DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 14 de xullo de 2025 Páx. 39558

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 26 de xuño de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Ampliación de Chairos, Toxedo e Cataláns, no concello de Manzaneda.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, en sesión que tivo lugar con data do 2 de xuño de 2025, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Ampliación de Chairos, Toxedo e Cataláns, no concello de Manzaneda, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 31 de maio de 2024 tivo entrada no rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural un escrito dirixido ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da CMVMC de San Miguel, no cal solicitaba a clasificación como veciñal en man común de varias parcelas denominadas Ampliación de Chairos, Toxedo e Cataláns.

Segundo. Con data do 17 de febreiro de 2025, o xurado provincial acorda iniciar o expediente de clasificación como veciñal en man común do referido monte, designando instrutor e realizando as comunicacións e publicacións ás que fan referencia os artigos 20, 21 e 23 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, abrindo un período de un mes para a práctica de alegacións.

Terceiro. Contra o acordo de inicio do expediente de clasificación o Concello de Manzaneda presentou un escrito de alegacións.

O concello alega que os terreos obxecto de clasificación (concretamente as parcelas 759 e 760) teñen a condición de monte público, de carácter comunal, aproveitado desde sempre polo común dos veciños de todo o concello. O concello presenta en apoio do seu dereito unha copia do catastro dos anos 50 onde figuran a nome de Comunal Ayuntamiento; así como tamén que as parcelas alegadas conforman un couto redondo coa referida condición de monte público comunal.

Outro dos motivos alegados polo concello para defender o carácter comunal dos terreos é a existencia, sobre os terreos obxecto de clasificación, dunha concesión de autorización para pastoreo outorgada a favor dunha particular, unha veciña censada e habitante no concello de Manzaneda. Así como a existencia de máis autorizacións de pastoreo sobre outras parcelas integrantes do mesmo couto redondo comunal, pero das que non se solicitou a súa clasificación.

A solicitude do concello acompáñase doutros escritos presentados previamente ante o propio concello por parte de varios veciños deste. Alegacións que reproducen as presentadas polo concello ante o Xurado Provincial.

O Xurado Provincial, examinadas as alegacións presentadas polo concello, considera que procede á súa desestimación. Por un lado, o Catastro non fai proba da propiedade dun ben, senón que é un rexistro que ten efectos de carácter fiscal.

Por outro lado, o concello alega que a través dun decreto da alcaldía se autorizou nos terreos obxecto de clasificación unha cesión para pastoreo a favor dunha veciña do concello de Manzaneda. Alega o concello que tamén existen máis concesións de aproveitamento sobre outras parcelas non incluídas na clasificación. Pero entende o concello que estas parcelas teñen a mesma natureza que aquelas sobre as que se solicita a clasificación, xa que conforman un couto redondo de natureza de monte comunal.

Non obstante, a citada cesión dos terreos non está amparada en documentación que acredite efectivamente a titularidade do concello sobre os citados terreos. En concreto, o concello non achega unha certificación da constancia das parcelas reclamadas no inventario de bens municipais.

Polo que o Xurado acorda a clasificación do monte, tal e como consta no acordo de inicio de clasificación.

Cuarto. O monte obxecto de clasificación, de acordo coa documentación que consta no expediente, descríbese así:

Nome do monte: Ampliación de Chairos, Toxedo e Cataláns.

Superficie: 32,50 ha.

Pertenza: CMVMC de San Miguel.

Parroquia: Bidueira (San Miguel).

Concello: Manzaneda.

Descrición dos predios que constitúen o monte:

Predio único: os terreos incluídos neste predio constitúen un único couto redondo, segundo a definición que figura no artigo 8 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ben que están atravesados por un camiño correspondente á parcela coa referencia catastral, 32045A04909007 32045A04909008 e 32045A04909010.

Parcelas obxecto de clasificación

Parcelas estremeiras

Referencia catastral

Lindes

Referencia catastral

32045A04900757 (parte)

32045A04900758 (parte)

32045A04900759

32045A04900760

Norte

32045A04900504

32045A04900503

32045A04900498

32045A04900497

32045A04900496

32045A04900495

32045A04900388

32045A04900384

32045A04900383

32045A04909007

Leste

32045A04900757 (resto)

32045A04909010

32045A04900758 (resto)

32045A04809007

Sur

32045A04909009

32020A01709003

Oeste

32045A04900160

32045A04900159

32045A04900158

32045A04900157

32045A04900152

32045A04900151

32045A04900150

32045A04900149

32045A04900058

32045A04909008

32045A04900059

32045A04900061

32045A04900062

32045A04900063

32045A04900060

32045A04900793

32045A04900145

32045A04900119

32045A04900134

32045A04900133

32045A04900109

32045A04900111

32045A04900108

32045A04900107

32045A04900104

32045A04900103

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co disposto no artigo 1 da devandita lei «son montes veciñais en man común... os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Terceiro. É reiterada doutrina da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo que son dúas as notas características dos montes veciñais en man común: unha, o aproveitamento consuetudinario en man común, e outra, a atribución da titularidade dese aproveitamento aos veciños integrantes dun grupo social determinado, independentemente da súa cualificación ou non como entidade administrativa, correspondendo constatar o aproveitamento e atribuír a titularidade a favor do grupo social que o veña gozando ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense.

Cuarto. O carácter de monte veciñal en man común tense acreditado mediante as testemuñas dos veciños solicitantes, as actuacións realizadas polo servizo de Montes, e a documentación que consta no expediente.

En consecuencia co que antecede, examinada a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, o Decreto 223/2022, do 22 de decembro, que establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e demais normativa legal e regulamentaria, o xurado provincial por unanimidade dos seus membros,

RESOLVE:

Clasificar como monte veciñal en man común o monte denominado Ampliación de Chairos, Toxedo e Cataláns, no concello de Manzaneda, de acordo coa descrición realizada no feito cuarto.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 26 de xuño de 2025

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense