DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Martes, 15 de xullo de 2025 Páx. 39600

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 57/2025, do 7 de xullo, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Castro de Rei das beirarrúas e dos elementos asociados a elas (cunetas, franxas de xardín e varandas) e da superficie de dominio público viario (DPV) correspondente a un treito da LU-113.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos destas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no punto 5 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia (RXEG) que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Castro de Rei solicita á Axencia Galega de Infraestruturas a transferencia da titularidade das beirarrúas, zonas destinadas a xardín e varandas de protección do treito da estrada autonómica LU-113, comprendido entre o p.q. 3+810 e o p.q. 6+040. Este cambio de titularidade non afectaría a continuidade da rede autonómica ao non abranguer a calzada e as beiravías da estrada LU-113.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se definen no artigo 1. Este cambio de titularidade restrínxese ao tramo urbano da estrada LU-113 correspondente ao núcleo de Castro de Ribeiras de Lea, é dicir do p.q. 4+560 ao p.q. 6+040, onde o terreo, en ambas as dúas marxes da estrada, está clasificado como solo urbano polo instrumento de planeamento vixente no Concello. Neste treito, o espazo da zona de dominio público que se vai transferir e os elementos que inclúe teñen unha funcionalidade esencialmente municipal e a súa cesión favorecería as tarefas da Administración local con respecto ás necesidades dos usuarios.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xullo de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Castro de Rei das beirarrúas e elementos asociados a elas (cunetas, franxas de xardín e varandas) do seguinte treito da LU-113 da Rede autonómica de estradas de Galicia, xunto coa superficie de dominio público viario correspondente:

Transferencia

Inicio

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

Final

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

Beirarrúas nas marxes da LU-113 e elementos asociados (cunetas, franxas de xardín e varandas) e superficie de DPV correspondente

p.q. 4+560

da LU-113

X = 622.719

Y = 4.777.106

p.q. 6+040

da LU-113

X = 622.818

Y = 4.778.497

O documento do catálogo e as súas modificacións posteriores poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas: https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esa acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas: https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Castro de Rei, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das beirarrúas e elementos asociados a elas (cunetas, franxas de xardín e varandas) do treito da LU-113 transferido, xunto coa superficie de DPV correspondente, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xullo de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas