Na sesión realizada polo Xurado Provincial o día 23.6.2025 figura o seguinte acordo:
MVMC Estelo, Braña e Toxiza, pertencente aos veciños de Estelo e Tronceda, no concello de Mondoñedo. Expediente Mondoñedo/13_79/2023_51.
O día 16.10.2023 tivo entrada unha solicitude da comunidade de Estelo e Tronceda para que se proceda á revisión do esbozo do seu monte veciñal conforme a proposta que achegan.
Con data do 17.12.2024, o Servizo de Montes elaborou a memoria e planos de revisión de esbozo do MVMC Estelo, Braña e Toxiza, e concedeuse trámite de audiencia á comunidade veciñal.
Logo da presentación das alegacións por parte da comunidade veciñal, o Servizo de Montes elaborou, con data do 12.3.2025, unha corrección da proposta de revisión de esbozo, na cal incorpórase a delimitación do MVMC atendendo ao axuste que é necesario realizar no que respecta á superficie correspondente ao monte de «Fraga Vella». Esta proposta foi aprobada polo Xurado na reunión celebrada o pasado 18.3.2025 e notificada á comunidade veciñal o 26.3.2025.
Con data do 24.4.2025, a CMVMC Estelo e Tronceda presentou un recurso de reposición contra o acordo do Xurado, en que en síntese expoñen que a proposta da revisión de esbozo elaborada polo Servizo de Montes supón unha modificación substancial da solicitude presentada pola comunidade. Ademais do anterior, tamén conculca o principio de confianza lexítima que debe presidir a actuación da Administración cos cidadáns. Así mesmo, negan a consideración de monte demanial do predio «Fraga Vella» e consideran que a problemática da titularidade do monte é unha cuestión que debe ser resolta no ámbito xurisdicional civil.
Neste senso, solicitan que se deixe sen efecto a resolución do 18.3.2025 no relativo á exclusión da superficie denominada «Fraga Vella» do esbozo do MVMC Estelo, Braña e Toxiza.
Examinado o recurso de reposición, o Xurado, por unanimidade, acorda desestimalo, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución.
Contra esta resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Lugo, 1 de xullo de 2025
Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo
