Co obxecto de promover o uso xeneralizado e intensivo das novas tecnoloxías na Administración pública para a prestación dos servizos públicos da súa competencia, o artigo 9 da Lei 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, preveu que se determinasen regulamentariamente as infraestruturas de telecomunicacións que se deberán incorporar aos edificios de titularidade das administracións públicas de Galicia que se constrúan ou que sexan obxecto dunha reforma substancial, ademais de recoller a necesidade de interconexión á rede pública de comunicacións electrónicas como premisa na planificación da construción de edificios ou inmobles públicos.
Esta previsión legal atendeuse coa publicación do Decreto 11/2016, do 28 de xaneiro, polo que se regula a incorporación das infraestruturas de telecomunicacións nos edificios da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia e a súa integración na rede corporativa da Xunta de Galicia, e desenvolveuse mediante a Orde do 19 de setembro de 2016 pola que se aproba a Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións na Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia.
A disposición adicional única, Habilitación para o desenvolvemento, desta orde recolle: «Habilítase a persoa titular da dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para actualizar os criterios técnicos de deseño e dimensionamento da Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións cando as evolucións tecnolóxicas ou as modificacións na normativa aplicable así o aconsellen».
Despois de varios anos de aplicación da Guía con éxito, é precisa a súa actualización, para corrixir os erros e incoherencias atopados, reorganizar os seus contidos, simplificar algúns detalles das instalacións e actualizar a súa normativa de base.
Para a actualización da Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións na Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia tivo en conta as achegas do seu propio persoal, así como as de operadores especializados do sector.
Polo exposto, en uso das facultades que teño conferidas, e de acordo co determinado na disposición adicional única da Orde do 19 de setembro de 2016 pola que se aproba a Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións na Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia,
RESOLVO:
Publicar a Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións na Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia actualizada.
Esta resolución é de aplicación desde a mesma data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2025
Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
ANEXO
Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións na Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia
Índice
1. Introdución.
1.1. Particularizacións.
1.2. Glosario de termos.
2. Criterios de deseño e dimensionamento das infraestruturas de telecomunicacións.
2.1. Sistema de cablaxe estruturada (SCE).
2.1.1. Estrutura do SCE.
2.1.2. Subsistema de interconexión con provedores (SX).
2.1.2.1. Acceso a redes de provedores mediante acometida inferior.
2.1.2.2. Acceso a redes de provedores mediante acometida superior.
2.1.2.3. Requisitos do repartidor de interconexión (RX).
2.1.3. Subsistema troncal de campus (SC).
2.1.3.1. Requisitos do repartidor de campus (RC).
2.1.3.2. Fibra óptica.
2.1.4. Subsistema troncal de edificio (SE).
2.1.4.1. Repartidor de edificio (RE).
2.1.4.2. Fibra óptica.
2.1.4.3. Cablaxe multipar.
2.1.5. Subsistema horizontal (SH).
2.1.5.1. Repartidores de planta (RP).
2.1.5.2. Punto de consolidación (PdC)
2.1.5.3. Cable de catro pares trenzados.
2.1.5.4. Tomas de telecomunicacións (TT).
2.1.5.4.1. Dimensionamento das tomas.
2.1.6. Servizos sobre o sistema de cablaxe estruturada.
2.1.6.1. Sistema de rede de acceso sen fíos (SRAI).
2.1.6.1.1. Requisitos de deseño e dimensionamento.
2.1.6.2. Sistemas intelixentes de seguridade e control (SISC).
2.1.6.2.1. Control de acceso aos recintos de telecomunicacións.
2.1.6.3. Sistemas intelixentes de automatización (SIA).
2.2. Sistemas de cablaxe non estruturada.
2.2.1. Sistema de distribución de sinais de radiodifusión sonora e televisión (R/TV).
2.2.1.1. Requisitos de deseño e dimensionamento.
2.2.2. Sistemas de redes de telefonía móbil (SRTM).
2.2.2.1. Requisitos de deseño e dimensionamento.
2.2.2.1.1. Repetidor de interior.
2.2.2.1.2. Nova estación con distribución interior.
2.2.2.2. Requisitos de instalación.
2.3. Sistema de instalación eléctrica dedicada (SIED).
2.3.1. Requisitos de deseño e dimensionamento.
2.3.2. Seguridade eléctrica: toma de terra, interconexión equipotencial e apantallamento.
2.4. Infraestruturas de soporte e distribución.
2.4.1. Infraestrutura de soporte.
2.4.1.1. Rexistros.
2.4.1.2. Recintos de comunicacións.
2.4.1.2.1. Localización e dimensións.
2.4.1.2.2. Características construtivas.
2.4.1.2.3. Equipamento xeral.
2.4.1.2.3.1. Ventilación e climatización.
2.4.1.2.3.2. Iluminación.
2.4.1.2.3.3. Medidas contra incendios.
2.4.1.3. Armarios de comunicacións da cablaxe estruturada.
2.4.1.3.1. Dimensionamento dos armarios.
2.4.2. Infraestrutura de distribución.
2.4.2.1. Canalización de entrada.
2.4.2.1.1. Canalización de entrada inferior.
2.4.2.1.2. Canalización de entrada superior.
2.4.2.2. Canalización principal.
2.4.2.3. Canalización secundaria.
2.4.2.4. Requisitos de deseño.
2.4.2.5. Dimensionamento das canalizacións.
3. Especificacións técnicas dos elementos das infraestruturas.
3.1. Arquetas.
3.2. Rexistros de paso.
3.3. Características dos materiais empregados en canalizacións.
3.3.1. Tubo curvable de material libre de halóxenos.
3.3.2. Canle de material libre de halóxenos.
3.3.3. Bandexas para cablaxe.
3.4. Características dos materiais empregados para cablaxe.
3.4.1. Fibra óptica.
3.4.1.1. Fibra óptica multimodo.
3.4.1.2. Fibra óptica monomodo.
3.4.1.3. Cables de conexión de fibra óptica.
3.4.2. Cablaxe de catro pares trenzados.
3.4.2.1. Características do cablaxe de catro pares trenzados.
3.4.2.2. Cables de conexión de catro pares trenzados.
3.4.3. Cablaxe multipar.
3.4.4. Cable coaxial.
3.5. Armarios de comunicacións.
3.5.1. Características dos armarios.
3.5.2. Dotación interior.
3.6. Paneis de parcheo.
3.6.1. Paneis de fibra óptica.
3.6.2. Paneis de parcheo de cobre.
3.6.3. Paneis de parcheo de cable multipar.
3.7. Rexistros de tomas de telecomunicacións.
3.8. Características do videoporteiro.
3.9. Características dos elementos eléctricos.
3.10. Garantía dos materiais.
4. Requisitos de instalación.
4.1. Instalación de elementos.
4.1.1. Armarios de comunicacións.
4.1.1.1. Colocación de elementos dentro dos armarios SCE.
4.1.1.2. Colocación dos cables dentro dos armarios.
4.1.1.3. Conexión á terra dos armarios.
4.1.2. Canalizacións.
4.1.3. Cablaxes.
4.1.3.1. Cables de fibra óptica.
4.1.3.2. Cables de catro pares trenzados.
4.1.3.2.1. Conexionado en armarios de comunicacións.
4.1.3.2.2. Conexionado en rexistros de tomas.
4.1.3.3. Cable multipar.
4.1.3.4. Cables coaxiais.
4.1.4. Acondicionamento de espazos.
4.1.4.1. Patios de condutos.
4.1.4.2. Perforacións de planta e tabiques.
4.1.4.3. Pintado.
4.1.4.4. Remates.
4.1.5. Garantía.
4.2. Criterios de etiquetaxe.
4.2.1. Numeración dos elementos.
4.2.2. Recintos de telecomunicacións.
4.2.3. Rexistros de paso.
4.2.4. Rexistros de tomas de telecomunicacións.
4.2.5. Armarios de comunicacións.
4.2.6. Enlaces entre armarios de comunicacións.
4.2.6.1. Terminación de fibra en panel.
4.2.6.2. Portos de panel multipar.
4.2.7. Paneis de parcheo.
4.2.8. Tomas de telecomunicacións.
4.2.9. Cadros eléctricos.
4.2.10. Circuítos eléctricos.
4.2.11. Regreteiros.
4.2.12. Puntos de consolidación.
4.2.13. Transceptores.
5. Procedementos de verificación.
5.1. Verificación da instalación de cable de cobre.
5.2. Verificación da instalación de cable de fibra óptica.
5.3. Verificación da instalación de mangueira de pares.
5.4. Verificación da instalación de cables coaxiais.
5.5. Verificación da instalación eléctrica dedicada.
6. Documentación técnica.
6.1. Proxecto de infraestrutura de comunicacións (PIC).
6.1.1. Memoria.
6.1.2. Planos.
6.1.3. Prego de condicións.
6.1.4. Orzamento.
6.2. Execución da obra.
6.3. Documentación final de obra.
6.3.1. Descrición da actuación.
6.3.2. Relación dos materiais e elementos empregados na instalación.
6.3.3. Follas de especificacións técnicas de todo o material instalado.
6.3.4. Información da instalación eléctrica dedicada.
6.3.5. Esquemas de ocupación dos armarios.
6.3.6. Manuais de uso dos sistemas activos instalados.
6.3.7. Planos.
6.3.8. Informes de certificación de cablaxe.
6.3.9. Fotografías dos elementos instalados.
6.3.10. Información para a xestión das garantías.
6.3.11. NIF da empresa instaladora da cablaxe de comunicacións.
7. Normativa aplicable.
7.1 Regulamentos e disposicións legais adicionais.
7.2. Normativa de ámbito español (Aenor).
7.3. Normativa de ámbito europeo (Cenelec).
7.4. Normativa de ámbito mundial (ISO/IEC).
7.5. Normativa de ámbito da industria para telecomunicacións (IEEE).
7.6. Outra normativa de posible aplicación.
1. Introdución.
Esta guía recolle as especificacións necesarias para a normalización do proceso de deseño, instalación e verificación da instalación de infraestruturas de telecomunicacións en edificios e locais en que desenvolven a súa actividade a Administración xeral e as entidades Instrumentais do sector público autonómico de Galicia.
Defínese o sistema de telecomunicacións dun inmoble como o conxunto de elementos e medios propios que proporcionan servizos de telecomunicacións ás persoas usuarias, dispositivos e aplicacións dentro do complexo. O sistema de telecomunicacións constrúese sobre a infraestrutura de telecomunicacións.
As infraestruturas de telecomunicacións obxecto de regulación nesta guía caracterízanse polo seu carácter perdurable no tempo e relación específica co inmoble. Queda fóra do ámbito desta guía a especificación de elementos que, aínda sendo integrantes do sistema de telecomunicacións, teñen un carácter menos permanente, e que xeralmente se corresponden cos elementos activos das redes de telecomunicacións (conmutadores e encamiñadores de rede, puntos de acceso sen fíos etc.).
No caso de que dentro do proxecto se desexe incluír este tipo elementos, os modelos e tecnoloxías que se empregarán deberán ser compatibles coas infraestruturas corporativas xa despregadas, para o que deberán contar coa aprobación do correspondente órgano competente en materia de telecomunicacións, que determinará a súa compatibilidade coa infraestrutura corporativa existente.
As infraestruturas de telecomunicacións mínimas que deberán estar presentes en todo edificio dentro do ámbito da súa aplicación incluirán os seguintes elementos:
a) Recintos adecuados para o aloxamento dos elementos que conforman os nodos do sistema de telecomunicacións do edificio ou local.
b) Canalizacións convenientemente dimensionadas para comunicar os recintos entre si, entre estes e as tomas de telecomunicacións do interior do edificio e coas redes públicas dos operadores de telecomunicacións.
c) Os medios de transmisión empregados para distribuír os sinais de telecomunicacións.
Na sección 2. Criterios de deseño e dimensionamento das infraestruturas de telecomunicacións, realízanse as descricións dos elementos integrantes das infraestruturas de telecomunicacións. Para maior claridade, estes elementos son divididos en diferentes sistemas. A súa presenza poderá ser obrigatoria ou opcional, segundo as características particulares de cada proxecto.
Cada sistema de telecomunicacións conta cunha sección dedicada en que se establecen consideracións xerais de deseño de sistemas e directrices para o seu dimensionamento.
Polo seu carácter transversal, tanto as prescricións de materiais como as condicións dos traballos de instalación son detalladas en seccións externas ás epígrafes de sistemas. Deste xeito, dentro de cada sistema establécense unicamente as particularizacións, deixando o detalle dos requisitos nas seccións xerais.
Na sección 3. Especificacións técnicas dos elementos das infraestruturas, especifícanse as características mínimas que deberán cumprir os materiais e elementos que se empregarán na instalación.
Na sección 4, Requisitos de instalación, e tamén con carácter xeral, recóllense directrices sobre as condicións mínimas da execución dos traballos de instalación, así como os requisitos mínimos que deberán cumprir as empresas instaladoras. Inclúese unha epígrafe que especifica a etiquetaxe e nomenclatura normalizada dos elementos integrantes dos sistemas.
A sección 5, Procedementos de verificación, establece as medidas mínimas que se deberán realizar sobre as cablaxes instaladas para certificar os enlaces permanentes. Os resultados destas medidas deberán ser incorporados como parte da documentación final de obra.
A sección 6, Documentación técnica, indica o contido do proxecto de infraestrutura de comunicacións (PIC) e a documentación final necesaria que se achegará unha vez realizada a instalación.
Por último, a sección 7, Normativa aplicable, inclúe unha lista non exhaustiva de normas e estándares aplicables aos elementos e labores recollidos nesta guía, sen prexuízo da aplicación de normativas adicionais segundo a lexislación vixente.
1.1. Particularizacións.
Certas localizacións terán un carácter especialmente exixente en canto aos requisitos de dispoñibilidade do servizo de telecomunicacións. Neste tipo de edificios aplicarán as consideracións descritas neste documento como «Consideracións especiais para edificios estratéxicos».
Por defecto, e sen prexuízo das consideracións especiais de cada proxecto, terán a consideración de edificios estratéxicos os hospitais, os centros integrais da saúde (CIS), as centrais de emerxencias e os xulgados.
Por outra banda, os edificios que teñan limitacións estruturais ou funcionais poderán ter uns requisitos mínimos menos exixentes que os indicados a nivel xeral, sempre que se xustifique convenientemente. Nestes edificios poderán ser aplicables as consideracións descritas neste documento como «Consideracións especiais para pequenas dependencias».
A clasificación dun edificio como pequena dependencia deberá estar xustificada considerando sempre as súas dimensións, a súa función e a tipoloxía e volume de persoas usuarias ás cales se lles terá que proporcionar servizo.
En todo caso, cando algún requisito desta guía non se poida cumprir por particularidades especiais dun edificio, poderán propoñerse alternativas viables, debidamente xustificadas, que deben ser aprobadas polo órgano de telecomunicacións competente.
1.2. Glosario de termos.
A continuación inclúese unha lista de termos utilizados ao longo desta guía:
Armario: Estrutura metálica que contén un bastidor de 19 polgadas (48,26 cm) para albergar equipamento.
Armario de telecomunicacións: armario destinado a albergar equipamentos de telecomunicacións, como paneis de parcheo, electrónica de rede etc. Adoita ser máis ancho para permitir a correcta instalación da cablaxe que contén.
Bandexa: material de instalación constituído por un perfil, de paredes perforadas ou sen perforar, destinado a soportar cables e aberto na súa parte superior.
Bastidor: é a estrutura vertical principal que se encarga de soster e dotar de capacidade de carga o armario de telecomunicacións.
Cable: conxunto constituído por un ou varios condutores illados, o seu eventual revestimento individual, a eventual protección do conxunto, o ou os eventuais revestimentos de protección que se dispoñan. Pode ter, ademais, un ou varios condutores non illados.
Canle protectora: material de instalación constituído por un perfil, de paredes cheas ou perforadas, destinado a conter condutores e outros compoñentes eléctricos e pechado por unha tapa desmontable.
Conector: conxunto destinado a conectar un cable a un aparello. A conexión pode ser eléctrica ou óptica.
Conector dúplex: conector dobre xeralmente utilizado en conexións de fibra óptica.
Conector RJ45: é unha interface física comunmente utilizada para conectar redes de computadoras con cablaxe estruturada. Posúe oito pins ou conexións eléctricas, que normalmente se usan como extremos de cables de catro pares trenzados.
Enlace: en telecomunicacións, é o medio de conexión entre dous puntos co propósito de transmitir e recibir información.
Enlace dúplex: o enlace en que as comunicacións se realizan en ambas as dúas direccións simultaneamente.
Enlaces permanentes: son os enlaces que forman parte da infraestrutura que permanecen no tempo.
Elementos condutores: todos aqueles que poden atoparse nun edificio, aparello etc. e que son susceptibles de transferir unha tensión, tales como estruturas metálicas ou de formigón armado utilizadas na construción de edificios (p.e. armaduras, paneis, carpintaría metálica etc.) canalizacións metálicas de auga, gas, calefacción etc. e os aparellos non eléctricos conectados a elas, se a unión constitúe unha conexión eléctrica (p.e. radiadores, cociñas etc.), chans e paredes condutores.
Envolvente: elemento que asegura a protección dos materiais contra certas influencias externas e a protección, en calquera dirección, ante contactos directos.
Ethernet: é un estándar de redes de área local para ordenadores. Ethernet tomouse como base para a redacción do estándar internacional IEEE 802.3.
Instalación eléctrica: conxunto de aparellos e de circuítos asociados, en previsión dun fin particular: produción, conversión, transformación, transmisión, distribución ou utilización da enerxía eléctrica.
Instalación de posta á terra: conxunto de conexións e dispositivos necesarios para poñer á terra, individual ou colectivamente, un aparello ou unha instalación.
Interruptor magnetotérmico: aparello de conexión que integra todos os dispositivos necesarios para asegurar de forma coordinada mando, protección contra sobrecargas e protección contra curtocircuítos.
Interruptor diferencial: aparello electromecánico ou asociación de aparellos destinados a provocar a apertura dos contactos cando a corrente diferencial alcanza un valor dado.
Cable de conexión: elemento de conexión entre un panel ou rexistro de tomas e outro equipamento.
Panel de parcheo: elemento en que terminan os cables do SCE, instalado xeralmente nun armario, para poder asignar cada enlace a un porto da electrónica de rede ou doutro panel.
POE: alimentación eléctrica a través do cable ethernet. A electrónica de rede proporciona a enerxía eléctrica, que se transporta polo cable de rede, para un dispositivo preparado para alimentarse pola conexión de rede de datos.
Rexistro de tomas: rexistros que albergan os conectores RJ45 femia a que se conectan os dispositivos finais de telecomunicacións. Pode conter tamén os enchufes eléctricos.
Regreteiro: conxunto de tomas eléctricas montadas nun mesmo bloque.
SAI: sistema de alimentación ininterrompida. Utilizado para proporcionar enerxía en caso de fallo da rede eléctrica.
Terra: masa condutora da terra en que o potencial eléctrico en cada punto se toma, convencionalmente, igual a cero.
Toma de terra: eléctrodo, ou conxunto de eléctrodos, en contacto co chan e que asegura a conexión eléctrica con este.
Tomas finais de telecomunicacións: son os puntos onde se conectan os equipamentos que necesitan acceder aos distintos servizos que proporciona a rede de telecomunicacións.
U: unidade de armario. É cada unha das divisións en que se divide a vertical dun armario. Unha U equivale a 1,75 polgadas (4,445 cm) de alto.
2 Criterios de deseño e dimensionamento das infraestruturas de telecomunicacións.
As infraestruturas de telecomunicacións pódense dividir en diferentes sistemas provedores de servizos de telecomunicacións. A separación en sistemas permite o tratamento diferencial das características e requisitos de cada un deles segundo o servizo que se pretende ofrecer.
O sistema de cablaxe estruturada (SCE) proporciona o servizo de transmisión de datos e voz. Divídese en catro subsistemas xerárquicos: subsistema de interconexión con provedores (SX), subsistema troncal de campus (SC), subsistema troncal de edificio (SE) e subsistema horizontal (SH).
Sobre o sistema de cablaxe estruturada poderanse implementar outros servizos, entre os que se atopan os seguintes:
• Sistema de redes de acceso sen fíos (SRAI): esta tecnoloxía permitirá o acceso á rede de datos mediante tecnoloxías sen fíos. Instalarase cando se solicite.
• Sistema intelixente de seguridade e control (SISC): esta tecnoloxía proporciona a infraestrutura para o despregamento de sistemas de seguridade e control, como son a videovixilancia e o control de acceso. Este sistema deberá estar presente sempre (videoporteiros de control de acceso aos recintos de telecomunicacións), aínda que o seu alcance quedará determinado polas circunstancias particulares do proxecto.
• Sistema intelixente de automatización (SIA): esta tecnoloxía dotará os inmobles da infraestrutura precisa para o despregamento de sistemas domóticos. Instalarase cando se solicite.
O sistema de cablaxe non estruturada incluirá, entre outros, o sistema de distribución de sinais de radiodifusión sonora e televisión (R/TV) e os sistemas de redes de telefonía móbil (SRTM). Aínda que estes sistemas non estarán sempre presentes, si deberán seguir unha serie de requisitos e recomendacións.
O sistema de instalación eléctrica dedicada (SIED) proporciona a alimentación eléctrica para o equipamento de telecomunicacións. Este sistema estará sempre presente.
O sistema de soporte e distribución proporciona o espazo para canalizar e rexistrar toda a cablaxe necesaria e poder instalar os equipamentos da infraestrutura de telecomunicacións.
As circunstancias particulares de cada proxecto determinarán o alcance dos sistemas de telecomunicacións, así como a necesidade da implementación dos sistemas non sinalados como obrigatorios. Para iso teranse en conta todos os factores definitorios do proxecto, como os condicionantes estruturais do inmoble, a función prevista para as dependencias ou o tipo de persoas usuarias ás cales se lles deberá dar servizo. En calquera caso, será preciso que na documentación do proxecto se subministre a suficiente información para poder avaliar a adecuación do deseño e dimensionamento da solución cos requisitos establecidos.
Como norma xeral, todos os sistemas deberán cumprir unha serie de requisitos no relativo aos seguintes aspectos:
• Deseño e dimensionamento.
• Compoñentes.
• Materiais.
• Instalación.
Nas seguintes epígrafes desta sección concrétanse os aspectos particulares de cada sistema e tecnoloxía. Pola súa extensión e o seu carácter transversal, as dúas últimas epígrafes trátanse nas seccións 3, Especificacións técnicas dos elementos das infraestruturas, e 4, Requisitos de instalación, nas cales se describe exhaustivamente o detalle das características mínimas exixidas.
2.1 Sistema de cablaxe estruturada (SCE).
Defínese o sistema de cablaxe estruturada (en diante, SCE) como o conxunto de elementos pasivos, entre os que se inclúen os cables, conectores, canalizacións e soportes, que permiten establecer unha infraestrutura de telecomunicacións para a transmisión de datos e voz dentro dun edificio.
Nas seguintes seccións deste capítulo detállanse as características necesarias que deberán cumprir os compoñentes e elementos pasivos do sistema de cablaxe estruturada, para poder realizar o seu deseño e dimensionamento.
Será necesario satisfacer as seguintes condicións:
a) O SCE permitirá a integración dos servizos informáticos e telemáticos instalados, en vías de instalación ou especificación, así como outros servizos futuros, independentemente da tecnoloxía e sistema de procesado de sinais que poidan aparecer, de acordo cos estándares para transmisión de datos, voz e información en xeral.
b) Contará coa adecuada flexibilidade e modularidade ante futuras modificacións e ampliacións.
c) Permitirá unha xestión e administración integrada e centralizada.
d) Cumprirá coa normativa recoñecida que garanta uns niveis de calidade de materiais e instalación.
e) Todos os materiais que se instalen deberán cumprir coas condicións harmonizadas para a comercialización de produtos de construción e posuír marcación CE.
2.1.1. Estrutura do SCE.
O SCE deberá presentar unha topoloxía xerárquica, tal e como se describe na norma de referencia UNE-EN 50173 Tecnoloxías da información-sistemas de cablaxe xenérica. Adicionalmente ao descrito nesta norma, nesta guía engádese un nivel adicional para incluír a conexión co sistema encargado da interconexión cos sistemas operadores de telecomunicacións descrito na epígrafe anterior.
O seguinte esquema mostra os subsistemas que forman o sistema de cablaxe estruturada.

Deste xeito, o sistema de cablaxe que se instalará presentará unha topoloxía física en estrela xerárquica con non máis de dous niveis de interconexión, e estará estruturado nos seguintes subsistemas:
• Subsistema de interconexión con provedores (SX).
• Subsistema troncal de campus (SC).
• Subsistema vertical ou troncal de edificio (SE).
• Subsistema de cablaxe horizontal (SH).
Non todos os subsistemas descritos teñen que estar presentes no proxecto de cablaxe estruturada. As normas xerais para determinar a necesidade dun subsistema son as seguintes:
|
Sistema |
Código |
Presenza |
Criterio de inclusión |
|
Subsistema de interconexión con provedores |
SX |
Sempre |
|
|
Subsistema troncal de campus |
SC |
Opcional |
Complexos de máis dun edificio |
|
Subsistema vertical ou troncal de edificio |
SE |
Opcional |
Edificios con máis dun repartidor de planta |
|
Subsistema de cablaxe horizontal |
SH |
Sempre |
Cada un dos subsistemas está delimitado polos elementos repartidores, que sempre deberán estar aloxados en recintos de telecomunicacións. Desta forma:
• O repartidor de planta (RP) considérase parte do subsistema horizontal e conecta o SH co subsistema presente xerarquicamente superior, que tipicamente será o subsistema vertical.
• O repartidor de edificio (RE) considérase parte do subsistema vertical ou troncal de edificio e conecta o SE con o subsistema presente xerarquicamente superior, que será o subsistema troncal de campus ou, se este non existe, o sistema de interconexión con provedores.
• O repartidor de campus (RC) considérase parte do subsistema troncal de campus e conecta o SC co subsistema de interconexión con provedores.
• O repartidor de interconexión (RX) considérase parte do sistema de interconexión con provedores e conecta o complexo coa rede do provedor de servizos de telecomunicacións.
A determinación dos tipos de repartidores é clave, ao actuar como elementos de transición entre os diferentes subsistemas. Por tanto, a súa existencia determina a necesidade da existencia de subsistemas diferenciados.
Os repartidores son funcionalidades do sistema de telecomunicacións que se implementan en armarios de comunicacións, que sempre deberán estar aloxados nos denominados «recintos de telecomunicacións».
Como norma xeral, deberanse adoptar os seguintes criterios de deseño:
• O repartidor de interconexión (RX) sempre estará presente. O RX conectarase mediante o sistema de interconexión co RC, co RE se non existe RC ou co RP en caso de non existiren os dous anteriores.
• Existirá un repartidor de campus (RC) cando se prevexa a existencia de máis dun edificio. No caso de existir o RC, todos os RE se conectarán directamente ao RC mediante o subsistema troncal de campus.
• Existirá un repartidor de edificio (RE) en cada edificio do complexo. O RE será o punto de conexión do conxunto dos RP dun edificio mediante o subsistema troncal de edificio. Se só existe un RP no edificio, non será necesario o RE.
• Existirán os repartidores de planta (RP) precisos para proporcionar servizo a todas as plantas funcionais do edificio. Desde o RP parten os enlaces ata as tomas finais de telecomunicacións. Entre o repartidor de planta e a toma final poderase instalar, opcionalmente, un punto de consolidación (PdC).
|
Repartidor |
Código |
Presenza |
Criterio xeral de inclusión |
|
Interconexión |
RX |
Sempre |
1 por acometida de provedor de servizo. |
|
Campus |
RC |
Condicionada |
≥ 2 edificios. |
|
Edificio |
RE |
Condicionada |
Polo menos un por edificio (dous en edificios estratéxicos), sempre que exista máis dun repartidor de planta no edificio. |
|
Planta |
RP |
Sempre (explícita ou por asimilación) |
Suficientes para proporcionar servizo a todas as plantas funcionais do edificio dentro das máximas lonxitudes definidas pola norma. |
2.1.2. Subsistema de interconexión con provedores (SX).
O subsistema de interconexión con provedores de servizo soporta as instalacións (acometida, cablaxe, equipamento etc.) dos operadores de telecomunicacións e inclúe a infraestrutura precisa para interconectar a rede do operador coa rede do complexo. Este sistema é o encargado de conducir, ata o repartidor de interconexión, a cablaxe de cada un dos provedores desde o punto de entrada que estes teñan para o edificio, así como de albergar o equipamento de cliente que posibilita o acceso aos servizos de telecomunicacións.
O complexo deberá ter garantido o acceso ao servizo de transmisión de voz e datos. Por iso será necesario solicitar información ao órgano de telecomunicacións competente sobre a cobertura do servizo do operador correspondente.
O operador pode prover o acceso á súa rede mediante medios de transmisión guiados (cable) ou medios de transmisión non guiados (bucle sen fíos, satélite, radioenlace etc.). Tipicamente, o acceso dos operadores de cable realizarase pola parte inferior do edificio, mentres que os operadores de redes sen fíos realizarán a acometida pola parte superior do edificio.
A forma en que os operadores prestarán o servizo de telecomunicacións será sempre validada e aprobada polo órgano de telecomunicacións competente.
En todo caso, o subsistema proporcionará a infraestrutura de conexión precisa para conectar a rede do operador co repartidor de interconexión. En xeral, esta infraestrutura inclúe polo menos os seguintes elementos:
a) A arqueta de entrada, que permite establecer mediante un enlace a conexión do sistema de cablaxe do complexo coas redes dos distintos provedores de servizos de telecomunicacións.
Esta arqueta é substituída pola antena de captación na cuberta ou fachada do edificio no caso de enlaces sen fíos, ou polo rexistro de entrada na fachada no caso de enlaces aéreos.
b) A canalización de entrada desde a arqueta de entrada, ou a cuberta do edificio, ata o repartidor de interconexión (RX).
– A canalización exterior permite establecer a conexión da arqueta de entrada co punto de entrada xeral ao complexo.
– A canalización de enlace conecta o punto de entrada xeral ao complexo, co repartidor de interconexión (RX). No caso de acometida superior, esta conecta o rexistro de entrada en fachada ou cuberta ata o repartidor de interconexión (RX).
c) O repartidor de interconexión (RX), prové o espazo preciso para aloxar os equipamentos de cliente que precisarán os provedores dos servizos de telecomunicacións.
Para o acceso dos operadores que realicen a acometida polo inferior do inmoble, o subsistema de interconexión con provedores incluirá os elementos de comunicacións que abarcan desde a arqueta de entrada no límite do complexo ata o repartidor de interconexión (RX).
Deberá contactarse co órgano de telecomunicacións competente para a coordinación do acceso dos operadores de servizo ás arquetas de telecomunicacións ou rexistros exteriores do edificio.
Para o acceso dos operadores que realicen a acometida pola parte superior do inmoble, o subsistema de interconexión con provedores incluirá as instalacións que conectan o repartidor de interconexión cos sistemas de captación situados na cuberta ou fachada do edificio.
Para o deseño do sistema de interconexión serán complementarias as consideracións descritas no anexo III do Real decreto 346/2011, do 11 de marzo, polo que se aproba o Regulamento regulador das infraestruturas comúns de telecomunicacións para o acceso aos servizos de telecomunicación no interior das edificacións (en diante, RD 346/2011) en canto á rede de alimentación nas epígrafes correspondentes a arqueta de entrada, canalización externa, punto de entrada xeral e canalización de enlace.
* Consideracións especiais para edificios estratéxicos.
Nos denominados edificios estratéxicos será preciso que o provedor facilite polo menos dous sistemas de interconexión totalmente independentes, con percorridos da canalización separados e servizo garantido a través de dúas centrais de operador diferentes.
* Recomendacións.
As acometidas realizaranse preferentemente pola parte inferior do inmoble e a acometida superior será a opción escollida nos casos en que a acometida inferior non sexa posible ou como medio de respaldo. Da mesma forma, a conexión con provedores realizarase por medios guiados sempre que sexa posible, agás que, por razóns de calidade, redundancia, dispoñibilidade do servizo ou adaptacións específicas ás circunstancias do inmoble, a opción sen fíos resulte máis recomendable.
2.1.2.1. Acceso a redes de provedores mediante acometida inferior.
Esta acometida está formada pola arqueta de entrada e a canalización de entrada inferior.
A canalización de entrada inferior está formada pola canalización exterior, que parte da arqueta de entrada e chega ao rexistro de enlace, e a canalización de enlace, que parte do rexistro de enlace e chega ao repartidor de interconexión.
2.1.2.2. Acceso a redes de provedores mediante acometida superior.
A acometida superior empregarase para o establecemento de radioenlaces, comunicacións satélite, captación de R/TV, tendidos aéreos de cable etc.
Esta acometida está formada polo rexistro de enlace e a canalización de entrada superior.
A cablaxe dos elementos de captación de sinais situados na cuberta ou fachada da edificación entrará no rexistro de enlace, a través do correspondente pasamuros, e discorrerá pola canalización de entrada superior ata o repartidor de interconexión no interior do recinto de telecomunicacións.
É obrigatorio que os sistemas captadores (mastro ou torre) estean conectados á toma de terra xeral do edificio mediante un cable de terra de 25 mm² de sección.
2.1.2.3. Requisitos do repartidor de interconexión (RX).
Aínda que o repartidor de interconexión (RX) se define como elemento funcional independente, poderase implementar mediante unidades de armario (U) reservadas nos bastidores integrantes do repartidor de campus (RC) do complexo; do repartidor de edificio (RE) no caso en que o RC non estea presente, ou do repartidor de planta (RP) no caso en que ningún dos anteriores repartidores estea presente.
Dentro do repartidor de interconexión, como mínimo, garantirase a dispoñibilidade dunha bandexa (preferentemente extraíble) e 4 unidades de armario para aloxar os equipamentos activos de operador e as suficientes tomas de alimentación para servir a estes equipamentos.
* Consideracións especiais para edificios estratéxicos.
En edificios estratéxicos existirán dous RX independentes, preferentemente en recintos de telecomunicacións distintos, para cada un dos sistemas de interconexión con operadores.
* Consideracións especiais para pequenas dependencias.
Neste tipo de dependencias non será preciso reservar máis de 2 unidades de armario.
2.1.3. Subsistema troncal de campus (SC).
O subsistema troncal de campus existe no caso dos complexos formados por máis dun edificio. A súa función é a conexión destes edificios. Este subsistema queda delimitado polo repartidor de campus e polos repartidores presentes en cada edificio (RE ou RP).
O subsistema troncal de campus inclúe:
a) A cablaxe do subsistema troncal, que une o repartidor de campus cos repartidores presentes en cada edificio, e as canalizacións polas que discorre esta cablaxe.
b) O repartidor de campus, do cal parte a cablaxe do subsistema troncal de campus.
c) A terminación mecánica dos cables do subsistema de troncal de campus, tanto no repartidor de campus como nos repartidores de edificio (ou repartidores de planta, no caso de que estes últimos non estivesen presentes).
A cablaxe troncal de campus pode proporcionar conexión directa entre os repartidores de edificio. Cando exista, debe empregarse como ruta de seguridade e de modo engadido ao establecido para a topoloxía xerárquica básica. A topoloxía da rede de campus debe contar coa aprobación do órgano competente en materia de telecomunicacións.
O subsistema de campus estará composto principalmente por dous tipos de cables: fibra óptica e, nos casos en que se despreguen liñas de voz analóxicas, mangueira de cable multipar de cobre. A elección do tipo de cable e a cantidade de pares que se utilizará dependerá dos servizos existentes e futuros previstos segundo se indica nos criterios de dimensionamento.
Actualmente, o servizo telefónico préstase utilizando telefonía IP, polo que as liñas de voz analóxicas só se instalarán en casos excepcionais ou en actuacións onde se desexe conservar este servizo.
A cablaxe, tanto da fibra óptica como do cable multipar, deberá estar sempre terminada en paneis de parcheo nos armarios de telecomunicacións.
* Consideracións especiais para edificios estratéxicos.
A cablaxe do sistema troncal de campus deberá estar redundada, con canalizacións independentes e seguindo camiños separados.
Cada un destes trazados redundantes rematará no seu RC correspondente. Estes RC pódense implementar no mesmo armario ou en armarios separados, sempre en bandexas diferentes. No caso de armarios separados, estes deberán estar enlazados co mesmo tipo de cablaxe troncal de campus.
2.1.3.1. Requisitos do repartidor de campus (RC).
Nos casos en que o repartidor de campus estea presente, implementarase nun armario, que poderá aloxar tamén os repartidores de interconexión, de edificio e de planta.
Dentro do repartidor de campus, como mínimo garantirase a dispoñibilidade de 2 unidades de armario para aloxar unha bandexa de fibra e o seu correspondente pasafíos.
* Consideracións especiais para edificios estratéxicos.
A cablaxe redundante do sistema troncal de campus terminará nos seus RC correspondentes. Se se implementan no mesmo armario será preciso reservar un mínimo de 4 unidades de armario para dúas bandexas de fibra e os seus correspondentes pasafíos.
2.1.3.2. Fibra óptica.
Utilizarase fibra óptica para soportar os servizos de comunicacións entre edificios. Instalaranse mangueiras de, polo menos, 6 pares (12 fibras), para cada enlace entre RC e RE. A fibra terminará sempre en panel.
Utilizarase o mesmo tipo de fibra en todo o complexo. Se todos os enlaces teñen unha lonxitude menor de 400 m, empregarase fibra multimodo, e se algún destes enlaces supera esa lonxitude, empregarase fibra monomodo. En todo caso, a elección do tipo de fibra deberá ser aprobada polo órgano competente en materia de telecomunicacións.
Por cada par de fibras instalado terán que subministrarse dous cables de conexión dúplex de 2 metros de fibra LC/PC-LC/PC e dúas etiquetas brida (ou sistema de etiquetas aprobado) por cable de conexión. En todo caso, a lonxitude e os conectores deberán adaptarse ás particularidades de cada instalación.
É preciso prever un crecemento de polo menos un 50 % respecto á cantidade de cables necesarios inicialmente.
2.1.4. Subsistema troncal de edificio (SE).
A función do subsistema vertical ou troncal é prover a interconexión entre os repartidores do edificio e os repartidores de planta, polo cal a súa existencia está condicionada pola presenza do repartidor de edificio. Como norma xeral, será preciso un repartidor de edificio cando sexa necesario conectar varios repartidores de planta dentro do mesmo edificio.
Cando está presente, o subsistema inclúe:
a) A cablaxe do subsistema (denominada cablaxe vertical), e as canalizacións polas que discorre esta cablaxe.
b) O repartidor de edificio, do cal parte a topoloxía en estrela da cablaxe vertical.
c) A terminación mecánica dos cables da vertical do edificio, incluíndo as conexións tanto no repartidor de edificio (RE) como nos repartidores de planta (RP) xunto cos cables de conexión de parcheo e/ou pontes no repartidor de edificio.
A cablaxe vertical pode proporcionar conexión directa entre repartidores de planta. Cando exista debe de empregarse como ruta de seguridade e de modo engadido ao establecido para a topoloxía xerárquica básica.
O subsistema vertical estará composto principalmente por dous tipos de cables: fibra óptica e, nos casos en que se despreguen liñas de voz analóxicas, mangueira de cable multipar de cobre. A elección do tipo de cable e a cantidade de pares que se utilizará dependerá dos servizos existentes e futuros previstos segundo se indica nos criterios de dimensionamento.
A cablaxe, tanto da fibra óptica como do cable multipar, deberá rematar sempre en paneis de parcheo nos armarios de comunicacións.
* Consideracións especiais para edificios estratéxicos.
A cablaxe do sistema troncal de edificio deberá estar redundada e deberá utilizar canalizacións independentes por camiños separados.
Nesta situación, existirá un repartidor de edificio principal e un repartidor de edificio de respaldo, nos cales terminarán respectivamente as troncais principal e de respaldo. Estes repartidores poderanse implementar dentro do mesmo armario ou en armarios independentes; neste último caso, os armarios principal e de respaldo deberán estar unidos mediante mangueira de fibra multimodo.
Cada troncal (principal e respaldo) terminará nunha bandexa independente dentro dun armario de comunicacións, no cal se implementarán de forma individual os requisitos indicados para cada un dos repartidores de edificio.
* Recomendacións.
O despregamento dos servizos de telefonía realizarase preferiblemente en tecnoloxías baseadas en protocolos IP, e a cablaxe utilizada para o servizo de voz será común co servizo de transmisión de datos. Por esta razón, a utilización da cablaxe multipar evitarase cando sexa posible, xa que será precisa unicamente para os servizos de voz de telefonía analóxica tradicional.
2.1.4.1. Repartidor de edificio (RE).
Aínda que o repartidor de edificio se define como elemento funcional independente, poderá ser implementado mediante unidades de armario (U) reservadas nos bastidores dun dos repartidores de planta do edificio. Excepto nos casos en que se implemente redundancia de troncais, non poderá existir máis dun RE en cada edificio.
Cada armario de cablaxe de planta estará enlazado co armario de cablaxe do repartidor de edificio empregando, como mínimo, un enlace dunha mangueira de 12 fibras ópticas multimodo, e nos casos en que estea presente a cablaxe multipar, unha mangueira multipar.
Para o repartidor de edificio débense reservar 2 unidades de armario, para aloxar unha bandexa de fibra óptica e o seu correspondente pasafíos, e outras 2 unidades de armario adicionais para o aloxamento da electrónica de rede, xunto coas correspondentes tomas de alimentación precisas para dar servizo. Esta reserva deberá aumentarse se o número fibras dos enlaces cos RP supera a capacidade do panel.
Nos despregamentos en que se realice instalación de mangueira multipar, será precisa tamén a reserva de 2 unidades de armario por cada 50 tomas de voz, para aloxar unha bandexa de pares de cobre e o seu correspondente pasafíos.
En sistemas redundados será preciso considerar as bandexas de conexión entre as rutas principais e as rutas de respaldo, de forma que cada enlace poida ser seleccionado entre a opción principal e a de respaldo de maneira individual.
2.1.4.2. Fibra óptica.
A fibra óptica utilizarase nos tendidos troncais para unir o armario en que se atopa o repartidor de edificio cos armarios en que están os repartidores de planta. Instalaranse mangueiras de, polo menos, 6 pares (12 fibras) por cada un deles. A fibra debe terminar sempre en panel.
Nos casos en que o mesmo armario contén o RE e o RP, ou ben están en dous armarios xuntos, o enlace RE-RP poderá facerse mediante cables de conexión de fibra.
Utilizarase o mesmo tipo de fibra en todo o complexo. Se todos os enlaces teñen unha lonxitude menor de 400 m, empregarase fibra multimodo e se algún destes enlaces supera esa lonxitude, empregarase fibra monomodo. En todo caso, a elección do tipo de fibra deberá ser aprobada polo órgano competente en materia de telecomunicacións.
Por cada par de fibras instalado terán que subministrarse dous cables de conexión de 2 metros de fibra LC/PC-LC/PC e dúas etiquetas brida por cable de conexión ou sistema de etiquetas aprobado polo correspondente órgano competente en materia de telecomunicacións. En todo caso, a lonxitude e os conectores deberá adaptarse ás particularidades de cada instalación.
É preciso prever un crecemento de, polo menos, un 50 % respecto á cantidade de cables necesarios inicialmente.
2.1.4.3. Cablaxe multipar.
A cablaxe multipar utilizarase no subsistema troncal de edificio para a distribución de extensións telefónicas. Este tipo de cablaxe está en desuso e non se debe utilizar en ampliacións ou instalacións novas sen a autorización do órgano competente en materia de telecomunicacións.
Cando o centro teña implementada unha solución de servizos telefónicos non IP, débese dispoñer de cables de cobre, a razón dun par por cada servizo telefónico (interno, fax etc.). Para servizos especiais como teléfonos híbridos requírense 2 pares por cada un destes teléfonos.
É preciso prever un crecemento de polo menos un 50 % respecto á cantidade de cables necesarios inicialmente.
2.1.5. Subsistema horizontal (SH).
O subsistema horizontal é a parte da cablaxe de telecomunicacións que conecta os repartidores de planta coas tomas finais de telecomunicacións.
Hai que ter en conta que a cablaxe horizontal tamén debe proporcionar conectividade a sistemas que fan uso dos servizos da rede de datos, como a telefonía, a infraestrutura wifi (SRAI), sistemas de videovixilancia baseados en IP (SISC) etc. Esta consideración é relevante á hora de situar as tomas finais de telecomunicacións.
En calquera caso, a cablaxe de distribución horizontal debe seguir unha topoloxía do tipo estrela, co centro no repartidor de planta situado nun recinto de comunicacións e os extremos en cada unha das tomas finais. Habitualmente esta cablaxe implementarase mediante cable de cobre de catro pares trenzados.
Este subsistema inclúe:
a) A cablaxe do subsistema (denominada cablaxe horizontal) e as canalizacións polas que discorre esta cablaxe.
b) O conxunto dos repartidores de planta, dos cales parte a topoloxía en estrela da cablaxe horizontal en cada planta.
c) Os conectores, tanto no repartidor de planta (RP) como nas tomas finais de comunicacións.
d) Opcionalmente, poderase utilizar un único punto de consolidación por enlace.
Seguindo as indicacións da norma EN/UNE 50174, na cablaxe horizontal aplícanse restricións a nivel de enlace permanente e canle.
O enlace permanente está composto polo conector femia do panel de conexións, o cable ata a toma e o conector da toma. Opcionalmente, tamén inclúe un punto de consolidación. A lonxitude máxima do cable nun enlace permanente non poderá superar nunca os 90 metros.
A canle é a parte de cablaxe que inclúe o enlace permanente e mais os cables de conexión, tanto no extremo do armario de telecomunicacións como no extremo do posto de traballo. A distancia máxima permitida da canle é de 100 metros.
En xeral, os cables de conexión non deben superar os 10 metros en conxunto. Se a solución proxectada necesita cables de conexión de máis lonxitude, o enlace permanente deberá reducirse para que a canle nunca supere a súa lonxitude máxima.
2.1.5.1. Repartidores de planta (RP).
Para o cálculo do número de RP seguiranse os seguintes criterios:
a) A situación será preferentemente próxima á vertical do edificio, dando prioridade ás localizacións centradas dentro da planta. A posición, se é posible, será a mesma en todas as plantas.
b) Como norma xeral, tentarase minimizar o número de repartidores de planta, sempre garantindo que o enlace permanente coa toma de telecomunicacións non exceda a máxima lonxitude permitida e que sexa posible a instalación de tomas de telecomunicacións en calquera punto do inmoble apto para o traballo, aínda que no deseño non se inclúa a súa instalación. É dicir, calquera punto do edificio non deberá atoparse nunca a unha distancia maior de 90 m dun RP. Poderanse excluír desta restrición as áreas que se xustifiquen como non aptas para o traballo, nin se consideren susceptibles do despregamento de tecnoloxías adicionais.
c) Permitirase que un RP sirva a máis dunha planta, sempre que se garanta que non se excede a lonxitude máxima do enlace permanente.
d) Para o cálculo do número de unidades de armario necesarias para o repartidor de planta seguiranse os seguintes criterios:
– Se é necesario o enlace co repartidor de edificio ou de campus, haberá que reservar 2 unidades de armario para o panel de fibra e outra para o seu pasafíos.
– 2 unidades de armario para cada 24 tomas de datos, unha para un panel de cobre e outra para o seu pasafíos.
– 2 unidades de armario para cada 50 extensións (ou fracción) de telefonía analóxica, unha para un panel e outra para o seu pasafíos.
– Polo menos, 2 unidades de armario para cada 24 tomas de datos (ou fracción), unha para o conmutador de planta e outra para o seu pasafíos.
– As unidades necesarias para as correspondentes tomas de alimentación para dar servizo aos conmutadores de planta.
Para maior claridade, a continuación móstranse algúns exemplos de aplicación destas regras. Como se explicará máis adiante, en xeral os repartidores non requiren de aloxamento dedicado, senón que poden compartir recursos entre eles.
Exemplo 1.
Proxecto dun único edificio illado con plantas alcanzables en 90 m desde o RP dunha planta adxacente.
• Directrices xerais: • Simplificación de deseño:

O RP da planta inferior serve ás tomas da planta superior. Cun único RP no edificio, non é precisa a existencia dun RE.
Exemplo 2.
Proxecto de 3 edificios. As plantas do edificio 1 son dun tamaño tal que un repartidor de planta permite o acceso a calquera punto dunha planta adxacente cunha distancia menor a 90 m; as plantas do edificio 2 son moi amplas; as plantas do edificio 3 teñen unha pequena superficie.
• Directrices xerais:

• Simplificación de deseño:

Edificio 1: as tomas das dúas plantas pódense alcanzar desde os RP situados nas plantas adxacentes sen superar o límite dos 90 metros.
Edificio 2: cada planta precisa dun RP.
Edificio 3: as plantas son alcanzables no rango de 90 m desde o RP da planta inferior. Cun único RP neste edificio, non é necesaria a existencia dun RE.
2.1.5.2. Punto de consolidación (PdC).
O punto de consolidación é un punto intermedio na cablaxe horizontal entre o RP e a toma final. Consiste nun rexistro cun panel, espello do existente no RP, que divide o enlace permanente en dous tramos: un fixo (entre RP e o PdC) e outro que se pode modificar co tempo (entre o PdC e a toma final). Isto achega maior flexibilidade en zonas en que a posición das tomas non está definida en puntos fixos ou é cambiante no tempo, permitindo cambios mediante a modificación do último tramo unicamente.
A utilización de PdC só está indicada en casos especiais e debe estar autorizada polo órgano competente en materia de telecomunicacións. Recoméndase a utilización da rede wifi cando sexa posible.
No PdC só poderá haber elementos pasivos e terá sentido cando o tramo desde o RP a PdC teña unha lonxitude considerable. A lonxitude total do enlace permanente debe ser sempre menor de 90 m.
O primeiro caso de uso dun PdC é cando o número de cables que chegan ao PdC desde o RP é o mesmo que o número de cables que saen do PdC ás tomas finais. Isto permite cambiar estes últimos tramos en caso necesario sen afectar os tramos fixos, aforrando custos.
O segundo caso de uso é cando o número de cables que saen do PdC cara ás tomas finais é superior aos cables que lle chegan desde o RP. Neste caso, só estarán en uso tantas tomas finais como cables cheguen desde o RP, servindo o PdC para seleccionar que tomas están en uso. Isto permite cablar unha zona con múltiples tomas das cales só se utilizará unha parte, podendo definir distintos escenarios mediante o parcheo no PdC.
As probas de verificación de cablaxe débense realizar para o enlace permanente completo (RP-toma final) para todas as tomas finais, utilizando para iso todos os cables da parte fixa (RP-PdC). Deberase indicar na certificación a etiqueta da toma e mais a do porto do punto de consolidación a que está conectada.
2.1.5.3. Cable de catro pares trenzados.
O SCE dos centros terá que soportar a miúdo operacións críticas, polo que se require que a solución empregada sexa robusta e fiable en todo momento.
Todos estes factores conducen a implementar unha solución de cablaxe de cobre en todos os elementos pasivos que forman o sistema de cablaxe estruturada de acordo coas seguintes características:
a) A distancia máxima para o cable de catro pares trenzados de distribución horizontal será de 90 metros, medida no percorrido do cable, desde o conector de telecomunicacións na toma final ata o panel de interconexión no armario de telecomunicacións.
b) O tendido do cable de catro pares trenzados realizarase sen unións nin empalmes. Se se emprega un punto de consolidación (PdC), isto será de aplicación ata este punto e desde este punto ata a toma final.
c) Os cables de interconexión (cables de conexión de parcheo e de usuario), empregados nas áreas de traballo e no armario de telecomunicacións, deben ser dunha lonxitude tal que a canle non supere a distancia de 100 metros de «punta a punta».
d) Xunto con cada toma de comunicacións instalada, independentemente do seu uso, a empresa subministrará un cable de conexión de 2 metros e outro de 3 metros. Ademais, subministraranse dúas etiquetas brida por cable de conexión, etiquetas serigrafadas ou calquera outro método de etiquetaxe aprobado polo correspondente órgano competente en materia de telecomunicacións. En todo caso, a lonxitude e os conectores deberán adaptarse ás particularidades de cada instalación.
2.1.5.4. Tomas de telecomunicacións (TT).
As tomas de telecomunicacións permiten o acceso aos servizos da rede ás persoas usuarias e á infraestrutura doutros subsistemas integrados dentro da rede de datos.
Como regra xeral, instalarase un rexistro de tomas (caixa) que conterá as tomas finais de telecomunicacións (conectores RJ45 femia) e mais os enchufes de alimentación eléctrica necesarios.
Para a realización de traballos de mantemento, unha vez vencido o prazo de garantía, deberase subministrar ao órgano de telecomunicacións competente o material necesario para a reparación do 5 % dos rexistros de tomas instaladas. No caso de que se instalen varios tipos de rexistro, entregarase o 5 % (polo menos unha unidade) de cada tipo.
2.1.5.4.1. Dimensionamento das tomas.
Consideraranse os seguintes criterios para dimensionar o número mínimo de tomas necesarias:
a) Polo menos dúas tomas por cada persoa usuaria prevista.
b) Polo menos dúas tomas por cada 10 m2 útiles ou fracción.
c) Polo menos tres tomas por despacho.
d) Polo menos catro tomas na cabeceira de cada auditorio ou similar.
e) Unha toma para a conexión de equipamentos como impresoras, puntos de acceso wifi, cámaras, lectores de control de acceso etc.
2.1.6. Servizos sobre o sistema de cablaxe estruturada.
2.1.6.1. Sistema de rede de acceso sen fíos (SRAI).
Os requisitos de infraestrutura precisa para deseñar o sistema de rede de acceso sen fíos estableceranse mediante un estudo teórico de coberturas no cal se determinará a situación óptima das tomas de telecomunicacións dedicadas á conexión dos puntos de acceso wifi.
Estas tomas de telecomunicacións integraranse dentro do subsistema de cablaxe horizontal (SH) e aplicaránselles as consideracións descritas para este subsistema, ademais das particularidades descritas a continuación.
A alimentación dos puntos de acceso integrantes desta infraestrutura realizarase normalmente por POE, polo que, en xeral, nas tomas reservadas para infraestrutura sen fíos non será preciso proporcionar alimentación por rede eléctrica.
2.1.6.1.1. Requisitos de deseño e dimensionamento.
As tomas de telecomunicacións destinadas á conexión de puntos de acceso sen fíos xeralmente estarán situadas en localizacións centrais dos espazos a que presten servizo, así como nas esquinas existentes ao longo do perímetro destes espazos. Situaranse preferiblemente no teito para evitar obstáculos. Evitarase calquera obstáculo físico entre a antena e o equipamento do cliente para evitar a degradación do sinal de radio. As paredes e placas producirán as maiores atenuacións de sinal, con todo, o mobiliario e outros obstáculos tamén afectarán a calidade da recepción.
As tomas de rede reservadas para a conexión dos puntos de acceso instalaranse afastadas, como mínimo a 1 m de calquera outro dispositivo que emita sinais electromagnéticas e calquera outro equipamento eléctrico como iluminación fluorescente, teléfonos sen fíos, ventiladores eléctricos, outros motores etc.
O estudo teórico de cobertura será crucial para dimensionar o número e situación das tomas de telecomunicacións precisas para cubrir os requisitos de conectividade sen fíos, que incluirán tanto un nivel de sinal aceptable como un número máximo de dispositivos por cada punto de acceso. Isto é especialmente relevante en aulas e auditorios, onde o despregamento de múltiples puntos de acceso en canles non solapadas será o mecanismo utilizado para aumentar o ancho de banda dispoñible.
Como norma xeral, o estudo garantirá que as zonas de cobertura wifi permitan a conexión de cada dispositivo a unha velocidade mínima de 36 Mbps e cada punto de acceso non terá que soportar máis de 20 dispositivos activos de forma simultánea.
2.1.6.2. Sistemas intelixentes de seguridade e control (SISC).
Os sistemas intelixentes de seguridade e control (SISC) utilizarán, sempre que sexa posible, as infraestruturas de telecomunicacións existentes no edificio. Para iso, apoiaranse nos servizos do sistema de cablaxe estruturada para a transmisión de información e para a alimentación dos dispositivos integrantes do sistema.
O sistema intelixente de seguridade e control permitirá protexer o acceso a sistemas ou áreas do edificio restrinxidos. Como mínimo, o propio sistema de cablaxe estruturada estará sempre protexido por un sistema de control de acceso específico, segundo se detalla no número 2.1.6.2.1. Control de acceso aos recintos de telecomunicacións. A implementación de sistemas intelixentes de seguridade e control destinados a protexer outras áreas ou recursos realizarase mediante un deseño independente, baseado en tecnoloxías IP e alimentado mediante tecnoloxía POE.
No deseño deste sistema serán de aplicación as medidas recollidas no Real decreto 57/2005, do 21 de xaneiro, polo que se establecen prescricións para o incremento da seguridade do parque de ascensores existente (norma UNE-EN 81:2001), e no Decreto 44/2008, do 28 de febreiro, polo que se regulan os requisitos das empresas conservadoras de ascensores e se desenvolven conceptos relativos ao grao de ocupación das vivendas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
2.1.6.2.1. Control de acceso aos recintos de telecomunicacións.
Con obxecto de evitar a manipulación dos sistemas de telecomunicacións por parte de persoal non autorizado, o acceso físico a estes sistemas debe estar controlado. Por defecto, instalarase na entrada dos recintos de telecomunicacións un sistema de pechadura electrónica e videoporteiro aprobado polo órgano competente de telecomunicacións, segundo o descrito no número 3.8 Características do videoporteiro.
Débese prever unha toma de datos na entrada de cada recinto de telecomunicacións, para a conexión do videoporteiro. O videoporteiro debe situarse no lado da pechadura da porta, de forma que non se obstaculice a visualización do videoporteiro en ningún momento. Esta cablaxe debe ter a canalización correspondente.
2.1.6.3. Sistemas intelixentes de automatización (SIA).
O deseño dos sistemas intelixentes de automatización (SIA), ou sistemas domóticos, queda fóra do alcance desta guía, pero convén resaltar que, no caso de estar presente, deberase poder integrar cos sistemas de telecomunicacións existentes no edificio e apoiarse nos servizos de datos proporcionados polo SCE.
2.2. Sistemas de cablaxe non estruturada.
Toda a cablaxe de telecomunicacións non incluída no SCE formará parte dos sistemas de cablaxe non estruturada.
Estes sistemas poderán compartir algúns dos recursos dos sistemas de cablaxe estruturada, como as canalizacións ou os recintos de telecomunicacións, sempre que os seus sinais non se interfiran. Non deben compartir o mesmo armario nin circuíto eléctrico co sistema de cablaxe estruturada, xa que se consideran instalacións independentes.
Aínda que non é obxecto desta guía, é necesario mencionar que todos estes sistemas cumprirán coa normativa vixente para cada un deles.
Detállanse a continuación algúns destes sistemas, con algunha consideración que hai que ter en conta.
2.2.1. Sistema de distribución de sinais de radiodifusión sonora e televisión (R/TV).
O sistema de distribución de radiodifusión sonora e televisión (en diante, R/TV) encárgase de prover as infraestruturas de soporte para a adaptación e distribución de sinais de radio e televisión. Este sistema instalarase unicamente naqueles edificios en que sexa preciso proporcionar sinal audiovisual ás persoas usuarias e, de estar presente, deberá respectar as indicacións descritas na sección xeral 2.1.2 Subsistema de interconexión con provedores (SX).
Este sistema estará presente de forma obrigatoria en edificios que dispoñan de salóns de actos e/ou salas de mostras ou exposicións e naqueles casos en que se prevé a necesidade deste tipo de servizos nalgunha sala.
De maneira alternativa, poderanse considerar solucións baseadas en servizos IPTV para a distribución do sinal no interior do complexo. Este tipo de despregamentos deberán contar coa aprobación do órgano de telecomunicacións competente e farán uso dos servizos proporcionados polo SCE.
As características técnicas do sistema de R/TV seguirán as directrices marcadas no Real decreto 346/2011, do 11 de marzo, polo que se aproba o Regulamento regulador de instalacións comúns de telecomunicacións para o acceso aos servizos de telecomunicación no interior das edificacións.
En concreto, as infraestruturas necesarias para este sistema deseñaranse a partir do establecido no anexo I do real decreto, no que se detalla a norma técnica de infraestrutura común de telecomunicacións para a captación, adaptación e distribución de sinais de radiodifusión sonora e televisión procedentes de emisións terrestres e de satélite.
O sistema incluirá os seguintes elementos:
• Elementos de captación de sinais.
• Equipamento de cabeceira. Incluirá os dispositivos mesturadores.
• Rede de distribución: tramo de rede comprendido desde a saída dos dispositivos mesturadores ata a entrada aos derivadores ou distribuidores de planta (rexistros secundarios).
• Rede de dispersión: tramo de rede comprendido entre os derivadores e os PAU.
• Rede interior de usuario: a rede interior de usuario adopta unha topoloxía en estrela, iníciase na saída do PAU e termina nas tomas de usuarios.
• Punto de acceso de usuario (PAU): o PAU marca o inicio da rede interior e constitúe o centro da topoloxía en estrela da rede interior de usuario.
• Toma de usuarios (base de acceso de terminal): puntos de conexión de equipamentos de usuario para o acceso aos servizos.
Para os inmobles obxectivo desta guía, a propiedade dos diferentes tramos de rede será única. Deste xeito, o PAU perde o seu habitual carácter delimitador en canto á propiedade do tramo de rede, sen diferenciar tramos de propiedade privada ou común no edificio, e pasará simplemente a identificar o punto de inicio da topoloxía en estrela da rede.
O equipamento activo do sistema de R/TV aloxarase no repartidor de interconexión e deberá residir en recintos de comunicacións en armarios independentes doutros sistemas de telecomunicacións.
2.2.1.1. Requisitos de deseño e dimensionamento.
Serán aplicables as consideracións recollidas no RD 346/2011, en canto a dimensións mínimas de ICT coas seguintes particularizacións:
• Tendo en conta que no tipo de inmobles obxecto desta guía o usuario será único, non será precisa a instalación de puntos de acceso de usuario nas plantas en que non se proxecte dar servizo. Si será precisa a instalación de, polo menos, un derivador en cada planta.
• Nas plantas en que sexa preciso dar servizo e, por tanto, requiran da existencia dun PAU, este poderá ser único e non se aplicarán os criterios de dimensionamento expostos no número 3.5.2.b) do RD 346/2011.
2.2.2. Sistemas de redes de telefonía móbil (SRTM).
O acceso ao servizo de telefonía móbil deberá estar garantido nas áreas do inmoble identificadas como zonas de traballo. Por iso será preciso solicitar información a un mínimo de 2 operadores de telefonía móbil que ofrezan servizo no contorno sobre os datos de cobertura en canto ao tipo de servizo ofrecido (2G, 3G, 4G, 5G) no exterior do edificio.
Con base na información recibida, o uso previsto para o inmoble, as características construtivas deste, as dimensións e o nivel de cobertura de redes de telefonía móbil no contorno, será preciso avaliar a necesidade dunha infraestrutura de soporte a servizos de telefonía móbil interior, tendo en conta que en todas as salas interiores do edificio se deberá permitir a transmisión de voz e datos de todas as redes que estean presentes no exterior do edificio.
Nos casos en que se constate a necesidade de infraestrutura de soporte a servizos de telefonía móbil, será preciso determinar que tipo de solución é a máis adecuada. Para calquera tipo de solución deberanse respectar as indicacións descritas na sección xeral 2.1.2 Subsistema de interconexión con provedores (SX), e, ademais, considerar as seguintes premisas:
• Non se prevé a necesidade de instalación de equipamento, unicamente a reserva de espazos e infraestruturas para aloxar estes elementos.
• A rede deberá permitir a distribución interior dun mínimo de 3 operadores de redes móbiles e ser compatible con todas as bandas de frecuencias en que se ofrezan estes servizos.
• Deberanse prever solucións que minimicen o impacto visual dos elementos externos (solucións de mimetización), priorizando a compartición de infraestruturas.
• Débense respectar os principios de igualdade de acceso entre operadores e favorecer a compartición das infraestruturas e elementos da rede.
• A obtención de licenzas e permisos de uso do espectro radioeléctrico é, en todo caso, responsabilidade dos operadores da rede.
Prevense a priori 2 tipos diferenciados de solucións:
• Solución baseada en repetidores de interior: naqueles casos en que a cobertura móbil no exterior do inmoble é boa e a edificación é de pequenas dimensións (unha planta), pero por motivo das súas características construtivas a cobertura interior non é adecuada, optarase preferentemente por solucións de repetidor interior de sinal.
• Solución baseada en estación con distribución interior: naqueles casos en que as dimensións da edificación así o requiran, optarase por solucións de despregamento dunha nova estación con distribución interior.
2.2.2.1. Requisitos de deseño e dimensionamento.
2.2.2.1.1. Repetidor de interior.
As solucións de repetidores de interior incluirán os seguintes elementos:
• Antena de captación exterior: nestes casos será preciso considerar no inmoble a localización da antena de captación exterior, nunha zona accesible para a instalación e con boa cobertura.
• Rede de enlace: a rede de enlace deberá permitir a conexión entre a antena de captación exterior e o sistema radiante interior, e deberá dispoñerse de canalización de adecuadas dimensións en función da cablaxe que se debe aloxar segundo o indicado na consulta aos operadores. As características das canalizacións deberán respectar o establecido na sección 2.4.2 Infraestrutura de distribución.
• Sistema radiante interior: o sistema radiante interior estará formado polo equipamento de amplificación e unha antena ou grupos de antenas que permitan distribuír o sinal no interior do inmoble. As localizacións dos sistemas radiantes interiores serán seleccionadas co criterio de maximizar a cobertura no interior do inmoble, para o que será preciso trasladar a consulta aos operadores. É de subliñar que se debe prever a necesidade de alimentación eléctrica do equipamento de amplificación.
Na medida do posible, deberase prever a compartición por parte de todos os operadores dos elementos de captación, rede de interconexión e sistema radiante interior.
2.2.2.1.2. Nova estación con distribución interior.
As solucións de estacións con distribución interior constarán dos seguintes elementos:
• Antena de captación exterior: aínda que se preverá preferentemente a conexión coa rede dos operadores mediante cablaxe de FO, naqueles casos en que os operadores así o manifesten, será preciso prever solucións de acceso mediante radioenlace. Estas antenas serán propias de cada operador e deben instalarse na situación adecuada, para o que será preciso a colaboración cos operadores.
• Rede de enlace: a rede de enlace permitirá o acceso do operador ao recinto de telecomunicacións que aloxará o equipamento activo e deberá dispoñerse da canalización de adecuadas dimensións en función da cablaxe que aloxará e sempre respectando as directrices sinaladas na sección 2.4.2 Infraestrutura de distribución. Esta rede será preferentemente mediante cable de FO desde o exterior do inmoble, aproveitando o trazado do subsistema de interconexión con provedores descrito no sistema de cablaxe estruturada. Naqueles casos en que se prevexan solucións de acceso mediante radioenlace, deberá dispoñerse canalización adecuadamente dimensionada desde punto de instalación das antenas de captación exterior. Cada operador empregará cablaxe propia.
• Recinto de telecomunicacións: no recinto de comunicacións situarase todo o equipamento activo, equipamentos de enerxía e sistema de aire acondicionado. Este equipamento será propiedade de cada operador e debe dispoñerse do espazo adecuado para a súa instalación. Este recinto de telecomunicacións poderá ser compartido con outros sistemas de telecomunicacións, pero todo o equipamento activo e equipamento de enerxía preciso para proporcionar o servizo correspondente ao SRTM deberá manterse nun armario dedicado e independente do resto da infraestrutura. Serán de aplicación as consideracións descritas nas seccións 2.4.1.2 Recintos de comunicacións, e 3 Especificacións técnicas dos elementos das infraestruturas.
• Rede de distribución: a rede de distribución deberá permitir a conexión entre o recinto de comunicacións e o sistema radiante interior, e debe dispoñerse de canalización de adecuadas dimensións en función da cablaxe que aloxará (consulta operadores). Esta rede basearase, preferiblemente, en solucións de FO, e de uso compartido entre operadores, polo cal no recinto de telecomunicacións será preciso dispoñer dun agregador de sinais dos distintos operadores. Este agregador será posto á disposición polos operadores. As características das canalizacións que darán soporte á rede de distribución deberán respectar as consideracións descritas neste documento relativas a canalizacións e, en concreto, os requisitos indicados na sección 2.4.2 Infraestrutura de distribución.
• Sistema radiante interior: o sistema radiante interior estará formado por un grupo de antenas que permitan distribuír o sinal no interior do inmoble. Deberase seleccionar a localización do sistema radiante para maximizar a cobertura no interior do inmoble, para o que será preciso trasladar a consulta aos operadores. Os sistemas radiantes deberán ser de uso compartido entre operadores e non debe duplicarse o sistema.
• Sistema radiante exterior: no caso de que se considere oportuno, poderase dispoñer dunha localización exterior que permita mellorar a cobertura no exterior do inmoble. Nestas circunstancias, deberase dispoñer, na medida do posible, do mesmo xeito que no caso da distribución interior, dunha rede de distribución compartida e un sistema radiante único para todos os operadores e evitar duplicidades de equipamento. En todo caso, isto non debe ser unha limitación para a cobertura dos operadores.
2.2.2.2. Requisitos de instalación.
Os sistemas de distribución e sistemas radiantes interiores instalaranse preferentemente en falsos teitos e tratando de reducir o impacto visual dos elementos radiantes.
Os elementos exteriores (antenas de captación e sistemas radiantes exteriores) deben tratar de minimizar o impacto visual, para o que se seleccionarán localizacións e solucións que favorezan a integración co contorno.
As infraestruturas para o soporte destes sistemas deberán respectar o referido en epígrafes anteriores e aproveitar, na medida do posible, as canalizacións e espazos previstos para o resto dos sistemas de telecomunicacións previstos no inmoble.
Deberanse ter en consideración, en todo caso, os requisitos de instalación presentados polos operadores de rede, que serán os propietarios e responsables da instalación e mantemento dos sistemas.
2.3. Sistema de instalación eléctrica dedicada (SIED).
A instalación eléctrica dedicada é unha instalación de uso exclusivo para o equipamento instalado en cada recinto de telecomunicacións.
La instalación debe cumprir o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (Real decreto 842/2002). A cablaxe eléctrica deberá ter unha clase CPR mínima Cca-S1b, d1, a1 (RD 842/2002, RD (UE) 2016/364).
2.3.1. Requisitos de deseño e dimensionamento.
No interior do recinto de telecomunicacións deben instalarse cadros eléctricos para alimentar todos os elementos alí instalados. Tipicamente, existirán un cadro de rede e outro por cada SAI (sistema de alimentación ininterrompida) que dá servizo no recinto.
Para a alimentación nos armarios de telecomunicacións, instalaranse 2 regreteiros de 16A, sen interruptor, de 8 tomas tipo F (Schuko) cada un, situados nas dúas unidades máis baixas dos armarios. Cada regreteiro estará alimentado por un circuíto independente, protexido por un magnetotérmico e un diferencial de uso exclusivo.
A conexión dos regreteiros á subministración eléctrica estará orientada a proporcionar o máximo de redundancia segundo a existencia de SAI. Deste xeito:
• No caso de que o centro dispoña de máis dun SAI, cada regreteiro alimentarase dun SAI diferente.
• Se o centro dispón dun único SAI, o primeiro regreteiro alimentarase do SAI e o segundo de rede.
• No caso de que o centro non dispoña de SAI, cada regreteiro alimentarase de rede e dependerá dun circuíto eléctrico con fase diferente para dispoñer de redundancia de circuíto e fase.
Se o proxecto inclúe a instalación dun SAI, deberase realizar un estudo en que se inclúan os cálculos de dimensionamento do SAI, segundo a potencia dos dispositivos a que dará servizo (isto debe incluír sempre o consumo dos elementos instalados no armario). No caso de que o SAI dea servizo a elementos fóra do recinto, deberá haber un cadro no exterior do recinto para as proteccións correspondentes.
Os enchufes de alimentación eléctrica nos postos de usuario instalaranse á beira dos conectores de datos. En xeral, haberá dous enchufes de cor vermella, alimentados mediante SAI e outros dous de cor branca, con alimentación de rede.
Para a alimentación eléctrica do videoporteiro reservarase unha toma dun regreteiro do armario (do de SAI se este existe). Instalarase unha canalización, independente da de datos, desde o armario de telecomunicacións ata o punto onde se instale o videoporteiro, para poder pasar o cable de alimentación. Esta canalización debe terminar nun rexistro con tapa na parte interior, que teña acceso ao pasamuros ata o videoporteiro (no exterior), ou ben nun rexistro encaixado no exterior que se oculte co propio videoporteiro.
2.3.2. Seguridade eléctrica: toma de terra, interconexión equipotencial e apantallamento.
O inmoble debe contar cunha rede de interconexión común, ou xeral de equipotencialidade, do tipo mallado, unida á posta á terra do propio inmoble. Esa rede estará tamén unida ás estruturas, elementos de reforzo e demais compoñentes metálicos do inmoble.
Todos aqueles elementos que sobresaian da edificación que son susceptibles de captar un raio, como os soportes das antenas de captación, deben contar cunha liña directa de derivación á terra. No caso de existencia de pararraios, estes elementos poden conectarse á súa instalación derivadora.
O sistema xeral de terra do inmoble debe ter un valor de resistencia eléctrica non superior a 10 ohmios respecto da terra afastada. Estará conectado directamente ao sistema de posta á terra no recinto de comunicacións nun ou máis puntos. A el conectaranse tamén o condutor de protección ou de equipotencialidade e os demais compoñentes ou equipamentos que teñen que estar postos á terra regularmente.
Os elementos seguintes deberán ter tamén a súa conexión á terra:
• Todos os enchufes das tomas de corrente.
• Os soportes, ferraxes, bastidores, bandexas etc. metálicos dos recintos de comunicacións.
• Os soportes dos sistemas captadores de sinais de radio (mastros ou torres).
O cable de conexión da barra colectora ao terminal xeral de terra do inmoble estará formado por condutores flexibles de cobre de 25 mm² de sección como mínimo.
2.4. Infraestruturas de soporte e distribución.
As infraestruturas de soporte e distribución comezan no punto de entroncamento coas redes das operadoras de telecomunicacións no límite da parcela e finalizan nas tomas finais de telecomunicacións que proporcionan servizo ás persoas usuarias.
Cada sistema de telecomunicacións será obxecto dun deseño independente en canto á súa infraestrutura de soporte e distribución. Con todo, recoméndase a compartición de infraestrutura naqueles casos en que sexa posible.
2.4.1. Infraestrutura de soporte.
A infraestrutura de soporte proporciona a reserva dos espazos precisos para albergar os compoñentes dos sistemas de telecomunicacións e estará formada por recintos e rexistros. Aínda que ambos os termos están referidos a espazos dedicados a elementos do sistema de telecomunicacións, os recintos serán salas e os rexistros terán habitualmente menor envergadura.
2.4.1.1. Rexistros.
Os rexistros marcan os puntos de inicio, final, paso ou derivación da cablaxe de telecomunicacións. Terán a capacidade suficiente para aloxar todos os cables de telecomunicacións que pasen por eles. Deben contar cunha tapa axeitada para protexer a cablaxe que conteñen.
• Arqueta de entrada: estará situada na vía pública e será accesible polos operadores. Dela parte a canalización exterior. Terá unhas dimensións interiores mínimas de 800 × 700 × 820 mm (longo × ancho × profundidade). Consultarase a súa localización cos posibles operadores de servizo.
• Arquetas de paso: colocaranse arquetas de paso intercaladas na canalización de entrada inferior, con dimensións mínimas interiores de 400 × 400 × 400 mm, cando se dea algunha das seguintes circunstancias:
a) Cada 50 m de lonxitude.
b) No punto de intersección de dous tramos rectos non aliñados.
• Rexistro de enlace: é o punto de entrada da canalización exterior no edificio. As dimensións interiores mínimas deste rexistro de enlace serán, 450 × 450 × 120 mm
(altura × anchura × profundidade) para o caso de rexistro en parede e 400 × 400 × 400 mm para o caso de arqueta.
• Rexistro principal: os rexistros principais constitúen o punto de orixe do sistema de cablaxe e, como norma xeral, serán os recintos de comunicacións.
• Rexistros secundarios: estes rexistros permitirán a segregación en cada zona de todos os servizos en número suficiente para as persoas usuarias desa zona. As súas dimensións mínimas serán de 450 × 450 × 150 mm ou 400 × 400 × 400 mm en caso de arquetas. Existirán nos puntos seguintes:
a) Pásase de canalización principal a secundaria.
b) Prodúcese un cambio de dirección ou bifurcación da canalización principal.
c) Cada 30 metros de canalización principal, se a súa cablaxe non está accesible.
d) Cando hai un cambio no tipo de canalización principal.
• Rexistros de paso: deberán existir na canalización secundaria cada 15 metros de lonxitude e nos cambios de dirección de raio inferior a 250 mm. Admitirase un máximo de dúas curvas de noventa graos entre dous rexistros de paso, pero respectando que o seu raio de curvatura non produza, pola súa vez, nos cables raios de curvatura inferiores a 2 cm. As dimensións dos rexistros de paso serán como mínimo de 100 × 100 × 40 mm.
• Rexistros de tomas de telecomunicacións: son as caixas en que se instalarán as tomas de telecomunicacións que darán servizo ao usuario final.
En xeral, terán capacidade para aloxar catro tomas, das que se instalarán dúas, e catro enchufes de alimentación, dous deles de cor vermella, conectados a un cadro do sistema de alimentación ininterrompida (SAI), e outros dous de cor branca, conectados a un cadro de rede. As tomas etiquetaranse seguindo o esquema de identificación explicado na epígrafe de etiquetaxe.
No caso das tomas para dispositivos pegados á parede ou teito, como videoporteiros, lectores de tarxetas ou puntos de acceso wifi, o cable terminará nun conector RJ45 macho que quedará, cun pequeno sobrante, no interior do rexistro. Este rexistro deberá quedar oculto se é posible, tapándoo co propio dispositivo ou instalándoo polo outro lado do tabique ou falso teito.
2.4.1.2. Recintos de comunicacións.
Os recintos de comunicacións serán salas dedicadas exclusivamente a equipamento de telecomunicacións. Nestas salas instalaranse os elementos necesarios para a implementación dos diferentes sistemas de telecomunicacións, así como os elementos auxiliares necesarios.
Co obxectivo de aproveitamento de infraestruturas, é recomendable que os diferentes sistemas de telecomunicacións compartan recintos de comunicacións, tendo en consideración o espazo necesario para cada un dos sistemas. Aínda que se comparta o recinto, os servizos do sistema de cablaxe estruturada (SCE), non compartirán armario co resto de servizos (sistema de cablaxe non estruturada).
2.4.1.2.1. Localización e dimensións.
O tamaño do recinto de comunicacións determinarase en función do número de armarios e equipamento que se instalará no seu interior.
Para os recintos de comunicacións que alberguen compoñentes do sistema de cablaxe estruturada (SCE), as dimensións mínimas da sala serán tales que garantan un espazo totalmente libre ao redor do armario (ou grupo de armarios) de polo menos:
a) 1,5 metros na parte frontal.
b) 1,2 metros na parte traseira.
c) 0,5 metros en cada lateral.
d) Un paso diáfano desde a porta de entrada ao frontal do armario de, polo menos, 1 metro.
En calquera caso, unhas dimensións do recinto (SCE) inferiores a 10 m² deberán ser xustificadas.
Os recintos estarán preferentemente centrados dentro da planta (e verticalmente se dan servizo a varias plantas). A posición, se é posible, será a mesma en todas as plantas.
Nos casos en que puidesen existir, próximos ao recinto, elementos que puidesen xerar interferencias electromagnéticas, como un centro de transformación de enerxía, maquinaria de ascensores etc., os recintos de telecomunicacións distanciaranse destes un mínimo de 2 metros ou dotaranse dunha protección contra campo electromagnético.
Recoméndase que os recintos teñan acceso ao patio de condutos de telecomunicacións.
En ningún caso existirán zonas do edificio separadas máis de 90 m dun recinto de comunicacións. Se isto non é posible cun único recinto, construiranse recintos adicionais.
2.4.1.2.2. Características construtivas.
Os recintos de comunicacións construiranse, na medida do posible, sobre a rasante, de forma que se impida a acumulación de augas no seu interior. Non terán diferenzas de nivel con respecto á cota da planta, polo que non poderán ter chanzos, nin outros elementos arquitectónicos similares, para facilitar o transporte de elementos pesados.
A sala terá unha forma rectangular.
Evitarase que os recintos se atopen na proxección vertical de desaugadoiros e, en todo caso, garantirase a súa protección fronte á humidade.
As canalizacións no interior do recinto non poden ser tapadas polos armarios, senón que terán que ser practicables en todo o seu percorrido ata a súa entrada no armario.
O chan poderá ser de pavimento ríxido ou chan técnico se é arquitectonicamente compatible co resto da planta. Recoméndase unha altura de chan técnico de polo menos 20 cm. Debe contar con capacidade portante suficiente para soportar o peso dos armarios de comunicacións e o resto de elementos do recinto.
O chan será capaz de disipar cargas electrostáticas. Non pode ser de material illante.
As paredes deben ser lisas, sen columnas nin saíntes. Estarán pintadas con pintura plástica de cor branca.
Nos recintos non poderá haber ventás nin calquera outro tipo de acceso ao exterior do edificio.
En caso de ser posible, as portas dos recintos de comunicación deberán abrir cara ao exterior para non reducir o espazo útil do recinto. Deberán ter ancho de paso mínimo de 80 cm.
2.4.1.2.3. Equipamento xeral.
Os recintos de comunicacións deberán contar coas seguintes dotacións xerais:
2.4.1.2.3.1. Ventilación e climatización.
O recinto dispoñerá preferentemente de mecanismos de ventilación mecánica que permitan unha renovación total do aire do local polo menos dúas veces á hora. Permitirá tamén a ventilación natural forzada por medio de conduto vertical e aspirador estático. As entradas de ventilación forzada estarán dotadas de filtros para non introducir impurezas nas salas.
Como mínimo, a porta do recinto deberá dispoñer de reixas para o intercambio de aire co interior do edificio.
Os recintos deben manter unhas condicións de temperatura de 19 a 22 °C e unha humidade do 50 %, polo que deberán estar preparados para albergar o equipamento de climatización necesario.
* Consideracións especiais para edificios estratéxicos.
O recinto deberá contar cun sistema de climatización de precisión.
2.4.1.2.3.2. Iluminación.
Nas salas instalarase unha iluminación xeral tal que exista un nivel medio de iluminación de 300 lux. A iluminación contará cun mecanismo de control que permita o control da súa activación e desactivación cando así se requira. No caso de empregarse un interruptor con este fin, este deberá situarse ao lado da porta.
Deberán instalarse equipamentos autónomos de iluminación de emerxencia.
2.4.1.2.3.3. Medidas contra incendios.
Nos recintos de telecomunicacións instalarase, polo menos, un extintor portátil específico para lumes eléctricos, preferentemente de CO2. Nas proximidades destas salas, a unha distancia da súa porta non superior a 2 metros, instalarase un extintor adicional.
Os extintores e a súa instalación deben cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 513/2017, de 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de instalacións de protección contra incendios.
No caso de que se requira un sistema de detección e extinción de incendios, deberá estar interconectado coa central de seguridade do edificio para que o persoal de vixilancia dispoña da sinalización adecuada da alarma.
O sistema de detección debe evitar, na medida do posible, os falsos positivos, mediante técnicas de detección múltiple. O sistema de extinción de incendios non debe danar o equipamento instalado no recinto.
Nos CPD, o sistema de detección e extinción de incendios dispoñerá de dous botóns: un de disparo e outro de parada, con tapa de protección.
As aberturas cara a outras estancias do edificio deberán estar protexidas por cortalumes para evitar a propagación de lume e fume. No caso de tiros verticais os elementos cortalumes atoparanse como mínimo cada tres plantas.
2.4.1.3. Armarios de comunicacións da cablaxe estruturada.
Nos armarios de comunicacións, situados dentro dos recintos de comunicacións, instalaranse todos os elementos necesarios para a implementación dos repartidores de interconexión, campus, edificio e planta.
2.4.1.3.1. Dimensionamento dos armarios.
Para o dimensionamento vertical dos armarios, en unidades de rack (U), hai que ter en conta cada unha das funcións que vai realizar:
• Se o armario ten a función de repartidor de interconexión, débense reservar 4 unidades (2 en caso de pequenas dependencias).
• Se o armario ten a función de repartidor de campus, débense reservar dúas unidades de armario por cada 8 enlaces de fibra (de 12 fibras cada un), unha para o panel de fibra e outra para o seu pasafíos. O número de enlaces dependerá do número de edificios do campus. En caso de edificios estratéxicos, os enlaces con cada edificio estarán redundados.
• Se o armario ten a función de repartidor de edificio, débense reservar dúas unidades de armario por cada 8 enlaces de fibra (de 12 fibras cada un), unha para o panel de fibra e outra para o seu pasafíos. O número de enlaces dependerá do número de repartidores de planta noutros armarios. Se se utilizan paneis de cablaxe multipar, será necesario reservar dúas unidades por cada 50 tomas de telefonía en cada repartidor de planta noutros armarios. En caso de edificios estratéxicos, estes enlaces con cada repartidor de planta deben estar redundados, polo que se duplicará o número de unidades reservadas. Se é necesario un enlace co repartidor de campus, débese ter en conta este enlace para dimensionar os paneis de fibra.
• Se o armario ten a función de repartidor de planta, débense reservar dúas unidades de armario por cada 24 tomas das plantas a que dea servizo, unha para o panel de cobre e outra para o seu pasafíos. Se é necesario un enlace co repartidor de edificio, débense reservar dúas unidades para o panel de fibra dese enlace e o seu pasafíos.
• Débense reservar 2 unidades de armario por cada 24 tomas de datos, unha para o conmutador e outra para o seu pasafíos. Se o armario ten as funcións de RC ou RE, débense reservar dúas unidades adicionais para a electrónica de agregación de cada un.
• Débense reservar, polo menos, dúas unidades de armario para a instalación dos dous regreteiros eléctricos para montar en bastidor. Recoméndase a reserva de 4 unidades, deixando unha unidade libre debaixo de cada regreteiro.
Hai que ter en conta que se debe reservar o 30 % das unidades de armario para ampliacións futuras. Este espazo deberá permitir o crecemento de cada un dos bloques: paneis de fibra, de cobre, electrónica de rede e regreteiros eléctricos.
Cando o número de U calculado (tendo en conta a reserva) sexa menor ou igual a 24, utilizaranse armarios cun mínimo de 24 U. Se as U calculadas son maiores de 24, utilizaranse armarios de 47 U. Permiten tamén outros valores de alturas coa condición de que se respecten os mínimos indicados. Permitiranse outros tamaños entre esas dúas alturas cando estea xustificado.
* Consideracións especiais para pequenas dependencias.
Excepcionalmente, coa autorización do órgano competente, permitirase o uso de armarios de 6, 9, 12 e 15 U no caso de que as circunstancias particulares do recinto de comunicacións o fagan preciso.
2.4.2. Infraestrutura de distribución.
A infraestrutura de distribución está formada polas canalizacións que proporcionan os espazos e o soporte para a cablaxe de telecomunicacións instalada.
Como norma xeral, as canalizacións transcorrerán por espazos de uso común ou de uso específico para instalacións, para facilitar o acceso a estas ao persoal técnico. Sempre que sexa posible contarase cun patio de condutos de uso exclusivo para telecomunicacións, para o percorrido vertical da cablaxe, segundo se indica no número 4.1.4.1 Patios de condutos.
O trazado da canalización terá o menor número de curvas posible e estas terán o maior raio de curvatura posible.
Utilizaranse os elementos de soporte e fixación, de suxeición de cables e os accesorios que indique o fabricante. As canles instalaranse paralelas ás liñas de intersección entre teito/chan e paredes.
Dependendo do subsistema de cablaxe a que dean soporte, empregaranse distintos tipos de canalizacións pero, de forma xeral, cumprirase coas seguintes especificacións:
a) Todo o percorrido da cablaxe, desde a súa saída do armario de comunicacións ata a toma final, transcorrerá obrigatoriamente por canalización, de tal maneira que ningún cable transcorra solto por ningún tramo de todo o percorrido, nin teña contacto directo con materiais de obra, xeso, ladrillo, formigón, ferros, cristal ou calquera superficie que poida danar a súa estrutura.
b) No caso de ampliacións de cablaxe, sempre que sexa posible, utilizaranse as canalizacións existentes de que dispoña o centro para instalar a nova cablaxe.
c) No caso de nova instalación de cablaxe ou de ampliacións que non dispoñan de espazo nunha canalización existente, dimensionaranse novas canalizacións de forma que permitan, polo menos, un crecemento do 50 % da cablaxe de telecomunicacións prevista inicialmente.
d) As canalizacións deben ser adecuadas para asegurar que o cable sexa instalado sen afectar as súas prestacións (manter raio de curvatura, evitar que a cuberta se rasque etc.). Deberán cumprir as normativas aplicables correspondentes.
e) A cablaxe eléctrica e a de telecomunicacións terá que discorrer por canalizacións separadas en todo o seu percorrido, excepto no último tramo (como máximo 15 metros) ata o rexistro de tomas.
As canalizacións do edificio pódense dividir en canalización de entrada, canalización principal e canalización secundaria.
2.4.2.1. Canalización de entrada.
Segundo o tipo de acometida do edificio, a canalización de entrada pode ser inferior e/ou superior.
A canalización de entrada inferior comunica a arqueta de entrada co repartidor de interconexión (RX).
A canalización de entrada superior comunica os sistemas de captación, xeralmente na cuberta do edificio, co repartidor de interconexión (RX).
2.4.2.1.1. Canalización de entrada inferior.
A canalización de entrada inferior estará composta por 6 tubos de 63 mm ou 4 tubos de 110 mm de diámetro exterior. Este número poderá ser inferior para pequenas dependencias, coa autorización do órgano competente en materia de telecomunicacións. Estes tubos conectarán coa arqueta exterior a unha altura de 150 mm do seu fondo, e finalizarán no repartidor de interconexión instalado nun recinto de telecomunicacións.
Os tubos terán guías e tapóns en ambos os extremos para evitar a entrada de sucidade e humidade no seu interior.
A canalización de entrada inferior divídese en dous tramos: canalización exterior e canalización de enlace.
A canalización exterior que provén da arqueta de entrada introdúcese no complexo a través do punto de entrada xeral, habitualmente un pasamuros, e termina no rexistro de enlace.
A canalización de enlace é a prolongación da canalización exterior empregada para chegar desde o rexistro de enlace ao repartidor de interconexión (RX).
2.4.2.1.2. Canalización de entrada superior.
A canalización de entrada superior estará formada como mínimo por 2 tubos de 40 mm de diámetro exterior e deberá chegar ata o interior do repartidor de interconexión instalado nun recinto de telecomunicacións.
2.4.2.2. Canalización principal.
Esta canalización é a que soporta a rede troncal e de distribución do edificio.
Parte do recinto de comunicacións principal e consiste nunha canalización que, no caso de sistemas SCE, conecta o repartidor principal do edificio cos repartidores de planta e, no caso de sistemas non SCE, conecta os rexistros secundarios co rexistro principal.
2.4.2.3. Canalización secundaria.
A canalización secundaria é a que soporta a cablaxe desde os repartidores de planta ata as tomas de telecomunicacións.
É fundamental que esta canalización sexa accesible en todo o seu percorrido, co obxectivo de facilitar a instalación de novos puntos de conexión e o mantemento dos existentes.
2.4.2.4. Requisitos de deseño.
As canalizacións deben ter unha estrutura xerárquica, en que cada tramo dea servizo ao maior número de puntos finais posibles. Estes puntos finais serán os recintos (na canalización principal), rexistros de paso e rexistros de tomas. Deste xeito, os tramos de maior capacidade estarán máis próximos ao inicio da canalización e esta irá diminuíndo a súa capacidade segundo se vaia bifurcando.
Débense evitar tramos horizontais de varios tubos en paralelo e recoméndase, en lugar dos tubos, a montaxe de canles (plásticas ou metálicas) de suficiente capacidade para o mazo de cables, o que achega máis flexibilidade para ampliacións futuras. O último tramo ata a toma realizarase mediante tubos ou canle vista.
Como norma xeral, as canalizacións encaixadas deberán realizarse mediante tubo curvable. As canalizacións á vista deberán realizarse mediante canle, preferentemente con tapa. As características dos materiais empregados detállase no capítulo 3.3 Características dos materiais empregados en canalizacións.
As canalizacións deben permitir a ampliación da cablaxe inicialmente proposta nun 50 %.
O trazado das canalizacións farase seguindo preferentemente liñas verticais e horizontais, paralelas ás arestas das paredes que limitan o local onde se efectúa a instalación. Como norma xeral, as canalizacións deberán estar, como mínimo, a 10 cm de calquera encontro entre dous paramentos.
Nas reformas en que, nun mesmo habitáculo, se teña que baixar a cablaxe desde o falso teito por canalización de superficie para varios rexistros de tomas, débese realizar unha única canalización de baixada. Desde esa baixada, e á beira do rodapé, debe transcorrer toda a canalización de superficie.
Naqueles tramos do percorrido onde haxa que realizar algún ángulo interior ou exterior (enlazar a canle, final de tramo etc.), utilizaranse os elementos que o fabricante previu para tales efectos. Non se levarán a cabo accións como a realización de bispeis ou manipulacións manuais en lugar da colocación de accesorios. Tampouco se utilizarán siliconas ou produtos químicos similares sobre a base exterior da canalización.
No caso de reforma, tras a finalización dos traballos de instalación, terá que retirarse toda a cablaxe e material obsoleto.
2.4.2.5. Dimensionamento das canalizacións.
Para realizar o cálculo das dimensións da canalización utilizarase a seguinte fórmula:
Sint_can ≥ f·∑(ni·π·di2/4)
Onde:
Sint_can = sección interior da canalización.
Para tubos: Sint_can = π·d2/4, onde d é o diámetro interior do tubo.
Para canle: Sint_can = b·s, onde b é a base interior e s é a altura interior.
di: diámetro do cable de tipo i.
ni = número de cables de tipo i. Debe multiplicarse por 1,5 (empregando o enteiro maior), para ter en conta un crecemento do 50 %.
f = coeficiente en función do sistema de instalación da canalización: 2,5 para instalación superficial, 3 para encaixado e 4 para enterrado. Para canles f = 2,5 e para tubos encaixados f = 3.
3. Especificacións técnicas dos elementos das infraestruturas.
As calidades e especificacións indicadas neste capítulo teñen carácter de mínimos, pero poden ser aplicables parámetros máis restritivos ou melloras técnicas sempre que conten coa aprobación do órgano competente en materia de telecomunicacións.
3.1. Arquetas.
A arqueta deberá soportar as sobrecargas normalizadas en cada caso e o empuxe do terreo. A tapa será de formigón armado ou de fundición e estará provista de peche de seguridade. A arqueta terá un punto de acceso para cada tubo das canalizacións.
As tapas cumprirán o especificado na norma UNE-EN 124 (Dispositivos de cubrimento e de peche para zonas de circulación utilizadas por peóns e vehículos. Principios de construción, ensaios de tipo, marcación, control de calidade) e un grao de protección IP55.
As arquetas de entrada, ademais, dispoñerán de peche de seguridade e de dous puntos para tendido de cables en paredes opostas ás entradas de condutos situados a 150 mm do fondo, que soporten unha tracción de 5 kN.
3.2. Rexistros de paso.
Os rexistros de paso poderanse realizar practicando un oco na parede, este terá as paredes do fondo e laterais perfectamente rematadas. Deberán quedar perfectamente pechados cunha tapa ou porta, con peche de seguridade, e levarán un cerco que garanta a solidez e indeformabilidade do conxunto.
Tamén se poderá encaixar no muro unha caixa coa correspondente porta ou tapa.
Os rexistros utilizados no interior do inmoble, serán libres de halóxenos cunha resistencia ao impacto mínima IK07. A resistencia ao impacto mínima para os rexistros utilizados no exterior será de IK10. En ambos os casos, terán un grao de protección mínimo IP55.
3.3. Características dos materiais empregados en canalizacións.
Todo o material empregado no interior do edificio será libre de halóxenos e non propagador da chama.
3.3.1. Tubo curvable de material libre de halóxenos.
Os tubos deben cumprir, segundo o seu tipo de instalación, as características indicadas na ITC-BT-21 do REBT.
Xeralmente, o tubo que se debe utilizar para o percorrido dos cables polo interior do edificio (paredes, teitos e falsos teitos), debe ser tubo curvable coas seguintes características mínimas:
|
Características |
Código |
Grao |
|
Resistencia á compresión |
2 |
Lixeira |
|
Resistencia ao impacto |
2 |
Lixeira |
|
Temperatura mínima de instalación e servizo |
2 |
-5 °C |
|
Temperatura máxima de instalación e servizo |
1 |
+50 °C |
|
Resistencia ao curvado |
1-2-3-4 |
Calquera das especificacións |
|
Propiedades eléctricas |
0 |
Non declaradas |
|
Resistencia á penetración de obxectos sólidos |
4 |
Contra obxectos D ≥ 1 mm |
|
Resistencia á penetración da auga |
2 |
Contra gotas de auga caendo verticalmente cando o sistema de tubos está inclinado 15º |
|
Resistencia á corrosión de tubos metálicos e compostos |
2 |
Protección interior e exterior media |
|
Resistencia á tracción |
0 |
Non declarada |
|
Resistencia á propagación da chama |
1 |
Non propagador |
|
Resistencia ás cargas suspendidas |
0 |
Non declarada |
As paredes interiores dos tubos deben ser preferentemente lisas.
3.3.2. Canle de material libre de halóxenos.
As canles deben cumprir, segundo o seu tipo de instalación, as características indicadas na ITC-BT-21 do REBT.
As canles vistas, empregadas cando o centro non dispoña de falso teito e nas baixadas aos postos de traballo, cumprirán as seguintes características mínimas:
|
Características |
Grao |
|
|
Dimensión ao lado maior da sección transversal |
≤ 16 mm |
> 16 mm |
|
Resistencia ao impacto |
Moi lixeira |
Media |
|
Temperatura mínima de instalación e servizo |
+15 °C |
-5 °C |
|
Temperatura máxima de instalación e servizo |
+60 °C |
+60 °C |
|
Propiedades eléctricas |
Illante |
Continuidade eléctrica/illante |
|
Resistencia á penetración de obxectos sólidos |
4 |
Non inferior a 2 |
|
Resistencia á penetración da auga |
Non declarada |
|
|
Resistencia á propagación da chama |
Non propagador |
|
3.3.3. Bandexas para cablaxe.
Para a condución de cables poderán empregarse bandexas, que cumprirán os requisitos das normas UNE-EN 61537 e UNE-EN 50085.
3.4. Características dos materiais empregados para cablaxe.
As normas de referencia en canto ás características dos cables empregados a continuación son ISO/IEC 11801 e a UNE-EN 50173, aínda que, co obxecto de concretar detalles específicos, tamén se fará referencia á norma TIA/EIA-568B e 569.
Toda cablaxe empregada deberá ter a cuberta libre de halóxenos. A súa clasificación CPR de protección contra o lume debe ser, como mínimo, Cca-S1b, d1, a1, excepto en cables de exterior, multipar e coaxial RG11, que poderán ser Dca (sempre que non exista ese tipo de cable con clasificación Cca no mercado).
3.4.1. Fibra óptica.
A fibra poderá ser multimodo ou monomodo.
A fibra multimodo deberá ser, como mínimo, categoría OM4. A fibra monomodo deberá ser, como mínimo, de categoría OS2.
3.4.1.1. Fibra óptica multimodo.
O cable de fibra multimodo cumprirá, como mínimo, as especificacións da clase óptica OM4 segundo se define no estándar ISO 11801, e estará composto por fibras de índice gradual con núcleo de 50 μm e un revestimento de diámetro 125 μm. Esta fibra deberá permitir a transmisión de datos a taxas de ata 10 xigabit ethernet en distancias de ata 400 m.
O puído dos conectores de fibra multimodo será de contacto físico PC (Physical Contact).
3.4.1.2. Fibra óptica monomodo.
A fibra monomodo cumprirá, como mínimo, as especificacións da clase óptica OS2 segundo se define no estándar ISO 11801. Deberá ser de índice gradual, cun revestimento de 125 μm e núcleo de 9 μm. Esta fibra deberá operar no rango completo de lonxitudes de onda desde 1310 nm a 1550 nm, e deberá permitir a transmisión de datos a taxas de ata 10 xigabit ethernet en distancias de ata 10 km.
As fibras levarán un recubrimento que asegure a persistencia da cor, minimice as perdas por microcurvaturas e facilite o seu manexo, e a cuberta poderase retirar mecanicamente.
O puído dos conectores de fibra monomodo será de contacto físico PC (Physical Contact), aínda que permitirá a utilización de puído APC sempre e cando o órgano competente de telecomunicacións o aprobe.
3.4.1.3. Cables de conexión de fibra óptica.
Os cables de conexión de fibra óptica conectarán os paneis de parcheo de fibra óptica entre si e co porto do equipamento electrónico. Os cables de conexión dispoñerán das dimensións necesarias para a realización desta conexión, habitualmente serán de 2 metros con conector LC/PC-LC/PC
Os cables de conexión de fibra deberán de ser do mesmo tipo e categoría da cablaxe que estenden, e deberán cumprir coas exixencias especificadas para o enlace ao cal pertencen.
3.4.2. Cablaxe de catro pares trenzados.
3.4.2.1. Características da cablaxe de catro pares trenzados
O cable de cobre cumprirá, como mínimo, as características da clase E (categoría 6) estándar segundo ISO/IEC 11801. Cumprirá, ademais, cos requisitos exixidos nas normas Cenelec EN50173 e ANSI/TIA-568. Tamén deberá cumprir co estándar IEEE 802.3bt para permitir o uso de POE.
A temperatura de operación da cablaxe terá que estar entre os -20 °C e os 60 °C.
O cable deberá permitir a transmisión de sinais co ancho de banda mínimo indicado na categoría elixida.
Os cables estarán finalizados en ambos os extremos con conectores RJ45, segundo a norma ISO/IEC 8877, que aceptarán cable 23 AWG ou 24 AWG mediante desprazamento de illante. O conector empregado será sempre do mesmo tipo, clase/categoría e fabricante que o cable.
* Consideracións especiais de edificios estratéxicos.
Nestes edificios o cable de catro pares trenzados empregado será de categoría 6A ou superior.
3.4.2.2. Cables de conexión de catro pares trenzados.
Os cables de conexión de catro pares trenzados deberán ter a mesma categoría/clase da cablaxe que estenden e deberán cumprir cos requisitos exixidos no enlace ao cal pertencen. Adicionalmente, presentarán as seguintes características:
a) Os cables de conexión virán preformados e verificados de fábrica unitariamente.
b) Compostos por cables de 4 pares trenzados.
c) Co propósito de dotalos da máxima flexibilidade proporcionada polo cable multifilar, así como do mellor rendemento do fío de cobre sólido, o cable estará construído sen espazo entre os fíos multifilares.
d) Os cables de conexión estarán finalizados, en ambos os extremos, cun conector RJ45 macho.
e) As lonxitudes típicas dos cables de conexión serán de 2 e 3 metros.
f) Todos os cables de conexión deben cumprir as especificacións EIA/TIA568, ISO/IEC11801 e EN50173.
g) A asignación de pins será a T568B, definida na norma EIA/TIA-568.
3.4.3. Cablaxe multipar.
O cable multipar cumprirá, como mínimo, as características da categoría 3 e deberá permitir a transmisión de sinais cun ancho de banda de ata 16 MHz.
As mangueiras de cable multipar estarán dispoñibles en configuracións de 25, 50 e 100 pares.
Estas mangueiras acabarán nos armarios de comunicacións en paneis de parcheo UTP e conectarase en cada porto un só par da mangueira.
3.4.4. Cable coaxial.
O cable coaxial será empregado nos sistemas de distribución de audio e vídeo. En cumprimento da normativa directriz destes subsistemas, o cable coaxial da instalación deberá estar preparado para permitir os obxectivos de calidade establecidos no RD 346/2011, anexo I.
Tal e como se indica nese anexo, presumiranse conformes coas especificacións solicitadas aqueles cables que acrediten o cumprimento das normas UNE-EN 50117-2-4 (cables coaxiais. Parte 2-4: especificación intermedia para cables empregados en redes de distribución cabladas. Cables de acometida interior para sistemas operando entre
5 MHz-3.000 MHz) e UNE-EN 50117-2-5 (cables coaxiais. Parte 2-4: especificación intermedia para cables empregados en redes de distribución cabladas. Cables de acometida interior para sistemas operando entre 5 MHz-3.000 MHz) e que reúnan as seguintes características técnicas:
• Condutor central de cobre e dieléctrico polietileno celular físico.
• Pantalla cinta metalizada e trenza de cobre ou aluminio.
• Cuberta non propagadora de chama para instalacións interiores e de polietileno para instalacións exteriores.
• Impedancia característica media: 75 ± 3 Ω.
• Perdas de retorno segundo a atenuación do cable (α) a 800 MHz:
|
Tipo de cable |
5-30 MHz |
30-470 MHz |
470-862 MHz |
862-2.150 MHz |
|
α ≤ 18 dB/100 m |
23 dB |
23 dB |
20 dB |
18 dB |
|
α > 18 dB/100 m |
20 dB |
20 dB |
18 dB |
16 dB |
3.5. Armarios de comunicacións.
Os armarios albergarán o equipamento activo e pasivo dos sistemas de telecomunicacións e estarán situados nos recintos de comunicacións. Todos os armarios que se instalen deberán cumprir a Directiva europea 2004/108/CE sobre compatibilidade electromagnética, polo que levarán a distintivo CE.
Así mesmo, deberán cumprir cos requisitos das seguintes normas:
a) Norma de fabricación IEC 60297 (UNE-EN 60297): armarios, panel e equipamento asociado.
b) Norma UNE EN -60529: graos de protección proporcionados pola envolvente IP-20.
c) Norma UNE-EN 62262: graos de protección proporcionados pola envolvente contra os impactos mecánicos externos IK-08.
Tamén deberán cumprir cos requisitos de seguridade para persoas e cousas exixidas polas seguintes directivas comunitarias:
a) Directiva 2014/35/UE sobre material eléctrico de baixa tensión.
b) Regulamento (UE) nº 305/2011 sobre produtos de construción.
3.5.1. Características dos armarios.
Os armarios de comunicacións destinados a albergar os compoñentes do SCE deberán cumprir coas seguintes características:
• Os armarios terán un ancho de 800 mm e un fondo mínimo de 800 mm. Se se prevé a instalación de servidores no armario, ou se se van a instalar tomas con POE, como wifi ou cámaras IP, recoméndase a utilización de armarios de máis fondo.
• Os armarios deberán ser de pé.
• Estarán optimizados para protexer a cablaxe e os cables de conexión. Os paneis laterais serán de aceiro de 0,7 mm como mínimo.
• A parte superior do armario será de 0,9 mm como mínimo, de aceiro sólido.
• Dispoñerán de porta frontal e traseira dobres microperforadas. As portas deberán ter pechadura.
• Os paneis laterais serán desmontables. É desexable que conten con algún mecanismo de protección para evitar manipulacións non autorizadas.
• O acceso aos cables deberase poder realizar pola parte superior, inferior, frontal, traseira e lateral.
• Os armarios en que está prevista a utilización de cables de conexión de fibra óptica que conectan con outros armarios deberán contar na parte superior cun acceso dedicado ao guiado destes cables de conexión.
* Consideracións especiais para pequenas dependencias.
Permitirán armarios murais só de forma excepcional naquelas localizacións onde o armario de pé non sexa viable. Nestes casos, deberase indicar na documentación esta circunstancia mediante un estudo das alternativas avaliadas, así como a xustificación da opción elixida.
3.5.2. Dotación interior.
Os armarios de comunicacións albergarán os seguintes elementos:
• Unidade de ventilación.
• Paneis de parcheo de fibra cos seus pasafíos, se procede.
• Paneis de parcheo de cobre cos seus pasafíos, se procede.
• Paneis de parcheo multipar cos seus pasafíos, se procede.
• Bandexas para soporte de equipamentos en bastidor, nos casos de repartidores de interconexión.
• Regreteiros eléctricos.
• Pasafíos verticais.
As unidades de armario non utilizadas deberán ter instaladas tapas cegas.
3.6. Paneis de parcheo.
Os paneis de parcheo son os elementos onde se centraliza o SCE, xa que permiten a asignación de circuítos e conexións da cablaxe procedente dos subsistemas vertical, horizontal e de interconexión.
Existirán distintos tipos de paneis, en función dos tipos de cablaxe: fibra monomodo, fibra multimodo, cobre e multipar.
3.6.1. Paneis de fibra óptica.
Os paneis de conexión para fibra óptica permiten a correcta terminación dos cables de fibra óptica e a conexión dos equipamentos que acceden a eles. Consisten en caixas modulares con pasafíos e paneis para a inserción dos conectores finais da fibra.
Os cables de fibra óptica terminaranse mediante fusión a pigtail e este conectarase directamente no panel de fibra. A fibra tamén poderá ser preconectorizada mediante conector MPO.
Os paneis de fibra serán de 19 polgadas de 1U de altura. Os que formen parte do repartidor de edificio terán capacidade para albergar 48 conectores LC dúplex, é dicir, terán unha densidade de 96 fibras. Nos repartidores de planta permítense paneis de 24 conectores LC dúplex. Cada panel levará asociado un pasafíos horizontal e estará convenientemente identificado.
Terase acceso frontal aos paneis para o conexionado, o empalme e o almacenamento das fibras ópticas instaladas nos armarios, e permitirá o percorrido diversificado para reducir a conxestión da cablaxe.
3.6.2. Paneis de parcheo de cobre.
Os paneis de parcheo serán a terminación dos cables do subsistema horizontal. Estes paneis, incluíndo os seus conectores, deberán presentar as seguintes características:
a) Paneis modulares de 19 polgadas de 1 U de altura (44,5 mm).
b) O seus conectores serán do mesmo tipo, categoría e fabricante que o cable do enlace permanente.
c) Dispoñerán de 24 portos para conectores RJ45 na parte frontal e permitirán en todo momento a manipulación, retirada e reposición dun dos conectores independentemente dos demais.
d) Incluirán un soporte traseiro para a xestión e embridado de cada un dos cables horizontais.
e) En sistemas de cable apantallado, o conector deberá estar conectado á terra a través do panel.
f) O panel debe satisfacer as prestacións mínimas garantidas, cando se usa nunha configuración de canle de caso peor (100 metros con cables de conexión e punto de consolidación) xunto co resto de compoñentes.
g) Os conectores deben ser de tipo Keystone, coas súas conexións traseiras por desprazamento de illante, preferentemente con tecnoloxía de contacto a 45°.
h) Os conectores deben soportar o estándar IEEE 802.3bt para POE.
i) Os conectores permitirán polo menos 500 ciclos de conexión sen que ocorra ningún tipo de deformación nin mal contacto eléctrico.
Cada panel levará asociado un pasafíos horizontal rañurado de dobre fondo metálico con tapa, de forma que os cables aloxados no panel non se vexan.
3.6.3. Paneis de parcheo de cable multipar.
Utilizaranse paneis de categoría 3 con 50 portos RJ45 ocupando 1 U de altura.
Cada panel levará asociado un pasafíos horizontal rañurado de dobre fondo metálico con tapa e débese poder acceder a cada par de forma individual.
3.7. Rexistros de tomas de telecomunicacións.
Os rexistros de tomas consistirán en caixas universais que conteñen as tomas de telecomunicacións e, xeralmente, as tomas de alimentación eléctrica de rede e SAI.
Os rexistros de tomas cumprirán as seguintes condicións:
a) A caixa será modular de montaxe superficial ou encaixada. Terán espazo para unha, dúas, tres ou catro tomas, preferentemente con cuberta antipó. Dispoñerán de tapas cegas nas localizacións onde non se empreguen os módulos.
b) Para garantir a compatibilidade entre sistemas de distintos fabricantes, o soporte do conector será de tipo Keystone, ou proporcionarase o adaptador correspondente.
c) Os conectores RJ45 deben ser de tipo Keystone, coas súas conexións traseiras por desprazamento de illante, preferentemente con tecnoloxía de contacto a 45°. Deberán garantir o uso de POE.
d) Desaconséllase a utilización de caixas de chan sempre que sexa posible.
3.8. Características do videoporteiro.
O sistema de pechadura electrónica e videoporteiro para o control de acceso deberá ter a capacidade de establecer unha videochamada SIP co departamento técnico correspondente do órgano competente, que poderá actuar remotamente sobre a pechadura para abrir a porta.
En caso de imposibilidade no establecemento desa comunicación, o sistema deberá permitir a apertura da pechadura en local mediante un código preconfigurado que se deberá poder cambiar remotamente desde o organismo de telecomunicacións competente unha vez que esta se recupere.
O sistema de pechadura electrónica e videoporteiro incluirá:
• Toma de rede. O cable de comunicacións do videoporteiro deberá ser finalizado no panel de cobre e será etiquetado como o resto das tomas.
• Canalización con tubo corrugado e/ou canle de superficie cumprindo os requisitos indicados no número 2.4.2.5 Dimensionamento das canalizacións.
• Conector para batería independente.
O videoporteiro deberá contar coas seguintes características técnicas:
• Rexistro SIP.
• Teclado numérico.
• Chamada directa pulsando un botón no videoporteiro.
• Sensor de porta aberta/pechada, sensor que debe poder consultarse mediante SNMP, API ou URL.
• Apertura en remoto a través do DTFM (marcación dun número no teclado numérico do teléfono que recibe a chamada).
• Apertura en remoto a través dunha API ou unha URL.
• Apertura mediante un código en local. Este código soamente funcionará cando non se realice o rexistro SIP.
• Posibilidade de controlar dúas portas desde o mesmo videoporteiro.
• Dobre fonte de alimentación: a través de POE e a través de rede eléctrica.
Os mecanismos que regulen o control de acceso aos recintos deberán respectar o establecido no Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da administración electrónica.
3.9. Características dos elementos eléctricos.
Cada circuíto eléctrico que alimenta os regreteiros dos armarios debe estar protexido por un magnetotérmico e un diferencial de uso exclusivo para ese circuíto.
Os magnetotérmicos serán xeralmente de 16A.
Os diferenciais deberán ser bipolares de 30 mA instantáneos con 3kA de crista segundo onda 8/20 us. (diferenciais de tipo A segundo a norma UNE-EN 61008-1, coñecidos comunmente como diferenciais superinmunizados).
A cablaxe eléctrica debe ter unha clase CPR mínima Cca-S1b, d1, a1.
Os regreteiros eléctricos que se instalan nos armarios de telecomunicacións deben ser de 16A, sen interruptor, para bastidor e con 8 enchufes tipo F (Schucko) cada un.
3.10. Garantía dos materiais.
O período mínimo de garantía para os materiais aquí descritos será de 10 anos. Esta garantía deberá ser apoiada mediante os certificados de fabricante.
4. Requisitos de instalación.
A continuación descríbense os requisitos que haberá que respectar na instalación dos elementos dos sistemas descritos nas epígrafes anteriores.
As empresas que realicen instalacións de telecomunicacións terán que estar inscritas no Rexistro de Instaladores de Telecomunicación da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, segundo a Lei 11/2022, do 28 de xuño, xeral de telecomunicacións.
Segundo a Orde ITC/1142/2010, do 29 de abril, pola que se desenvolve o Regulamento regulador da actividade de instalación e mantemento de equipamentos e sistemas de telecomunicación, aprobado polo Real decreto 244/2010, do 5 de marzo, para instalacións de categoría 6 ou superior, a empresa estará dentro do tipo F.
As normas de referencia en canto aos requisitos de instalación son ISO/IEC 11801 e UNE-EN 50173.
Será preciso aplicar os requisitos de calidade tanto aos materiais empregados como aos traballos de instalación. Deste xeito, convén resaltar que a simple utilización de materiais dunha determinada categoría non asegura a clasificación dos enlaces/canles dentro da mesma categoría, xa que unha instalación defectuosa pode levar a unha clasificación inferior.
As instalacións eléctricas deberán ser realizadas unicamente por instaladores autorizados de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
4.1. Instalación de elementos.
4.1.1. Armarios de comunicacións.
O armario de comunicacións dispoñerá dun espazo totalmente libre ao seu arredor, de 1,5 m co frontal, 1,2 m coa parte traseira e 0,5 m con cada un dos laterais. Este espazo non se poderá ver ocupado por ningún dos elementos instalados no recinto de telecomunicacións.
Se se sitúan varios armarios en fila, este conxunto considerarase como unha unidade, polo que o espazo libre respectarase arredor do conxunto.
Cando as dimensións do recinto permitan instalar máis armarios dos inicialmente previstos, deberán situarse estes de forma que se poidan instalar novos armarios no futuro sen ter que desprazar os existentes.
4.1.1.1. Colocación de elementos dentro dos armarios SCE.
En xeral, a disposición dos distintos elementos dentro dun armario de comunicacións destinado a aloxar compoñentes do sistema de cablaxe estruturada será, de arriba a abaixo, a seguinte:
a) Kit de ventilación para a disipación da calor.
b) Paneis de fibra (1 U) co seu pasafíos (1 U), tantos como sexan necesarios.
c) Espazo de crecemento (polo menos 2 U) para novos paneis de fibra no caso de RE e RC. Debe estar dotado de tapas cegas.
d) Paneis de cable de cobre (1 U) co seu pasafíos (1 U), tantos como sexan necesarios.
e) Espazo de crecemento (polo menos 2 U) para novos paneis de cobre no caso de RP. Debe estar dotado de tapas cegas.
f) Espazo para electrónica de comunicacións e pasafíos. As unidades necesarias segundo o número de tomas.
g) Espazo de crecemento para electrónica de comunicacións. Debe estar dotado de tapas cegas.
h) Bandexa para equipamentos de comunicacións do operador, con 4 unidades libres, para o caso de RX.
i) Paneis de cablaxe multipar (1 U) co seu pasafíos (1 U), tantos como sexan necesarios.
j) Espazo de crecemento (polo menos 2 U) para novos paneis de cablaxe multipar, sempre que exista polo menos un panel deste tipo. Debe estar dotado de tapas cegas.
k) 2 regreteiros de alimentación de 16A de 8 tomas (sen interruptor). Deben situarse nas dúas U máis baixas do armario (U1 e U2). Recoméndase a reserva de 4 unidades, deixando unha unidade libre debaixo de cada regreteiro.
4.1.1.2. Colocación dos cables dentro dos armarios.
No interior do armario a cablaxe debe estar guiada e ordenada, de forma que non quede solta.
A cablaxe entrará pola parte superior do armario, excepto no caso de recintos con chan técnico, nos cales poderá entrar pola parte inferior. A lonxitude da cablaxe no interior do armario debe ser a suficiente para permitir o movemento de calquera dos paneis a calquera U do armario. As baixadas e subidas da cablaxe polo armario faranse a través dos laterais. A chegada dos cables aos paneis debe ser horizontal, ocupando unicamente a U propia do panel ou do seu pasafíos.
Cada panel de conexión ou equipamento activo instalado no armario levará asociado un pasafíos horizontal rañurado de dobre fondo metálico con tapa. Realizaranse agrupacións de cables en mazos segundo a situación do panel en que terminan e o seu percorrido. O acceso dos cables aos paneis farase de maneira ordenada, repartiranse horizontalmente ao longo da traseira do panel. Débese empregar o soporte traseiro do panel para a xestión e embridado destes cables.
Os pasafíos verticais deben ser específicos para armarios de cablaxe. Non se deben instalar canalizacións de cablaxe no interior dos armarios.
As canalizacións de cablaxe dentro do recinto serán practicables en todo o seu percorrido ata a entrada ao armario.
Todos os cables deberán ser marcados, na parte traseira do panel, coa referencia da toma de comunicacións mediante aneis ou etiquetas brida, segundo o indicado no número 4.2 Criterios de etiquetaxe.
4.1.1.3. Conexión á terra dos armarios.
Conectaranse á terra todas as partes metálicas do armario utilizando para iso os elementos de conexión aconsellados polo fabricante.
4.1.2. Canalizacións.
As canalizacións para a cablaxe de datos deben ser exclusivas para este. Só se permitirán canalizacións con compartimentos (para cables de datos e cables de forza) no último tramo (como máximo 15 metros).
Non se deben instalar baixo canalizacións de auga, vapor etc. Os cruzamentos con outras instalacións realizaranse preferiblemente de forma perpendicular.
As canalizacións secundarias deben dar servizo á planta pola que discorren. En caso de repartidores de planta que dean servizo a varias plantas, accederase ás distintas plantas a través de patios de condutos. Deben evitarse instalacións en que se perfore o forxado para o paso de cablaxe en múltiples puntos.
As canalizacións que discorran por falso teito deben contar con fixacións tipo varetas ou soportes ao forxado. Os tubos e a cablaxe deberán ir fixados mediante bridas reutilizables á canalización para a súa suxeición. Os cables fixaranse só na curvatura das canles co obxectivo de facilitar a súa substitución en caso de ser necesario.
O percorrido das canalizacións de cablaxe de datos debe ter en conta as posibles interferencias electromagnéticas coa cablaxe de forza, polo que se deberá respectar o establecido, en canto a distancias de separación, na norma UNE-EN50174-2. As cablaxes destes servizos deberán discorrer separadas unha distancia de 200 mm, excepto no último tramo (como máximo 15 metros) ata o rexistro de tomas.
Cando os sistemas de condución de cables para as instalacións de comunicacións sexan metálicos deberanse conectar á rede de terra e equipotencialidade do edificio.
As unións de rexistros con tubos realizaranse sempre cos conectores axeitados.
Os tubos terán guías e tapóns en ambos os extremos para evitar a entrada de sucidade e humidade no seu interior.
4.1.3. Cablaxes.
Cando se realice a tirada do cable, os instaladores deberán evitar todo tipo de torceduras e tiróns. Evitarase ademais o estrangulamento dos cables de datos pola utilización na instalación de bridas de apertamento ou outros elementos similares.
Para fixar mazos de cables empregaranse bridas reutilizables ou velcros.
Durante a instalación do cable coidaranse os seguintes aspectos:
a) Respectar o raio de curvatura mínimo dos cables indicado polo fabricante. Evitaranse, en todo caso, raios de curvatura inferiores a 5 cm.
b) Non superar a tensión de tracción máxima recomendada polo fabricante.
c) Seguir as recomendacións do fabricante e das diferentes prácticas habituais.
d) Protexer as arestas afiadas que poidan danar a cuberta dos cables durante a súa instalación.
4.1.3.1. Cables de fibra óptica.
A terminación de fibra óptica deberá instalarse da seguinte maneira:
Os cables de fibra óptica terminaranse mediante fusión a pigtail e este conectarase directamente no panel de fibra. A fibra poderá ser preconectorizada mediante conector MPO.
a) Enrolarase coidadosamente o exceso de fibra dentro do panel de terminación de fibra. Non se deixará material sobrante na parte exterior do panel.
b) Cada cable de fibra pelarase sobre o panel de terminación e as fibras individuais terminaranse mediante fusión a pigtail. O conector do pigtail conéctase ao adaptador do panel de terminación. No caso de fibra preconectorizada con conector MPO, este conéctase ao correspondente adaptador do panel.
c) Instalaranse tapas contra o po nos conectores e axustadores, a menos que estean conectados fisicamente.
d) En todo caso, a fibra terminarase en paneis de tipo LC dúplex con puído PC para a fibra multimodo e monomodo, agás que desde o órgano competente en materia de telecomunicacións se solicite a utilización de puído APC para a fibra monomodo.
No caso de que desde o armario saian cables de conexión de fibra, estes deberán ser guiados por un acceso superior reservado no armario para este fin, e desta forma garantirase a separación destes cables respecto a outro tipo de cablaxe (cobre, multipar, coaxial...).
A conexión das mangueiras de fibra debe seguir o estándar ANSI/TIA-598-D, que establece a orde segundo as cores dos fíos de fibra óptica.
4.1.3.2. Cables de catro pares trenzados.
O sistema de cablaxe proposto ten que superar de extremo a extremo as prestacións especificadas nos estándares actuais de cablaxe (ISO/IEC 11801, EIA/TIA 568, Cenelec EN50173 e a Directiva da Unión Europea de compatibilidade electromagnética EMC).
Cada cable termina nun panel de parcheo por un extremo e nun rexistro de tomas polo outro. Os cables estarán finalizados en ambos os extremos con conectores RJ45.
A lonxitude total da cablaxe entre o rexistro de tomas e o seu panel de terminación non poderá ser superior aos 90 metros, incluíndo o punto de consolidación en caso de existir.
A lonxitude total da canle de comunicacións formada polos cables de conexión e a cablaxe que unen un terminal de rede coa electrónica de comunicacións non poderá exceder os 100 m.
4.1.3.2.1. Conexionado en armarios de comunicacións.
Os cables estarán terminados en conectores RJ45 femia instalados nos paneis de parcheo.
Cada cable deberá estar claramente etiquetado na súa cuberta detrás do panel de parcheo nunha situación visible sen retirar os lazos de soporte do mazo.
4.1.3.2.2. Conexionado en rexistros de tomas.
Os cables estarán terminados en conectores RJ45 femia instalados nos rexistros de tomas.
Como excepción ao anterior, as tomas para dispositivos pegados á parede ou teito, como videoporteiros, lectores de tarxetas ou puntos de acceso wifi, poderán terminarse nun conector RJ45 macho (enlace MPTL), en lugar de nun rexistro de tomas. Este conector inserirase directamente no dispositivo.
Cada conector RJ45 de cada rexistro de tomas etiquetarase seguindo o esquema de identificación explicado na epígrafe de etiquetaxe, que deberá coincidir co código empregado no outro extremo do cable correspondente no panel de parcheo do armario de telecomunicacións.
Deberá deixarse enrolado un exceso de cable nas caixas murais ou superficiais coa condición de que haxa un espazo suficiente para iso sen ter que exceder o raio de curvatura.
En instalacións de parede oca onde se utilizan caixas de contedor, poderase deixar un exceso de cable nelas. Nunca se deixarán máis de 30 cm de cable sobrante na caixa mural, na canalización modular de mobiliario ou en paredes illadas. O exceso de cable pódese deixar enrolado no teito, arriba da localización, no caso de que non haxa suficiente espazo na caixa da toma para deixar o cable sobrante.
Teranse en conta as seguintes consideracións:
• Rexistros de tomas de superficie: en xeral, colocaranse a 20 cm do chan. En zonas especiais (talleres, aulas...) poderán colocarse a 1,1 m.
• Rexistros de tomas encaixados: ao pechar o rexistro coidarase que o cable non se dobre, esmague, nin enrole por debaixo do seu raio mínimo de curvatura.
• Rexistros de tomas de chan: as caixas de chan quedarán rasantes co chan, e montadas no centro da lousa de chan técnico. A tapa poderase pechar completamente con todas as tomas eléctricas e de rede de datos conectadas. As lousas do chan técnico que alberguen rexistros de tomas de chan non deben quedar baixo mobiliario ou outros obxectos que impidan o seu desmonte e manipulación. Recoméndase deixar tres metros de cable sobrante para permitir o desprazamento da lousa en que está instalado o rexistro.
4.1.3.3. Cable multipar.
A cablaxe multipar só se instalará na canalización troncal, xa que no sistema horizontal (SH) se desprega cablaxe de catro pares trenzados, igual que o resto das tomas.
A mangueira de cable multipar chega ao armario en que se atopa o panel de parcheo de voz e desde este punto conectarase ao porto correspondente do panel de datos, cun cable de conexión.
Para o conexionado individual dos condutores das mangueiras multipar deberá seguirse o código de cores indicado na norma IEC 60708.
4.1.3.4. Cables coaxiais.
O cable coaxial empregado para a transmisión de sinais de radio e TV terminará nos equipamentos correspondentes, ben mediante un conector ou conexión directa. Estes equipamentos deben estar sempre dentro de rexistros.
O raio de curvatura do cable non excederá 4 veces o diámetro exterior do cable.
4.1.4. Acondicionamento de espazos.
4.1.4.1. Patios de condutos.
Nos edificios de nova construción, e nas rehabilitacións en que sexa posible, contarase con patios de condutos exclusivos para a cablaxe de telecomunicacións. Estes patios de condutos deben comunicar todas as plantas.
As dimensións mínimas dos patios de condutos serán 400 × 400 mm. Serán capaces de soportar os sistemas de suxeición necesarios para instalar a cablaxe.
Deben contar con portas de acceso para a xestión da cablaxe que transportan. Estas portas deben abrir cara ao exterior e dispoñer de pechadura para evitar o acceso a persoal non autorizado.
Por tratarse de tiros verticais, instalaranse elementos cortalumes como mínimo cada tres andares. Débese manter a resistencia ao lume exixible nestes elementos, de acordo co establecido no artigo SI 1-3 do documento básico DB SI do Código técnico da edificación.
Cando se dispoña de patios de condutos no edificio, as subidas de cablaxe entre plantas deben facerse a través destes. En todo caso, estas subidas deben agruparse en pasos de planta suficientemente dimensionados. Deben evitarse instalacións que perforen o forxado para o paso de cablaxe en múltiples puntos.
4.1.4.2. Perforacións de planta e tabiques.
As perforacións de planta non deben afectar a estrutura do edificio nin tampouco incomodar o traballo diario do persoal do centro. Estas perforacións de planta realizaranse preferentemente en zonas comúns, evitando despachos ou salas para conseguir que os traballos de mantemento afecten o mínimo as persoas usuarias.
Todas as perforacións estarán proxectadas de forma que a cablaxe non quede en contacto co material de obra e poida danarse. O seu acabamento estará libre de rebarbas e rasante co chan ou tabique.
No caso de utilizar canle, a perforación debe quedar completamente cuberta pola canalización. Existirán amplos rexistros practicables para acceder ás perforacións.
Permitirán as agrupacións de perforacións para ter unha capacidade de paso suficiente.
4.1.4.3. Pintado.
Os traballos de pintado, enxesado, receba etc. que afecten zonas polas que discorra a cablaxe de telecomunicacións non deben ensuciar ningún dos seus elementos.
É particularmente importante que non se ensucien as tomas de telecomunicacións, puntos de acceso sen fíos e as canalizaciones (a pintura sobre elas impide que a súa tapa se desmonte con facilidade).
4.1.4.4. Remates.
En todos os traballos de obra civil se efectuarán todos os remates e acabamento final da instalación, tales como alisado de superficies, supresión de rebarbas, parcheado de zonas despintadas e reparación ou substitución de pezas estragadas na montaxe (como falsos teitos ou escaiolas).
4.1.5. Garantía.
O período mínimo de garantía dos traballos de instalación fronte a vicios ocultos da instalación será como mínimo de 2 anos.
4.2. Criterios de etiquetaxe.
Os elementos dos sistemas de telecomunicacións contarán cun código único de etiquetaxe que permita a súa identificación na documentación do proxecto e nos sistemas de inventariado da Administración. Estes códigos de etiquetaxe mostraranse en cada elemento e achegarán información visual de utilidade para os traballos cotiáns de xestión e mantemento da infraestrutura.
Os códigos de identificación deben respectar os formatos indicados, mantendo o número de díxitos e sen abreviar nin engadir ningún carácter ou espazo.
Os códigos de identificación nas etiquetas deben ser permanentes no tempo, evitando a utilización etiquetas impresas termicamente ou similares que poidan degradarse.
Os códigos identificativos descritos a continuación recollen os requisitos mínimos nos proxectos para poder referenciar os elementos nel incluídos. Adicionalmente, o órgano de contratación reserva para si o dereito de engadir ou modificar os códigos de identificación que considere adecuados para adaptarse ás circunstancias específicas de cada proxecto.
4.2.1. Numeración dos elementos.
Os elementos numeraranse ordenando os elementos arquitectónicos como segue:
1. No campus, ordenaranse os edificios de esquerda a dereita e de arriba a abaixo (como a escritura occidental), segundo se representen no plano do campus.
2. Dentro de cada edificio, ordénanse os elementos desde a planta máis baixa ata a planta máis alta.
3. Dentro de cada planta, ordénanse as estancias de esquerda a dereita e de arriba a abaixo segundo se representen no plano da planta.
4. Dentro de cada estancia, ordénanse os elementos de esquerda a dereita e de arriba a abaixo segundo se representen no plano da planta. Para estancias con plantas non rectangulares poderase propoñer outra orde para os elementos.
Polo tanto, comezarase pola primeira estancia (arriba á esquerda no plano de planta) da planta máis baixa do primeiro edificio do campus (arriba á esquerda no plano do campus). Despois continúase co resto de estancias ata completar esa planta, co resto de plantas ata completar ese edificio e co resto dos edificios ata completar o campus.
4.2.2. Recintos de telecomunicacións.
O identificador dun recinto de telecomunicacións terá un número de secuencia único dentro do ámbito do complexo (edificio ou campus se hai máis dun edificio).
A sintaxe do identificador será: «RCxx», onde:
– RC: é o indicador de «recinto de telecomunicacións».
– xx: indica o número de orde do recinto (01 a 99).
Colocarase a etiqueta do recinto no exterior da porta de entrada. O código desta etiqueta debe ser visible nas fotos da documentación final da instalación. As etiquetas terán que ser resistentes á intemperie e de dimensións 99,1 × 38,1 mm.
Por exemplo: «RC01».
4.2.3. Rexistros de paso.
O identificador dun rexistro de paso terá un número de secuencia único dentro do edificio.
A sintaxe do identificador será: «RPxxxx», onde:
– RP: é o indicador de «rexistro de paso».
– xxxx: indica o número de orde do rexistro de paso (0001 a 9999).
Colocarase una etiqueta na tapa do rexistro e outra no seu interior. As etiquetas terán que ser resistentes á intemperie e das dimensións adecuadas ao tamaño do rexistro.
Por exemplo: «RP0001».
As canalizacións que saen dos rexistros etiquetásense coa identificación correspondente ao rexistro de paso, rexistro de tomas ou recinto a que conectan, precedidos polo «a». Isto aplica tamén aos tubos que saen desde unha canle cara a un rexistro de tomas.
No caso das canles que discorren por falsos teitos ou chans técnicos continuamente rexistrables, etiquetarase esta canalización indicando o conxunto de rexistros de tomas a que dá servizo.
Por exemplo: «a RP0007», «a RT0021», «a RT0027-RT0054».
4.2.4. Rexistros de tomas de telecomunicacións.
O identificador dun rexistro de tomas terá un número de secuencia único dentro do edificio.
A sintaxe do identificador será: «RTxxxx», onde:
– RT: é o indicador de «rexistro de tomas de telecomunicacións».
– xxxx: indica o número de orde do rexistro de toma (0001 a 9999).
Colocarase unha etiqueta no interior do rexistro. As etiquetas terán que ser resistentes á intemperie e das dimensións adecuadas ao tamaño do rexistro.
Por exemplo: «RT0001».
4.2.5. Armarios de comunicacións.
O identificador dun armario terá un número de secuencia único dentro do campus.
A sintaxe do identificador será: «Aaa», onde:
– A: é o indicador de «armario».
– aa: indica o número de orde do armario (01 a 99).
Colocaranse dúas etiquetas no armario, unha na parte central superior dunha porta frontal e outra na parte central superior no interior do armario. Estas etiquetas deberán ser visibles nas fotos da documentación final da instalación. As etiquetas terán que ser resistentes á intemperie e de dimensións 99,1 × 38,1 mm.
Por exemplo: «A01».
4.2.6. Enlaces entre armarios de comunicacións.
O identificador dun enlace entre dous armarios terá un número de secuencia único para ese par de armarios.
A sintaxe do identificador será: «EnnAaaAzz», onde:
– E: é o indicador de «enlace».
– nn: indica o número de orde da mangueira (01 a 99) para o par de armarios Aaa-Azz.
– Aaa: é o identificador do armario de numeración menor.
– Azz: é o identificador do armario de numeración maior.
Colocaranse etiquetas brida nos dous extremos da mangueira do enlace.
Por exemplo: «E01A01A07».
4.2.6.1. Terminación de fibra en panel.
O identificador de cada unha das fibras dunha mangueira terá un número de secuencia único dentro da mangueira.
A sintaxe do identificador será: «FffEnnAaaAzz», onde:
– F: é o indicador de «fibra óptica».
– ff: indica o número de orde da fibra na mangueira (01 a 99). Este número virá dado pola cor da fibra seguindo as normas do estándar ANSI/TIA/EIA 598.
– EnnAaaAzz: é o identificador do enlace.
As fibras termínanse en portos dun panel que se etiquetan co identificador completo de cada fibra. Pódese tamén etiquetar o conxunto de portos en que termina a mangueira co identificador do enlace e cada porto co número da fibra desa mangueira.
Por exemplo: «F01E01A01A07».
4.2.6.2. Portos de panel multipar.
O identificador de cada par da mangueira terá un número de secuencia único dentro da mangueira.
A sintaxe do identificador será: «MmmEnnAaaAzz», onde:
– M: é o indicativo de «cable coaxial».
– mm: indica o número de orde do par (01 a 99). Deberá seguirse o código de cores indicado na norma IEC 60708.
– EnnAaaAzz: é o identificador do enlace.
Os pares termínanse en portos dun panel que se etiquetan co identificador completo de cada par. Tamén se pode etiquetar o conxunto de portos en que termina a mangueira co identificador do enlace, e cada porto co número do par desa mangueira.
Por exemplo: «M01E01A01A07».
4.2.7. Paneis de parcheo.
O identificador dun panel de parcheo terá un número de secuencia único, para cada tipo de panel, dentro do armario.
A sintaxe do identificador será: «AaaBBBbb», onde:
– Aaa: é o identificador do armario.
– BBB: é o código que identifica o tipo de panel segundo o tipo de cablaxe conectada. Poderá ser:
FMM: para bandexas de terminación de fibra multimodo.
FSM: para bandexas de terminación de fibra monomodo.
UTP: para bandexas de terminación de cable de cobre non apantallado.
STP: para bandexas de terminación de cable de cobre apantallado.
VOZ: para bandexas de terminación de cable multipar de voz.
– bb: indica o número de secuencia (01-99) do panel de parcheo de cada tipo de cablaxe dentro do armario. Numerarase de arriba a abaixo do armario.
Cada panel deberá ser etiquetado co seu identificador.
Por exemplo, un armario A01 con dous paneis de fibra, un monomodo e outro multimodo, tres de cobre e un multipar: A01FSM01, A01FMM01, A01UTP01, A01UTP02, A01UTP03, A01VOZ01.
4.2.8. Tomas de telecomunicacións.
O identificador dunha toma de telecomunicacións terá un número de secuencia único dentro do seu armario.
A sintaxe do identificador será: «pp/tttAaa», onde:
– pp: indica o número de planta en que se atopa a toma final. Utilizarase «00» (baixa) a «99» para plantas sobre rasante e «-1» a «-9» para plantas baixo a rasante.
– ttt: indica o número de secuencia (001-999) da toma segundo a súa localización no plano de planta, como se indica en 4.2.1. Numeración dos elementos. As tomas deben quedar ordenadas nos paneis (panel 01: tomas 001 a 024; panel 02: tomas 025 a 048 etc.).
– Aaa: é o identificador do armario.
Etiquetarase con este identificador a toma final, o porto do panel en que termina e os dous extremos do cable.
Por exemplo, o armario A01 dá servizo á planta soto (20 tomas), baixa (36 tomas) e primeira (10 tomas). As tomas do soto identificaranse desde «-1/001A01» ata «-1/020A01». As tomas da planta baixa identificaranse desde «00/021A01» ata «00/056A01». As tomas da planta primeira identificaranse desde «01/057A01» ata «01/066A01». Estas tomas ocuparán 3 paneis e sobrarán 6 portos.
4.2.9. Cadros eléctricos.
O identificador dun cadro eléctrico do interior do recinto terá un número de secuencia único dentro do edificio.
A sintaxe do identificador será: «CnnYYYy», onde:
– C: é o indicador de «cadro eléctrico».
– nn: é o número de cadro eléctrico.
– YYY: é o código que identifica o tipo de alimentación. Poderá ser:
SAI: para a alimentación de sistema de alimentación ininterrompida.
RED: para a alimentación de rede.
– y: é o número do SAI a que está conectado o cadro. Se hai un único SAI, este díxito omítese.
Colocaranse dúas etiquetas, unha no exterior da porta do cadro e outra na parte central superior no interior do cadro.
Por exemplo, nun edificio con alimentación dun único SAI, no recinto teremos: «C01RED», «C02SAI».
4.2.10. Circuítos eléctricos.
O identificador dun circuíto eléctrico dos cadros do recinto de telecomunicacións terá un número de secuencia único dentro dese cadro.
A sintaxe do identificador será: «ccfCnnYYYy», onde:
– cc: é o número de circuíto dentro do cadro.
– f: é a fase do circuíto. En edificios con rede trifásica indicarase «R», «S», «T» ou «RST» (para circuítos trifásicos). En edificios con rede monofásica indicarase «M».
– CnnYYYy: é o identificador do cadro eléctrico.
Colocarase unha etiqueta nos elementos do cadro que protexen ese circuíto. Nesta poderase omitir o identificador do cadro. No caso dos circuítos que alimentan os regreteiros do armario, colocarase unha etiqueta brida no extremo do cable que chega ao regreteiro.
Por exemplo: «01RC01RED», «02SC02SAI».
4.2.11. Regreteiros.
O identificador dun regreteiro resulta da asignación dun circuíto eléctrico a un armario.
A sintaxe do identificador será: «Aaa/ccfCnnYYYy», onde:
– Aaa: é o identificador do armario.
– ccfCnnYYYy: é o identificador do circuíto eléctrico.
Colocarase unha etiqueta en cada un dos regreteiros.
Por exemplo: «A01/01RC01RED», «A01/02SC02SAI».
4.2.12. Puntos de consolidación.
O identificador dun punto de consolidación (PdC) terá un número de secuencia único dentro do campus.
A sintaxe do identificador será: «Paa», onde:
– P: é o indicador de «punto de consolidación».
– aa: indica o número de orde do PdC (01 a 99).
Colocaranse dúas etiquetas no PdC, unha no exterior e outra no interior. Estas etiquetas deberán ser visibles nas fotografías da documentación final da instalación. As etiquetas terán que ser resistentes á intemperie e de dimensións 99,1 × 38,1 mm.
Por exemplo: «P01».
Os paneis dos PdC e as tomas finais que terminan neles etiquetaranse substituíndo a parte do identificador correspondente ao armario pola do punto de consolidación. O número de secuencia destas tomas é único para este PdC. Por exemplo: «P01UTP01», «00/001P01».
Os portos, tanto do panel do RP como do panel espello do PdC, etiquetaranse igual que o resto de tomas do RP, coma se fosen tomas finais. Por exemplo: «00/025A01».
4.2.13. Transceptores.
O identificador dun transceptor ou conversor de medios terá un número de secuencia único dentro do armario correspondente.
A sintaxe do identificador será: «TxxAaa», onde:
– T: é o indicador de «transceptor».
– xx: indica o número de orde do transceptor (01 a 99).
– Aaa: é o identificador do armario.
Colocarase unha etiqueta no transceptor. Colocaranse tamén etiquetas brida nos cables de saída co identificador da toma final.
Por exemplo: «T01A01».
5. Procedementos de verificación.
Unha vez finalizada a instalación, realizarase a súa verificación ou certificación. A totalidade dos cables, conectores e tomas deberán estar comprobados para evitar defectos de instalación e para verificar o funcionamento dos sistemas baixo as condicións instaladas.
Será reparada calquera deficiencia detectada durante a realización desta actividade.
Para realizar a certificación utilizarase o equipamento de medida máis idóneo. O equipamento de medida deberá ter certificado de calibración (antigüidade inferior a un ano), que deberá achegarse xunto co informe de certificación da cablaxe na documentación final.
A certificación farase sobre o enlace permanente, de maneira que se certifica desde as tomas nos paneis de parcheo no armario de comunicacións ata as tomas de telecomunicacións finais, con ambos os elementos incluídos. Os cables de conexión de parcheo e os cables de conexión aos equipamentos non se inclúen.
As medidas de cada toma identificaranse coa etiqueta da toma. O informe de certificación para a documentación final incluirá as medidas de todas as tomas, en formato PDF.
5.1. Verificación da instalación de cable de cobre.
Deberase achegar a certificación da cablaxe de cobre instalada. Esta certificación debe incluír os resultados das probas do 100 % dos enlaces entre o armario e a toma final. Os datos presentados nas probas incluirán a suficiente información para describir completamente cada un dos enlaces.
As probas basearanse nos parámetros de transmisión exixidos pola normativa ISO 11801, segundo a categoría.
Utilizarase un equipamento de medida adecuado segundo a categoría do cable instalado, con adaptadores de medida estándar independente de fabricantes, configurado co test de enlace permanente da clase correspondente.
Antes de comezar a fase final de certificación, os equipamentos que se empregarán deberán calibrarse conxuntamente usando a función de autochequeo. Ademais, os equipamentos empregados na fase de certificación estarán correctamente calibrados segundo as recomendacións do fabricante. A calibración será realizada polo propio fabricante ou por un laboratorio autorizado. Este certificado de calibración debe ter unha antigüidade inferior a un ano desde data da certificación dos enlaces.
Todas as probas se realizarán empregando os cables de conexión orixinais para os equipamentos de test, que serán universais. Os cables de conexión para os equipamentos de test non deben exceder individualmente os 2 metros, ou 4 metros en conxunto, e deben conectarse ao enlace nos dous extremos, panel e toma final, sen empregar adaptadores, a menos que sexa especificado polo fabricante do equipamento.
O enlace permanente que se analiza consiste no conxunto toma final, cablaxe horizontal e toma no panel de parcheo.
No caso de instalar un punto de consolidación (PdC), as probas necesarias entregaranse en dous bloques.
• O primeiro bloque incluirá as probas desde a toma no panel de parcheo do RP ata a toma no panel espello que se atopa no PdC. Identificaranse coas etiquetas dos portos dos paneis (por exemplo: «00/001A01»).
• O segundo bloque incluirá o enlace permanente, desde o panel de parcheo do RP ata cada toma final que dependa do PdC. Se hai máis tomas finais que portos no RP, deberanse realizar as probas para a totalidade das tomas, conectándoas no PdC para a realización das probas. Estas medidas identificaranse coas etiquetas das tomas finais (por exemplo: «00/001P01»).
As seguintes probas son as mínimas que se realizarán en todos os pares de cada enlace permanente de cobre. O enlace será aceptado se todos os parámetros que se inclúen na certificación se atopan dentro dos límites exixidos pola norma correspondente.
As medidas realizaranse co equipamento homologado correspondente, cubrindo o rango de frecuencias exixido para a categoría de cable empregada. Incluiranse as probas seguintes:
a) Esquema de asignación de pins. Cada cable instalado debe ser probado para asegurar unha correcta terminación dos condutores, e deberá incluírse na documentación un mapa de condutores do enlace indicando a correlación dos pares de cada patilla. Esta proba debe avaliar os seguintes aspectos:
– Continuidade ata o extremo remoto.
– Curtocircuítos entre dous ou máis condutores.
– Pares cruzados.
– Pares invertidos.
– Pares partidos.
– Outros problemas na conexión dos condutores.
b) Lonxitude. Débese determinar a lonxitude física de cada enlace permanente. O rexistro do test debe indicar a lonxitude do cable, que será a do par de maior lonxitude medida.
c) Atenuación ou perdas de inserción. A atenuación mide a diminución da intensidade do sinal (expresada en dB) debido á resistencia do cable e ás perdas por radiación.
Débese medir a atenuación de todos os pares de cada cable, inxectando un sinal no extremo remoto e realizando a medida no extremo máis próximo. Como mínimo, o equipamento de test debe avaliar o peor caso de atenuación, que se incluirá no informe de certificación.
d) Atenuación diafónica: NEXT (near end crosstalk) e atenuación telediafónica FEXT (far end crosstalk).
A diafonía é a perturbación electromagnética producida nun par polo acoplamento doutro. Mídese como a diferenza de amplitude (en dB) entre un sinal transmitido por un par e o recibido noutros pares no mesmo extremo da cablaxe (paradiafónica ou NEXT) e no extremo afastado da cablaxe (telediafónica ou FEXT).
Estas medidas deben ser realizadas para todas as combinacións de pares en cada cable do subsistema (6 medicións para cables de 4 pares). Mídese nos dous sentidos do enlace repartidor-toma de usuario, rexistrándose o peor caso para NEXT e FEXT.
e) Ratio atenuación/paradiafonía: ACR-N (attenuation to crosstalk ratio near-end).
É a relación entre a atenuación e o NEXT.
Esta ratio debe medirse en todas as combinacións de pares de cada cable do subsistema horizontal. As probas para medila deben realizarse nos dous sentidos do enlace repartidor-toma de usuario, rexistrándose o peor caso de ACR-N ou a marxe para cada cable en cada sentido do enlace.
f) Ratio atenuación/telediafonía: ACR-F (attenuation to crosstalk ratio far-end).
É a relación entre a atenuación e o FEXT.
g) Medidas de suma de potencia: PS NEXT, PS ACR-N e PS ACR-F.
As medidas de NEXT e ACR-F soamente teñen en conta interaccións par a par, pero tamén é necesario dispoñer de medidas que teñan en conta o caso peor en que os 4 pares dun cable transmitan sinal simultaneamente. As medidas PS NEXT, PS ACR-N e PS ACR-F permiten comprobar esta situación.
h) Perdas de retorno: RL (return loss).
Este parámetro defínese como a relación do sinal reflectido respecto ao sinal transmitido, debido principalmente a desadaptacións de impedancia.
i) Diferenza de retardos. É a diferenza do retardo de propagación en cada un dos 4 pares do cable.
5.2. Verificación da instalación de cable de fibra óptica.
Realizaranse as probas necesarias para garantir a calidade dos enlaces de fibra óptica, contrastando os valores de atenuación do enlace segundo o establecido na normativa ISO 11801. O informe debe indicar tamén os estándares de rede que é capaz de soportar o enlace.
As probas deben realizarse cunha fonte de luz de 850 ± 30 nm e 1300 ± 30 nm para fibras multimodo (MM) e de 1310 ± 30 nm e 1550 ± 30 nm para fibras monomodo (SM). Incluirán as seguintes medidas para cada fibra:
a) Medición da atenuación. A medida da atenuación realizarase mediante una proba OLTS, nas dúas direccións en cada fibra, empregando unha fonte nun extremo e un medidor de potencia colocado no outro extremo.
Medirase a diferenza de niveis á entrada e á saída da fibra baixo proba.
Para estas medidas utilizaranse cables de conexión de proba (TRC test reference cords), dos cales se debe medir a súa atenuación cos equipamentos xusto antes de comezar as medidas do enlace, para despois poder eliminar o seu impacto.
Será necesario medir a atenuación da fibra ás dúas lonxitudes de onda indicadas. Esta medida de atenuación total nunca deberá ser superior á calculada teoricamente para a instalación. O cálculo teórico é o seguinte:
A = αL + αsx + αce
onde:
α = coeficiente de atenuación do cable de fibra á lonxitude de onda empregada.
L = lonxitude do enlace.
αs = atenuación media por empalme.
x = número de empalmes dun enlace.
αc = atenuación media dos conectores de liña.
e = número de conectores de liña dun enlace.
b) Medicións reflectométricas. Estas medidas realizaranse cun reflectómetro óptico e permitirán avaliar a continuidade da fibra, detectar defectos e medir empalmes. As probas consistirán nunha medida OTDR (optical time domain reflectometer) en ambas as direccións da fibra.
Será necesario utilizar fibras de lanzamento correctamente calibradas para poder eliminar a zona morta inicial en cada medida. A proba será bidireccional para caracterizar os dous conectores extremos do enlace permanente. A lonxitude destas fibras de lanzamento, que debe indicarse no informe, dependerá do ancho do pulso que se utilice para realizar a medición.
Realizaranse medidas de atenuación de tramo, de empalme e de conector e calcularase o valor de atenuación total obtido de forma que se poderá comprobar se cumpre os requisitos de transmisión mínimos para a aceptación dos sistemas de cablaxe de fibra óptica, tal e como se especifica na normativa.
5.3. Verificación da instalación de mangueira de pares.
A cablaxe multipar de categoría 3 deberá cumprir cos parámetros de rendemento
ANSI/TIA 568B para cables de categoría 3.
A cablaxe subministrada deberá estar certificada para aplicacións clase A (aplicacións de voz ou baixo frecuencias ata 100 kHz) e aplicacións clase B (aplicacións de datos de baixa velocidade ata 1 MHz) por un organismo recoñecido, capacitado para poder realizar o conxunto das probas definidas na norma ISO 11801.
Verificarase a continuidade eléctrica e a correspondencia dos pares entre o rexistro principal e os armarios de distribución.
5.4. Verificación da instalación de cables coaxiais.
Certificaranse os sistemas de cablaxe coaxial para verificar o cumprimento da clase de cablaxe empregada e os requisitos descritos no RD 346/2011.
5.5. Verificación da instalación eléctrica dedicada.
A instalación eléctrica dedicada debe cumprir o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (Real decreto 842/2002). A empresa instaladora cumprirá cos requisitos exixidos de acordo coa lexislación vixente e achegará a documentación da instalación eléctrica realizada segundo sexa necesario en cada caso.
6. Documentación técnica.
Os organismos da Administración que realicen actuacións que afecten as infraestruturas de telecomunicacións, deben solicitar informes ao órgano de telecomunicacións competente. Este órgano é o Departamento de Telecomunicacións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), excepto no ámbito da Consellería de Sanidade, do Servizo Galego de Saúde e das entidades adscritas, que é a Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías de Información. A solicitude realizarase enviado un correo electrónico ao enderezo cableado.amtega@xunta.gal (no caso do Sergas, sistemas.tecnoloxias.informacion@sergas.es), indicando no asunto o informe solicitado e a identificación do centro afectado pola actuación.
Como norma xeral, e menos que se indique expresamente a utilización doutro formato, toda a documentación se presentará en formato electrónico empregando PDF (portable document format, norma ISO 19005-1:2005). Este formato debe permitir as procuras de texto, incluíndo os planos e táboas, que non poderán ser imaxes.
Algúns documentos na documentación final deberán presentarse en varios formatos, como se especifica detalladamente no número 6.2 desta guía.
Sempre que sexa posible, os elementos na documentación serán referenciados segundo as etiquetas de identificación descritas nesta guía.
6.1. Proxecto de infraestrutura de comunicacións (PIC).
Con carácter previo ao comezo dos traballos, o adxudicatario entregará ao organismo contratante un proxecto técnico de execución, denominado en diante PIC (proxecto de infraestrutura de comunicacións), que debe ser elaborado por un enxeñeiro, enxeñeiro técnico ou equivalente de telecomunicación ou industrial.
O organismo solicitará un informe inicial ao órgano de telecomunicacións competente, achegando o PIC para a súa valoración.
O PIC describirá detalladamente todos os elementos que compoñen a instalación, a súa localización e as súas características, con mención das normas que cumpre. Todos os elementos para os cales esta guía especifica etiqueta deberán ser referenciados con ela ao longo do proxecto (memoria, planos, esquemas), evitando outras formas de identificación.
O PIC debe recoller tamén a retirada da cablaxe e elementos que queden fóra de servizo, así como propoñer melloras nos elementos existentes.
O proxecto débese entregar en formato PDF. Este documento non debe estar protexido e debe permitir facer procuras de texto, incluíndo nos planos e táboas, que non poderán ser imaxes.
Este proxecto deberá contar polo menos coas seguintes epígrafes:
6.1.1. Memoria.
Na súa elaboración deberán terse en conta os resultados obtidos tras a consulta e intercambio de información entre o proxectista e os diferentes operadores de telecomunicación segundo o requirido ao longo desta guía.
Na memoria incluiranse as seguintes epígrafes:
a) Identificación do edificio: débese indicar o enderezo postal, a referencia catastral e as coordenadas xeográficas, para a identificación inequívoca do edificio.
b) Descrición da edificación: debe indicarse se é de nova construción ou unha remodelación dun edificio xa existente. Débese describir fisicamente o edificio (corpos do edificio, número de plantas, superficies), as súas características especiais (edificio histórico, de pedra etc.) e a súa contorna (urbana, illada etc.). Tamén debe indicarse o uso xeral do edificio e de cada unha das áreas en que se vai actuar.
c) Descrición dos servizos e sistemas que se inclúen na infraestrutura xunto coas previsións de demanda. Debe indicar expresamente o número de tomas de rede novas que se van instalar.
d) Análise e deseño do proxecto.
1. Esquemas de sistemas e subsistemas. Deben indicarse os sistemas que se van implementar ou xa existentes, segundo o indicado no número 2.1. Sistema de cablaxe estruturada (SCE).
2. Descrición dos elementos que compoñen a infraestrutura. Deben incluírse nesta epígrafe a acometida, os recintos, os armarios, as canalizacións e as tomas de rede.
3. Cálculos de dimensionamento. Deben incluír o dimensionamento dos recintos (o seu número, segundo as distancias da cablaxe, e as súas dimensións, segundo o número de armarios), armarios (segundo as súas funcións e número de paneis necesarios) e canalizacións (para cada tipo de canalización no seu tramo máis cargado).
4. Cálculos de coberturas e niveis de sinal nos distintos puntos da instalación, cando se inclúan puntos de acceso sen fíos ou accesos radio.
5. Táboa de tomas. Debe incluírse unha táboa en que se indique, para cada unha das tomas, a súa etiqueta, o rexistro de tomas a que pertence, o seu uso (usuario, wifi, videoporteiro etc.), a súa localización (planta, zona), a lonxitude de cablaxe, a etiqueta do panel en que termina e o porto dese panel.
6. Diagramas unifilares da instalación eléctrica que proporciona servizo aos recintos de comunicacións.
6.1.2. Planos.
Debe incluírse un plano por cada planta do edificio que indique os elementos que se van instalar ou que estean afectados. Este plano debe incluír a información seguinte:
a) Acometida: arqueta (sistema radiante) e canalización de entrada ata o recinto de interconexión.
b) Recintos, identificados coa súa etiqueta. Deben incluírse todos os elementos que contén: armarios, cadros eléctricos (identificados coa súa etiqueta), climatización, extinción, SAI etc.
c) Armarios, identificados coa súa etiqueta. Indicaranse tamén as súas medidas e orientación (coa apertura frontal de portas, por exemplo).
d) Canalizacións. Deben representarse as canalizacións verticais (patios de condutos) e horizontais (canalizacións e tubos), desde os armarios ata as tomas, indicando as súas dimensións e número de cables en cada tramo. Deben incluírse os rexistros de paso e de acceso ás canalizacións. Debe indicarse a situación das canalizacións (teito, chan ou parede) mediante distinta simboloxía.
e) Localización dos postos de usuario, identificados coa etiqueta do rexistro de tomas e das tomas que contén. Deben distinguirse os distintos tipos de rexistros (parede, teito, chan, en mobiliario etc.) mediante a simboloxía adecuada.
f) Enlaces entre armarios. Debe incluírse o percorrido dos enlaces desde cada repartidor de planta ata o repartidor de edificio e desde cada repartidor de edificio ata o repartidor de campus, indicando a etiqueta do enlace e o número de fibras.
g) Cadros eléctricos xerais dos cales se alimentan os cadros dos recintos. Debe incluírse o percorrido dos circuítos eléctricos que alimentan os cadros dos recintos desde o cadro xeral. Se este cadro xeral non está na mesma planta que o recinto, quedará sinalado no plano o percorrido, cunha referencia á planta onde está o cadro.
h) Outras instalacións previstas na edificación que puidesen interferir ou ser interferidas no seu funcionamento coa infraestrutura.
Toda esta información debe estar nun mesmo plano, evitando separar, por exemplo, as canalizacións nun plano independente.
O plano debe conter unha lenda con toda a simboloxía utilizada, de forma que non haxa ningún elemento representado que non estea incluído nela. Deben utilizarse símbolos distintos para os distintos elementos.
Deben incluírse tamén planos cos detalles de execución de puntos singulares, cando así se requira pola súa índole. Por exemplo, debe incluírse un plano do recinto en que se indiquen as medidas do recinto, as do espazo libre arredor dos armarios e todos os elementos instalados no seu interior. Tamén é conveniente incluír planos de detalle de subidas e baixadas da cablaxe (no recinto e patios de condutos), dos rexistros (de paso e de acceso ás canalizacións e patios de condutos), de transicións de canalizacións (canalización-tubo) e das arquetas.
6.1.3. Prego de condicións.
Indicaranse as características dos materiais e equipamentos, e as condicións de montaxe.
Debe incluírse a información necesaria para realizar a instalación da canalización, pasos de planta, rexistros, percorrido da cablaxe en recinto e armario, sobrante de cable en armario e tomas, instalación eléctrica etc. Deben resaltarse as características especiais da instalación cando existan.
Para o material empregado na cablaxe será preciso incluír a seguinte información:
a) Conexionado da cablaxe (EIA/TIA T568B).
b) Parámetros de transmisión garantidos.
c) Especificacións físicas. Clase CPR de reacción ao lume.
d) Especificacións eléctricas (cable de cobre) e ópticas (fibra óptica).
Tamén deben figurar os prazos mínimos de garantía exixidos (10 anos para os materiais e 2 anos para a instalación).
En caso de achegar follas comerciais de especificacións técnicas dos materiais, achegaranse ao proxecto nun ficheiro separado.
6.1.4. Orzamento.
Especificaranse o número de unidades e prezo por unidade de cada unha das partes en que se poidan descompoñer os traballos.
Deben quedar definidas as características, modelos, tipos e dimensións de cada un destes elementos.
Todos os elementos que formen parte da infraestrutura de telecomunicacións deben estar incluídos no orzamento do PIC, incluíndo:
• Armarios e os seus elementos (paneis, bandexas, pasafíos, regreteiros eléctricos, tapas cegas, ventiladores etc.).
• Cables de conexión.
• Videoporteiros, coas súas pechaduras electrónicas asociadas.
• Canalizacións, rexistros de paso e rexistros de tomas.
• Acometida de comunicacións (arqueta, canalización de entrada, rexistros de paso).
• Instalación eléctrica dos recintos (cadros, elementos de protección, cable eléctrico).
• Sistemas de ventilación, climatización e extinción dos recintos, e o SAI, sempre que estes elementos non sexan xenerais do edificio (nese caso, debe indicarse).
• Certificación da cablaxe (cobre e fibra).
Evitarase poñer algunha destas partidas no proxecto arquitectónico. No caso de que algún destes elementos se atope noutro orzamento, deberá incluírse tamén no do PIC, aínda que o seu importe non figure.
O orzamento debe incluír explicitamente a subministración do 5 % dos rexistros de tomas para a realización de traballos de mantemento, cun mínimo dunha unidade de cada tipo. Poden incluírse como ítems independentes ou como subepígrafes doutros ítems.
6.2. Execución da obra.
Recoméndase que nas obras de novos edificios ou reformas substanciais exista a figura do enxeñeiro director de obra para a parte de telecomunicacións. Isto facilita o cumprimento normativo e a comunicación da Administración coa empresa instaladora.
Durante a fase de execución da obra, se se considera necesario, poderanse enviar ao órgano de telecomunicacións competente as follas de características dos materiais que se van utilizar na infraestrutura de telecomunicacións, para a súa revisión antes de realizar a provisión. Este órgano indicará a adecuación ou non destes materiais, evitando a compra de elementos que non cumpren as especificacións indicadas nesta guía.
6.3. Documentación final de obra.
O instalador, unha vez executada a obra, debe elaborar e entregar a documentación final de obra. Esta documentación incluirá os elementos de nova instalación e os existentes que se vexan modificados pola actuación.
O organismo solicitará un informe final ao órgano de telecomunicacións competente, achegando a documentación final para a súa valoración.
A documentación final debe estar formada por unha serie de documentos, comprimidos nun único arquivo, e estruturados en carpetas segundo as epígrafes seguintes.
En caso de que sexa necesario solicitar unha liña de comunicacións, débese comunicar ao órgano competente en materia de telecomunicacións a terminación da execución, para que poida tramitar a alta desta liña. A liña é necesaria para realizar as probas dos videoporteiros. Nestas probas facilitaranse as etiquetas dos videoporteiros, necesarias para a elaboración da documentación final.
6.3.1. Descrición da actuación.
Documento en que se describen a actuación e os distintos elementos da infraestrutura de telecomunicacións instalados ou modificados. Deben utilizarse as etiquetas definidas para identificar estes elementos e indicar o número de cada un deles cando non estean etiquetados.
Debe achegarse en formato PDF.
6.3.2. Relación dos materiais e elementos empregados na instalación.
Documento que contén unha táboa en que se indicarán a etiqueta (cando a teña), o fabricante, o modelo, o número de serie, o lugar de instalación e as observacións de cada un dos elementos da infraestrutura instalados, incluíndo os elementos da instalación eléctrica dedicada. Cando os elementos non teñan etiqueta nin número de serie (como é o caso dos cables de conexión) ou haxa un conxunto de elementos iguais (como os rexistros de tomas), poden agruparse nunha única fila da táboa para cada tipo, indicando o número de unidades de cada un.
Debe achegarse en formato folla de cálculo segundo o modelo proporcionado pola Amtega.
Dos elementos desta relación proporcionaranse as follas de características na epígrafe seguinte.
6.3.3. Follas de especificacións técnicas de todo o material instalado.
Deben proporcionarse as follas de características e as declaracións de conformidade coa norma de todos os elementos da infraestrutura de telecomunicacións incluídos na relación da epígrafe anterior.
Deben entregarse en formato PDF e os ficheiros nomearanse co elemento que conteñen.
6.3.4. Información da instalación eléctrica dedicada.
Achegaranse os diagramas unifilares da instalación eléctrica que proporciona servizo aos recintos de telecomunicacións. Deben identificarse os elementos (cadros, circuítos e regreteiros) coas súas etiquetas, e identificar os cadros xerais e os circuítos que alimentan os cadros dos recintos.
Deben achegarse en formato PDF (que permita procuras de texto) e nun formato editable.
A empresa instaladora debe achegar a documentación da instalación eléctrica realizada segundo sexa necesario en cada caso.
6.3.5. Esquemas de ocupación dos armarios.
Proporcionarase un esquema de cada armario, identificado coa súa etiqueta, que sinale os elementos que contén. Deben numerarse as unidades do armario (de abaixo a arriba) e utilizar a etiqueta para identificar cada elemento (armario, paneis, enlaces, regreteiros).
Deben achegarse en formato PDF e en formato editable.
6.3.6. Manuais de uso dos sistemas activos instalados.
Achegaranse os manuais de usuario e configuración de elementos como videoporteiros e SAI.
Deben achegarse en formato PDF.
6.3.7. Planos.
Debe achegarse un único plano por cada planta do edificio afectada pola actuación. O contido destes planos debe ser o indicado no número 6.1.2 Planos.
Os planos deben proporcionarse en formato PDF (que permita procuras de texto) e en formato CAD (ficheiros DWG ou DXF).
6.3.8. Informes de certificación de cablaxe.
Estes informes deben identificar cada toma de rede e cada fibra dos enlaces coas súas etiquetas correspondentes. Deben achegarse en formato PDF. O órgano competente en materia de telecomunicacións poderá solicitar os arquivos nativos dos analizadores.
O resultado dos informes debe ser positivo. Non se admitirán informes con algunha toma que non pase a certificación.
Deben achegarse os documentos seguintes:
a) Marca, modelo e número de serie dos equipamentos homologados de medida empregados pola empresa instaladora nas probas e o certificado de calibración destes, que deberá ter unha antigüidade non superior a un ano. Deben achegarse en formato PDF.
b) Resultados das probas de certificación para a cablaxe de cobre, segundo o descrito na epígrafe de verificación. Deben achegarse en formato PDF e en formato folla de cálculo, segundo o modelo proporcionado pola Amtega.
c) Resultados das probas de verificación de cablaxe de fibra óptica, segundo o descrito na epígrafe de verificación. Deben achegarse en formato PDF e en formato folla de cálculo, segundo o modelo proporcionado pola Amtega.
d) Informes de certificación doutros tipos de cablaxe instalados. Deben achegarse en formato PDF e en formato folla de cálculo, segundo o modelo proporcionado pola Amtega.
6.3.9. Fotografías dos elementos instalados.
Achegaranse fotografías dos elementos instalados, en formato de imaxe. Os nomes dos ficheiros das fotografías deben construírse coa etiqueta do elemento que conteñen, coa sintaxe seguinte:
<etiqueta elemento>.<número de imaxe>.<formato de imaxe>
O campo «<número de imaxe>» utilizarase no caso de que se achegue máis dunha fotografía do mesmo elemento. Por exemplo, unha fotografía dun armario pode nomearse «A01.01.jpg» e un panel «A01UTP03.01.jpg».
As fotografías deben ter o elemento completo e só ese elemento. Deberá recortarse no caso de que a fotografía inclúa outros elementos ou partes deles. Debe ter a suficiente resolución e nitidez para distinguir claramente a súa etiqueta e as dos elementos que contén. Por exemplo: na fotografía dun armario deben distinguirse a etiqueta do propio armario, de todos os paneis e dos regreteiros; na fotografía dun panel deben distinguirse a etiqueta do propio panel e as dos seus portos.
Deben incluírse nesta epígrafe da documentación as fotografías seguintes:
a) Foto exterior de cada recinto, en que se observe a porta de entrada ao recinto, coa súa etiqueta, e o videoporteiro de control de acceso, correctamente etiquetado e cos correspondentes carteis de aviso.
b) Fotos interiores de cada recinto, en que se observen a distribución de elementos dentro do recinto (armarios, cadros, clima, extintores, SAI etc.). Deben achegarse tantas fotos como sexa preciso para situar no recinto cada un dos elementos.
c) Foto de cada armario completo, en que se observe a súa etiqueta e os elementos que contén. Deben achegarse unha tomada pola parte dianteira e outra pola parte traseira, ambas coas portas abertas.
d) Foto de cada cadro eléctrico completo, en que se observe a correcta etiquetaxe do cadro e as características e etiquetas dos elementos que contén.
e) Foto de cada panel de cablaxe de cobre completo (todos os portos), en que se observe a etiqueta do propio panel e a correcta etiquetaxe dos seus portos.
f) Foto de cada panel de cablaxe de fibra completo (todos os portos), en que se observe a etiqueta do propio panel e as dos enlaces e portos.
g) Foto de cada panel de cablaxe multipar completo (todos os portos), en que se observe a etiqueta do propio panel e a correcta etiquetaxe dos seus portos.
h) Foto dun rexistro de tomas de cada tipo, en que se observe a correcta etiquetaxe das tomas e as características do rexistro (será suficiente incluír unha foto por cada tipo de rexistro de tomas).
i) Foto de cada regreteiro de alimentación completo, en que se observe a súa correcta etiquetaxe e características.
6.3.10. Información para a xestión das garantías.
Debe proporcionarse un documento en formato PDF en que se indiquen os prazos de garantía en canto a materiais e instalacións, que deben ser, como mínimo, os indicados nesta guía.
Este documento debe indicar os datos de contacto (teléfono, enderezo de correo electrónico etc.) precisos para este servizo de garantía.
Debe achegarse en formato PDF.
6.3.11. NIF da empresa instaladora da cablaxe de comunicacións.
Debe achegarse un documento en que se identifique a empresa instaladora, que inclúa o nome, número de identificación fiscal (NIF) e número de rexistro de instaladores de telecomunicacións.
Debe achegarse en formato PDF.
7. Normativa aplicable.
A instalación das redes de cablaxe cumprirá cos requisitos da lexislación vixente, así como cos criterios que para este propósito se xeran desde entidades ou organismos de normalización.
A lexislación aplicable constará dos regulamentos e instrucións publicados como reais decretos, ordes ministeriais e resolucións no Boletín Oficial del Estado.
Os criterios que se xeren desde organismos de normalización serán normas con status de norma europea (EN) cando proveñan do Cenelec, de norma española na súa correspondente transposición pola Aenor, de estándar internacional (IS) cando proveña de ISO e estándares de aplicación cando proveñan do sector da industria, tal como IEEE.
As normas aplicables á cablaxe de organismos de normalización proveñen maioritariamente de 4 organizacións:
• Aenor no ámbito español.
• Cenelec no ámbito europeo.
• TIA no ámbito estadounidense.
• ISO/IEC no ámbito mundial.
• IEEE no ámbito da industria para as telecomunicacións.
7.1. Regulamentos e disposicións legais adicionais.
• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico de baixa tensión.
• Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.
• Real decreto 186/2016, do 6 de maio, polo que se regula a compatibilidade electromagnética dos equipamentos eléctricos e electrónicos.
• Real decreto 346/2011, do 11 de marzo, polo que se aproba o Regulamento regulador das infraestruturas comúns de telecomunicacións para o acceso aos servizos de telecomunicación no interior das edificacións.
• Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, polo que se aproba o Código técnico de edificación.
• Real decreto 513/2017, do 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de instalacións de protección contra incendios.
• Real decreto 57/2005, do 21 de xaneiro, polo que se establecen prescricións para o incremento da seguridade do parque de ascensores existente.
• Decreto 44/2008, do 28 de febreiro, polo que se regulan os requisitos das empresas conservadoras de ascensores e se desenvolven conceptos relativos ao grao de ocupación das vivendas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
• Real decreto 244/2010, do 5 de marzo, polo que se aproba o Regulamento regulador da actividade de instalación e mantemento de equipamentos e sistemas de telecomunicación.
• Directiva 2014/35/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 26 de febreiro de 2014, sobre a harmonización das lexislacións dos Estados membros en materia de comercialización de material eléctrico destinado a utilizarse con determinados límites de tensión.
• Regulamento (UE) nº 305/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de marzo de 2011, polo que se establecen condicións harmonizadas para a comercialización de produtos de construción e se derroga a Directiva 89/106/CEE do Consello. Texto pertinente para os efectos do EEE.
• Directiva 2004/108/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de decembro de 2004, relativa á aproximación das lexislacións dos Estados membros en materia de compatibilidade electromagnética.
• Orde ITC/1142/2010, do 29 de abril, pola que se desenvolve o Regulamento regulador da actividade de instalación e mantemento de equipamentos e sistemas de telecomunicación, aprobado polo Real decreto 244/2010, do 5 de marzo.
7.2. Normativa de ámbito español (Aenor).
• UNE-EN 50310:2016/A1. Redes de enlace de telecomunicacións para edificios e outras estruturas.
• Serie de normas UNE EN 50173. Tecnoloxía da información. Sistema de cablaxe xenérica.
• UNE-CLC/TS 50659. Características electromagnéticas dos sistemas lineais de cablaxe (CMS).
• UNE-EN 300127 V1.2.1. Cuestións de compatibilidade electromagnética e espectro radioeléctrico (ERM). Ensaios de emisións radiadas de sistemas de telecomunicación fisicamente grandes.
• UNE-EN 1815. Revestimentos de chan resilientes e lamelados. Avaliación da propensión á acumulación de cargas electrostáticas.
• Serie de normas UNE EN 60793. Fibra óptica. Métodos de medición e procedementos de ensaio.
• UNE-EN 50290. Cables de comunicacións.
• UNE EN 50174-1. Tecnoloxía da información. Instalación da cablaxe. Especificación e aseguramento de calidade.
• UNE EN 50174-2. Tecnoloxía da información. Instalación da cablaxe. Métodos de planificación da instalación no interior dos edificios.
• UNE-EN IEC 60794. Cables de fibra óptica.
• UNE-EN IEC 61280. Procedementos de ensaio para subsistemas de comunicación de fibra óptica.
• UNE-EN 50117. Cables coaxiais.
• UNE-EN 61935. Especificación para o ensaio da cablaxe coaxial equilibrada de tecnoloxías da información.
• UNE EN 50346. Tecnoloxía da información. Instalación de cablaxe - Verificación da cablaxe instalada.
• Serie de normas UNE EN 60332. Métodos de ensaio para cables eléctricos e cables de fibra óptica sometidos a condicións de lume.
• UNE-EN 60754. Ensaio dos gases desprendidos durante a combustión de materiais procedentes dos cables.
• UNE-EN 61034. Medida da densidade dos fumes emitidos por cables en combustión baixo condicións definidas.
• UNE-EN IEC 60331. Ensaios para cables eléctricos en condicións de lume. Integridade do circuíto.
• UNE-EN 50575. Cables eléctricos, de control e de comunicacións: cables para aplicacións xerais en traballos de construción suxeitos a requisitos de reacción contra o lume.
• UNE-EN 13501. Clasificación en función do comportamento fronte ao lume dos produtos de construción e elementos para a edificación.
• UNE-EN 50399. Métodos de ensaio comúns para cables sometidos a condicións de lume. Medida da emisión de calor e produción de fumes en cables durante o ensaio de propagación da chama. Equipamento de ensaio, procedementos, resultados.
• UNE-EN 61537. Condución de cables. Sistemas de bandexas e de bandexas de escaleira.
• UNE-EN 61386. Sistemas de tubos para a condución de cables.
• UNE-EN 50085. Sistema de canles para cables e sistemas de condutos pechados de sección non circular para instalacións eléctricas.
• UNE-HD 627.7M. Cables multicondutores e multipares para a instalación en superficie ou enterrada. Parte 7.
• UNE-EN 60708:2010. Cables de baixa frecuencia con illamento de poliolefina e cuberta de poliolefina de barreira contra a humidade.
• UNE-EN 12094. Sistemas fixos de loita contra incendios. Compoñentes para sistemas de extinción mediante axentes gasosos.
• UNE-EN 12259. Sistemas fixos de loita contra incendios. Compoñentes para sistemas de difusores e auga pulverizada.
• UNE-EN 12825. Pavimentos elevados rexistrables.
• UNE-EN 1366-6. Ensaios de resistencia ao lume de instalacións de servizo. Parte 6: pavimentos elevados rexistrables e pavimentos ocos.
• UNE-EN 1366-5. Ensaios de resistencia ao lume de instalacións de servizo. Parte 5: condutos horizontais e verticais de servizos.
• UNE-EN 1366-11:2019+A1. Ensaios de resistencia ao lume de instalacións de servizo. Parte 11: sistemas protectores contra incendios para sistemas de cables e compoñentes asociados.
• UNE-EN IEC 63355. Sistemas de condución de cables. Método de ensaio para determinar o contido de halóxenos.
• UNE-EN 61008-1. Interruptores automáticos para actuar por corrente diferencial residual, sen dispositivo de protección contra sobreintensidades, para usos domésticos e análogos (IDE). Parte 1: regras xerais.
• UNE-EN 60297. Estruturas mecánicas para equipamentos electrónicos. Dimensións das estruturas mecánicas da serie de 482,6 mm (19 polgadas).
• UNE-EN ISO 2082:2017. Recubrimentos metálicos e outros recubrimentos inorgánicos. Recubrimentos electrolíticos de cadmio con tratamentos adicionais sobre ferro ou aceiro.
• UNE-EN 124. Dispositivos de cubrimento e de peche para zonas de circulación utilizadas por peóns e vehículos.
• UNE-EN 62208. Envolventes baleiras destinadas aos conxuntos de aparellaxe de baixa tensión. Requisitos xerais.
• UNE-EN 62262:2002. Graos de protección proporcionados polas envolventes de materiais eléctricos contra os impactos mecánicos externos (código IK).
• UNE-EN 60529. Graos de protección proporcionados polas envolventes (código IP).
• UNE-EN 81-50. Regras de seguridade para a construción e instalación de ascensores. Exames e ensaios. Parte 50: regras de deseño, cálculos, exames e ensaios de compoñentes de ascensor.
7.3. Normativa de ámbito europeo (Cenelec).
• Cenelec EN 50173 Series. Information technology - Generic cabling system.
• Cenelec EN 50174-1. Information technology - Cabling installation. Part 1: specification and quality assurance.
• Cenelec EN 50174-2. Information technology - Cabling installation. Part 2: installation planning and practices inside buildings.
• Cenelec EN 50346. Information technology - Cabling installation - Testing of installed cabling.
7.4. Normativa de ámbito mundial (ISO/IEC).
• ISO/IEC IS 11801 Ed. 2.1. Information technology - Generic cabling fire customer premises.
• ISO/IEC IS 14763-1. Information technology - Implementation and operation of customer premises - Part 1: administration.
• ISO/IEC IS 14763-2. Information technology - Implementation and operation of customer premises - Part 2: planning and installation.
• ISO/IEC IS 14763-3. Information technology - Implementation and operation of customer premises - Part 3: acceptance testing for optical cabling.
• IEC 61935-1. Generic cabling systems - Specification for the testing of balanced communication cabling in accordance with ISO/IEC 11801 - Part 1: installed cabling.
• ISO/IEC 8877. Information technology - Telecommunications and information exchange between systems - Interface connector and contact assignments for ISDN Basic access interface located at reference points S and T.
• EN IEC 61557-4:2021. Electrical safety in low voltage distribution systems up to 1 000 V AC and 1 500 V DC - Equipment for testing, measuring or monitoring of protective measures.
• IEC 60755. General safety requirements for residual current operated protective devices.
7.5. Normativa de ámbito da industria para telecomunicacións (IEEE).
• IEEE 802.3, 10Base-T, 10Base-FL, 100Base-TX, 100Base-FX, 1000Base-T, 10GBase-T, 1000Base-SX, 1000Base-LX, IEEE, 802.3bt, IEEE802.1p/q.
• IEEE 802.11g, IEEE 802.11i, IEEE 802.1x.
• TIA/EIA - 492AAAC, especificacións detalladas para fibra multimodo de índice gradual optimizada para láser na primeira xanela (850-nm) con núcleo de 50 micras e recubrimento de 125 micras.
7.6. Outra normativa de posible aplicación.
• TIA-568.0. Generic telecommunications cabling for customer premises.
• TIA-568.1. Commercial building telecommunications infrastructure standard.
• TIA-568.2. Balanced twisted-pair telecommunications cabling and components standard.
• TIA-568.3. Optical fibre cabling and components standard.
• TIA-568.4. Broadband coaxial cabling and components standard.
• TIA/EIA 569. Commercial building standard for telecommunications pathways and spaces.
• TIA-862. Structured cabling infrastructure standard for intelligent building systems.
• TIA-569. Telecommunications pathways and spaces.
• TIA-606. Administration standard for telecommunications infrastructure.
• NFPA75. Norma para a protección contra incendios de equipamentos de tecnoloxías da información.
• NFPA2001. Norma sobre sistemas de extinción de incendios con axentes limpos.
