DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 14 de xullo de 2025 Páx. 39301

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 1 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por redución da xornada de traballo, como medida de fomento da corresponsabilidade, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento SI440A).

A Declaración das Nacións Unidas de Beixing e a Plataforma de acción de 1995 para potenciar o papel da muller xa alentaban os homes a participar no fomento da igualdade de xénero, todo o cal se reiterou no debate sobre o tema do papel dos homes e dos nenos de cara a acadar a igualdade de xénero mantido na Comisión da Condición Xurídica e Social da Muller, en 2004.

Na Comunicación da Comisión Europea ao Parlamento, ao Consello, ao Comité económico e social europeo e ao Comité das Rexións, Unha unión da igualdade: Estratexia para a igualdade de xénero 2020-2025, tense en conta que a aplicación da estratexia se baseará nunha formulación dual de medidas específicas para lograr a igualdade de xénero combinadas cunha maior integración da perspectiva de xénero. A Comisión reforzará a integración da perspectiva de xénero mediante a súa inclusión sistemática en todas as fases do deseño das políticas, en todos os ámbitos de actuación da UE, tanto internos como externos. A estratexia aplicarase utilizando a interseccionalidade, a combinación do xénero con outras identidades ou características persoais, e a forma en que estas interseccións orixinan situacións de discriminación singulares, como principio transversal. Neste sentido, a citada Comunicación xa aborda no seu eixe 2: prosperar nunha economía con igualdade de xénero, que un dos obxectivos é colmar as fendas de xénero no mercado de traballo e aquí destaca, entre outras cuestións, que mellorar a conciliación da vida privada e a vida profesional dos e das traballadores e traballadoras é un xeito de abordar as diferenzas entre homes e mulleres no mercado de traballo. Ambas as persoas proxenitoras teñen que sentirse responsables e facultadas no relativo ás responsabilidades asistenciais e de coidado.

Malia os logros acadados durante estes anos, cómpre pór de manifesto que os indicadores de igualdade en relación co traballo doméstico e de coidados, así como cos usos do tempo, seguen mostrando unha realidade de relacións persoais e sociais asimétricas entre mulleres e homes, como o reflicten os datos socioeconómicos nos ámbitos europeo, estatal e de Galicia. Isto mostra que aínda persisten roles e estereotipos sociais que inciden no imaxinario colectivo respecto da suposta maior capacidade das mulleres para atender as responsabilidades de carácter familiar, o que continúa dificultando o seu acceso e permanencia no mercado laboral debido, entre outras cuestións, a que son as que seguen acolléndose maioritariamente ás diferentes medidas postas en marcha desde as diferentes administracións públicas para promover políticas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Por iso, no marco das políticas da Unión Europea, nas súas diferentes normas e documentos de programación e planificación, como a Estratexia europea para a igualdade de xénero 2020-2025, e a Directiva UE 2019/1158 do Parlamento Europeo e do Consello, relativa á conciliación da vida familiar e a vida profesional das persoas proxenitoras e das persoas coidadoras, que introduce normas mínimas para os permisos familiares e as fórmulas de traballo flexible, e promove a repartición equitativa das responsabilidades asistenciais entre ambas as persoas proxenitoras, recollen que a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes segue a ser un valor fundamental, con referencia explícita á necesidade de avanzar e promover a mellora da conciliación da vida laboral e privada para mulleres e homes, ao longo de toda a súa vida.

A Comunidade Autónoma de Galicia recoñece, tanto na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, coma na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, e na Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, a importancia da corresponsabilidade na vida familiar, particularmente no mantemento, coidado e educación dos fillos e fillas, e comprométese a promover a igualdade de mulleres e homes no acceso ao mundo laboral e na asunción das tarefas familiares, mediante actuacións que procuren a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Tamén a Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia, recoñece a necesidade de facer efectivo o principio de igualdade de trato e de non discriminación por razón de orientación sexual en todos os ámbitos e, en particular, entre outras, nas áreas laboral e familiar.

Así mesmo, tamén esta convocatoria se inscribe en diferentes instrumentos de planificación da Comunidade Autónoma de Galicia, así a nivel xeral, no Plan estratéxico de Galicia 2021-2030 e no VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, cuxo ámbito 3 está destinado á conciliación e a corresponsabilidade.

De xeito específico, o II Plan galego de benestar laboral, conciliación e corresponsabilidade 2022-2025 pretende avanzar no benestar laboral de todas as persoas traballadoras, desde o convencemento de que a conciliación corresponsable mellora a calidade de vida de toda a cidadanía, ao tempo que implica grandes beneficios para as empresas.

O Plan estrutúrase en cinco áreas estratéxicas de actuación en que traballar para avanzar na conciliación corresponsable. As bases reguladoras que aquí se presentan enmárcanse na área estratéxica 5: fortalecemento dos recursos de apoio, no obxectivo estratéxico 5.1: fortalecer e ampliar os recursos de apoio á conciliación e axudas ao coidado da infancia e a xuventude, e constitúe a medida de código 5.1.8: fomentar a corresponsabilidade mediante iniciativas dirixidas a favorecer a implicación dos homes nos coidados das crianzas.

Segundo os seus principios reitores, concretamente o 5.5, o Plan debe impulsar un marco favorable ao desenvolvemento dos diversos proxectos familiares de mulleres e homes. Promover unha sociedade amable e solidaria cara ás familias, que poña en valor a maternidade e a paternidade corresponsables e que sexa sensible aos dereitos e necesidades dos distintos modelos de familia.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia correspóndenlle á Consellería de Política Social e Igualdade, como órgano superior da Administración, as facultades para promover e adoptar as medidas encamiñadas á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes, segundo dispón o Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica. Concretamente, a través da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, correspóndenlle, entre outras, a función de impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como tamén a función de planificar, deseñar, coordinar e avaliar a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de igualdade entre mulleres e homes, e a promoción da corresponsabilidade entre mulleres e homes no ámbito persoal, familiar e laboral.

Polo anteriormente exposto, a Consellería de Política Social e Igualdade pretende, con esta convocatoria, impulsar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a través de incentivos á conciliación da vida familiar e laboral, como medida de fomento da corresponsabilidade para os homes traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo, coa dobre vontade de apoiar a asunción de responsabilidades familiares por parte dos homes e de axudar á desaparición dos estereotipos sobre os coidados e o mantemento das traballadoras que teñen responsabilidades familiares, no mercado de traballo.

Ao mesmo tempo, preténdese ter en conta distintos modelos de familia, como as monoparentais e as familias integradas por persoas do mesmo sexo. Por isto, tamén as mulleres (nais) que se acollan á redución da súa xornada de traballo poderán ser beneficiarias destas axudas nos casos de unidades familiares monomarentais ou de parellas do mesmo sexo.

Estas axudas están cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, polo que é de aplicación e dáse debido cumprimento ao previsto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados; no Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) núm. 1296/2013, e na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.

Nesta convocatoria incorpórase o uso de opcións de custos simplificados, conforme o disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño.

A convocatoria destas axudas axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas destinadas a apoiar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, como medida de fomento da corresponsabilidade das persoas da unidade familiar que exerciten o dereito á redución da xornada laboral, especialmente por parte dos homes, para o coidado dos seus fillos e fillas, e proceder á súa convocatoria no ano 2025 (código de procedemento SI440A).

2. Serán subvencionables as situacións de redución da xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas, no período comprendido entre o 1 de agosto de 2024 e o 31 de xullo de 2025, ambos os dous incluídos, das persoas sinaladas como beneficiarias no artigo 5.

Artigo 2. Procedemento de concesión

1. O procedemento para a concesión das axudas recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As axudas concederanse por orde de puntuación, segundo os criterios e pautas de valoración previstos no artigo 15, ata esgotar o crédito dispoñible.

3. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 3. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destinarase un crédito por un importe total de seiscentos dezanove mil novecentos setenta e cinco euros (619.975,00 €) con cargo á aplicación orzamentaria 08.07.312G.480.0, código de proxecto 2023 00092, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025.

2. Estas axudas están cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, nunha porcentaxe do 60 %, no obxectivo político 4: unha Europa máis social e inclusiva por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 1: emprego, adaptabilidade, emprendemento e economía social; obxectivo específico ES04.3: promover unha participación equilibrada de xénero no mercado laboral, unhas condicións de traballo iguais e unha mellora do equilibrio entre a vida laboral e a familiar, en particular mediante o acceso a servizos de gardería accesibles e de atención a persoas dependentes, e medida 1.C.02: medidas de fomento da corresponsabilidade en Galicia.

3. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda, logo do informe favorable do organismo intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-27, actualmente a Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes, nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 4. Compatibilidade das axudas

As axudas previstas nesta convocatoria son incompatibles con calquera outra subvención pública co mesmo obxecto e finalidade.

Artigo 5. Persoas beneficiarias

1. Poderá ser beneficiaria das axudas previstas nesta convocatoria a persoa proxenitora do/da menor que exerza o dereito á redución de xornada, e segundo as seguintes situacións:

a) No caso de unidades familiares en que a parella estea formada por persoas de distinto sexo, o proxenitor de sexo masculino, tendo en conta que o obxectivo do programa é o cambio de tendencia cara á corresponsabilidade real e que, polo tanto, sexan tamén os homes os que se acollan á redución da xornada.

b) No caso de unidades familiares en que a parella estea formada por persoas do mesmo sexo, calquera das persoas proxenitoras.

c) No caso de unidades familiares monoparentais, a persoa ao cargo da unidade familiar.

2. Para os efectos destas axudas, entenderase por familia monoparental, con base no artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas ao seu cargo, nos seguintes supostos:

a) Os homes ou as mulleres que afrontan a paternidade ou a maternidade en solitario.

b) As familias formadas por unha ou un cónxuxe viúvo e os fillos e fillas.

c) As familias formadas por un pai ou nai que queda a cargo das fillas e fillos, sen que haxa custodia compartida.

3. En ningún caso poderán ser beneficiarias desta axuda as persoas proxenitoras privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos, ou se a súa tutela ou garda foi asumida por unha institución pública.

4. Nunha unidade familiar só poderá haber unha soa persoa beneficiaria destas axudas.

Artigo 6. Requisitos

1. Para obter a condición de beneficiarias, as persoas solicitantes deberán cumprir todos os requisitos, condicións e obrigas establecidos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións, en particular os seguintes:

a) Estar empadroadas en calquera concello da Comunidade Autónoma galega.

b) Que se trate dunha persoa traballadora por conta allea, tanto na empresa privada como nas administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.

c) Que a redución de xornada sexa para o coidado dun fillo ou filla menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %.

Exceptúanse do disposto no parágrafo anterior os casos de adopción ou acollemento familiar, en calquera das súas modalidades, en que para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción, ou 12 anos se o/a menor ten recoñecida unha discapacidade de porcentaxe igual ou superior ao 33 %. En calquera caso, a filla/fillo por quen se solicita a axuda terá que ser menor de 12 anos.

d) Que a redución de xornada se produza no período comprendido entre o 1 de agosto de 2024 e o 31 de xullo de 2025, ambos os dous incluídos.

e) Convivir coa filla ou o fillo durante o período subvencionable.

f) A redución de xornada terá que ser de, polo menos, o 12,5 % da xornada.

g) Os ingresos da unidade familiar non poderán ser superiores a 7 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2024.

h) Non encontrarse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da persoa interesada.

2. No caso de que a modalidade de redución de xornada sexa por coidado dunha filla ou fillo afectada/o por cancro ou por calquera enfermidade grave, só poderán ser beneficiarias no caso de que non reciban a prestación económica regulada no Real decreto 1148/2011, do 29 de xullo, para a aplicación e desenvolvemento no sistema da Seguridade Social da prestación económica por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave, e sempre que a filla ou fillo por quen se solicita a axuda sexa menor de 12 anos.

Tampouco será subvencionable a redución de xornada que se acolla ao disposto no artigo 106.1.b) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Artigo 7. Período subvencionable e contía das axudas

1. O período máximo subvencionable, continuado ou fraccionado, será de oito meses (8) comprendidos entre o 1 de agosto de 2024 e o 31 de xullo de 2025, ambos os dous incluídos.

Serán acumulables todos os períodos traballados con redución de xornada en que se cumpran os requisitos, entre o 1 de agosto de 2024 e o 31 de xullo de 2025, ambos os dous incluídos, co límite máximo de oito (8) meses.

2. Para a determinación do importe da axuda e a súa xustificación establécese un método de custos simplificados consistente nun custo unitario, conforme o disposto no artigo 53.1.b) do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados. En particular, os importes dos incentivos previstos nesta convocatoria establecéronse a través dun método de cálculo xusto, equitativo e verificable baseado en datos estatísticos, conforme o indicado no artigo 53.3.a) i) do devandito regulamento.

3. A contía das axudas determinarase en función de dúas variables: a porcentaxe de redución de xornada laboral e a súa duración e o número de fillos/as ao cargo da persoa solicitante. Deste modo, establécense os seguintes custos unitarios para o caso de que a duración total da situación de redución de xornada se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

a) Cando a redución de xornada sexa de entre o 12,5 % e ata o 25 % dunha xornada laboral a tempo completo:

1º. Cun fillo ou filla a cargo: 1.700 euros.

2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 2.000 euros.

3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 2.300 euros.

b) Cando a redución de xornada sexa superior ao 25 % e ata o 37,50 % dunha xornada laboral a tempo completo:

1º. Cun fillo ou filla a cargo: 2.800 euros.

2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.100 euros.

3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.400 euros.

c) Cando a redución de xornada sexa superior ao 37,50 % dunha xornada laboral a tempo completo

1º. Cun fillo ou filla a cargo: 3.100 euros.

2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.400 euros.

3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.700 euros.

4. A contía da axuda reducirase proporcionalmente cando o período subvencionable sexa inferior a 8 meses, ou cando a xornada se realice a tempo parcial. Para o cálculo da contía da axuda computaranse meses de 30 días.

5. Para o cómputo do número de fillos e fillas, teranse en conta unicamente os fillos e fillas menores de 12 anos nalgún momento do período subvencionable, incluíndo aqueles polos/as que se solicita a redución de xornada.

6. Para a asignación do tramo de contía da axuda de acordo coas súas maiores dificultades para a conciliación e o maior risco de vulnerabilidade, no caso de fillas ou fillos menores de 12 anos con discapacidade dunha porcentaxe igual ou superior ao 33 %, estes computaranse aplicando un coeficiente multiplicador de 2.

Nesta mesma liña, e tendo en conta tamén os seus menores ingresos, no caso de familias monoparentais contabilizarase cada fillo/a que conviva coa persoa titular da familia monoparental, aplicando un coeficiente multiplicador de 2.

7. Nos casos en que exista un acordo de custodia compartida, computarase o período subvencionable segundo o tempo de convivencia recollido no convenio regulador, e a contía da axuda establecerase proporcionalmente.

8. No caso de que no período subvencionable existan distintas porcentaxes de redución de xornada que impliquen tramos diferentes no cálculo de axuda, tomaranse de forma prioritaria os períodos que representan unha contía de subvención máis alta, tomando como límite máximo o importe do custo unitario que resulte máis beneficioso.

Artigo 8. Presentación de solicitudes e prazo

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De acordo co establecido no artigo 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, a obriga de presentación por medios electrónicos xustifícase con base no colectivo de persoas físicas a que se destinan as axudas obxecto desta orde, persoas traballadoras en situación laboral de ocupación. Por isto, presúmese que poden acreditar a súa capacidade económica e de acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios e, así mesmo, a capacidade técnica, con base na franxa de idade das persoas beneficiarias, a maioría no tramo dos 25 aos 40 anos de idade, con coñecementos e hábitos no eido das novas tecnoloxías da información. Ademais, o feito de contar con presentación electrónica constitúe máis ben unha vantaxe para conciliar e diminuír o tempo de presentación, xa que permite facelo en calquera momento do día e calquera día da semana.

De conformidade co previsto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación, que tamén se deberá presentar electronicamente:

a) Documento da Tesouraría Xeral da Seguridade Social (IDC, facilitado pola empresa) no cal se acredite a situación de redución de xornada por coidado de fillo/a menor durante todo o período polo cal se solicita a axuda. No caso de pertencer a sistemas de previsión social distintos ao da Seguridade Social (Muface, Isfas, Muxexu, etc.), certificación en que se acredite a referida situación durante o período polo cal se solicita a axuda, en papel oficial do organismo que emite o certificado debidamente selado e coa identificación da persoa responsable que certifica.

No suposto de que durante o período de redución de xornada polo cal se solicita a axuda se producise un aumento ou diminución da porcentaxe inicial de redución da xornada de traballo, deberase presentar un documento acreditativo por cada período diferente, no cal se reflectirá cada variación como un período independente. Igualmente, se a redución de xornada non se desfruta de modo ininterrompido, deberán reflectirse separadamente cada un dos períodos nos cales se estivo nesta situación.

Esta documentación presentarase novamente coa documentación xustificativa que acompaña o anexo III, de solicitude de pagamento, sempre que o período subvencionable sexa superior ao período xustificado coa documentación achegada no momento de presentar a solicitude de axuda ou da emenda, de ser o caso.

b) Anexo II. Comprobación de datos de terceiras persoas interesadas (cónxuxe ou parella): só no caso de familias non monoparentais.

c) Volante ou certificado de convivencia das persoas que viven no domicilio: no caso de familias monoparentais en que no libro de familia ou inscrición no rexistro non figure só a persoa solicitante e non dispoñan de certificado de monoparentalidade expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia. Non sería necesario se a non convivencia coa outra persoa proxenitora resulta acreditada noutros documentos achegados xunto coa solicitude.

d) Copia do libro de familia completo ou inscrición no rexistro.

e) Copia do convenio regulador ratificado polo xulgado, da nulidade, separación ou divorcio, se é o caso.

f) Copia da resolución xudicial pola cal se constitúa a adopción, se é o caso.

g) Copia da resolución administrativa ou xudicial de acollemento familiar dos fillos e fillas menores de 12 anos na dita situación, de ser o caso, cando non fose expedida pola Xunta de Galicia.

h) Copia da resolución administrativa de recoñecemento dun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, dos fillos ou fillas menores de doce anos, cando non fose expedida pola Xunta de Galicia.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos, ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos, ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poderase consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos, en poder da Administración actuante, ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante e do seu cónxuxe ou parella.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de empadroamento da persoa solicitante no cal se acredite que está empadroada no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Certificado de monoparentalidade expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, no caso de unidades familiares monoparentais.

g) Declaración do IRPF 2024 da persoa solicitante e da parella ou cónxuxe.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos, cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

h) Resolución administrativa de acollemento familiar, respecto dos fillos ou fillas menores de doce anos na dita situación, cando fose expedida pola Xunta de Galicia.

i) Resolución administrativa de recoñecemento dun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % dos fillos ou fillas menores de doce anos, de ser o caso, cando fose expedida pola Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada de tramitar o expediente requirirá a persoa solicitante para que, no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de que se dite resolución nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os citados requirimentos de emenda faranse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Así mesmo, poderanse publicar, para efectos informativos, na páxina web https://igualdade.xunta.gal/es

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue a información e a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

Artigo 13. Instrución dos procedementos

1. A instrución do procedemento previsto nesta orde correspóndelle á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á comisión de valoración regulada no seguinte artigo.

2. O órgano instrutor, por petición da Comisión de Valoración, poderá requirir ás persoas solicitantes información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

3. Avaliadas as solicitudes, segundo os criterios e as pautas de baremación establecidos no artigo 15 e tendo en conta o crédito dispoñible, a comisión de valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, e proporá a concesión da subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda, pero que non se inclúen na proposta de concesión anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en lista de agarda para seren atendidas, ben co crédito que quedase libre por producirse algunha renuncia, ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a estas subvencións. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución complementarias seguindo a orde de puntuación obtida.

5. Se houbese lista de agarda e logo da adxudicación hai un remanente igual ou superior a 500 €, este poderá asignarse ao primeiro expediente da lista de agarda correspondente, segundo a orde de puntuación obtida con base nos criterios de valoración do artigo 15.

Artigo 14. Comisión de Valoración

1. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de valoración, que terá a seguinte composición:

– Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade ou persoa en quen delegue.

– Secretaría: a persoa titular do Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación ou persoa funcionaria do servizo designada pola persoa que exerza a presidencia da comisión.

– Vogalía: a persoa titular do Servizo de Fomento.

No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a comisión de valoración, será substituída pola persoa funcionaria designada pola persoa que exerza a presidencia da comisión.

2. Na composición da comisión de valoración respectarase o principio de presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 15. Criterios de valoración

1. A comisión valorará as solicitudes consonte os seguintes criterios:

1.1. Polo nivel de ingresos da unidade familiar, ata 35 puntos, segundo o seguinte:

a) Ata 1 vez o IPREM: 35 puntos.

b) Máis de 1 vez e ata 2,5 veces o IPREM: 30 puntos.

c) Máis de 2,5 e ata 3 veces o IPREM: 25 puntos.

c) Máis de 3 e ata 4 veces o IPREM: 20 puntos.

d) Máis de 4 e ata 5,5 veces o IPREM: 15 puntos.

e) Máis de 5,5 e ata 6 veces o IPREM: 10 puntos.

f) Máis de 6 e ata 7 veces o IPREM: 5 puntos.

1.2. Polo número de fillas e fillos menores de 12 anos no período subvencionable, ata 40 puntos, segundo o seguinte:

a) 4 fillos/as ou máis menores de 12 anos: 40 puntos.

b) 3 fillos/as menores de 12 anos: 30 puntos.

c) 2 fillos/as menores de 12 anos: 20 puntos.

d) 1 fillo/a menor de 12 anos: 10 puntos.

Para estes efectos, no cómputo dos/das fillos/as menores de 12 anos teranse en conta aqueles que estivesen nesta circunstancia nalgún momento do período subvencionable.

1.3. Pola solicitude procedente de familia monoparental, ou de unidades familiares con fillas ou fillos menores de 12 anos con discapacidade cunha porcentaxe igual ou superior ao 33 %: 10 puntos.

No suposto de darse ambas as dúas circunstancias recollidas no parágrafo, anterior obteranse 20 puntos.

2. No suposto de que máis dunha proposta obteña a mesma puntuación e por razóns orzamentarias non sexa posible adxudicar a axuda a todas elas, para os efectos de resolver o desempate, terase en conta a puntuación obtida en cada criterio de valoración segundo a orde en que figuran relacionados no punto anterior, empezando polo primeiro, ata que se produza o desempate. No caso de persistir o empate, a preferencia determinarase pola data e a hora de presentación da solicitude.

Artigo 16. Resolución e publicación

1. A concesión das subvencións obxecto desta orde será resolta pola persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, por proposta do órgano instrutor e unha vez fiscalizada a proposta pola Intervención Delegada.

2. O prazo para resolver e notificar será de catro meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada por silencio administrativo.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as resolucións destas subvencións serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Nesta publicación especificaranse a data da convocatoria, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas, con expresión sucinta dos motivos da desestimación.

En todo caso, deberá notificarse ás persoas beneficiarias un documento en que se establezan as condicións da axuda. Na resolución de concesión constará a información sobre o cofinanciamento polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e a correspondente porcentaxe, con indicación do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida. Así mesmo, figurará a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben entregarse ou prestarse, o plan de financiamento, o prazo de execución e o método que se aplicará para determinar os custos da operación e as condicións de pagamento da axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, pola publicación no Diario Oficial de Galicia, a persoa beneficiaria deberá presentar a documentación indicada no artigo 21.2.

Artigo 17. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único, a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor ben recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 20. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. O órgano competente para conceder estas axudas, nos supostos en que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos en que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.

Artigo 21. Solicitude de pagamento e prazo

1. A axuda concedida será aboada nun pagamento único polo importe que corresponda segundo as contías determinadas no artigo 7 desta orde, unha vez presentada a documentación sinalada no número 2 deste artigo, coa data límite para a súa presentación que figure na resolución de concesión e que, en todo caso, non excederá o 23 de decembro de 2025. O pagamento farase por transferencia na conta que as persoas solicitantes fagan constar no modelo de solicitude (anexo I).

2. Dentro do prazo establecido no número 1 anterior, deberán presentar a seguinte documentación:

a) Anexo III. Solicitude de pagamento da axuda concedida, na cal conste, entre outras, unha declaración complementaria e actualizada das axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación, así como a de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Folla asinada de recollida de datos de indicadores de realización e resultado do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 co obxecto, entre outros, de acreditar e dar cumprimento aos requisitos de información, segundo o previsto no artigo 17 do Regulamento (UE) 2021/1057, do 24 de xuño, relativo ao Fondo Social Europeo Plus (FSE+), polo que se deberán realizar actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación que permita dar cumprimento aos devanditos requisitos. Os datos relativos aos indicadores de realización e de resultados achegaranse, de forma obrigatoria e debidamente asinados, no modelo que figura na páxina web
https://igualdade.xunta.gal/.

c) No caso de que o período subvencionable sexa superior ao período xustificado na documentación presentada coa solicitude de axuda ou na súa emenda, o Documento da Tesouraría Xeral da Seguridade Social (IDC, facilitado pola empresa), no cal se acredite a situación de redución de xornada por coidado de fillo/a menor durante o período polo cal se solicita a axuda. No caso de pertencer a sistemas de previsión social distintos ao da Seguridade Social (Muface, Isfas, Muxexu, etc.), certificación en que se acredite a referida situación en papel oficial do organismo que emite o certificado, debidamente selado e coa identificación da persoa responsable que certifica.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez (10) días hábiles, e advírtese que, de non o facer, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Para o caso de que non se xustifique a situación de redución de xornada na totalidade do período subvencionado, a subvención reducirase proporcionalmente.

Artigo 22. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, os requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como as condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación; en particular, as seguintes:

a) Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2021/1057, do 24 de xuño. Os indicadores de realización relativos á persoa solicitante deberanse referir á data inmediatamente anterior ao inicio do período de redución de xornada subvencionado, mentres que os indicadores de resultado se referirán ás catro semanas seguintes á súa finalización. A información relativa a ambos os indicadores deberá facilitarse no período de xustificación da subvención, consonte os modelos de follas de seguimento dispoñibles na páxina web https://igualdade.xunta.gal/es. Así mesmo, a Administración poderá requirir, en calquera momento, novos datos relativos á data en que se cumpran os seis meses desde que finalice a vinculación da persoa participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento. Para estes efectos, seranlles facilitados os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos e que se darán de alta na correspondente aplicación informática, Participa 2127.

b) Someterse ás actuacións de comprobación e control e facilitar toda a información requirida polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 74 a 80 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, que incluirán as de verificacións administrativas ou sobre o terreo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

c) Manter unha pista de auditoría suficiente, conservando os documentos xustificativos que permitan a comprobación do ingreso da axuda percibida, incluíndo o xustificante bancario do ingreso, durante os cinco anos, a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento ao beneficiario do fondo, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento(UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

d) O incumprimento do estipulado no artigo 18.2 determinará, se é o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no número 4 do artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, citada.

Artigo 23. Reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o parágrafo anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a persoa beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

3. Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 24. Control

1. A Consellería de Política Social e Igualdade levará a cabo as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta convocatoria.

2. As axudas previstas nesta orde estarán sometidas ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Política Social e Igualdade; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas; ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e deberán achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 25. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados; no Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1296/2013; nas normas de subvencionabilidade ditadas pola Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027; na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 26. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 27. Información ás persoas interesadas

Sobre o procedemento administrativo correspondente a esta convocatoria poderase obter documentación normalizada ou información na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, no portal da Consellería de Política Social e Igualdade:
http://politicasocial.xunta.gal, na páxina web http://igualdade.xunta.gal, nos teléfonos 981 547 397 e 981 545 312, no enderezo electrónico promocion.igualdade@xunta.gal ou presencialmente.

Artigo 28. Loita contra a fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade, en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo, no seguinte enderezo:
https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx. Mentres non se habilite outra canle específica para o Programa FSE+ Galicia 2021-2027, os devanditos feitos poderán poñerse en coñecemento a través do seguinte enderezo:

http//www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade a actuar, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade para ditar as instrucións que sexan necesarias para desenvolver esta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2025

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file