DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Mércores, 23 de xullo de 2025 Páx. 41200

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal do Oímbra.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Oímbra, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 7 de xullo de 2025, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2619&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2619

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2025

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual nº 1
do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Oímbra

O Concello de Oímbra, conforme o disposto nos artigos 78.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e 144.13 do seu regulamento (RLSG) remite a modificación puntual (MP) de referencia para a súa aprobación definitiva.

Analizada a documentación achegada; e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:

Antecedentes:

I.1. O Concello de Oímbra dispón de Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 21.9.2016.

I.2. A tramitación ata o momento da modificación puntual foi a seguinte:

• O 25.9.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental Sostibilidade e Cambio Climático ditou resolución, publicada no DOG do 13.10.2023, en que resolveu non someter a MP ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, establecendo dúas determinacións relacionadas cos informes da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e da Deputación Provincial de Ourense, e acompañando os informes correspondentes ás consultas previas destes dous órganos, e os do Instituto de Estudos do Territorio e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

• O Pleno do Concello, en sesión do 26.2.2024, aprobou inicialmente a MP e someteuna a información pública durante dous meses mediante anuncios no diario La Región do 16.3.2024 e no DOG do 5.4.2024. Non se formularon alegacións.

• O 14.3.2024 deuse audiencia aos concellos limítrofes de Cualedro, Monterrei e Verín. Tamén se notificou ás cámaras municipais de Chaves e Montealegre en Portugal. Unicamente contestaron favorablemente esas cámaras municipais de Portugal.

• O 21.3.2024, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) informa que a MP non afecta a Rede autonómica de estradas de Galicia.

• O 22.3.2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre as posibles afeccións a parques eólicos existentes de tramitación autonómica e estatal. Tamén consta informe do Servizo de Enerxía e Minas en que se fan constar os dereitos mineiros.

• O 25.3.2024, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior sinala que non é necesario someter a MP ao informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Logo de informe desfavorable do 5.4.2024, a Secretaría Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública emitiu informe favorable do 5.7.2024.

• O 9.4.2024, o Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural emitiu informe favorable.

• O 12.4.2024, a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico emitiu informe favorable.

• O 23.4.2024, a Dirección Xeral de Mobilidade emitiu informe favorable.

• O 7.5.2024, a Confederación Hidrográfica do Douro do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico emitiu informe favorable.

• O 8.5.2024, o Servizo do Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitiu informe favorable, con medidas preventivas e/ou correctoras.

• O 14.5.2024, a Área de Fomento da Delegación do Goberno en Galicia informou que realizou consultas sectoriais a: Delegación de Defensa en Galicia, Delegación Provincial de Economía e Facenda, Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Ministerio de Transformación Dixital e Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable. Tamén fai constar que a MP non ten incidencia nas propiedades ou zonas de servidume afectas á Defensa Nacional, nin no Inventario de bens e dereitos do Estado.

• O 24.5.2024, a Deputación Provincial de Ourense emitiu informe favorable.

• O 13.6.2024, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural emitiu informe favorable.

• Constan solicitudes de informe, do 19.3.2024, a: Demarcación de Estradas do Estado, Unidade de Estradas do Estado en Ourense; Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático; Augas de Galicia; e Instituto de Estudos do Territorio, sen que conste contestación de ningún deles.

• O Pleno municipal, en sesión do 24.2.2025, aprobou provisionalmente a modificación puntual nº 1 do PXOM de Oímbra.

I.3. O 11.3.2025, conforme o disposto no artigo 78.2 da LSG, tivo entrada na Xunta de Galicia oficio do Concello de Oímbra acompañado da documentación para a aprobación definitiva da MP. O 7.4.2025, a requirimento do Servizo de Urbanismo, completouse a documentación.

II. Análise e consideracións da modificación puntual:

II.1. O ámbito da modificación puntual é a normativa do PXOM, afectando as ordenanzas dos núcleos rurais e as condicións xerais de uso. Tamén afecta os planos de ordenación dos 11 núcleos rurais, pero sen cambios na delimitación.

II.2. O obxectivo da MP é alterar varios aspectos da normativa do PXOM para mellorar a ordenación prevista, corrixir deficiencias e adaptala á lexislación vixente, nomeadamente:

– Revisar as ordenanzas dos núcleos rurais, axustándoas á definición dos tipos básicos na LSG, adaptando as condicións establecidas para os núcleos comúns e para os núcleos rurais tradicionais.

– Modificar as reservas de aparcamento das condicións xerais de determinados usos.

– Modificar os planos de ordenación dos núcleos rurais onde figuren os graos de consolidación, incluíndo o estudo de treitos urbanos das estradas da Deputación Provincial de Ourense e recollendo a liña límite de edificación.

II.3. A MP xustifícase pola necesidade de adaptar certos aspectos normativos á lexislación vixente, así como aclarar e desenvolver outros aspectos da normativa e da cartografía.

II.4. Na documentación gráfica da MP incorpóranse como planos de información os planos actuais de ordenación dos núcleos rurais do PXOM de Oímbra.

II.5. Na análise do grao de consolidación utilízase o método gráfico e acompáñanse planos de todos os núcleos onde se aprecian con claridade todas as parcelas edificadas.

II.6. Ao documento aprobado provisionalmente incorporouse unha análise do modelo de asentamento poboacional da totalidade dos núcleos rurais.

II.7. Complétanse as condicións establecidas no artigo 82.2 da normativa do PXOM para as estradas provinciais e tense en conta o estudo de treitos urbanos das estradas da Deputación Provincial de Ourense. En todo caso, as aliñacións de edificación do artigo 82.2 deben denominarse liñas de edificación.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións puntuais do planeamento xeral que teñan por obxecto a regulación de solo de núcleo rural corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1 e 78.2.c) da LSG e nos artigos 146.1, 191.1.d) e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual nº 1 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Oímbra.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da MP do PXOM aprobada definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.