DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 16 de xullo de 2025 Páx. 40157

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 1 de xullo de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución do recurso de reposición contra o acordo de revisión de esbozo do monte veciñal de Toxoso I, Toxoso II, Tremoal e Vigas, no concello de Abadín (expediente 121_77/2022_67).

Na sesión realizada polo Xurado Provincial o día 23.6.2025 figura o seguinte acordo:

MVMC Toxoso I, Toxoso II, Tremoal e Vigas, pertencente aos veciños de Labrada, no concello de Abadín. Expediente Abadín/121_77/2022_67.

O día 7.9.2022 tivo entrada unha solicitude da comunidade de Labrada para que se proceda á revisión do esbozo do seu monte veciñal conforme a proposta que achegan.

Con data do 27.11.2024, o Servizo de Montes elaborou a memoria e os planos de revisión de esbozo do MVMC Toxoso, I, Toxoso II, Tremoal e Vigas, e concedeuse trámite de audiencia á comunidade veciñal.

Logo da presentación das alegacións por parte da comunidade veciñal, o Servizo de Montes elaborou, con data do 12.3.2025, unha corrección da proposta de revisión de esbozo, na cal incorpórase a delimitación do MVMC atendendo ao axuste que é necesario realizar no que respecta á superficie correspondente ao monte de «Fraga Vella». Esta proposta foi aprobada polo Xurado na reunión celebrada o pasado 18.3.2025 e notificada á comunidade veciñal o 26.3.2025.

Con data do 24.4.2025, a comunidade veciñal de Labrada presentou un recurso de reposición contra o acordo do Xurado, en que en síntese expoñen que a proposta da revisión de esbozo elaborada polo Servizo de Montes supón unha modificación substancial da solicitude presentada pola comunidade. Ademais do anterior, tamén conculca o principio de confianza lexítima que debe presidir a actuación da Administración cos cidadáns. Así mesmo, negan a consideración de monte demanial do predio «Fraga Vella» e consideran que a problemática da titularidade do monte é unha cuestión que debe ser resolta no ámbito xurisdicional civil.

Neste senso, solicitan que se deixe sen efecto a resolución do 18.3.2025 no relativo á exclusión da superficie denominada «Fraga Vella» do esbozo do MVMC Toxoso I, Toxoso II, Tremoal e Vigas.

Examinado o recurso de reposición, o Xurado, por unanimidade, acorda desestimalo, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución.

Contra esta resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 1 de xullo de 2025

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo