
Este seguimento poderá complementarse con chamadas telefónicas mediante mostraxe, que se realizará ás persoas participantes na actividade, e visitas de seguimento ás sesións presenciais.
Sen prexuízo do disposto no artigo 37.7 desta orde e para os efectos de realizar as consultas e comprobacións que se xulguen pertinentes, a plataforma de aprendizaxe deberá estar operativa e accesible para a Administración ata o remate da fase de liquidación de cada acción formativa.
3. Cando a acción formativa se desenvolva a través de aula virtual, poderán efectuarse conexións durante o tempo de impartición da formación por parte dos órganos de control para os efectos de realizar aquelas actuacións de seguimento que procedan. O persoal de seguimento poderá solicitar a desconexión do persoal docente e do persoal da entidade beneficiaria para os efectos de efectuar consultas co alumnado.
De acordo e cos efectos establecidos nesta orde, todas as persoas participantes deberán dispor de micrófono e cámara web; cámara que deberá estar acesa e en uso durante todo o tempo de duración das sesións formativas e que a persoa sexa identificable.
Durante o tempo de conexión, o persoal de seguimento deberá ter contacto visual e sonoro coas persoas participantes e poderá interactuar co persoal formador e o alumnado mediante chat ou facendo uso de calquera outra ferramenta que proporcione o campus.
Nas sesións formativas impartidas mediante aula virtual poderán realizarse visionados e cruzamentos de datos que permitan comprobar a exactitude e correspondencia entre os datos do rexistro de actividade que para cada persoa alumna consten no campus virtual e a información mecanizada polas entidades beneficiarias na aplicación informática COBIPE. De existir discrepancias entre ambas as fontes de datos, consideraranse correctos, para efectos do cómputo de horas de presenza do alumnado, os que teñan a súa orixe na información proporcionada polo campus virtual.
4. As entidades impartidoras deberán pór a disposición dos departamentos territoriais ou, de ser o caso, da entidade pública ou privada que corresponda, xunto co resto da documentación exixida nesta orde e utilizando para tales efectos a aplicación informática SIFO, a folla de control de asistencia debidamente asinada polas persoas técnicas de seguimento que efectúen visitas presenciais de seguimento da actividade.
No caso de que non coincida a folla de control de asistencia que conste en poder das persoas técnicas coa remitida posteriormente polas entidades, presumirase a veracidade da primeira.
5. As entidades beneficiarias deberán colaborar de xeito dilixente na realización das actuacións de seguimento e control achegando, para tal efecto, canta documentación lles sexa requirida.
6. Cando nunha acción formativa se detecte a existencia de irregularidades ou deficiencias que non puidesen ser emendadas no prazo concedido para o efecto, e que impidan o normal desenvolvemento da actividade ou incidan negativamente na súa calidade docente, poderá procederse á súa cancelación logo de resolución motivada do órgano competente para a súa concesión.
Artigo 32. Formación en empresa
1. A impartición da formación en empresa axustarase aos requisitos establecidos na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da Formación Profesional; no Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional, modificado polo Real decreto 658/2024, do 9 de xullo, e ao estipulado na normativa vixente reguladora de cada certificado profesional.
2. Os certificados profesionais correspondentes á oferta de grao C terán carácter dual e incluirán como parte integrada no currículo previsto en cada oferta formativa un período de formación en empresa en que se desenvolverá un conxunto de actividades dirixidas a completar e reforzar os resultados de aprendizaxe previstos.
3. Cando un centro de formación propoña a totalidade dos graos B que compoñen un grao C, estará obrigado a recoller na oferta a realización dun período de formación en empresa ou organismo equiparado de 80 horas para aquelas persoas en formación que estivesen interesadas en obter un grao C por acumulación de graos B.
4. A formación en empresa ou organismo equiparado terá sempre natureza formativa e non laboral, sen prexuízo daquelas normas do ámbito laboral que lle sexan de aplicación.
A súa consideración será a de formación curricular. En ningún caso terá a consideración de prácticas nin suporá a substitución de funcións que corresponden a un traballador ou traballadora.
5. Quedará exento do período de formación en empresa quen acredite unha
experiencia laboral que se corresponda coa formación cursada. A exención realizarase nos termos previstos nos artigos 131, 161 e 177 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional, modificado polo Real decreto 658/2024, do 9 de xullo.
6. A formación en empresa deberá desenvolverse en centros de traballo cuxa actividade estea vencellada cos contidos do certificado profesional impartida, logo de subscrición dun acordo entre a empresa e a entidade de formación, de acordo cos requisitos do programa e respectando a súa duración. O acordo, que deberá ser posto en coñecemento da persoa que realiza a formación na empresa, especificará os seguintes aspectos:
• O seu contido.
• O réxime en que terá lugar a formación en empresa.
• A súa duración, lugar de realización e horario.
• Os criterios de adxudicación de empresa e condicións.
• O sistema de titorías para o seu seguimento e a avaliación dos resultados.
A asignación da estancia en empresa realizarase con transparencia e obxectividade. Os centros recollerán as solicitudes de cada persoa alumna con indicación da preferencia de empresas en que realizar a formación. A formación, para a adquisición de resultados de aprendizaxe diferentes, poderá realizarse nunha ou en varias empresas ou centros de traballo que se complementen entre si.
7. A formación en empresa poderá iniciarse e distribuírse, de xeito que as persoas en formación poidan iniciar o contacto coa empresa, a partir dos 3 primeiros meses desde o inicio da formación. Logo de autorización do departamento territorial competente, unha vez acreditada pola entidade de formación tanto a viabilidade da súa impartición simultánea como que a normativa específica do sector o permite, poderá desenvolverse simultaneamente coa impartición dos outros módulos profesionais. A suma das horas diarias correspondentes ao módulo profesional e as relativas á formación en empresa non poderá ser superior a 8 horas diarias e 40 semanais.
8. A formación en empresa deberá iniciarse como máis tarde nun prazo non superior a 4 meses desde o remate do último módulo profesional da acción formativa. Para determinados certificados profesionais que, pola súa natureza, presenten dificultades para o cumprimento do antedito prazo, poderáselle solicitar ao departamento territorial competente unha autorización para a súa ampliación.
A formación en empresa deberá realizarse dentro do prazo de execución da acción formativa e, sen prexuízo do disposto no artigo 9.8 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, será presencial.
9. Os gastos que deriven da súa realización deberán imputarse ao orzamento da acción formativa en que están incluídas.
10. As persoas que inicien a súa formación en empresa deberán ter feitos os 16 anos e ter adquirido as competencias relativas aos riscos específicos e as medidas de prevención de riscos laborais nas actividades profesionais correspondentes ao perfil profesional, segundo se requira na normativa vixente en materia de prevención de riscos laborais.
11. Cada persoa en formación disporá dun plan de formación que incluirá os elementos recollidos no anexo XVII do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo.
12. En cada centro de formación existirá a figura do titor ou titora dual do centro, polo menos para cada unha das familias profesionais que nel se impartan, que desenvolverá a súa tarefa con cada persoa en formación en estreita colaboración co titor ou titora dual da ou das empresas.
Serán funcións do titor ou titora do centro as recollidas no artigo 60 da Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, e no Real decreto 659/2023, do 18 de xullo.
13. En cada centro de traballo existirá a figura do titor ou titora dual da empresa, que será responsable da relación e coordinación co centro de formación e do axeitado funcionamento da formación profesional na empresa.
Serán funcións do titor ou titora da empresa as recollidas no artigo 61 da Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, e no artigo 162 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo.
14. Con 10 días hábiles de antelación á data prevista para o inicio da formación en empresa, o centro de formación presentará a correspondente comunicación ao departamento territorial competente, a través da aplicación SIFO, á cal deberá xuntar a seguinte documentación:
a) Datas de inicio e fin, lugar de realización, horario e duración.
b) Convenio ou acordo subscrito coa empresa ou empresas en que se realizará a formación en empresa, asinado polo representante legal da empresa e o representante legal da entidade de formación, con indicación das tarefas para desenvolver polo alumnado, as cales deberán completar e reforzar os resultados de aprendizaxe e os contidos correspondentes ao programa do certificado profesional impartido.
O acordo o convenio seguirá o modelo recollido no anexo XVI do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo.
c) Sistema de titorías para o seu seguimento e avaliación da formación.
d) Documento que acredite a vixencia do seguro de accidentes do alumnado que cubra os riscos da formación. Deberá incluír os riscos do traxecto ao lugar de realización das prácticas e contraerase estritamente durante o período de duración da formación en empresa.
e) Documento que acredite a contratación por parte da entidade de formación dunha póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivar da realización da formación en empresa. Non se admitirán pólizas con franquías.
f) Declaración responsable da persoa representante legal da empresa en que terá lugar a formación en que se indique:
• Que se dispón de comunicación previa ou licenza municipal de apertura da actividade de que se trate ou, na súa falta, que faga constar a idoneidade dos locais de impartición onde se vai desenvolver a formación na empresa, ou calquera outro documento acreditativo da idoneidade dos locais para a realización das prácticas.
• Que a empresa en que se realizará esta formación cumpre coa normativa de prevención de riscos laborais e que proporcionará ao alumnado, cando o posto formativo o requira, os equipos de protección correspondentes.
15. Con anterioridade ao inicio da formación na empresa, a entidade beneficiaria deberá:
a) Introducir no sistema informático SIFO os datos relativos ao alumnado que realizará as prácticas.
b) Pór en coñecemento da Inspección de traballo unha relación do alumnado que vai realizar as prácticas, os nomes da empresa ou empresas en que estas terán lugar, así como as localidades, datas e horario de realización.
16. As empresas en que se realice a formación informarán á representación legal das persoas traballadoras sobre os acordos de formación subscritos, con indicación do alumnado que vai realizar as prácticas, os postos en que desenvolverá a formación, o contido da actividade formativa, e as datas e o horario de realización destas.
17. A supervisión da persoa en formación durante as sesións ou períodos de formación na empresa corresponde ao persoal propio desta en calidade de titor ou titora da empresa, e sempre en coordinación co titor ou titora do centro de formación.
O seguimento e a avaliación dos resultados de aprendizaxe serán realizadas de maneira coordinada entre os titores o titoras duais do centro de formación e da empresa.
18. Os centros e entidades de formación deberán comunicar ao departamento territorial competente calquera incidencia que se produza no desenvolvemento da formación en empresa.
19. O alumnado poderá realizar a formación en empresa nun máximo de dúas ocasións no marco dunha oferta formativa.
Artigo 33. Avaliación da formación
1. Nas ofertas do grao A, a avaliación final atenderá a totalidade dos resultados de aprendizaxe. Para poder presentarse á proba de avaliación final de bloque formativo, a persoa en formación deberá xustificar unha asistencia de, cando menos, o 75 % das horas totais deste na modalidade presencial, ou un 75 % das actividades de aprendizaxe na modalidade virtual realizadas e superadas en, polo menos, o 70 %, con independencia das horas de conexión.
A formación non terá unha cualificación numérica e quedará reflectida como «superada» ou «non superada».
2. Nas ofertas dos graos B e C para poder presentarse á proba de avaliación final dun módulo profesional, a persoa alumna deberá xustificar unha asistencia de, cando menos, o 75 % das horas totais deste na modalidade presencial, ou, con independencia das horas de conexión, ter realizadas un 75 % das actividades de aprendizaxe na modalidade virtual e superadas en, polo menos, o 70 %.
Para estes efectos, na modalidade virtual programarase un control periódico de aprendizaxe cada 20 horas de formación ou fracción, entendendo como fracción cada unidade inferior ou igual a 20 horas. Este control deberá realizalo o alumnado no prazo máximo de 5 días desde a data da súa activación na plataforma.
Cada módulo profesional terá unha cualificación numérica, entre 1 e 10, sen decimais, e quedará reflectido como «superado» ou «non superado» xunto á citada cualificación numérica. Consideraranse positivas as puntuacións iguais ou superiores a 5 puntos.
3. Nas formacións correspondentes a ofertas dos graos B e C impartidas na modalidade virtual, a presentación á proba de avaliación final de cada módulo profesional exixirá unha asistencia ás actividades presenciais (titorías) do 100 % e a superación dunha proba de avaliación final de carácter presencial.
Caso de que unha persoa alumna non cumpra a porcentaxe do 100 % de asistencia obrigatoria ás titorías, poderá, con anterioridade ao remate da acción formativa, recuperar aquelas ás cales non tivese asistido.
4. As ofertas de grao C contarán con 2 convocatorias por módulo profesional. As ofertas do grao B contarán cunha única convocatoria, agás que, con carácter excepcional e por razóns debidamente xustificadas, o órgano competente autorice unha segunda convocatoria.
5. Nas ofertas do grao C, a cualificación final para consignar no certificado profesional será a media aritmética das cualificacións de todos os módulos expresada con 2 decimais.
6. A avaliación da formación en empresa será realizada polo titor ou titora dual da empresa que valorará como «superado» ou «non superado» cada resultado de aprendizaxe previsto e realizará unha valoración cualitativa da estancia da persoa alumna e as súas competencias profesionais para a empregabilidade. Cando a valoración sexa de «non superado» incluirase unha motivación desta.
Para superar a formación en empresa será requisito necesario a asistencia a un mínimo do 75 % das horas desta formación incluídas en cada módulo profesional.
7. Os resultados obtidos polo alumnado deberán documentarse de acordo co disposto no artigo 19 e os anexos I e II do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo.
Artigo 34. Diplomas
1. Rematada unha acción formativa, dados de alta en SIFO os resultados individuais obtidos polo alumnado, e logo de solicitude da entidade autorizada, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración procederá a emitir ás persoas alumnas que superasen a acción formativa os correspondentes diplomas de acordo cos criterios establecidos nesta orde.
A solicitude dos diplomas, que se realizará no prazo máximo dun mes desde o remate da acción formativa a través do sistema informático SIFO, incluirá unha declaración responsable da entidade de formación manifestando que cada persoa alumna para a que se solicita o diploma cumpre cos requisitos exixidos pola normativa vixente para a súa obtención.
2. Para ter dereito a diploma o alumnado deberá cumprir os requisitos de acceso exixidos para asistir á acción formativa e superar a formación de acordo cos criterios establecidos no artigo 33 desta orde.
Para os efectos do dereito a diploma, as porcentaxes de aproveitamento non precisarán computar, para o seu cálculo, as horas dos módulos transversais.
3. No diploma que se vai entregar farase constar a seguinte información:
a) Nome, apelidos e DNI da alumna ou do alumno.
b) Código e denominación da acción formativa, con indicación, nas ofertas correspondentes aos graos A, B e C, do grao e nivel.
c) Datos do centro en que se impartiu a formación, datas de realización da acción formativa e número de horas de impartición.
d) Modalidade de impartición.
e) De ser o caso, cualificación obtida en cada módulo profesional, con indicación do carácter de «superado» ou «non superado» do módulo.
f) De ser o caso dunha oferta do grao A, cualificación da formación como «superada» ou «non superada».
g) O programa formativo impartido.
h) Os módulos de formación transversal impartidos, con indicación da súa duración en horas ou, de ser o caso, da exención da obriga de realizalo.
i) O emblema da consellería competente da Xunta de Galicia e dos organismos que financien as accións formativas.
4. O alumnado que non teña dereito a diploma recibirá unha certificación polas horas asistidas con indicación, de ser o caso, dos módulos profesionais e ou transversais que superase.
5. Tanto a emisión dos diplomas como, de ser o caso, a expedición de certificados polas horas e módulos realizados efectuarase en soporte electrónico.
Artigo 35. Avaliación e control da calidade das accións formativas
1. As entidades beneficiarias deberán realizar un seguimento da participación do alumnado, da súa aprendizaxe e avaliación, e realizarán e presentarán coa xustificación da subvención, e de acordo co disposto no artigo 37.3.I desta orde, un informe final de avaliación da calidade da acción formativa desagregado, de ser o caso, por grupos.
Así mesmo, deberán efectuar un seguimento continuo da formación que permita a identificación de áreas de mellora e a elaboración de plans de mellora, detectando debilidades que poidan ser emendadas dentro do período de realización da acción formativa. Estas actuacións, das cales deberá quedar constancia da mostra representativa sobre as que se realizaron, deberán estar recollidas no informe final a que se refire o anterior parágrafo.
2. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración velará pola calidade da formación profesional para o emprego e as entidades e centros de formación colaborarán na avaliación da formación que executen, seguindo as instrucións que, para tal fin, poderá ditar a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, en que concretará os criterios e posibles indicadores da avaliación e o tamaño da mostra representativa.
CAPÍTULO VI
Pagamento, xustificación e reintegros
Artigo 36. Pagamento da subvención
1. Ditada e notificada a resolución de concesión, as entidades, unha vez conste a aceptación tácita ou expresa da subvención e resulte acreditado o inicio da acción formativa, poderán solicitar o pagamento dun anticipo do 60 % calculado sobre o importe global concedido para a acción formativa á que se refira.
Nos termos do artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 13.2 da Orde EFP/942/2022, do 23 de setembro, pola que se regula a oferta formativa do Sistema de formación profesional no ámbito laboral asociada ao Catálogo nacional de cualificacións profesionais efectuada polas administracións competentes, establece as súas bases reguladoras, así como as condicións para o seu financiamento, poderán realizarse pagamentos anticipados que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes ás subvencións. Os anticipos non poderán superar a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario e, polo tanto, no caso de tratarse dunha convocatoria plurianual, o pagamento poderá ser dividido en dúas anualidades para respectar este límite, para o cal se adoptarán as correspondentes medidas de xestión orzamentaria que permitan a percepción do importe total do anticipo ou suma de anticipos a que se teña dereito.
2. Os anticipos deberán solicitarse a través da aplicación informática SIFO.
3. Os pagamentos dos anticipos faranse efectivos no prazo máximo de 3 meses, contados desde a presentación pola entidade beneficiaria da documentación requirida para solicitar o dito anticipo e sempre dentro da anualidade orzamentaria en que foi solicitado. A concesión do anticipo deberá axustarse ao gasto para realizar na anualidade orzamentaria a que se refira e a presentación da xustificación do importe do anticipo deberá realizarse non máis tarde do 31 de marzo da segunda anualidade.
4. En ningún caso poderán realizarse pagamentos anticipados ás persoas beneficiarias nos supostos previstos no parágrafo terceiro, do artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. Conforme o previsto no artigo 65.4, sobre réxime xeral de garantías, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia, as institucións sen ánimo de lucro están exoneradas de constituír garantía para a percepción dos anticipos.
Así mesmo, en aplicación do artigo 67.4 do citado Decreto 11/2009, sobre a obriga de constituír garantías en pagamentos anticipados e a conta, as entidades con ánimo de lucro quedan eximidas da obriga de constituír garantías para a percepción dos anticipos.
6. No caso de tratarse dunha convocatoria plurianual, poderán imputarse con cargo á segunda anualidade os gastos realizados durante os últimos dous meses da primeira anualidade.
7. O resto do importe concedido farase efectivo, conforme o establecido no artigo 38 desta orde, unha vez finalizada a acción formativa e xustificada a subvención concedida.
O prazo máximo para realizar o pagamento a que se refire este punto será de 6 meses, computable desde a data de presentación da solicitude acompañada da documentación precisa para a verificación da realización da acción formativa.
Artigo 37. Xustificación da subvención
1. As entidades beneficiarias quedarán obrigadas a xustificar a realización da actividade formativa subvencionada, o destino dos fondos recibidos e o cumprimento das condicións establecidas na resolución de concesión da subvención.
2. A xustificación da subvención deberá realizarse no prazo dun mes desde o remate da acción formativa e a través da aplicación informática SIFO.
3. Para os efectos de comprobación por parte do departamento territorial competente, a entidade de formación deberá presentar a seguinte documentación:
I. Memoria de actuación xustificativa, asinada pola persoa interesada ou representante autorizado, do cumprimento das condicións e obrigas establecidas na resolución de concesión da subvención e na normativa de aplicación, con indicación das actividades realizadas, os resultados obtidos e as competencias adquiridas polo alumnado ao remate da formación.
A memoria incluirá a certificación de execución e finalización da acción formativa, e, de ser o caso, dos diferentes grupos en que se desagrega.
De acordo co disposto no artigo 35 desta orde, informe de avaliación e control da calidade da acción formativa con identificación, de ser o caso, das áreas de mellora. O informe deberá incluír a documentación relativa ás actuacións realizadas, as debilidades detectadas e as accións levadas a cabo para a súa resolución.
II. Memoria económica xustificativa do custo da acción formativa, asinada pola persoa beneficiaria ou representante autorizado, que incluirá os seguintes puntos:
a) Cadro resumo da acción formativa e, de ser o caso, grupo, que inclúa o número de horas lectivas efectivamente realizadas, o número de horas relativas ás faltas de asistencia debidamente xustificadas e o número de horas relativas ás faltas de asistencia sen xustificar dentro dos límites establecidos no artigo 22.
Na información deberá identificarse o alumnado segundo a categoría de participante, formado e aprobado, definida de acordo co seguinte criterio:
• Alumnado participante. Persoas alumnas que inician a acción formativa. Incluiranse nesta epígrafe aquelas persoas que se incorporen á acción formativa con posterioridade ao seu inicio e de conformidade co disposto no artigo 28 desta orde.
• Alumnado formado. Persoas participantes que, na modalidade presencial, cumpriron cos requisitos de asistencia presencial do 75 % da acción formativa ou que, na modalidade virtual, realizaron cando menos o 75 % das actividades de aprendizaxe na modalidade virtual realizadas e superadas en, polo menos, o 70 %, con independencia das horas de conexión.
• Alumnado aprobado. Persoas participantes que, de acordo cos criterios establecidos no artigo 33 desta orde, superan o curso con aproveitamento e avaliación positiva.
Cada persoa alumna identificarase cun único perfil dos citados. Neste senso sobreenténdese que o alumnado aprobado cumpre cos requisitos descritos para o alumnado participante e formado; e que o alumnado formado é á súa vez participante.
De ser o caso, documentación explicativa dos abandonos producidos. Para os casos que a seguir se citan, sempre que as persoas tivesen realizado un mínimo do 10 % da acción formativa e para os efectos da liquidación da subvención a que fai referencia o artigo 38, deberá achegarse a documentación que se relaciona:
• Nos supostos de abandono por colocación, documentación xustificativa da colocación.
• Nos casos de baixa por enfermidade ou accidente acreditado, documentación xustificativa desta circunstancia.
b) Cálculo da contía global da subvención xustificada que corresponda en aplicación dos módulos económicos establecidos e os criterios previstos nesta orde.
No caso de que fose concedida unha subvención complementaria para custos derivados da adaptación da acción formativa para a participación de persoas con discapacidade, deberá engadirse o cálculo correspondente ao financiamento adicional recoñecido, debendo achegarse xustificación de que se destinou o dito importe adicional, segundo o caso, á contratación de persoal de apoio, á adaptación curricular, á compra de material didáctico, á adecuación das condicións físicas e/ou tecnolóxicas e/ou a dotación de recursos materiais para adaptación da acción formativa á participación do alumnado con discapacidade.
De ser o caso, as entidades deberán solicitar expresamente, xunto coa presentación da xustificación da realización da actividade subvencionada, a aplicación da garantía de percepción do mínimo do 75 % do importe inicialmente concedido a que fai referencia o artigo 38.10 desta orde. Esta solicitude deberá acompañarse dunha certificación asinada co importe dos gastos reais efectuados pola entidade.
III. Outra documentación acreditativa e declaracións responsables:
a) No caso de opoñerse á consulta por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ou no suposto de non prestar o consentimento ao que se refire o artigo 9 desta orde, deberán presentar certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, e de que están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de acordo co disposto no artigo 9 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
A obriga de achegar un certificado de cumprimento das obrigas sinaladas no parágrafo anterior poderá substituírse, para os casos que se recollen no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por unha declaración responsable da entidade de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.
b) Declaración responsable de que todos os gastos realizados con cargo á subvención se atopan debidamente contabilizados e foron efectivamente pagados con anterioridade á presentación da xustificación, incluíndo a totalidade dos salarios e/ou facturas do persoal vencellado á docencia, con indicación expresa de que os importes aboados cumpren coa normativa vixente, así como, de ser o caso, cos convenios colectivos que sexan de aplicación.
c) Na modalidade presencial ou na parte presencial da modalidade virtual, e naqueles supostos en que por fallo do sistema ou imposibilidade acreditada de utilizar o sistema de identificación baseado en código QR e/ou DNI-e, partes diarios de asistencia no modelo xerado pola aplicación SIFO asinados polo alumnado participante e o persoal formador, así como pola persoa responsable da entidade beneficiaria, e de acordo cos criterios establecidos no artigo 21.10 desta orde. Nos ditos partes deberanse identificar de maneira veraz as persoas participantes e expresar as horas realizadas diariamente por cada unha delas, reflectindo expresamente o número de horas e minutos de ausencia.
d) Nos cursos que se impartan na modalidade virtual, e naqueles casos en que a formación se desenvolva mediante aula virtual, documentación acreditativa da participación do alumnado e do persoal docente de acordo co disposto no artigo 21.10 desta orde.
e) Relación nominal, con nóminas ou facturas xustificantes do pagamento, do cadro de persoal vinculado á docencia que participou nas accións formativas, con indicación expresa de se se trata de persoal asalariado mediante contrato mercantil, persoa socia da beneficiaria, persoa autónoma ou persoal interno da entidade formadora contratado para a formación.
Incluiranse nesta relación as persoas formadoras, persoas titoras-formadoras internas e externas, así como o persoal que, non tendo o carácter de persoa formadora ou titora-formadora da acción formativa, realizou tarefas relacionadas directamente co seguimento do proceso de aprendizaxe, asesoramento e orientación ao alumnado.
f) Inventario do material entregado ao alumnado que inclúa a sinatura de recepción individualizada.
4. Se como resultado da comprobación técnico-económica da documentación, a unidade administrativa competente comproba que o importe liquidable da acción formativa foi inferior á subvención concedida, aboarase unicamente o importe efectivamente xustificado.
5. Transcorrido o prazo establecido para a xustificación sen que esta se presentase ante o departamento territorial competente, requirirase a entidade beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de 15 días. A falla de presentación da xustificación, transcorrido este novo prazo, dará lugar á perda do dereito ao cobramento da subvención e/ou ao inicio do procedemento de reintegro, de ser o caso.
Se a documentación presentada é insuficiente para considerar correctamente xustificada a subvención concedida, o órgano competente porá en coñecemento da persoa beneficiaria as insuficiencias observadas para que, no prazo de 10 días, sexan emendadas.
6. No caso de concesión de anticipos, os gastos realizados con cargo a estes estarán suxeitos ao disposto no artigo 36 desta orde.
Caso de que a liquidación practicada fose inferior á cantidade anticipada, tramitarase o correspondente expediente de reintegro.
7. O beneficiario da subvención estará obrigado a conservar, cando menos durante un prazo de 4 anos, considerando, se é o caso, a interrupción do prazo de prescrición do dereito da Administración a recoñecer ou liquidar o reintegro da subvención concedida, os xustificantes da realización da actividade que fundamenta a concesión da subvención, así como da aplicación dos fondos recibidos, para os efectos das actuacións de comprobación e control. O dito prazo computarase a partir do momento en que remate o período establecido para presentar a citada xustificación por parte da persoa beneficiaria.
As entidades que, sen ter transcorrido o citado período, decidan suspender a súa actividade ou disolverse, deberán remitir copia da citada documentación ao órgano competente, sen prexuízo da obriga de presentar a documentación xustificativa da subvención.
Para estes efectos, as probas e cuestionarios realizados polo alumnado durante o desenvolvemento da acción formativa terán a consideración de documentación que hai que custodiar.
Inclúese neste punto a obriga de manter a adecuada pista de auditoría a que se refire o artigo 21.18 desta orde.
8. A aplicación da xustificación a través dos módulos económicos non exime ás entidades beneficiarias do deber de cumprir a lexislación vixente en materia financeira, fiscal, contable e laboral, especialmente no referente á contabilidade dos gastos, aboamento de salarios ao persoal, ingresos das cotizacións á Seguridade Social, facturación e subcontratación.
Artigo 38. Liquidación da subvención
1. A liquidación das axudas realizarase en función das persoas participantes que realizasen as accións formativas, atendendo ás horas lectivas ou ás actividades de aprendizaxe realizadas segundo a modalidade de impartición, e de acordo cos módulos económicos establecidos.
En ningún caso a liquidación resultante poderá superar a contía da subvención concedida.
Para determinar o número de horas computables, unicamente se terán en conta as efectivamente realizadas polo alumnado e que consten debidamente acreditadas a través dos diferentes medios de control de asistencia admitidos establecidos nesta orde. No caso de existir discrepancia entre as acreditacións achegadas, utilizarase para a determinación do custo o número de horas que resulte inferior.
Na modalidade presencial ou na parte presencial da modalidade virtual, á suma das horas computables indicadas no parágrafo anterior sumaranse as faltas de asistencia xustificadas ata un máximo do 25 % do total de horas da acción formativa non conducente á obtención de certificado profesional, ou do 25% de calquera dos módulos que integran as accións formativas conducentes á obtención dos ditos certificados.
A xustificación das ausencias deberá facerse mediante documentos ou calquera outro medio que acredite de modo fidedigno o motivo. Para estes efectos, consideraranse xustificadas as ausencias relacionadas no artigo 22.6 desta orde.
Para os efectos do cómputo do referido 25 % do total de horas da acción formativa teranse en conta para o cálculo da subvención as faltas de asistencia sen xustificar que se produzan dentro dos límites establecidos no artigo 22 desta orde.
2. Nas accións formativas impartidas na modalidade presencial, para os efectos de determinar a subvención unha vez executada a formación, considerarase que unha persoa rematou a formación cando asistira, polo menos, ao 75 % do tempo de impartición da acción formativa, incluído nesa porcentaxe, de ser o caso, o de formación en empresa.
Nas accións formativas impartidas na modalidade virtual considerarase, para os efectos da determinación da subvención, que remataron a acción formativa aquelas persoas que realizaran, cando menos, o 75 % das actividades de aprendizaxe que se establezan no programa formativo con independencia das horas de conexión e que, de ser o caso, asistiran á totalidade das sesións presenciais de asistencia obrigada, e cando menos ao 75 % das horas de formación na empresa.
Caso de que unha persoa alumna non poida asistir a algunha titoría presencial de carácter obrigatorio establecida no programa da especialidade formativa que se vai impartir, a dita titoría poderá, con anterioridade á data de remate da acción formativa, impartirse nunha segunda ocasión sempre que resulte acreditado que a ausencia da persoa interesada se deba a algunha das causas xustificadas establecidas no artigo 22.6 desta orde.
Para acadar as porcentaxes establecidas neste punto non se terán en conta as horas relativas aos módulos transversais, se ben serán computables para o cálculo do custo subvencionable.
No caso de accións formativas que se corresponden con ofertas do grao C, o 75 % de horas de asistencia ou de realización das actividades de aprendizaxe, segundo a modalidade de impartición, calcularase de xeito separado e acumulado para cada alumno ou alumna sobre os contidos específicos e a formación en empresa de cada un dos módulos en que participe, e consideraranse computables unicamente aqueles en que se acaden as ditas porcentaxes, coas excepcións establecidas nesta orde e demais normativa de aplicación.
Considerarase que remataron a acción formativa as persoas traballadoras que tivesen que abandonala por acceder a un emprego, así como aquelas persoas participantes que causasen baixa por enfermidade ou accidente acreditado, e sempre que para calquera dos supostos citados tivesen realizado, de acordo cos criterios establecidos nesta epígrafe para cada modalidade, un mínimo do 10 % da acción formativa.
Coa excepción establecida no artigo 39.2.II.g) desta orde e para efectos do cálculo da liquidación, sempre que un alumno ou alumna teña dereito a diploma, será subvencionable.
3. Para os efectos da determinación do módulo económico que se vai aplicar, a impartición da formación que se realice mediante aula virtual terá a consideración de modalidade presencial.
4. No caso de accións formativas que teñan un mínimo dunha persoa alumna con certificación de discapacidade poderase incrementar, logo de solicitude expresa da entidade beneficiaria, o importe da subvención inicialmente aprobado, sempre que se xustifique axeitadamente e que se destine exclusivamente á contratación do apoio necesario para a axeitada participación na acción formativa das persoas con discapacidade.
A solicitude e a memoria xustificativa das necesidades que se van cubrir deberá presentarse unha vez realizada a selección do alumnado e en calquera momento desde a incorporación á acción formativa da persoa que necesite apoio.
Para o financiamento do custo adicional ditarase unha resolución complementaria con indicación da data de efectos e o importe total dos gastos autorizados polos conceptos de persoal de apoio e adaptación curricular ou do material didáctico. O importe adicional calcularase en función do custo unitario por cada hora lectiva da acción formativa en que deba participar a persoa ou persoas con discapacidade, independentemente do número de persoas alumnas con discapacidade.
Para a determinación do custo adicional de adaptación da acción formativa á participación do alumnado con discapacidade, cada convocatoria establecerá un custo unitario por hora lectiva.
5. Serán subvencionables aqueles gastos destinados a promover a adecuación das condicións físicas e/ou tecnolóxicas, e a dotación de recursos materiais e medios didácticos apropiados ás persoas con discapacidade. Non serán subvencionables aqueles gastos en recursos e equipamento a que está obrigada a entidade con base no disposto na normativa vixente.
A solicitude e a memoria xustificativa das necesidades que hai que cubrir deberá presentarse unha vez realizada a selección do alumnado e en calquera momento desde a incorporación á acción formativa da persoa para a que se solicita a adaptación dos medios físicos e/ou tecnolóxicos. A memoria deberá xustificar, para cada persoa alumna, as causas que motivan a petición, a relación pormenorizada dos recursos necesarios e a inexistencia dos medios solicitados no centro de formación.
A adquisición, cesión ou alugamento dos recursos efectuarase de acordo coas condicións normais do mercado, e a súa xustificación realizarase mediante a achega, xunto coa solicitude e con carácter previo á dispoñibilidade dos medios, de 3 ofertas diferentes.
Para o financiamento deste custo adicional ditarase unha resolución complementaria con indicación da data de efectos e co importe total do gasto autorizado, que estará suxeito á contía máxima que por persoa alumna se determine en cada convocatoria.
6. De se produciren abandonos que dean lugar a baixas non computables nin xustificadas, con posterioridade á impartición do 25 % das horas de formación, poderase, nos termos sinalados polo artigo 11.3 da orde EFP/942/2022, do 23 de setembro, admitir unha desviación do 20 % con respecto ao número de participantes que tivesen comezado as accións formativas, de maneira que eses abandonos se teñan en conta para o cálculo do custo subvencionable, co límite desa desviación e co mesmo criterio que se se tratase dun abandono por colocación. O antedito 20 % calcularase computando o total de horas efectivamente asistidas a cada módulo profesional ou, de tratarse dun oferta de grao A, ao bloque formativo.
7. Para os efectos do cálculo da liquidación non se terán en conta aquelas persoas participantes que tivesen que abandonar a formación por incumprimento das condicións da convocatoria ou por non cumprir os requisitos exixidos para poder participar na acción formativa.
8. O cálculo da liquidación realizarase multiplicando o módulo económico da especialidade formativa segundo a modalidade en que se imparta, presencial ou virtual, polo número de persoas alumnas computables e polas horas de formación computables de cada persoa alumna. Na determinación do importe que se vai liquidar teranse en consideración, de ser o caso, as minoracións que correspondan.
9. Consonte o previsto no artigo 17 da Lei de subvencións de Galicia, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.
Segundo o previsto no artigo 29 da devandita lei e no artigo 42 do seu regulamento, na xestión da subvención deberase ter en conta que se consideran gastos subvencionables os realizados no prazo establecido polas convocatorias e considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.
De acordo co disposto no artigo 14.3 da Orde EFP/942/2022, do 23 de setembro, terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que de maneira indubitada estean relacionados coa actividade obxecto da subvención, resulten estritamente necesarios para a súa execución e fosen contraídos durante o período de execución establecido para a realización da actividade obxecto da axuda. Só se considerarán gastos subvencionables os contraídos a partir da concesión da subvención. Sen prexuízo do anterior, poderanse imputar como gastos subvencionables os custos indirectos correspondentes á elaboración e presentación do programa de formación desde a data de publicación da respectiva convocatoria e os de elaboración e presentación da xustificación da subvención recibida ata o momento da súa presentación.
As subvencións previstas nesta orde son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma acción formativa procedentes de calquera persoa, Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
10. Sen prexuízo do disposto no artigo 39 desta orde, sobre incumprimento de obrigas e reintegro, no momento da liquidación garantirase, por solicitude da entidade, a percepción dun mínimo do 75 % do importe inicialmente concedido por cada acción formativa impartida, se esta remata cun número de persoas alumnas equivalente, cando menos, ao 50 % do alumnado subvencionado.
Así mesmo, cando a porcentaxe de persoas alumnas que remata a formación estea comprendida entre o 40 e o 49,99 % do alumnado subvencionado, garantirase, logo de solicitude da entidade, a percepción dun mínimo do 60 % do importe inicialmente concedido por impartir a acción formativa. A aplicación desta garantía estará condicionada ao disposto no punto 9 deste artigo.
Artigo 39. Incumprimento de obrigas e reintegro
1. O incumprimento das obrigas establecidas na presente orde e demais normas aplicables, así como das condicións que se establecesen na correspondente resolución de concesión dará lugar á perda total ou parcial do dereito ao cobramento da subvención ou, logo do oportuno procedemento de reintegro, á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida e, de ser o caso, os xuros de demora correspondentes.
2. O importe da perda do dereito ao cobramento da subvención ou do reintegro determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos incumprimentos:
I. Supostos de incumprimento total:
Procederá a perda e/ou reintegro do 100 % da subvención concedida máis, de ser o caso, os correspondentes xuros de demora, nos seguintes supostos:
a) Pola obtención da subvención falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que a impedisen.
b) Polo feito de non realizar a actividade obxecto de subvención ou polo incumprimento total dos fins para os que se concedeu a subvención.
c) Polo incumprimento da obriga de xustificación da subvención ou pola xustificación insuficiente desta, de feito que non permita acreditar que se impartiu a formación.
d) Pola concorrencia doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, e sen prexuízo da incoación dun expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a beneficiaria.
e) Cando a realización da actividade subvencionada non acada o 25 % dos seus obxectivos, medidos co indicador do número de horas de formación multiplicado polo número de alumnas e alumnos finalizados.
Para estes efectos, incluiranse as horas de ausencia que resulten computables por falta xustificada ou por colocación. Tamén se incluirán as horas correspondentes ás acreditacións parciais de competencia de grao A, integrantes dun módulo profesional conducente á obtención dun certificado de competencia, ou as relativas aos certificados de competencia de grao B, conducentes á obtención dun certificado profesional, sempre que, en ambos os casos, a alumna ou o alumno estean exentos de volver a realizalas por telas xa cursadas.
f) Pola ausencia dunha pista de auditoría.
II. Supostos de incumprimento parcial:
Procederá aplicar as minoracións naquelas accións formativas en que teñan lugar os incumprimentos que se relacionan:
a) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano que concede a subvención a solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade, dará lugar á perda ou reintegro do 2 % da subvención xustificada aceptada.
b) O mantemento dunha pista de auditoría insuficiente dará lugar á perda ou reintegro do 2 % da subvención xustificada aceptada.
c) O incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de conta separada ou dunha codificación contable adecuada establecida dará lugar á perda ou reintegro do 2 % da subvención xustificada aceptada.
d) O incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a subvención ou da obriga de xustificación desta dará lugar ao reintegro parcial da subvención concedida. Así, cando a execución do indicador mencionado no punto 2.I.e) deste artigo estea comprendida entre o 25 % e o 100 %, a subvención concedida minorarase na porcentaxe que se deixase de cumprir, sempre que os gastos fosen debidamente xustificados.
e) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade, difusión e comunicación establecidas nesta orde dará lugar á perda ou reintegro do 2 % da subvención xustificada aceptada.
f) O incumprimento da obriga de aboar mensualmente e mediante transferencia bancaria o importe das retribucións das persoas docentes ou formadoras dará lugar, o primeiro mes, á perda ou reintegro do 5 % da subvención xustificada aceptada correspondente a esa mensualidade.
De repetirse esta situación noutras mensualidades, esta porcentaxe incrementarase nun 2 % por cada mes.
Non se aplicará a penalidade cando o incumprimento non sexa imputable á entidade beneficiaria, circunstancia que se acreditará documentalmente, e que será valorada polo departamento territorial competente.
g) No caso de impartir formación a alumnos ou alumnas que non cumpren os requisitos necesarios para o acceso á formación, coas excepcións establecidas nesta orde, minorarase a subvención na parte correspondente aos ditos alumnos e alumnas.
h) Nos supostos relativos a algunha das vulneracións que a seguir se relacionan, poderá aplicarse unha minoración gradual en virtude do grao de incumprimento que non poderá superar o 2 % sobre a subvención xustificada aceptada:
• Demoras ou faltas de presentación en prazo da documentación exixida no artigo 19.
• Non facilitar en prazo ao alumnado o documento polo que se lle informa, conforme o exixido nos artigos 13 e 14 do Regulamento (UE) nº 216/179 xeral de protección de datos, do tratamento dos seus datos persoais para a xestión, control e seguimento das accións formativas.
• Non facilitar en prazo ás persoas participantes o documento informativo sobre dereitos e obrigas desta orde.
Para os efectos de determinar o grao de incumprimento teranse en consideración o tempo de demora e, de ser o caso, os grupos da acción formativa para os que non se realizou en prazo a presentación ou entrega da documentación.
i) No suposto de incumprimento das obrigas establecidas no artigo 21 desta orde aplicarase, naqueles supostos non regulados expresamente en anteriores epígrafes deste artigo, unha minoración gradual en virtude do grao de incumprimento, dos grupos afectados e do impacto sobre o desenvolvemento da acción formativa, que non poderá superar o 5 % da subvención xustificada e aceptada para a acción formativa en que se incumpriu a obriga.
Artigo 40. Infraccións e sancións
1. O réxime de infraccións e sancións aplicables será o regulado polo texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, e, no non previsto neste réxime, observarase o contido no título IV da Lei 38/2003, do 17 de novembro, no relativo a infraccións e sancións administrativas en materia de subvencións.
No non previsto no réxime de infraccións e sancións establecido no parágrafo anterior, observarase o contido da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a normativa que a desenvolve.
2. As infraccións poderán ser cualificadas como leves, graves ou moi graves e levarán aparelladas as sancións que en cada caso corresponda de acordo coa normativa vixente.
3. As sancións impostas polas infraccións graves e moi graves que dean lugar a que a subvención sexa declarada indebida polo órgano concedente, unha vez firmes, incluiranse na Base de datos nacional de subvencións (BDNS).
4. As obrigas de reintegro establecidas nesta orde entenderanse sen prexuízo do previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se concorresen as accións e omisións tipificadas na antedita lei.
Artigo 41. Devolución voluntaria das subvencións
1. A acreditación de ter ingresado o importe correspondente á diferenza entre a cantidade xustificada e a recibida en concepto de anticipo, de ser o caso, terá a consideración de devolución voluntaria, de acordo co establecido no artigo 90 do Regulamento da Lei xeral de subvencións.
2. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta IBAN ES82 2080 0300 8731 1006 3172 en concepto de devolución voluntaria da subvención.
O importe da devolución incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da beneficiaria.
O ingreso realizarase segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación.
3. En todo caso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.
CAPÍTULO VII
Primeira convocatoria
Artigo 42. Financiamento
1. Destínase a esta primeira convocatoria un crédito por importe total de 50.000.000,00 €, distribuído en dúas anualidades, que se imputará con cargo ás aplicacións orzamentarias que a seguir se relacionan, ou aquelas que as substitúan de conformidade coa normativa orzamentaria aplicable, con código de proxecto 2021 00149. Esta aplicación está financiada con fondos finalistas transferidos polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
|
Aplicación orzamentaria |
Entidades que financia |
Anualidade 2025 |
Anualidade 2026 |
Importe total |
|
14.03.323A.460.1 |
Entidades locais |
1.701.000,00 € |
1.134.000,00 € |
2.835.000,00 € |
|
14.03.323A.471.0 |
Empresas |
22.089.000,00 € |
14.726.000,00 € |
36.815.000,00 € |
|
14.03.323A.481.0 |
Entidades sen ánimo de lucro |
6.210.000,00 € |
4.140.000,00 € |
10.350.000,00 € |
|
Total |
30.000.000,00 € |
20.000.000,00 € |
50.000.000,00 € |
|
2. Os créditos orzamentarios a que se refire este artigo poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de formación.
Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
Calquera modificación ou ampliación dos créditos dispoñibles estará condicionada ao cumprimento dos supostos e as condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. A concesión das solicitudes de subvención presentadas estará condicionada á existencia de crédito suficiente na anualidade que corresponda.
4. Poderán ser obxecto de financiamento aquelas especialidades formativas que se determinen no anexo III desta convocatoria, así como os módulos formativos transversais que se impartan asociados a estas.
Na modalidade presencial, o módulo económico €/hora por persoa alumna aplicable a esta convocatoria de subvencións será o establecido, para cada especialidade formativa, no anexo III. Nas especialidades formativas impartidas na modalidade virtual será de aplicación o 70 % do importe do módulo económico presencial €/hora por persoa alumna, cunha contía máxima de 6 €.
Para os custos adicionais derivados da contratación de persoas especializadas na atención do alumnado con discapacidade establécese unha contía unitaria de 16 € por hora lectiva.
Para os gastos destinados a promover a adecuación das condicións físicas e/ou tecnolóxicas, e a dotación de recursos materiais e medios didácticos apropiados ás persoas con discapacidade, establécese unha contía máxima por persoa alumna de 500 €.
5. A formación en empresa financiarase con 3 € por alumna ou alumno e hora de prácticas efectivamente titorizadas, que se destinarán ao financiamento dos custos da actividade da titorización e ao relativo á subscrición dunha póliza colectiva de accidentes de traballo e de responsabilidade civil.
Excluiranse deste cómputo as horas correspondentes á formación en empresa non realizada polas persoas participantes exentas.
Artigo 43. Solicitudes e prazos de presentación da primeira convocatoria
1. A presentación das solicitudes deberá axustarse ao disposto no capítulo II da presente orde de bases.
2. O prazo de presentación de solicitudes, contado desde o día da entrada en vigor da orde establecido na disposición derradeira segunda, estará aberto ata o día 30 de novembro de 2025 ou, de ser o caso, ata que se esgote o crédito orzamentario dispoñible.
Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Artigo 44. Máximo e mínimo de participantes nas accións formativas
1. O número mínimo de persoas traballadoras desempregadas por acción formativa solicitada para as que as entidades deberán contar cun compromiso de participación previo á presentación da solicitude de subvención será do 30 % dos participantes programados arredondado ao enteiro superior se a primeira cifra decimal é igual ou superior a 5.
Nunha solicitude de subvención que inclúa varias accións formativas, unha persoa candidata non poderá figurar como comprometida a participar en varias delas.
2. O número máximo de participantes en accións formativas que se impartan na modalidade presencial será de 15 persoas.
Non poderá iniciarse ningunha acción formativa que non reúna o primeiro día do curso un mínimo de 8 persoas alumnas.
Entre as persoas participantes que inician deberán figurar como asistentes cando menos o 50 %, arredondado ao enteiro superior se a primeira cifra decimal é igual ou superior a 5, das persoas desempregadas que asumiron o compromiso de participar. Da cifra resultante descontaranse as persoas traballadoras comprometidas que accedesen a un emprego, ou que causasen baixa por enfermidade ou accidente acreditado, ou como consecuencia de estaren seleccionadas noutra acción formativa, e sempre e cando estes supostos se produciran con posterioridade á presentación da solicitude de subvención.
As accións formativas a impartir na modalidade presencial non poderán desagregarse en grupos.
3. Na formación que se imparta na modalidade virtual o número máximo de participantes será de 30 persoas por acción formativa. Para os efectos de cumprir os requisitos de capacidade das actividades presenciais previstas, a acción formativa poderá desagregarse en grupos.
Non poderá iniciarse ningunha acción formativa ou, de ser o caso, ningún grupo, que non reúna os requisitos de capacidade e conte co mínimo de participantes por grupo establecidos no número 2 deste artigo. A acreditación da existencia deste número mínimo de persoas alumnas realizarase polo acceso á plataforma de teleformación das persoas participantes durante os 5 primeiros días lectivos, que se corresponden cos 5 primeiros días naturais, contado desde a data de inicio da acción formativa.
Se transcorrido o prazo establecido na convocatoria para que o alumnado acceda á plataforma, o número de persoas alumnas que se conectou é inferior ao número mínimo de participantes exixido, a entidade de formación deberá comunicar tal circunstancia ao órgano competente e a acción formativa entenderase como non iniciada e non poderá continuar a súa impartición, non xerando dereitos económicos para a entidade.
4. Nas ofertas de grao C, as persoas que estean exentas de realizar o primeiro módulo profesional e figuren incluídas na relación nominal do alumnado seleccionado a que se refire o artigo 19.3.a) desta orde, computarán como participantes da acción formativa.
5. De se produciren baixas no alumnado participante unha vez iniciada a acción formativa, será de aplicación o disposto no artigo 28 desta orde.
Artigo 45. Límites e criterios de aplicación para a resolución da convocatoria
1. Ademais das persoas traballadoras desempregadas, poderán participar nas accións formativas reguladas nesta orde as persoas traballadoras ocupadas, ata un límite do 30 % do número de persoas participantes na acción formativa.
2. As entidades poderán publicar simultaneamente no buscador de formación Diplos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, o número máximo de accións formativas por censo que teñan permitido solicitar en aplicación do disposto no artigo 45.3 desta orde.
Notificada a resolución de concesión de accións formativas para un determinado censo, as entidades poderán solicitar publicar no buscador Diplos novas ofertas formativas para impartir no citado censo sen que se supere o número máximo de accións formativas establecidas no parágrafo anterior.
O número máximo de accións formativas dunha mesma especialidade que poderán publicarse simultaneamente no buscador de formación para un censo concreto será de 3 para as provincias da Coruña e Pontevedra, e de 2 para as de Lugo e Ourense.
3. As solicitudes de subvención poderán incluír ata un máximo de 6 accións formativas por censo. Este número poderá incrementarse ata acadar, cun límite máximo de 10, o número de accións formativas do procedemento TR301K iniciadas polo censo solicitante na última convocatoria finalizada no momento da entrada en vigor desta orde.
Unha vez iniciadas o 40 % das accións formativas concedidas a un censo, a beneficiaria poderá presentar unha nova solicitude de subvención para o dito censo.
4. O incumprimento do prazo establecido para o inicio das accións formativas e as renuncias a impartir unha acción formativa subvencionada que teñan a consideración de non xustificadas darán lugar á perda, durante un período de 1 mes contado respectivamente desde o día seguinte ao da data límite para o inicio da acción formativa ou desde a data de notificación da resolución de consideración da renuncia como non xustificada, do dereito da entidade beneficiaria a solicitar unha nova subvención para o financiamento de accións formativas a impartir no censo que renunciou.
5. Poderán ser obxecto de subvención aquelas especialidades formativas que se determinen no anexo III desta convocatoria, así como os módulos formativos transversais que se impartan asociados a estas. Serán igualmente subvencionables todos os graos A e B contidos dentro dos graos C do citado anexo.
Artigo 46. Prazos de execución das accións formativas da primeira convocatoria
Na solicitude de subvención, as entidades deberán indicar a data prevista de inicio da acción formativa. En todo caso, as accións formativas deberán comezar no prazo máximo de 3 meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión, e requirirán a previa validación do persoal técnico da unidade administrativa competente, a través da aplicación informática SIFO.
A data límite para o remate das accións formativas da primeira convocatoria será o 31 de agosto de 2026.
Artigo 47. Prazos de xustificación das accións formativas da primeira convocatoria
A xustificación das accións formativas do expediente deberá realizarse a través da aplicación informática SIFO, nos prazos establecidos no artigo 37.2 desta orde e coa data límite para a presentación da xustificación final do 15 de setembro de 2026.
Artigo 48. Anexos
Son anexos desta orde os seguintes:
• Anexo I: modelo de solicitude.
• Anexo II: ficha da acción formativa.
• Anexo III: relación de especialidades formativas que poden ser obxecto de subvención na convocatoria, co importe dos módulos económicos por hora e persoa alumna, e da obriga, de ser o caso, de impartir o módulo transversal de prevención de riscos laborais na modalidade presencial.
Disposición adicional primeira. Resolucións adicionais
Poderán ditarse resolucións adicionais cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas, da asignación ou redistribución de fondos ou de incrementos das cantidades asignadas á Comunidade Autónoma pola Administración do Estado.
Disposición adicional segunda. Modificación da resolución en caso de alteración das condicións
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea, ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución de concesión e ao reintegro da subvención percibida.
Disposición adicional terceira. Delegación de atribucións
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, para tramitar e resolver os expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.
Así mesmo, apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración nas persoas titulares dos departamentos territoriais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias para, logo de desconcentración do crédito, resolver a concesión, denegación, modificación e reintegro das subvencións, así como para a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento ou outras incidencias das subvencións reguladas nesta orde.
Disposición adicional cuarta. Normativa de aplicación supletoria
En todo o non disposto nesta orde será de aplicación o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no que sexa de aplicación, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, que a desenvolve.
Así mesmo, será de aplicación o establecido na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, no Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, que a desenvolve, e no Real decreto 658/2024, modificador, entre outros, do Real decreto 659/2023. Será tamén de aplicación a Orde EFP/942/2022, do 23 de setembro, pola que se regula a oferta formativa do sistema de formación profesional no ámbito laboral asociada ao Catálogo nacional de cualificacións profesionais efectuada polas administracións competentes, se establecen as bases reguladoras, así como as condicións para o seu financiamento.
Disposición adicional quinta. Información sobre a xestión de subvencións
1. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto de cada convocatoria pública efectuada no marco destas bases e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS), nos termos do Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas públicas.
A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da correspondente convocatoria para a súa publicación.
2. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Disposición derradeira primeira. Autorización para ditar resolucións e instrucións
Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor aos 7 días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2025
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
