BDNS (Identif.): 844177.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/844177
Primeiro. Obxecto da resolución
1. Esta resolución ten por obxecto:
a) Regular o programa Fogar Vivo (en diante, o Programa), así como as bases reguladoras das súas axudas (código de procedemento VI426F).
b) Regular o procedemento para obter a condición de concello colaborador do Programa (código de procedemento VI426G).
c) Establecer o réxime transitorio dos programas de mobilización de vivendas para alugamento, tanto a través de axentes inmobiliarios como a través dos concellos colaboradores.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2025, con carácter plurianual.
Segundo. Obxecto do programa Fogar Vivo
O Programa ten por obxecto establecer axudas ás persoas ou entidades propietarias e usufrutuarias de vivendas coa finalidade de incentivar que as incorporen ao mercado de alugamento a través dunha renda accesible.
Terceiro. Seccións do Programa
1. O Programa desenvolverase a través das seguintes seccións:
a) Sección I, xestionada polo IGVS.
b) Sección II, xestionada a través de concellos que obteñan a condición de entidade colaboradora.
2. As vivendas poderán incorporarse a calquera das seccións, coa excepción daquelas cuxa propiedade ou usufruto pertenza ás entidades de crédito e ás súas filiais inmobiliarias, así como ás entidades de xestión de activos, incluídas as procedentes da reestruturación bancaria, que só poderán incorporalas ao Programa a través da sección II.
Cuarto. Axudas do Programa
O Programa establece as seguintes axudas:
a) Unha axuda para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros multirrisco de fogar.
b) Unha axuda para a adecuación e reparación da vivenda.
c) Unha axuda vinculada á obtención da axuda para adecuación e reparación (en diante, axuda vinculada), para o caso de que a vivenda se alugue a menores de 36 anos ou con fillo/as menores de idade ou con persoas dependentes ao seu cargo con algún grao de discapacidade recoñecida.
Quinto. Persoas beneficiarias
1. Poderán beneficiarse das axudas do Programa:
a) As persoas físicas que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas.
b) As persoas xurídicas propietarias ou usufrutuarias das vivendas, incluíndo as empresas privadas que teñan no seu obxecto social a promoción de vivendas de nova construción ou procedentes da rehabilitación.
Sexto. Crédito orzamentario
1. As axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros multirrisco de fogar faranse efectivas con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia:
– Cando a persoa que o contrate sexa unha persoa física, 11.81.451A.480.3, por un importe total de 600.000,00 euros distribuídos nas seguintes anualidades: 120.000,00 euros para a anualidade 2025, 120.000,00 euros para a anualidade 2026, 120.000,00 euros para a anualidade 2027, 120.000,00 euros para a anualidade 2028, 120.000,00 euros para a anualidade 2029.
– Cando a persoa que o contrate sexa unha persoa xurídica, 11.81.451A.470.3, por un importe total de 179.760,00 euros distribuídos nas seguintes anualidades: 25.680,00 euros para a anualidade 2025, 25.680,00 euros para a anualidade 2026, 25.680,00 euros para a anualidade 2027, 25.680,00 euros para a anualidade 2028, 25.680,00 euros para a anualidade 2029, 25.680,00 euros para a anualidade 2030 e 25.680,00 euros para a anualidade 2031.
2. As axudas para a adecuación e reparación das vivendas e a axuda vinculada faranse efectivas con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia:
– Cando a persoa que as contrate sexa unha persoa física, 11.81.451A.780.2, por un importe total de 192.000,00 euros distribuídos nas seguintes anualidades: 120.000,00 euros para a anualidade 2025 e 72.000,00 euros para a anualidade 2026.
– Cando a persoa que as contrate sexa unha persoa xurídica, 11.81.451A.770.2, por un importe total de 48.000,00 euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 30.000,00 euros para a anualidade 2025 e 18.000,00 euros para a anualidade 2026.
3. No suposto de existir remanente nalgunha das axudas previstas nos puntos anteriores, poderase utilizar para financiar solicitudes das outras, de acordo co previsto no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles da publicación da resolución no DOG. No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.
O prazo rematará o día 30 de outubro de 2025 e, en todo caso, ao esgotarse a partida orzamentaria contida nesta convocatoria, o cal será comunicado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que será publicada no DOG.
2. As solicitudes poderán presentarse desde as 9.00 horas do primeiro día de inicio do prazo ata as 14.00 horas do 30 de outubro de 2025. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.
3. As solicitudes presentadas fóra do prazo e do horario indicado serán inadmitidas.
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2025
Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo
