DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Xoves, 10 de xullo de 2025 Páx. 38699

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 2025, do tribunal nomeado para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de xestión de sistemas de informática.

O tribunal nomeado pola Resolución do 11 de abril de 2025 (DOG núm. 74, do 16 de abril) para cualificar este proceso selectivo,

ACORDOU:

Primeiro. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, o primeiro exercicio da fase de oposición cualificarase de 0 a 30 puntos e, para superalo, será necesario obter un mínimo de quince (15) puntos. Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

Así pois, de conformidade co disposto na citada base, mediante a Resolución deste tribunal do 14 de maio de 2025 deuse publicidade aos criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio, publicados o 19 de maio de 2025 no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, que establecen que superarán este exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, sempre que acaden o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. Non obstante, de darse o caso de que o número de aspirantes que acaden o mínimo do 50 % das respostas netas sexa inferior ao resultado de multiplicar por catro o número de prazas convocadas, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata acadar a devandita cifra, sempre que obtivesen o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. Este exercicio cualificarase de 0 a trinta (30) puntos e, para superalo, será necesario obter un mínimo de quince (15) puntos. Asignaráselles a valoración de 15 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terán unha cualificación distribuída entre os quince (15) e os trinta (30) puntos, proporcional ao número de respostas correctas. As persoas aspirantes que non acaden quince (15) puntos non superan o primeiro exercicio e serán declaradas non aptas.

Segundo. Unha vez feita a corrección dos exames na sesión do 19 de xuño de 2025, de acordo cos criterios anteriores, acadaron a puntuación mínima de quince (15) puntos un total de trece (13) aspirantes, pola quenda de promoción interna, e fíxase en corenta (40) o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións segundo o establecido na base II.1.1.1 da convocatoria, acordando publicar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal os resultados obtidos polas persoas aspirantes que se presentaron ao primeiro exercicio.

Terceiro. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

De acordo co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2025

Antonio Lamas Fernández
Presidente do tribunal