DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 16 de xullo de 2025 Páx. 40149

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 1 de xullo de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se comunica aos posibles titulares de dereitos e intereses os acordos adoptados por este xurado, relativos á revisión do esbozo do expediente 55/78 e tres máis.

Como consecuencia da entrada en vigor da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e coa finalidade de levar a cabo o establecido na disposición transitoria décimo terceira con respecto á revisión de esbozos de montes veciñais en man común, o xurado, na reunión que tivo lugar o 17.9.2012, acordou solicitar ao Servizo de Montes a realización de propostas de revisión e elaboración de cartografías actualizadas dos montes veciñais da provincia, susceptibles de tal adecuación.

En relación con isto, na sesión realizada polo xurado o día 23.6.2025 figuran os seguintes acordos:

– MVMC Burgo de Trasbar, pertencente aos veciños de San Xiao de Castelo, no concello de Cervo. Expediente Cervo/55 78.

Na reunión que tivo lugar o día 18.3.2025 o xurado acorda iniciar de oficio unha revisión de esbozo no MVMC Burgo de Trasbar, conforme a disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Procedemento co número de expediente 2025_8RE.

O motivo foi unha solicitude de corta de arborado denegada sobre unha parcela incluída dentro do esbozo do MVMC Burgo de Trasbar respecto da que o interesado presentou un informe elaborado polo xefe do Distrito Ambiental VII da Consellería do Medio Rural no ano 2005, en que este afirmaba que a dita parcela non se encontra incluída dentro do dito monte.

No procedemento de revisión iniciado, con data do 30.4.2025, concedeuse trámite de audiencia á comunidade do monte veciñal afectado por aquel. E o día 21.5.2025 a dita comunidade presenta alegacións, en que, en síntese, manifesta que as parcelas ás cales se refire o informe do ano 2005 representan o 23 % da superficie actualmente clasificada e, por tanto, o procedemento de revisión de esbozo non resulta adecuado nin xustificado xa que a desafectación de superficies de máis de 15 hectáreas non pode realizarse a través dun procedemento que ten como obxecto fundamental adaptar a realidade cartográfica do monte ás técnicas cartográficas actuais.

Dito o anterior, conclúese que, ao existir un conflito de propiedade coa comunidade propietaria do monte clasificado, en virtude do previsto no punto cinco da disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, que regula o procedemento utilizado, debe poñerse fin a este.

Con motivo do anterior, o xurado acorda, por unanimidade, non continuar e arquivar o procedemento de revisión de esbozo.

– MVMC Granda e Lal, pertencente aos veciños de Mosteiro, no concello de Pol. Expediente Pol/101_80.

O 3.4.2025 tivo entrada unha solicitude da comunidade de Mosteiro para que se proceda á revisión de esbozo do seu monte veciñal conforme a proposta que achegan. Procedemento co número de expediente 2025_14RE.

O día 8.5.2025, o Servizo de Montes elaborou unha proposta, en que se recolle a definición do novo esbozo revisado. De acordo coa cartografía resultante, a superficie do monte de Grande e Lal pasa a ser de 17,22 hectáreas.

Examinada a devandita proposta, o xurado, por unanimidade, acorda aceptala e proceder á incorporación do novo esbozo ao expediente.

O novo esbozo correspóndese co plano do anexo I, ao final deste anuncio.

– MVMC Allonquiña, pertencente aos veciños de Allonquiña, concello da Fonsagrada. Expediente A Fonsagrada/5_78.

O 21.4.2025 tivo entrada unha solicitude da comunidade de Allonquiña para que se proceda á revisión de esbozo do seu monte veciñal conforme a proposta que achegan. Procedemento co número de expediente 2025_19RE.

O día 19.5.2025, o Servizo de Montes elaborou unha proposta, en que se recolle a definición do novo esbozo revisado. De acordo coa cartografía resultante, a superficie do monte de Allonquiña pasa a ser de 223,56 hectáreas.

Examinada a devandita proposta, o xurado, por unanimidade, acorda aceptala e proceder á incorporación do novo esbozo ao expediente.

O novo esbozo correspóndese co plano do anexo II, ao final deste anuncio.

– MVMC San Roque e Cornao, pertencente aos veciños de Ribas Altas, no concello de Monforte de Lemos. Expediente Monforte/2_2001.

O 21.4.2025 tivo entrada unha solicitude da comunidade de Ribas Altas para que se proceda á revisión de esbozo do seu monte veciñal conforme a proposta que achegan. Procedemento co número de expediente 2025_20RE.

O día 28.5.2025, o Servizo de Montes elaborou unha proposta, en que se recolle a definición do novo esbozo revisado. De acordo coa cartografía resultante, a superficie do monte de San Roque e Cornao pasa a ser de 57,94 hectáreas.

Examinada a devandita proposta, o xurado, por unanimidade, acorda aceptala e proceder á incorporación do novo esbozo ao expediente.

O novo esbozo correspóndese co plano do anexo III, ao final deste anuncio.

Contra os estes acordos, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Lugo no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 1 de xullo de 2025

María Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo

ANEXO I

Plano do MVMC Granda e Lal

missing image file

ANEXO II

Plano do MVMC Allonquiña

missing image file

ANEXO III

Plano do MVMC San Roque e Cornao

missing image file