DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Xoves, 17 de xullo de 2025 Páx. 40197

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 2 de xullo de 2025 pola que se acorda a inclusión da antiga casa cuartel da Garda Civil de San Xurxo de Sacos, no concello de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, aprobouse a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), en diante, LPCG.

A LPCG no seu artigo 1.1 establece que o seu obxecto é «a protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia, de forma que lle sirva á cidadanía como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego, así como a súa investigación, valorización e transmisión ás xeracións futuras».

Así mesmo, o artigo 1.2 indica que o patrimonio cultural de Galicia está constituído, entre outros, polos bens inmobles que, polo seu valor etnolóxico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.

Segundo o artigo 8 da LPCG, os bens do patrimonio cultural de Galicia poden ser declarados de interese cultural (BIC), polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, ou catalogados, polo seu notable valor cultural.

No artigo 8.3 da LPCG establécese que: «Terán a consideración de bens catalogados aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu notable valor cultural, sexan incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, a través de calquera dos procedementos de inclusión previstos nesta lei. En todo caso, intégranse no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia os bens expresamente sinalados nesta lei. Os bens catalogados poden ser mobles, inmobles e inmateriais».

O artigo 10.1.a da LPCG, referido ás categorías de bens inmobles, define como monumento «a obra ou a construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico».

O artigo 25.1 da LPCG ditamina que: «Os bens catalogados polo seu notable valor cultural serán incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, cuxa xestión corresponde á consellería competente en materia de patrimonio cultural».

No artigo 87 da LPCG defínense os bens que integran o patrimonio arquitectónico coma «os inmobles e os conxuntos destes, e as obras da arquitectura e da enxeñaría histórica ás que se lles recoñeza un papel relevante na construción do territorio e na súa caracterización cultural e sexan testemuño dunha época histórica ou dos cambios na forma de entendela». Para os efectos do establecido no artigo anterior, no artigo 88 da LPCG presúmese que concorre un significativo valor arquitectónico, entre outros, «nos edificios e construcións propios da arquitectura civil que servisen para uso público comunitario, como casas do Concello, pazos provinciais, teatros, hoteis, hospitais, sanatorios, alfándegas, mercados, fundacións en Galicia de agrupacións de emigrantes ou centros de ensino, construídos con anterioridade a 1926».

Segundo se conclúe dos informes elaborados no Servizo de Inventario, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a antiga casa cuartel da Garda Civil de San Xurxo de Sacos responde a unha primeira tipoloxía das casas cuarteis da Garda Civil que se desenvolveron en edificacións existentes que, coma neste caso, se adaptaron ao singular uso de casa cuartel, onde se mesturaba a función militar e a civil, a partir dunha edificación de carácter tradicional destinada na súa orixe a uso residencial e que conserva de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade, polo que se lle recoñece un notable valor cultural como ben do patrimonio arquitectónico, histórico e etnolóxico, que xustifica a súa inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

Na data do 4 de febreiro de 2025, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acorda incoar o procedemento para incluír a antiga casa cuartel da Garda Civil de San Xurxo de Sacos, no concello de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e abriu un período de información pública durante o prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación (DOG núm. 31, do 14 de febreiro), para que calquera persoa física ou xurídica poida achegar as alegacións e informacións que considere oportunas.

Non transcorreron os 18 meses que a Lei establece como prazo máximo para resolver e notificar a catalogación, contados a partir da data da resolución de incoación (4.2.2025), durante o cal non consta que se presentase ningunha alegación.

Á vista dos documentos que forman parte do expediente, no que se acredita a concreción da presunción de valores culturais legalmente recoñecidos, en especial, un significativo valor arquitectónico, é polo que no exercicio da competencia para a acordar a inclusión dun ben no Catálogo do patrimonio cultural, prevista no artigo 28 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia

Incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia a antiga casa cuartel da Garda Civil de San Xurxo de Sacos, no concello de Cerdedo-Cotobade, consonte a descrición que figura no anexo I e a delimitación detallada no anexo II.

Segundo. Inscrición no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia

Inscribir a antiga casa cuartel da Garda Civil de San Xurxo de Sacos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

Terceiro. Réxime de protección

Asignar á antiga casa cuartel da Garda Civil de San Xurxo de Sacos o nivel de protección estrutural e aplicarlle o réxime de protección previsto para os bens inmobles catalogados. Ao contorno de protección delimitado no anexo II, aplicarlle o réxime de protección establecido para estes ámbitos.

Cuarto. Planeamento

En virtude do establecido no artigo 35.5 da LPCG, instar o concello de Cerdedo-Cotobade a incorporar a antiga casa cuartel da Garda Civil de San Xurxo de Sacos ao catálogo do seu planeamento urbanístico xeral e a establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección e conservación.

Quinto. Publicación

Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Notificación

Notificar esta resolución ás persoas interesadas no procedemento e ao Concello de Cerdedo-Cotobade.

Sétimo. Recurso

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación perante o mesmo órgano que o ditou ou, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira. Eficacia

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2025

José Carlos López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación.

A antiga casa cuartel da Garda Civil de San Xurxo de Sacos.

2. Localización.

• Provincia: Pontevedra.

• Concello: Cerdedo-Cotobade.

• Parroquia: San Xurxo de Sacos.

• Lugar: Barbeitos.

• Coordenadas de localización (UTM ETRS89 Fuso 29), X: 539.951, Y: 4.706.556.

• Referencias catastrais: 36012A00401204 e 36012A00401203.

3. Descrición.

A antiga casa cuartel da Garda Civil de San Xurxo de Sacos Sacos atópase ao pé da estrada nacional que comunica as cidades de Pontevedra e Ourense, integrada no asentamento rural tradicional de Barbeitos, o cal se localiza nun espazo de ladeira orientada ao noroeste.

Este inmoble foi obxecto de varias reformas e ampliacións ao longo da súa historia, que iría desde o ano 1857 (data da que posiblemente sexa a primeira construción) ata 1980 (data de cesamento do seu uso), para adaptarse aos requirimentos dunha casa cuartel na que se mesturaba a función civil e a militar.

O inmoble pode describirse como un pequeno conxunto de tres edificacións conectadas e complementadas con outras construcións auxiliares, cuxas características se corresponden cun tipo de arquitectura propia do século XIX e principios do XX. Son volumes simples, pero non carentes de orde compositiva, simetría e axialidade, en especial as fachadas sur, que dan fronte á estrada.

O volume oeste é o máis pequeno, cun menor fondo, planta rectangular (11 x 4.5 m), con semisoto (posiblemente destinado a corte) e planta baixa (posiblemente destinada a vivenda independente do cuartel), cuberta a dúas augas, paredes de cantaría de granito e caracterizado pola solaina apoiada en tres piares e vigas de pedra que ocupa a fachada oeste. O semisoto deste volume ábrese a dous patios, un ao oeste e outro ao norte, o primeiro, pechado cun muro de cachotaría baixo e polo de contención da estrada e, o segundo, de maior envergadura que se abre ao camiño e ao resto da parcela con cadanseu portón e que, posiblemente estivo cuberto.

O volume central é de planta cadrada con semisoto (destinado posiblemente a calabozo e dormitorios), baixa (destinada a usos administrativos, de reunión e cociña), primeira (destinada á vivenda do mando) e baixo cuberta; cuberta a dúas augas; cun muro paralelo á fachada principal que conforma dúas cruxías, coas vigas perpendiculares; conta con outras particións con muros de pedra; fachada principal de cantaría de granito (o da planta alta é de menor espesor, quedando recuado, agás os extremos que se resaltan como pilastras), con tres ocos por planta para portas de aire, ocos e impostas resaltados; balcón corrido de granito que percorre a fachada principal e no que se apoiaba o mastro da bandeira; inscrición no lintel da porta principal, onde estaría o cartel de «todo por la patria» e garitas de formigón e ladrillo recebado e pintado nos vértices oeste da planta baixo cuberta.

O volume leste é de planta rectangular –con menor fondo que o volume central–, con semisoto (destinado a rochos e currais), planta baixa e primeira (ambas as dúas destinadas a vivendas) e baixo cuberta; permanecen parte das vigas perpendiculares á fachada principal, pero semella que estas tiveron apoios intermedios en piares (quedan restos deles no semisoto, de pedra suplementados parcialmente con formigón); cuberta a dúas augas; muros de cachotaría e cantaría de pedra e ladrillo, recebados marcando chagas en triángulo, con fachada principal formada por cinco ocos por planta para portas de aire, recercados xunto coas impostas, e fachada leste con tres ocos por planta, un só oco no baixo cuberta e dous arcos na planta semisoto; restos do arranque de dúas escaleiras na planta semisoto, cos chanzos de pedra; restos do que parece un pozo; caracterizado por un balcón protexido por varanda de formigón e pola presenza de garitas nos vértices leste da planta baixo cuberta, espazo ao que parece que se lle dou máis altura nalgún momento posterior.

A construción dos edificios seguíu as pautas empregadas tradicionalmente na época, con muros de pedra (parte deles de cantaría e parte de cachotaría), parcialmente recebada con cal; a estrutura horizontal suponse que estivo constituída -porque na súa maioría desapareceu- por vigas, tesoiras, pontóns, zancas e pisos de madeira; as cubertas eran de tella cerámica plana e a carpintaría de madeira pintada. Os escasos tabiques que perduraron son de ladrillo cerámico, recebado e pintado, aínda que puideron substituír outros anteriores de carácter máis tradicional.

A parcela na que se localiza o edificio da antiga casa cuartel conserva os restos doutras construcións auxiliares, como unha fonte no muro de contención das terras da estrada; un lavadoiro ao leste da fonte, e diversos muros de cachotaría de pedra que pechan a parcela ou conteñen as terras. Ademais, a gran parcela orixinalmente vinculada coa casa cuartel estivo parcialmente ocupada por hortas de servizo.

4. Usos.

Uso actual: abandonado.

Uso proposto: o orixinal de residencia ou outro compatible coa súa protección, que deberá ser autorizado pola consellería competente en materia de patrimonio cultural.

5. Estado de conservación.

Na actualidade, a antiga casa cuartel de San Xurxo de Sacos atópase en mal estado, conservándose pouco máis que os muros de pedra, tanto os que pechaban os distintos volumes da edificación, coma algún interior e os de peche da parcela e de contención de terras. Tamén se conservan algúns elementos pétreos, coma diversos piares, arranques de escaleiras, fonte, lavadoiro, etc., pero parte destes muros (en especial os do volume oeste) e elementos pétreos atópanse parcialmente derruídos e en mal estado de conservación, o que ameaza co seu derrube total.

Da estrutura horizontal consérvanse só parte das vigas de madeira, os balcóns-solainas de pedra e un balcón de formigón, coa súa varanda do mesmo material. Tamén se aprecia a presenza de parte das varandas metálicas da solaina e das portas de aires. O resto de elementos construtivos (pisos, cuberta, escaleiras, particións, carpintaría, instalacións, etc.) desapareceron en boa medida.

6. Valoración cultural.

Os valores considerados para que un ben constitúa parte do patrimonio cultural de Galicia están relacionados co aprecio ou a importancia que a sociedade lle outorga nun momento dado. O valor ou valores deses bens deben determinar o seu interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.

O interese cultural dun ben deriva da súa autenticidade e da súa integridade, sendo estes factores fundamentais para a súa valoración.

A autenticidade da antiga casa cuartel da Garda Civil de San Xurxo de Sacos ponse de manifesto, máis que pola súa representatividade tipolóxica, pola súa singularidade como casa cuartel significativa da primeira época deste tipo edificatorio e como tal, ten un gran valor testemuñal como mostra dunha arquitectura representativa e de control do Estado centralista decimonónico e como «casa de veciños organizada militarmente» na que convivían a institución á que representa (Garda Civil) e a vida doméstica das familias residentes.

O contexto rural no que se asenta este edificio vese cualificado pola presenza dunha representación institucional como é esta casa cuartel, converténdose, ademais, nun fito do camiño-estrada entre Pontevedra e Ourense. A casa cuartel forma parte dun asentamento rural disperso constituído por edificios de similar escala, características e período construtivo, entre os que resalta -xunto co próximo pazo de Bermúdez de Castro- cun dominio paisaxístico sobre un amplo territorio ao noroeste.

O valor cultural desta edificación exprésase a través dos restos das construcións que se conservan, especialmente nos elementos de pedra elaborados con distintas técnicas tradicionais, que responden a tipos edificatorios concretos e que se integran no contorno rural.

Porén, non constan referencias bibliográficas, nin estudos, nin investigacións específicas sobre o valor cultural deste inmoble, unicamente recollido nos estudos de Xosé Fortes Bouzán sobre a terra de Cotobade.

A integridade da antiga casa cuartel da Garda Civil de San Xurxo de Sacos maniféstase pola presenza de restos representativos dos propios edificios, que nos permiten rememorar o seu volume. Ademais, esta edificación pode entenderse como parte dun sistema territorial compartido co resto de casas cuartel que ocuparon a totalidade da xeografía do Estado na segunda metade do século XIX e primeira do XX. Pola contra, hai que sinalar a perda de partes representativas desta casa cuartel, como case que toda a estrutura horizontal, as cubertas, as particións interiores, etc; consecuencia do abandono do inmoble desde hai varias décadas. Deste xeito, perdeuse a continuidade do seu uso no tempo.

En definitiva, a antiga casa cuartel da Garda Civil de San Xurxo de Sacos é un ben singular do patrimonio arquitectónico, pero cuxa integridade está seriamente comprometida polos anos de abandono e tampouco constan referentes bibliográficos dela. De acordo con isto, semella oportuno incluíla no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

7. Natureza e categoría.

• Natureza: material.

• Condición: ben inmoble.

• Categoría: monumento.

• Interese: arquitectónico, histórico e etnolóxico.

8. Nivel de protección.

• Estrutural.

9. Réxime de protección.

A casa cuartel, como elemento singular do patrimonio arquitectónico protexido, rexerase polos ditados do réxime de protección e conservación que definen os títulos II e IV da LPCG; en concreto, pode resumirse en:

• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a permitirlle o acceso aos ditos bens ao persoal habilitado para a función inspectora nos termos previstos no capítulo I do título X; ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.

• Deber de comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, os titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a comunicar á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou perda que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

• Autorizacións: as intervencións que se pretendan realizar en bens catalogados, así como, se é o caso, no seu contorno de protección, terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural. A utilización dos bens catalogados quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

• Nivel de protección estrutural: conservación dos elementos máis significativos e relevantes dos bens, así como daqueles que resulten máis característicos tipoloxicamente ou que sexan obxecto dunha concreta apreciación cultural.

ANEXO II

Delimitación e contorno de protección

A antiga casa cuartel de San Xurxo de Sacos está composta polos tres volumes ou edificios acaroados e polo resto do predio vinculado con este uso, que abrangue os muros de peche e de contención de terras, a fonte e o lavadoiro. O límite sur coincide coa aliñación das edificacións, o límite oeste abrangue a parcela catastral á que dá o volume oeste, polo noroeste axústase ao muro de peche onde se atopa o portón, polo norte toma como referencia un ribazo que separa os edificios do resto da parcela e polo leste abrangue a fonte e o lavadoiro, tomando como límite a parcela lindeira.

En aplicación dos criterios sinalados no artigo 38 da LPCG, proponse un contorno de protección do elemento etnolóxico constituído polos espazos e construcións próximas cuxa alteración incida na percepción e comprensión dos valores culturais da antiga casa cuartel no seu contexto ou poida afectar a súa integridade, apreciación ou estudo.

A delimitación do contorno de protección toma como referencia os límites físicos existentes, os camiños e os límites parcelarios.

missing image file