DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Martes, 15 de xullo de 2025 Páx. 39730

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ANUNCIO do 1 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se acorda someter ao trámite de información pública o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de conservación do espazo natural de interese local Río Abelleira (Carral, A Coruña).

O espazo natural de interese local (ENIL, en diante) Río Abelleira, pertencente ao concello de Carral (provincia da Coruña), foi declarado de xeito provisional mediante a Orde do 14 de febreiro de 2017 (DOG núm. 38, do 23 de febreiro), ao abeiro das leis 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e da entón vixente Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, foi derrogada pola Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, que igualmente recolle a figura de ENIL entre as categorías de espazos naturais protexidos. Na súa disposición transitoria sétima, punto 2, esta lei sinala que os procedementos administrativos en tramitación no momento da súa entrada en vigor seguirán a tramitarse pola normativa vixente no momento do seu inicio.

Segundo o recollido na disposición transitoria segunda da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, a tramitación das normas de xestión e de conservación en espazos naturais protexidos declarados ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto, que carezan de instrumentos de planificación e non iniciasen a súa tramitación con anterioridade á entrada en vigor desta lei, se realizarán tras o acordo de inicio da persoa titular da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, mediante o procedemento sinalado no artigo 40.5 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, axustándose o contido ao previsto no artigo 64.

Por tal motivo, o Plan de conservación deste ENIL tramítase ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto, respectando a terminoloxía recollida nesta lei para o instrumento de planificación, tendo en conta que a súa tramitación se iniciou coa presentación da solicitude de declaración do espazo á Xunta de Galicia o 3 de decembro de 2012 e do seu instrumento de planificación o 2 de febreiro de 2019, antes da entrada en vigor da Lei 7/2022, do 27 de decembro.

O artigo 29 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, establece que os ENIL son aqueles espazos que, integrados nun ou varios termos municipais, son merecedores, polas súas singularidades, dalgún tipo de protección dos seus valores naturais a nivel local.

O mesmo artigo indica, tamén, que a responsabilidade e a competencia da xestión destes espazos corresponde ás entidades locais, no seu ámbito territorial respectivo. Estes espazos non se considerarán incluídos na Rede galega de espazos protexidos e a súa declaración non implicará a asignación de recursos da Comunidade Autónoma de Galicia, aínda que poderán ter preferencia na obtención de axudas para a súa conservación e xestión.

Igualmente, o artigo 29 recolle que nestes espazos se promoverá o desenvolvemento de actuacións de educación ambiental e uso social do medio natural.

Segundo indica o artigo 63 da mesma lei, os ENIL contarán cunhas normas de xestión e de conservación propias como instrumento de planificación específico, instrumento denominado Plan de conservación na derrogada Lei 9/2001, do 21 de agosto; este instrumento establecerá o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo, xunto coas medidas para a conservación dos hábitats e das especies.

O instrumento de planificación aprobarase mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural.

Como paso previo para a elaboración do Plan de conservación elaborouse un documento base do plan, que foi sometido a participación pública mediante o Anuncio do 1 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co previsto no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, que regula o dereito de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente.

O dito documento expúxose ao público na páxina web da entón Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda durante un período de vinte (20) días hábiles, se que se recibise ningunha alegación ou suxestión.

Visto o anterior e en virtude do establecido no artigo 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como no artigo 42 da Lei 16/2010, do 17 de decembro,

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de participación pública do proxecto de decreto polo que se aprobará o Plan de conservación deste ENIL durante o prazo dun (1) mes, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Durante o citado prazo poderase consultar o plan no seguinte enlace do Portal de transparencia da Xunta de Galicia: https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-en-tramitacion/en-prazo-de-envio-de-suxestions

Así como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, entrando na subsección de documentos en información pública do Portal de conservación da natureza: https://medioambiente.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html

Terceiro. As persoas interesadas poden tamén enviar as súas alegacións:

a) A través do formulario disposto para este fin na ligazón do Portal de transparencia da Xunta de Galicia indicado no punto segundo deste anuncio.

b) Mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto «Plan de conservación do ENIL Río Abelleira».

c) Alternativamente, mediante a presentación dun escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2025

María Sol Díaz Mouteira
Directora xeral de Patrimonio Natural