DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Luns, 21 de xullo de 2025 Páx. 40677

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 10 de xullo de 2025 pola que se dá publicidade á encomenda de xestión a Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A., para a realización das actuacións necesarias para a planificación, coordinación e xestión do Plan de dotación do Novo Montecelo.

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á encomenda a Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A., da realización das actuacións necesarias para a planificación, coordinación e xestión do Plan de dotación do Novo Montecelo.

1. Actividades: a realización das actuacións necesarias para a planificación das necesidades, coordinación e xestión do Plan de investimentos do Novo Montecelo.

O obxecto abrangue a coordinación das actividades asociadas á planificación das licitacións necesarias para executar o Plan de investimentos do Novo Montecelo, segundo a previsión da finalización das obras e de ocupación dos espazos coa finalidade da posta en marcha do Novo Montecelo, así como o control de prazos dos expedientes de contratación e a xestión dos equipos de traballo constituídos para as diferentes fases da licitación e execución do Plan de investimentos, en coordinación coa Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.

A xestión que realizará Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A., abranguerá as actuacións materiais ou xurídicas necesarias, dentro dos límites contidos na normativa que disciplina a súa actividade, aínda que poderá, de conformidade co artigo 2 dos seus estatutos, contratar con terceiros as actuacións encomendadas. Neste último caso, a actuación axustarase ao disposto no artigo 32.7 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

A encomenda de xestión non supón cesión da titularidade de competencias, nin dos elementos substantivos do seu exercicio, e é responsabilidade do órgano encomendante ditar cantos actos ou resolucións de carácter xurídico dean soporte ou en que se integren as concretas actividades materiais obxecto da encomenda.

2. Natureza e alcance da xestión encomendada: o artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, regula as encomendas de xestión intersubxectivas entre administracións públicas e entidades públicas, e recolle entre os seus supostos habilitantes o de que a entidade que vaia desenvolver a actividade encomendada poida ser considerada como medio propio ou servizo técnico da entidade encomendante (artigo 9.1.b) da Lei 16/2010). Neste caso, a encomenda instrumentarase por medio de resolución da consellería de adscrición da entidade (artigo 9.2 da Lei 16/2010).

O artigo 6.3 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, sinala que quedan excluídas do seu ámbito as encomendas de xestión reguladas na lexislación vixente en materia de réxime xurídico do sector público.

Ademais, prevese que para a efectividade da encomenda, o instrumento en que se formalice deberá ser publicado no Diario Oficial de Galicia (artigo 9.3 da Lei 16/2010).

3. Prazo de vixencia: esta encomenda terá unha duración de 18 meses, prorrogables ata un máximo de 18 meses adicionais, en función das necesidades derivadas da aprobación do Plan de investimentos e dos prazos do traslado, ocupación e posta en funcionamento dos diferentes servizos no novo hospital.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2025

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade