O Instituto Galego da Vivenda e Solo é un organismo autónomo, adscrito na actualidade á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, ao cal lle corresponde, en virtude da Lei 3/1988, do 27 de abril, da súa creación, a realización da política de solo e vivenda da Xunta de Galicia.
A Comunidade Autónoma de Galicia ten implantados distintos programas dirixidos ao acceso á vivenda, todos eles recollidos no Pacto de vivenda de Galicia 2021-2025, asinado polos representantes das entidades integrantes do pleno do Observatorio da Vivenda de Galicia, documento que xorde da análise conxunta e da contribución de todos os representados no pleno do citado observatorio. No devandito pacto recóllense as liñas de actuación pública na materia, e este constitúe un instrumento de planificación das políticas públicas neste eido para o período 2021-2025 na Comunidade Autónoma de Galicia.
En desenvolvemento do anterior, a Comunidade Autónoma de Galicia puxo en marcha dous programas dirixidos a incentivar a posta no mercado de alugamento de vivendas baleiras de titularidade privada mediante unha renda accesible. Un dos programas xestiónase a través dos concellos e outro en colaboración cos axentes da propiedade inmobiliaria e cos administradores de predios. Como complemento a este último aprobouse unha liña de axudas para realizar arranxos nas vivendas que permitisen a súa posta á disposición no mercado do alugamento.
A punto de finalizar o período de vixencia do Pacto de vivenda de Galicia 2021-2025 e coa finalidade de seguir incentivando a incorporación de vivendas ao mercado de alugamento e de continuar fomentando o acceso a un fogar digno, de calidade e a prezos accesibles, cómpre neste momento reformular os dous programas existentes, co fin de integrar as súas actuacións nun único programa, nomeado programa Fogar Vivo, que se desenvolverá a través de dúas seccións diferenciadas:
– Sección I, que será xestionada directamente pola Xunta de Galicia a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
– Sección II, que será xestionada polos concellos que obteñan a condición de entidade colaboradora e en que se poderán integrar as vivendas que se incorporasen ao mercado de alugamento en virtude da Resolución do 12 de febreiro de 2024 pola que se regula o Programa de mobilización de vivendas para o alugamento en concellos, resolución publicada no Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro de 2024, sen prexuízo de que se poida incorporar calquera outra en virtude desta resolución.
As vivendas que se integren ao mercado de alugamento en virtude do programa Fogar Vivo poderán beneficiarse das bonificacións fiscais nos tramos autonómicos que lle sexan aplicables, segundo a normativa vixente.
De conformidade co anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,
RESOLVO:
I. Disposicións xerais
Primeiro. Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto:
a) Regular o programa Fogar Vivo (en diante, o Programa), así como as bases reguladoras das súas axudas (código de procedemento VI426F).
b) Regular o procedemento para obter a condición de concello colaborador do Programa (código de procedemento VI426G).
c) Establecer o réxime transitorio dos programas de mobilización de vivendas para alugamento, tanto a través de axentes inmobiliarios como a través dos concellos colaboradores.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2025, con carácter plurianual.
Segundo. Remisión normativa
En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como nas demais normas do noso ordenamento xurídico que sexan de aplicación.
Terceiro. Habilitación para o desenvolvemento
Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión destas axudas.
Cuarto. Transparencia e bo goberno
1. Na tramitación dos procedementos establecidos nesta resolución deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, os concellos colaboradores e as persoas físicas e xurídicas beneficiarias das subvencións están obrigados a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.
Quinto. Recursos contra esta resolución
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Sexto. Eficacia
Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.
II. Programa Fogar Vivo
Sétimo. Obxecto do Programa
1. O Programa ten por obxecto establecer axudas ás persoas ou entidades propietarias e usufrutuarias de vivendas coa finalidade de incentivar que as incorporen ao mercado de alugamento a través dunha renda accesible.
2. A obtención de calquera das axudas que se regulan nesta resolución determinará automaticamente a vinculación da correspondente vivenda ás obrigas derivadas do Programa.
Oitavo. Seccións do Programa
1. O Programa desenvolverase a través das seguintes seccións:
a) Sección I, xestionada polo IGVS.
b) Sección II, xestionada a través de concellos que obteñan a condición de entidade colaboradora.
2. As vivendas poderán incorporarse a calquera das seccións, a excepción daquelas cuxa propiedade ou usufruto pertenza ás entidades de crédito e ás súas filiais inmobiliarias, así como ás entidades de xestión de activos, incluídas as procedentes da reestruturación bancaria, que só poderán incorporalas ao Programa a través da sección II.
Noveno. Control, inspección e auditoría
O IGVS poderá realizar as tarefas de control, inspección e auditoría que considere necesarias, tanto nos contratos asinados ao abeiro do Programa, como nas vivendas incorporadas a este co fin de detectar posibles incumprimentos, coas consecuencias recollidas nesta resolución.
III. Bases reguladoras das axudas do programa Fogar Vivo
(código de procedemento VI426F)
Décimo. Axudas do Programa
O Programa establece as seguintes axudas:
a) Unha axuda para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros multirrisco de fogar.
b) Unha axuda para a adecuación e reparación da vivenda.
c) Unha axuda vinculada á obtención da axuda para adecuación e reparación (en diante, axuda vinculada), para o caso de que a vivenda se alugue a menores de 36 anos ou con fillos/as menores de idade ou con persoas dependentes ao seu cargo con algún grao de discapacidade recoñecida.
Décimo primeiro. Actuacións subvencionables para a axuda de adecuación e reparación das vivendas
1. Na execución de obras de adecuación e reparación das vivendas considéranse subvencionables as seguintes actuacións:
a) Obras de conservación e mantemento.
b) Obras de rehabilitación precisas para garantir a habitabilidade da vivenda, así como as obras necesarias para o correcto funcionamento das súas instalacións e/ou para a súa adaptación á normativa vixente.
c) Axustes na distribución interior da vivenda.
d) Adquisición e colocación de mobiliario de cociña, así como dos seguintes electrodomésticos: neveira, cociña, forno, lavavaixelas e campá extractora.
e) Cambio de sanitarios, lavadoras, bañeira e anteparos.
2. Na execución das actuacións que afecten fachadas, carpintaría exterior e/ou cuberta das vivendas seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.
3. Estas actuacións incluirán, para os efectos de determinar o custo total das obras, as seguintes actuacións preparatorias: os honorarios dos profesionais que interveñan; os informes técnicos e certificados necesarios; os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados.
4. O período de execución destas actuacións deber ser o previsto na correspondente resolución de convocatoria.
Décimo segundo. Contía das axudas
A contía máxima das axudas non poderá superar o límite de 16.000 euros por vivenda, de acordo coa seguinte distribución:
a) Axuda para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros multirrisco de fogar: de ata 3.000 euros, desagregados en importes anuais de ata 600 euros, no caso de que a persoa arrendadora sexa unha persoa física, ou de ata 428 euros, no caso de que sexa unha persoa xurídica.
b) Axudas para a adecuación e reparación das vivendas: en función do investimento realizado, terá os seguintes importes:
– Axuda base de ata 5.000 euros: a subvención será do 80 % do gasto xustificado, con independencia do número de actuacións que se realicen, ata un investimento de 6.250 euros.
– Axuda complementaria de ata 6.000 euros, a razón 2.000 euros por cada 10.000 euros de investimento adicional a partir do investimento de 6.250 euros, ou a parte proporcional, en función do investimento realizado e dos gastos xustificados.
c) Axuda vinculada: 2.000 euros.
Décimo terceiro. Requisitos para obter as axudas do Programa
1. Para obter as axudas do Programa as vivendas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ser de titularidade privada e non estar suxeitas a ningún réxime de protección pública.
c) Reunir as condicións adecuadas de habitabilidade e mantemento no momento de ofrecerse en alugamento.
d) Estar vinculadas ao Programa durante un período mínimo de cinco ou sete anos, en función de que a persoa propietaria ou usufrutuaria sexa unha persoa física ou xurídica.
e) Non ter sido arrendadas durante os tres meses inmediatamente anteriores á presentación da solicitude da/s axuda/s. Poderá exceptuarse este requisito para as vivendas incorporadas na sección II, no caso de que por imperiosa necesidade de emerxencia social, segundo o informe do servizos municipais, a vivenda xa estivese adxudicada á/s persoa/s arrendataria/s.
f) Non estar afectada por algunha circunstancia xurídica que impida o seu alugamento.
2. Así mesmo, para a obtención das axudas será preciso que os contratos de alugamento cumpran os seguintes requisitos:
a) Que se sometan á lexislación de arrendamentos urbanos para uso de vivenda habitual e permanente durante todo o tempo do contrato.
b) Que a/s persoa/s arrendataria/s non teña/n vínculo de parentesco de consanguinidade dentro do cuarto grao ou de afinidade dentro do segundo coa persoa arrendadora. Este mesmo criterio aplicarase á relación entre a/s persoa/s arrendadora/s e a/s persoa/s arrendataria/s, cando a primeira sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios/as ou partícipes.
c) Ter unha renda mensual durante o primeiro ano de alugamento que non supere os seguintes importes, en función do concello en que estea situada:
|
Zona territorial |
Importe da renda mensual de alugamento (euros) |
Concellos |
|
Zona 1 |
700 |
A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra. |
|
Zona 2 |
650 |
Ferrol, Ames, Oleiros, Cambre, Culleredo. Lugo. Ourense. Baiona, Nigrán, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa. |
|
Zona 3 |
600 |
Arteixo, Carballo, Narón, Ribeira, Sada. A Estrada, Cangas, Lalín, Marín, O Porriño, Ponteareas, Redondela, Mos, Poio. |
|
Zona 4 |
550 |
Ares, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cedeira, Cee, Fene, Melide, Mugardos, Neda, Noia, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Teo. Burela, Cervo, Chantada, Foz, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba, Viveiro. Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, Barbadás, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín, Xinzo de Limia. Bueu, Cambados, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Moaña, Pontecesures, Tui, Vilanova de Arousa. |
|
Zona 5 |
450 |
O resto dos concellos de Galicia. |
A actualización da renda realizarase conforme o previsto na lexislación de arrendamentos urbanos.
Os ámbitos territoriais e/ou os importes da renda da vivenda previstos nesta letra poderán modificarse mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá publicarse no DOG.
3. No caso de vivendas xestionadas polos concellos colaboradores, a obtención da axuda exixe, ademais dos requisitos sinalados nos puntos primeiro e segundo, que a/s persoa/s arrendataria/s reúnan as seguintes condicións:
a) Que as súas unidades de convivencia teñan uns ingresos comprendidos entre 0,7 e 3 veces o indicador público de renda de efectos múltiples e que a renda da vivenda que se vaia arrendar non sexa superior ao trinta por cento dos ingresos da súa unidade de convivencia. A determinación e ponderación de ingresos calcularase segundo o disposto no ordinal seguinte.
Poderán exceptuarse deste requisito aqueles supostos en que no expediente do concello relativo á contratación da vivenda quede acreditado que a unidade de convivencia da persoa arrendataria percibe uns ingresos que lle permitan facer fronte ás obrigas económicas que deriven do contrato de alugamento. Para estes efectos, o concello poderá proceder de acordo co disposto no punto quinto do ordinal cuadraxésimo segundo.
b) Atoparse nunha situación persoal e/ou familiar que, segundo o informe dos servizos sociais do concello, supoña unha dificultade para acceder a unha vivenda de alugamento.
Décimo cuarto. Determinación e ponderación de ingresos para as persoas demandantes de vivenda da sección II do Programa
1. Os ingresos da unidade de convivencia a que fai referencia o punto terceiro do ordinal décimo terceiro determinaranse calculando o rateo mensual dos ingresos netos correspondentes a cada un dos seus membros durante os tres meses anteriores ao da presentación da solicitude.
2. Aos ingresos determinados consonte o anterior aplicarase, en función do número de membros da unidade de convivencia, o coeficiente multiplicador corrector seguinte:
• Familias dun membro: 1,00.
• Familias de dous membros: 0,90.
• Familias de tres membros: 0,80.
• Familias de catro membros: 0,75.
• Familias de cinco ou máis membros: 0,70.
Décimo quinto. Supostos en que se pode/n solicitar as axudas
As axudas do Programa poderán solicitarse, dentro dos prazos previstos na correspondente convocatoria, nos seguintes supostos:
a) A axuda para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros multirrisco de fogar poderá solicitarse se a vivenda conta cun contrato de alugamento formalizado en data posterior á publicación da correspondente convocatoria de axudas.
b) A axuda para a adecuación e reparación da vivenda poderá solicitarse nos seguintes supostos:
– Nas actuacións finalizadas na data da publicación da correspondente convocatoria de axudas será necesario que estean realizadas dentro do período previsto na resolución de convocatoria e que conten cun contrato de alugamento formalizado para a dita vivenda en data posterior á da súa publicación.
– No caso de actuacións non iniciadas na data de publicación da correspondente convocatoria ou que se atopen en execución nesa data, será necesario que a axuda se solicite dentro dos prazos establecidos na correspondente resolución de convocatoria.
c) A axuda vinculada poderá solicitarse xunto coa axuda para a adecuación e reparación da vivenda ou con posterioridade, sempre que o contrato de alugamento estea formalizado unha vez publicada a correspondente convocatoria.
Décimo sexto. Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán beneficiarse das axudas do Programa:
a) As persoas físicas que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas.
b) As persoas xurídicas propietarias ou usufrutuarias das vivendas, incluíndo as empresas privadas que teñan no seu obxecto social a promoción de vivendas de nova construción ou procedentes da rehabilitación.
2. Para obter a condición de beneficiarias, as persoas e as entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Non estar incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. Cando as persoas beneficiarias realicen actividades económicas, as axudas ampáranse no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023, serie L). A axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 euros durante o período dos tres anos previos. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.
A empresa comunicará calquera outra axuda de minimis recibida durante os tres anos previos. Informarase por escrito o beneficiario sobre o importe da axuda e sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023, serie L).
4. Unha vez obtida a condición de persoa ou entidade beneficiaria dalgunha/s das axudas do Programa, non se poderá volver obter dita condición para a mesma vivenda, respecto de ningunha das subvencións previstas nestas bases reguladoras, salvo no suposto indicado no punto seis do ordinal décimo oitavo desta resolución.
Décimo sétimo. Tramitación das axudas
A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Décimo oitavo. Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica mediante a presentación do formulario que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto, e deberán dirixirse ao IGVS (código de procedemento VI426F).
2. A presentación electrónica da solicitude será obrigatoria cando a persoa propietaria ou usufrutuaria da vivenda ou a persoa representante sexa unha persoa xurídica.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
3. No formulario de solicitude sinalaranse as axudas que se solicitan, tendo en conta o previsto no ordinal décimo quinto desta resolución.
4. Nos supostos en que a propiedade ou usufruto da vivenda corresponda a máis dunha persoa ou entidade, só se admitirá unha única solicitude por vivenda.
5. No suposto de solicitar unicamente as axudas para facer fronte ao custo dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros multirrisco de fogar, a solicitude deberá presentarse nun prazo máximo de quince días desde a formalización do contrato de alugamento.
6. De conformidade co disposto na letra b) do ordinal décimo quinto, no suposto de solicitar as axudas para obras non iniciadas na data de publicación da correspondente convocatoria ou que se atopen en execución nesa data, poderán solicitarse as demais axudas do Programa no momento da xustificación final das obras. Nestes supostos, se o prazo de presentación de solicitudes estivese pechado ou se esgotase o crédito orzamentario, a correspondente resolución de convocatoria poderá prever a posibilidade de presentar a solicitude no prazo previsto na convocatoria seguinte.
7. No formulario de solicitude a persoa ou entidade solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:
a) Declaración responsable de que nin a persoa ou entidade solicitante nin ningunha outra persoa que sexa propietaria e/ou usufrutuaria da vivenda, de ser o caso, solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.
b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida á persoa solicitante ou a calquera das persoas propietarias e/ou usufrutuarias da vivenda, de ser o caso, para a mesma finalidade.
c) Que a vivenda é de titularidade privada e non está suxeita a ningún réxime de protección pública.
d) Que a vivenda reunirá no momento do seu alugamento as condicións adecuadas de habitabilidade e mantemento.
e) Que a vivenda estará vinculada ao Programa durante un período mínimo de cinco ou sete anos, en función de que a persoa propietaria ou usufrutuaria sexa unha persoa física ou xurídica.
f) Que a vivenda non fose arrendada nos tres meses inmediatamente anteriores á presentación da solicitude.
g) Que a vivenda non está afectada por algunha circunstancia xurídica que impida o seu alugamento.
h) Declaración responsable de que a/s persoa/s solicitante/s non está/n incursa/s en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
i) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.
Décimo noveno. Documentación complementaria
1. As persoas ou entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados.
b) Escritura pública, certificado, nota simple rexistral ou calquera outro documento que acredite a titularidade da propiedade ou do usufruto do inmoble, no caso de que a persoa ou entidade solicitante non conste como titular catastral.
c) Anexo II, de declaración responsable e comprobación de datos das demais persoas ou entidades copropietarias ou usufrutuarias da vivenda, de ser o caso. Neste suposto deben figurar todas ata completar o 100 % da propiedade ou usufruto.
d) Para o caso de solicitar as axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros multirrisco de fogar:
– Contrato de alugamento asinado polas partes.
– Pólizas de seguros contratadas para amparar os riscos derivados do citado contrato.
– Xustificantes do pagamento realizado, mediante transferencias, certificacións ou extractos bancarios que acrediten o pagamento das pólizas dos seguros.
e) Para o caso de solicitar axudas para adecuación e reparación das vivendas, no caso de que as obras xa estivesen finalizadas na data de presentación da solicitude:
– Contrato de alugamento asinado polas partes.
– Memoria explicativa das obras e actuacións realizadas na vivenda.
– Memoria económica xustificativa do custo das actuacións, realizadas coa relación clasificada dos gastos.
– Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación da persoa acredora, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Non se aboarán as facturas correspondentes ás actuacións executadas con anterioridade a cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión.
– Fotografías que mostren as obras realizadas.
– Licenza municipal ou comunicación previa ao concello, no caso de que sexa necesaria pola actuación que se vai realizar e, de ser o caso, autorizacións sectoriais preceptivas. A comunicación previa ao concello deberá vir acompañada dunha declaración responsable da persoa ou entidade promotora da actuación de non ter sido requirida para a súa emenda, no suposto de ter transcorrido máis de quince días hábiles, contados desde a data da súa presentación.
f) Para o caso de solicitar axudas para adecuación e reparación das vivendas, no suposto de que as obras non estivesen iniciadas ou se atopen en execución na data de presentación da solicitude:
– Memoria descritiva das actuacións subvencionables para a adecuación e reparación das vivendas, con indicación, neste último caso, do orzamento e do prazo previsto de realización das actuacións.
– Licenza municipal ou comunicación previa ao concello, no caso de que sexa necesaria pola actuación que se vai realizar e, de ser o caso, autorizacións sectoriais preceptivas. A comunicación previa ao concello deberá vir acompañada dunha declaración responsable da persoa ou entidade promotora da actuación de non ter sido requirida para a súa emenda, no suposto de ter transcorrido máis de quince días hábiles, contados desde a data da súa presentación.
g) Para o caso de solicitar as axudas vinculadas:
– Contrato de alugamento asinado polas partes.
– Memoria explicativa das obras e adecuacións realizadas na vivenda.
– Anexo III de comprobación de datos das persoas arrendatarias e dos membros que integran a unidade de convivencia.
– Certificado de discapacidade dalgún dos membros que integran a unidade de convivencia do contrato de alugamento, de ser o caso, e para o suposto de non ser expedido pola Xunta de Galicia.
h) Certificación do concello que acredite que no expediente correspondente se cumpren todos os requisitos do Programa, para o caso das vivendas da sección II.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa ou entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente da persoa ou entidade interesada a súa achega.
Vixésimo. Forma de presentación da documentación complementaria
1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
2. A presentación electrónica será obrigatoria cando a persoa propietaria ou usufrutuaria da vivenda ou a persoa representante sexa unha persoa xurídica. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia
3. Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. As persoas e entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa ou entidade interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Vixésimo primeiro. Órganos competentes para instruír e resolver os procedementos
1. A instrución dos procedementos regulados nesta resolución é competencia da Dirección Técnica de Axudas á Vivenda.
2. A competencia para resolver as solicitudes correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
Vixésimo segundo. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas e entidades interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario de inicio. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas e entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
No caso de persoas e entidades interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar no formulario, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.
4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Vixésimo terceiro. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a/s persoa/s interesada/s se opoña/n á súa consulta:
a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro/a (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, das demais persoas propietarias ou usufrutuarias da vivenda.
b) Número de identificación fiscal (en diante, NIF) da entidade solicitante e, de ser o caso, das demais entidades propietarias ou usufrutuarias da vivenda.
c) DNI ou NIE da persoa representante, de ser o caso.
d) NIF da entidade representante, de ser o caso.
e) Certificados da Axencia Estatal de Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativos do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa ou entidade solicitante e, de ser o caso, das demais persoas ou entidades propietarias ou usufrutuarias da vivenda.
f) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
h) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro do Ministerio de Facenda, onde conste que a/s persoa/s ou entidade/s solicitante/s teñen en propiedade e/ou en usufruto a vivenda.
2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa ou entidade interesada solicite a axuda vinculada e lle sexa de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) DNI ou, de ser o caso, NIE da/s persoa/s arrendataria/s das vivendas e, se é o caso dos menores ou das persoas dependentes ao seu cargo con algún grao de discapacidade recoñecida.
b) Certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia, no suposto de unidades de convivencia con persoas dependentes ao seu cargo con algún grao de discapacidade recoñecida.
3. No caso de que as persoas ou entidades interesadas se opoñan á consulta, deberá indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Vixésimo cuarto. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas ou entidades interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente accedendo á Carpeta cidadá da persoa ou entidade interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Vixésimo quinto. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda
1. O procedemento iniciarase de oficio, mediante a publicación da correspondente convocatoria.
2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria.
3. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa ou entidade solicitante para que no prazo de dez días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.
4. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.
Poderanse enviar mensaxes ás persoas ou entidades interesadas ao teléfono móbil e/ou correo electrónico, avisando destas publicacións. Para estes efectos, as persoas ou entidades solicitantes deberán indicar no anexo de solicitude un teléfono móbil e/ou un correo electrónico de contacto para recibir as ditas comunicacións.
5. Unha vez completado o expediente e despois das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Axudas á Vivenda do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá o que en dereito proceda.
6. No caso de terse esgotado o crédito nas anualidades para as cales se solicita a axuda, o IGVS poderá concedela para outra/s anualidade/s en que aínda exista crédito dispoñible.
Vixésimo sexto. Resolución e recursos
1. A resolución estimará ou desestimará a solicitude das axudas.
2. A resolución de concesión indicará as actuacións subvencionables, o seu custo, as condicións que se deberán cumprir e a contía da subvención concedida que, de ser o caso, poderá ter carácter plurianual.
A resolución de concesión establecerá tamén, no caso de subvencións para a execución da obra, o prazo para a súa finalización, agás no caso de que xa estiveran rematadas no momento da presentación da solicitude da subvención. Estes prazos determinaranse tendo en conta a data límite prevista de presentación da documentación xustificativa.
3. Os efectos da resolución estimatoria estarán condicionados a que a persoa ou entidade beneficiaria acepte as condicións do Programa no prazo de dez días, contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. No caso de non rexeitalas expresamente no citado prazo, entenderase que a persoa ou entidade beneficiaria acepta as condicións do Programa.
4. O prazo máximo para ditar e notificar a concesión das axudas será dun mes, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique a resolución expresa, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.
5. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.
Vixésimo sétimo. Modificación da resolución
As persoas ou entidades beneficiarias estarán obrigadas a comunicar, incluso durante a tramitación da solicitude, calquera modificación das condicións que poidan motivar ou motivasen tal recoñecemento e que puidese determinar a perda sobrevinda do dereito á axuda. A non comunicación destas modificacións será causa suficiente para o inicio, de ser o caso, dun expediente de reintegro das cantidades que puidesen cobrarse indebidamente.
A dita comunicación deberá realizarse no prazo de dez días desde o momento en que se produza a dita modificación, nos termos previstos no ordinal vixésimo cuarto desta resolución.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Vixésimo oitavo. Causas de denegación
1. Será causa de denegación da solicitude das subvencións o incumprimento dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente resolución de convocatoria.
2. Tamén serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes no rexistro electrónico da Xunta de Galicia. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.
Vixésimo noveno. Xustificación e pagamento da subvención
1. As persoas e as entidades beneficiarias deberán xustificar á Dirección Técnica de Axudas á Vivenda as actuacións relativas a cada unha das anualidades previstas na resolución de concesión e presentar a documentación xustificativa das actuacións realizadas. Estas comunicacións realizaranse mediante a presentación do anexo IV desta resolución, xunto coa documentación que corresponda, de acordo cos puntos seguintes.
2. Para o caso das axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros multirrisco de fogar, a xustificación realizarase, no caso de que non se achegase con anterioridade, coa presentación dos xustificantes do pagamento realizado, mediante transferencias, certificacións ou extractos bancarios que acrediten o pagamento relativo ás facturas da actuación subvencionada.
Para o pagamento das prórrogas das pólizas dos seguros contratados deberase presentar o xustificante bancario do seu pagamento na correspondente anualidade.
Para estes efectos, admitiranse as pólizas e documentos acreditativos do seu pagamento correspondentes a actuacións executadas na anualidade anterior, para os supostos en que as solicitudes teñan que presentarse na convocatoria seguinte, de conformidade co disposto no parágrafo segundo do punto seis do ordinal décimo oitavo destas bases reguladoras.
3. Para o caso de axudas para obras de adecuación e reparación da vivenda, a xustificación realizarase de acordo co seguinte procedemento:
a) Para o caso de xustificar a comunicación parcial das obras, deberá presentarse, no caso de que non se achegase con anterioridade, a seguinte documentación:
– Certificación de inicio das obras.
– Memoria explicativa das obras realizadas.
– Memoria económica xustificativa do custo das actuacións realizadas, en que se faga constar o cumprimento das actuacións da anualidade que lle corresponda xustificar. Conterá a relación clasificada de gastos polas actuacións realizadas, coas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación da persoa acredora, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Para estes efectos, o seu pagamento deberá acreditarse mediante transferencias, certificacións ou extractos bancarios que acrediten o pagamento relativo ás facturas da actuación subvencionada. Non se aboarán as facturas correspondentes ás actuacións executadas con anterioridade a cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión.
– Fotografías que mostren as obras realizadas.
– Licenza municipal ou comunicación previa ao concello, no caso de que sexa necesaria pola actuación que se vai realizar e, de ser o caso, autorizacións sectoriais preceptivas. A comunicación previa ao concello deberá vir acompañada dunha declaración responsable da persoa ou entidade promotora da actuación de non ter sido requirida para a súa emenda, no suposto de ter transcorrido máis de quince días hábiles, contados desde a data da súa presentación.
b) Para o caso de comunicación final das obras, a xustificación das axudas realizarase coa presentación do contrato de alugamento xunto coa seguinte documentación:
– Co remate das obras deberá presentarse, ademais da documentación sinalada no punto anterior, actualizada, se é o caso, coas novas actuacións, a certificación da finalización das obras e, cando proceda, as correspondentes autorizacións administrativas polas instalacións realizadas.
– No suposto de adquisición e colocación de mobiliario de cociña e dos seguintes electrodomésticos: neveira, cociña, lavadora, forno, lavavaixelas e campá extractora, así como no caso do cambio de sanitarios, bañeira e anteparos, deberán presentarse, xunto coas facturas e xustificantes bancarios do pagamento, as fotografías acreditativas da realización das actuacións e a declaración responsable de que esas actuacións se realizaron na vivenda obxecto da axuda.
4. Para o caso das axudas vinculadas, a xustificación das axudas realizarase coa presentación do contrato de alugamento, xunto coa seguinte documentación:
– Memoria explicativa das obras e adecuacións realizadas na vivenda.
– Anexo III de comprobación de datos das persoas arrendatarias e dos membros que integran a unidade de convivencia.
– Certificado de discapacidade dalgún dos membros que integran a unidade de convivencia do contrato de alugamento, no caso de non ser expedido pola Xunta de Galicia.
5. Esta documentación presentarase de conformidade co establecido no ordinal vixésimo e nun prazo máximo de quince días contados desde a realización das actuacións subvencionadas, xa sexan estas a sinatura do contrato de alugamento, a contratación e pagamento das pólizas dos seguros ou as actuación/s de reparación da vivenda. Exceptúanse deste prazo aqueles supostos en que as solicitudes das axudas dos seguros, así como das axudas vinculadas, poidan presentarse segundo se indique na correspondente resolución de convocatoria, de conformidade co disposto no punto seis do ordinal décimo oitavo destas bases reguladoras.
6. Transcorridos os prazos indicados sen que as persoas ou entidades beneficiarias presenten a documentación xustificativa da anualidade correspondente, o órgano instrutor requirirállela para que a presenten nun prazo improrrogable de dez días.
7. En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa das subvencións con posterioridade ao último día hábil do mes de novembro de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión, salvo que o requirimento sinalado no número anterior se fixese dentro dos dez días anteriores a esas datas. Nos supostos en que a notificación da resolución de concesión sexa con data posterior ao 1 de outubro, a documentación xustificativa poderá presentarse no prazo máximo dun mes desde a dita notificación.
Non obstante, cando concorran circunstancias que así o xustifiquen, poderase demorar a citada data mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG.
8. No caso de que o ritmo de execución das obras fose diferente ao establecido na resolución de concesión, poderán reaxustarse as anualidades, logo de solicitude da persoa ou entidade beneficiaria, conforme o procedemento establecido no ordinal vixésimo cuarto destas bases reguladoras, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria para a súa realización.
9. No caso de non terse presentado a xustificación correspondente nos prazos indicados, perderase o dereito ao cobramento das subvencións concedidas, o que será notificado á persoa ou entidade beneficiaria a través da oportuna resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
10. Unha vez presentada a documentación xustificativa e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Axudas á Vivenda onde se sitúe a vivenda emitirá certificado acreditativo das verificacións realizadas, en que se detallarán expresamente os principais requisitos exixidos nas bases reguladoras e elevará unha proposta de pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá en atención aos recursos económicos dispoñibles.
Trixésimo. Pagamento da subvención. Anticipos e pagamentos á conta
1. O pagamento da subvención requirirá que a persoa ou entidade presente a documentación relacionada no punto anterior. A subvención aboarase mediante transferencia bancaria no número de conta sinalado para estes efectos no anexo da solicitude.
2. Para o caso de actuacións de adecuación e reparación da vivenda, cando non estean finalizadas, as persoas e entidades beneficiarias poderán solicitar anticipos, mediante a presentación do anexo V, sempre e cando, ao abeiro do disposto no artigo 63 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, se cumpran as seguintes condicións:
a) Que non superen o 80 % do importe total da axuda concedida á persoa beneficiaria nin a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.
b) Que se destinen exclusivamente a cubrir gastos da actuación obxecto da subvención e se xustifiquen adecuadamente.
3. De conformidade co artigo 62 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderán realizarse pagamentos á conta de ata o 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos que hai que xustificar, que non poderán exceder a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.
No suposto das axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros multirrisco de fogar, cando se trate de persoas xurídicas, poderá superarse a dita porcentaxe, de conformidade co disposto no punto cuarto do artigo 62 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. De conformidade co disposto na letra f) do número 4 do artigo 65 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, exonéranse as persoas físicas beneficiarias da necesidade de constitución de garantías.
5. De conformidade co número 4 do artigo 67 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, exonéranse as persoas xurídicas beneficiarias da necesidade de constitución de garantías.
Trixésimo primeiro. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias
As persoas ou entidades beneficiarias, ademais de cumpriren as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberán cumprir as seguintes:
1. Formalizar, no suposto de resolución anticipada do contrato de alugamento, un novo contrato suxeito ás condicións do Programa no prazo máximo de tres meses, salvo naqueles supostos en que quede debidamente acreditada a imposibilidade de formalizar un novo contrato nese prazo.
2. Xustificar as subvencións conforme o previsto nestas bases reguladoras.
3. Depositar a fianza no IGVS, de conformidade coa normativa vixente.
4. Permitirlle ao IGVS a realización das inspeccións e/ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados e/ou o destino das subvencións concedidas.
5. Estar ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social no momento en que se aboe a subvención.
6. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.
7. As demais obrigas que derivan desta resolución.
Trixésimo segundo. Perda e reintegro da subvención
1. Poderán ser causa de perda e posterior reintegro das subvencións, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os seguintes:
a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior.
b) A falta de xustificación das subvencións nos prazos indicados.
c) A falta de xustificación das prórrogas anuais dos seguros, o que suporá a perda da axuda para os seguros das anualidades restantes.
d) A resolución do contrato de alugamento dentro do período mínimo de cinco ou sete anos, segundo o caso, sen que se teña formalizado un novo contrato de arrendamento no prazo de tres meses desde a resolución anticipada. Neste caso o reintegro será proporcional ao tempo que restase para cumprir os cinco anos ou sete anos, segundo o caso.
e) A falta de comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.
2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida, xunto cos xuros de demora desde o seu pagamento, calculados aplicando o xuro legal do diñeiro incrementado nun 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.
3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, se é o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Trixésimo terceiro. Compatibilidade e incompatibilidade
1. As persoas ou entidades beneficiarias do Programa poderán compatibilizar estas axudas con outras subvencións concedidas para o mesmo obxecto procedentes doutras administracións ou institucións, sempre que o importe de todas elas non supere o custo total das actuacións.
2. As axudas do Programa serán incompatibles con aquelas de que puidese beneficiarse a vivenda ao abeiro das subvencións concedidas polo IGVS no programa Rehaluga e no Programa de mobilización de vivendas para o alugamento.
Trixésimo cuarto. Base de datos nacional de subvencións
En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.
Trixésimo quinto. Datos de carácter persoal
De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas e entidades beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
IV. Procedemento para obter a condición de concello colaborador da sección II
do Programa (código procedemento VI426G)
Trixésimo sexto. Solicitude para obter a condición concello colaborador
1. Os concellos que queiran obter a condición de entidade colaboradora do Programa poderán solicitalo desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Este prazo rematará o 31 de decembro de 2028, salvo que, con anterioridade á dita data, se poña fin ao Programa mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal, e que se incorpora á presente resolución como anexo VI (código de procedemento VI426G).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na cal sexa realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. No modelo de solicitude, o concello interesado realizará as seguintes declaracións:
a) Declaración responsable de que coñece e acepta o contido e as obrigas recollidas nesta resolución.
b) Declaración de que todos os datos da súa solicitude son certos.
Trixésimo sétimo. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder do IGVS ou elaborados polas administracións públicas, excepto que o concello interesado se opoña á súa consulta:
a) NIF do concello solicitante.
b) DNI, NIF ou, de ser o caso, NIE da persoa representante.
2. No caso de que a persoa ou o concello interesado se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os respectivos documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa ou da entidade interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar aos concellos interesados a presentación dos documentos correspondentes.
Trixésimo oitavo. Órganos competentes para instruír e resolver os procedementos
1. A instrución dos procedementos regulados nesta resolución é competencia da Dirección Técnica de Axudas á Vivenda.
2. A competencia para resolver as solicitudes correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
Trixésimo noveno. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que o concello deba realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá do concello interesado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Cuadraxésimo. Procedemento de recoñecemento de concello colaborador e recursos
1. Se as solicitudes presentadas non reúnen algún dos requisitos exixidos, requirirase o concello solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fai, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
2. O órgano instrutor poderá requirir o concello solicitante para que presente cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento, e solicitará os informes pertinentes para comprobar que as solicitudes presentadas compren os requisitos exixidos polas bases reguladoras, por esta convocatoria e pola demais normativa de aplicación.
3. Examinada a documentación e despois das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Axudas á Vivenda do IGVS remitirá unha proposta para o recoñecemento como concello colaborador á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá o que en dereito proceda.
4. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude. A persoa ou entidade interesada poderá entender desestimada por silencio administrativo a súa petición no caso de expiración do prazo máximo sen ter notificado resolución expresa para o efecto.
5. Na resolución de recoñecemento da condición de concello colaborador especificaranse as obrigas que lle corresponden como responsable do tratamento de datos persoais.
6. Contra a resolución poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.
Cuadraxésimo primeiro. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá aos concellos interesados avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válido.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, os concellos interesados deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Cuadraxésimo segundo. Comisión de seguimento e coordinación
1. Unha vez comunicada a condición de concello colaborador, constituirase unha comisión de seguimento e coordinación, presidida pola persoa que desempeñe a Presidencia do IGVS, e da cal tamén formarán parte dous vogais en representación do IGVS e dous vogais en representación do concello.
2. A comisión reunirase no prazo máximo de dez días, cada vez que algunha das partes considere a súa necesidade.
3. As controversias que poidan expoñerse sobre a interpretación, modificación, efectos e resolución na execución do Programa resolveranse no seo da comisión por maioría dos seus membros.
4. A comisión establecerá o mellor xeito de comunicación para o tratamento de cada cuestión, incluíndo a posibilidade de relación telemática ou correo electrónico.
5. Nos supostos en que se eximan a/s persoa/s arrendataria/s do cumprimento do requisito dos ingresos económicos, conforme o previsto na letra b) do número 3 do ordinal décimo terceiro desta resolución, o concello poderá remitir á comisión o informe dos servizos sociais relativo á súa situación e a da súa unidade de convivencia, para os efectos de que valore propoñer, se é o caso, as axudas que considere pertinentes, co obxecto de garantir o pagamento da renda.
Cuadraxésimo terceiro. Obrigas dos concellos colaboradores
Os concellos colaboradores terán as seguintes obrigas respecto da súa participación no Programa:
a) Levar un seguimento dos expedientes relativos a cada unha das vivendas que se ofrezan no seu termo municipal, asignando un código a cada vivenda que forme parte del.
b) Levar un rexistro das persoas demandantes de vivendas no seu termo municipal que cumpran os requisitos para o incorporarse ao Programa.
c) Revisar o estado das vivendas e, de ser o caso, propoñer ás persoas arrendadoras os acondicionamentos que se consideren necesarios.
d) Comprobar, antes da formalización dos contratos, que as persoas interesadas no alugamento compren todos os requisitos exixidos polo Programa.
e) Propoñer ás persoas arrendadoras, así como ás persoas demandantes de vivenda a sinatura dos contratos de alugamento para as vivendas dispoñibles.
f) Informar tanto as persoas arrendadoras como as inquilinas sobre o Programa e colaborar nas accións de información do IGVS sobre as axudas públicas dispoñibles para promover o alugamento.
f) Informar as persoas arrendadoras, antes da formalización dos contratos de alugamento, da súa obriga de depositar a fianza no IGVS.
m) Facilitar a información e a documentación que lles requira o IGVS e someterse ás inspeccións que realice o seu persoal.
n) Realizar as actividades de formación sobre a implementación e funcionamento do Programa que organice o IGVS.
ñ) Cumprir coa normativa vixente en materia de protección de datos persoais.
o) Certificar o cumprimento dos requisitos do Programa.
Cuadraxésimo cuarto. Revogación da condición de concello colaborador
O recoñecemento da condición de concello colaborador poderá ser revogado por incumprimento dos requisitos que deron lugar á súa concesión e/ou por incumprimento das súas obrigas, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, logo de instrución do correspondente procedemento administrativo que, en todo caso, incluirá un trámite de audiencia para o concello interesado.
V. Réxime transitorio das vivendas incorporadas ao Programa de mobilización
de vivendas para alugamento a través de axentes inmobiliarios
Cuadraxésimo quinto. Regulación do réxime transitorio das vivendas incorporadas ao Programa de mobilización de vivendas para alugamento a través de axentes inmobiliarios e concellos
1. As vivendas incorporadas ao Programa de mobilización de vivendas en alugamento, xa sexa a través de axentes inmobiliarios ou de concellos colaboradores, que teñan ou tivesen un contrato de alugamento manteñen os compromisos asumidos no marco da anterior normativa.
As vivendas incorporadas na data de publicación desta convocatoria que non se alugasen ao abeiro do Programa de mobilización de vivendas en alugamento, xa sexa a través de axentes inmobiliarios ou de concellos colaboradores, serán dadas de baixa destes e poderán optar ao disposto nesta resolución.
2. Os concellos que xa teñan recoñecida a condición de concello colaborador ao abeiro da Resolución do 12 de febreiro de 2024 pola que se regula o Programa de mobilización de vivendas para o alugamento en concellos integraranse como concello colaborador nos termos desta resolución, salvo manifestación expresa en contra por parte do concello, que deberá comunicar ao IGVS no prazo dun mes desde a data de publicación desta resolución no DOG.
VI. Convocatoria das axudas do programa Fogar Vivo
Cuadraxésimo sexto. Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles da publicación da resolución no DOG. No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.
O prazo rematará o día 30 de outubro de 2025 e, en todo caso, ao esgotarse a partida orzamentaria contida nesta convocatoria, o cal será comunicado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que será publicada no DOG.
2. As solicitudes poderán presentarse desde as 9.00 horas do primeiro día de inicio do prazo ata ás 14.00 horas do 30 de outubro de 2025. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.
3. As solicitudes presentadas fóra do prazo e do horario indicado serán inadmitidas.
Cuadraxésimo sétimo. Crédito orzamentario
1. As axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros multirrisco de fogar faranse efectivas con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia:
– Cando a persoa que o contrate sexa unha persoa física, 11.81.451A.480.3, por un importe total de 600.000,00 euros distribuídos nas seguintes anualidades: 120.000,00 euros para a anualidade 2025, 120.000,00 euros para a anualidade 2026, 120.000,00 euros para a anualidade 2027, 120.000,00 euros para a anualidade 2028, 120.000,00 euros para a anualidade 2029.
– Cando a persoa que o contrate sexa unha persoa xurídica, 11.81.451A.470.3, por un importe total de 179.760,00 euros distribuídos nas seguintes anualidades: 25.680,00 euros para a anualidade 2025, 25.680,00 euros para a anualidade 2026, 25.680,00 euros para a anualidade 2027, 25.680,00 euros para a anualidade 2028, 25.680,00 euros para a anualidade 2029, 25.680,00 euros para a anualidade 2030 e 25.680,00 euros para a anualidade 2031.
2. As axudas para a adecuación e reparación das vivendas e a axuda vinculada faranse efectivas con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia:
– Cando a persoa que as contrate sexa unha persoa física, 11.81.451A.780.2, por un importe total de 192.000,00 euros distribuídos nas seguintes anualidades: 120.000,00 euros para a anualidade 2025 e 72.000,00 euros para a anualidade 2026.
– Cando a persoa que as contrate sexa unha persoa xurídica, 11.81.451A.770.2, por un importe total de 48.000,00 euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 30.000,00 euros para a anualidade 2025 e 18.000,00 euros para a anualidade 2026.
3. No suposto de existir remanente nalgunha das axudas previstas nos puntos anteriores, poderase utilizar para financiar solicitudes das outras, de acordo co previsto no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Cuadraxésimo oitavo. Prazo de execución das actuacións para a adecuación e reparación da vivenda
Poderán acollerse a esta convocatoria as actuacións que se realizasen desde o 1 de xaneiro de 2025, sen que o prazo da súa execución poida, en ningún caso, exceder o 30 de maio de 2026.
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2025
María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo
