Logo de examinar a documentación que consta nesta comisión provincial relativa á vivenda de referencia, e de conformidade co establecido na Lei 8/2012, de vivenda de Galicia, na redacción dada pola Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, en concreto, no seu artigo 63.1, no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 20 de xaneiro de 2025, no artigo 22 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, así como as acollidas a programas de acceso á vivenda con axudas públicas, e no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), a Comisión Provincial de Vivenda de Lugo, en sesión que tivo lugar o 27 de xuño de 2025,
ACORDA:
Iniciar o proceso de selección de persoa adxudicataria da vivenda de protección oficial de promoción pública cualificada no barrio histórico do concello de Vilalba, expediente LU-2018/CH02, que se desenvolverá de conformidade coas seguintes bases:
Primeira. Obxecto do procedemento
1. O procedemento ten por obxecto adxudicar, en réxime de alugamento, logo do seu correspondente proceso de selección, a vivenda de protección oficial de promoción pública, en réxime de alugamento, no barrio histórico do Concello de Vilalba, expediente LU-2018/CH02, para a quenda xeral, que se indica a seguir:
|
Quenda |
Enderezo |
Situación |
Superficie útil |
Nº de dormitorios |
|
Xeral |
Rúa Concepción Arenal, 14 |
Baixo e andar 1º |
63,80 m² |
2 |
2. Para realizar a adxudicación realizarase un sorteo entre todas as persoas inscritas ou anotadas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda na Sección 2ª (demandantes de vivendas de protección oficial de promoción pública de núcleos rurais e cascos históricos), na data do acordo de inicio da comisión, en réxime de alugamento, na quenda xeral, para o concello de Vilalba como concello preferente, elixidas polo procedemento e que cumpran os requisitos previstos nestas bases.
Segunda. Cualificación da promoción
A vivenda foi cualificada definitivamente como vivenda de protección oficial de promoción pública en barrio histórico pola Resolución do director territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 31 de marzo de 2025 e, ao abeiro do disposto no artigo 30.2 do Decreto 253/2007, polas resolucións do director xeral do IGVS, do 27 de marzo de 2025 e do 17 de xuño de 2025, determináronse as condicións específicas da promoción desta vivenda.
Terceira. Requisitos das persoas beneficiarias
1. Conforme o disposto no artigo 63.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, poderán resultar adxudicatarias das vivendas as persoas residentes en Galicia, así como as persoas emigrantes retornadas, que reúnan os seguintes requisitos na data desta resolución de inicio:
a) Estaren inscritas ou anotadas no Rexistro Único de Demandantes na Sección 2ª (demandantes de vivendas de protección oficial de promoción pública de núcleos rurais e cascos históricos) como demandantes de vivenda para o concello de Vilalba como concello preferente.
b) Acreditar ingresos ponderados por unidade familiar ou convivencial, no último exercicio fiscal vencido, entre 1 e 3,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), ao abeiro do disposto no artigo 63.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, no artigo 30 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, no Acordo do Consello da Xunta do 20 de xaneiro de 2025 e na Resolución do director xeral do IGVS do 27 de marzo de 2025.
c) Residir ou traballar no concello de Vilalba, agás no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.
d) Carecer calquera membro da unidade familiar ou convivencial de vivenda en calidade de propietario, agás que se dea algunha das seguintes circunstancias:
Acreditar que a vivenda que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012, do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Neste suposto quedarán obrigados a ofertar ao IGVS a dita vivenda para os efectos do disposto no artigo 10.V do Decreto 253/2007, do 13 de decembro.
Habitar unha vivenda suxeita a expediente de expropiación ou desafiuzamento xudicial ou administrativo non imputable ao interesado, ou ben ocupar aloxamentos provisionais como consecuencia de situacións de emerxencia ou remodelación que impliquen a perda da vivenda.
e) Non encontrarse en ningunha destas circunstancias, referidas a calquera membro da unidade familiar ou convivencial:
– Que xa foran titulares de vivendas de protección oficial de promoción pública e a perdesen como consecuencia dun procedemento de desafiuzamento, resolución de contrato tramitado polo IGVS ou a alleasen por calquera causa, coa excepción de cambio de residencia por motivos laborais, ou outros xustificados, a xuízo da Comisión Provincial.
– Que sexan titulares de bens inmobles de natureza rústica ou urbana suxeitos ao imposto sobre bens inmobles que teñan un valor catastral superior a 30.000 euros.
2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, será requisito para a adxudicación da vivenda manter a vixencia da inscrición no Rexistro Único de Demandantes e cumprir o resto de requisitos ao longo de todo o proceso de selección, de xeito que a baixa no citado rexistro ou deixar de cumprir o resto de requisitos en calquera momento anterior ao acordo da comisión que aprobe a súa inclusión na lista definitiva de persoas adxudicatarias, determinará a perda do dereito ao acceso á vivenda.
Cuarta. Réxime de adxudicación das vivendas e condicións xerais de carácter económico
1. Ao abeiro do disposto no artigo 29 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, as vivendas cualificadas en barrio histórico adxudicaranse sempre en réxime de alugamento sen opción de compra. O réxime de adxudicación manterase durante toda a vixencia do réxime legal de protección, sen que sexa posible o cambio de réxime de alugamento a compravenda.
2. O contrato de arrendamento terá unha vixencia de sete anos (7), que se contarán desde a sinatura do contrato, sen prexuízo da súa prórroga de conformidade co establecido na Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, na súa redacción dada polo Real decreto lei 7/2019, do 1 de marzo, de medidas urxentes en materia de vivenda e alugamento.
Unha vez transcorridos os prazos de prórroga fixados na devandita lei, o contrato poderá seguir prorrogándose por prazos anuais.
Estará prohibida en todo caso a cesión ou subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións que procedan.
3. A renda inicial anual será a que resulte de lle aplicar o 3 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, determinado de acordo co establecido no artigo 66 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, e no artigo 31.3.2 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro.
4. A eficacia da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo do pagamento por parte da persoa adxudicataria da fianza correspondente.
Quinta. Procedemento de selección
1. O procedemento de selección tramitarase consonte o establecido nos artigos 22 a 28 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas.
2. A selección das persoas adxudicatarias efectuarase mediante sorteo, que terá lugar ante notario ás 8.30 horas do día 22 de xullo de 2025, agás indispoñibilidade do fedatario autorizante, ou calquera outra causa de forza maior apreciada pola comisión, casos en que se publicará a data definitiva do sorteo na páxina web do IGVS, cunha antelación mínima de tres días naturais.
No sorteo participarán todas as persoas inscritas ou anotadas, en réxime de alugamento, na data desta resolución de inicio, no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda na Sección 2ª, demandantes de vivendas de protección oficial de promoción pública de núcleos rurais e cascos históricos, para o concello de Vilalba como concello preferente, na quenda xeral, e que sexan titulares de familias ou unidades convivenciais.
Elixida consonte o procedemento descrito a persoa adxudicataria provisional, os demais demandantes non adxudicatarios integrarán a lista de reserva, na orde correlativa que resulte do sorteo, conforme o establecido na Circular 1/2009, do 30 de xaneiro, da Secretaría Xeral do IGVS, sobre o Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida de Galicia.
3. Unha vez rematado o sorteo, publicarase a lista provisional de persoa adxudicataria e persoas de reserva, se é o caso. Realizados os trámites previstos nos artigos 24 e 25 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, a Comisión Provincial de Vivenda aprobará a lista definitiva de persoa adxudicataria e persoas de reserva.
4. De conformidade co disposto no artigo 28 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, rematado este proceso, a área provincial procederá, de ser o caso, a determinar a adecuación da vivenda á composición da unidade familiar e convivencial daquela, e o resultado notificarase ás persoas interesadas.
Esta notificación deberá conter, entre outros, os seguintes datos: tipo de vivenda, superficie útil, réxime de adxudicación e renda. Igualmente, advertiráselles que teñen quince días para aceptar ou renunciar á adxudicación e o pagamento dos impostos, gastos ou fianza que, de ser o caso, lles correspondan.
Sexta. Publicidade, reclamacións e recursos
1. A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no DOG e nela indicarase o medio onde se efectuarán as sucesivas publicacións; enténdese por sucesivas publicacións as das listas provisional e definitiva de persoas adxudicatarias e de reserva.
A publicación das listas provisional e definitiva de persoa adxudicataria e persoas de reserva realizarase nos taboleiros de anuncios do concello, no da área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo e na páxina web do organismo.
A publicación substituirá as notificacións persoais de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. Tras a publicación da lista provisional na forma indicada, as persoas solicitantes que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días para presentar reclamacións ante a Comisión Provincial de Vivenda, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.
3. Contra a aprobación da lista definitiva de persoa adxudicataria e persoas de reserva, logo da súa publicación nos termos sinalados no número 1, poderase interpor recurso de reposición de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Sétima. Vixencia das listas definitivas
As listas definitivas deste proceso de selección manterán a súa vixencia ata que se produza algunha das seguintes circunstancias:
a) A aprobación pola Comisión Provincial de Vivenda de novas listas definitivas.
b) O esgotamento das listas debido a que non queden persoas integrantes ás cales ofertar a vivenda.
Oitava. Actuación revisora
Correspóndelle á Comisión Provincial de Vivenda a revisión da adxudicación da vivenda nos casos en que se observe que a dita adxudicación se produciu tendo en conta datos erróneos, falseados ou incompletos.
A falsidade ou ocultación de achega de datos dará lugar á incoación do oportuno expediente sancionador coas consecuencias e efectos que figuran la Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia.
Lugo, 30 de xuño de 2025
Marco Antonio Fernández Piñeiro
Presidente da Comisión Provincial de Vivenda de Lugo
