DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Mércores, 23 de xullo de 2025 Páx. 41231

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fai pública a relación de persoas admitidas e excluídas con carácter definitivo que solicitaron a inclusión nas listas únicas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de determinados corpos, escalas ou especialidades, ao abeiro do establecido no artigo 4.1 da Orde do 20 de xullo de 2021.

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 60/2019, do 23 de maio, incorpora a disposición transitoria segunda que contén unha habilitación para elaborar unha lista única como resultado da funcionarización. Esta disposición foi obxecto de desenvolvemento pola Orde da Consellería de Facenda e Administración Pública do 20 de xullo de 2021 (DOG do 30 de xullo).

De conformidade co artigo 4.1 da Orde do 20 de xullo de 2021, poderán crearse novas listas para a cobertura transitoria de prazas de persoal funcionario naqueles supostos en que non existan listas de natureza funcionarial para dar cobertura aos postos das categorías laborais que se funcionarizan. No seu artigo 8 disponse que o procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión nas listas de vinculación temporal de nova creación ao abeiro do previsto no seu artigo 4 regularase polo establecido na Orde do 22 de febreiro de 2021 (código de procedemento AP522T).

Mediante as resolucións do 12 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DOG núm. 31 do 14 de febreiro), acordouse a creación das listas únicas, reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo (DOG núm. 48, do 9 de marzo), para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos, escalas ou especialidades que se relacionan no anexo I desta resolución e a apertura dun prazo de presentación de solicitudes, exclusivamente para as persoas integrantes das listas de contratación temporal de categorías profesionais laborais equivalentes, de conformidade coas equivalencias establecidas no Decreto 165/2019, do 26 de decembro, nas condicións establecidas na Orde do 20 de xullo de 2021.

Segundo o establecido no artigo cuarto das ditas resolucións do 12 de febreiro de 2025, o procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión nas listas únicas de vinculación temporal estaba regulado de conformidade coa Orde do 22 de febreiro de 2021 (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

No artigo terceiro das ditas resolucións do 12 de febreiro de 2025, establécense os requisitos que deben posuír na data de presentación da solicitude, así como no momento da toma de posesión como persoal funcionario interino, as persoas solicitantes para ser admitidas nas listas.

O prazo para a presentación de solicitudes iniciouse o 15 de febreiro de 2025 e finalizou o 28 de febreiro de 2025.

Rematado o dito prazo foron examinadas as instancias presentadas coa finalidade de comprobar a concorrencia dos requisitos exixidos para seren admitidas nas listas únicas, nos termos establecidos nos artigos 2 e 6 e disposición transitoria primeira da Orde do 20 de xullo de 2021.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal do 4 de xuño de 2025 (DOG núm. 114, do 17 de xuño), faise pública a relación de persoas admitidas e excluídas con carácter provisional que solicitaron a inclusión nas listas únicas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de determinados corpos, escalas ou especialidades, ao abeiro do establecido no artigo 4.1 da Orde do 20 de xullo de 2021.

Con data do 1 de xullo de 2025 rematou o prazo establecido no punto terceiro da devandita resolución para presentar reclamacións.

Unha vez examinadas e resoltas as reclamacións, a Comisión Permanente, de acordo co establecido no artigo 4 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, acordou elevar á titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Consecuentemente co anterior, informada a Comisión Permanente regulada no artigo 4 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, e de conformidade co establecido no artigo 10 da Orde do 20 de xullo de 2021, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Facer públicas as listas definitivas únicas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos, escalas e especialidades que se relacionan no anexo I desta resolución.

Segundo. As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratación> e no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012.

Nas devanditas listas figura a seguinte información:

– Persoas solicitantes admitidas nas listas únicas, ao abeiro das resolucións do 12 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administracións de Persoal (DOG núm. 31, do 14 de febreiro), procedentes de listas de contratación temporal de categorías profesionais laborais equivalentes, con indicación da puntuación provisional resultante da aplicación do baremo, conforme o establecido no artigo 6 e na disposición transitoria primeira da Orde do 20 de xullo de 2021, en relación co seu artigo 2.

– Persoas solicitantes excluídas ao abeiro das resolucións do 12 de febreiro de 2025, con expresión da causa de exclusión.

Terceiro. As listas entrarán en vigor a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

En aplicación da disposición transitoria terceira da Orde do 20 de xullo de 2021, en concordancia coa súa disposición transitoria segunda, a entrada en vigor destas listas únicas implican o peche das listas de contratación temporal das categorías análogas.

Cuarto. Contra esta resolución e de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2025

Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal

ANEXO I

Corpos e escalas de persoal funcionario

Grupo

Corpo/escala

Denominación

A2

209D

Corpo facultativo de grao medio da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de técnicos facultativos, especialidade de educador infantil (subgrupo A2)

C1

208I

Corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de axentes de inspección, especialidade de mobilidade (subgrupo C1)

C1

209O

Corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de axentes de inspección, especialidade vixilancia de estradas (subgrupo C1)

C1

209G

Corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala técnica de cociña (subgrupo C1)

C1

209I

Corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala técnica de análises de laboratorio (subgrupo C1)

C1

20B6

Corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala técnica de recursos naturais e forestais, especialidade de capataz (subgrupo C1)

C1

209E

Corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala técnica de mantemento de servizos (subgrupo C1)

C2

207Z

Corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala auxiliar de cociña (subgrupo C2)

C2

208P

Corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala auxiliar de laboratorio (subgrupo C2)

C2

208N

Corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala auxiliar de mantemento (subgrupo C2)

C2

20D0

Corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala auxiliar de recursos naturais e forestais, especialidade de oficial (subgrupo C2)

C2

207X

Corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de gardas de recursos naturais (subgrupo C2)