DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 14 de xullo de 2025 Páx. 39333

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 1 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por redución da xornada de traballo, como medida de fomento da corresponsabilidade, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento SI440A).

BDNS (Identif.): 845319.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS):

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/845319

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderá ser beneficiaria das axudas previstas nesta convocatoria a persoa proxenitora do/da menor que exerza o dereito á redución de xornada, segundo as seguintes situacións:

a) No caso de unidades familiares en que a parella estea formada por persoas de distinto sexo, o proxenitor de sexo masculino, xa que o obxectivo do programa é o cambio de tendencia cara á corresponsabilidade real e que, polo tanto, sexan tamén os homes os que se acollan á redución da xornada.

b) No caso de unidades familiares en que a parella estea formada por persoas do mesmo sexo, calquera das persoas proxenitoras.

c) No caso de unidades familiares monoparentais, a persoa a cargo da unidade familiar.

2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións: a) Estar empadroado en Galicia; b) Que se trate dunha persoa traballadora por conta allea, tanto na empresa privada como nas administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario; c) Que a redución de xornada sexa para o coidado dun fillo ou filla menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %; d) Que os ingresos da unidade familiar non sexan superiores a 7 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2024.

Segundo. Obxecto

Estas axudas están destinadas a apoiar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, como medida de fomento da corresponsabilidade das persoas da unidade familiar que exerciten o dereito á redución da xornada laboral, especialmente por parte dos homes, para o coidado dos seus fillos e fillas.

Serán subvencionables as situacións de redución da xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas, no período comprendido entre o 1 de agosto de 2024 e o 31 de xullo de 2025, ambos os dous incluídos.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 1 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por redución da xornada de traballo, como medida de fomento da corresponsabilidade, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento SI440A).

Cuarto. Importe

A contía das axudas establécese en función da porcentaxe de redución da xornada laboral e da súa duración, e en atención ao número de fillas e fillos menores de doce (12) anos, nun abano que vai desde 1.700 € ata 3.700 €.

A contía da axuda reducirase proporcionalmente cando o período subvencionable sexa inferior ao máximo (oito (8) meses) ou cando a xornada se realice a tempo parcial.

Para a concesión destas axudas destínase un crédito por un importe total de seiscentos dezanove mil novecentos setenta e cinco euros (619.975,00 euros), o 60 % con cargo ao programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2025

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade