Conforme o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, modificado pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro, esta dirección xeral dispón a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo que figura como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2025
Sandra Vázquez Domínguez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias
ANEXO
Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025
A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte acordo:
I. De conformidade coas negociacións previas mantidas polo Grupo de Traballo constituído en cumprimento do previsto no Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, para o estudo e proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación cos artigos 8 e 13 da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, ambas as partes considéranas liquidadas de conformidade cos seguintes compromisos e consideracións, no que se refire aos preceptos obxecto deste acordo:
1º. Ambas as partes acordan que as referencias á contratación laboral temporal contidas nos artigos 8 e 13 da Lei 4/2024, do 27 de decembro, entenderanse realizadas ás modalidades de contratación vixentes no momento da súa aplicación, de tal forma que as remisións a modalidades de contratación derrogadas, como o contrato para a realización dunha obra ou servizo determinados, unicamente serán de aplicación nos supostos en que a normativa estatal prevexa esta posibilidade.
2º. Ambas as partes coinciden en considerar que a recta interpretación das referencias incluídas na Lei 4/2024, do 27 de decembro, ao persoal funcionario interino sen adscrición a praza exixe que as ditas referencias deben entenderse no sentido de considerar que devandito persoal interino, nos supostos correspondentes, non queda adscrito a prazas de natureza estrutural.
II. En razón ao Acordo alcanzado ambas as partes coinciden en considerar resoltas as discrepancias manifestadas e concluída a controversia exposta, no que se refire aos preceptos obxecto deste acordo.
III. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserilo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.
|
Ángel Víctor Torres Pérez |
Diego Calvo Pouso |
