DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Mércores, 23 de xullo de 2025 Páx. 41194

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 10 do Plan xeral de ordenación municipal de Carballo para cambio de cualificación urbanística dos equipamentos da pista deportiva de Gontade e da EEI de Gontade.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 10 do Plan xeral de ordenación municipal de Carballo para cambio de cualificación urbanística dos equipamentos Pista deportiva de Gontade e EEI de Gontade, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 4 de xullo de 2025, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2675&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2675

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2025

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual nº 10 do Plan xeral de ordenación municipal de Carballo para cambio de cualificación urbanística dos equipamentos da pista deportiva de Gontade e da EEI de Gontade

O Concello de Carballo remite a modificación puntual (MP) referida para os efectos previstos no artigo 60.14 e seguintes da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), que corresponden co artigo 144.14 e seguintes do seu regulamento aprobado polo Decreto 143/2016 (RLSG).

Analizada a documentación achegada; e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Carballo conta cun plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente pola Orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 4.2.2016.

2. A Dirección Xeral de Urbanismo (DXU) emitiu o 3.6.2024 un informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou o informe ambiental estratéxico sobre a MP con data do 12.6.2024 (DOG do 26 de xuño), en que se resolve que non se prevén efectos ambientais significativos. No marco do proceso de consultas previas, contestou tamén o Instituto de Estudos do Territorio o 7.6.2024.

4. Informe técnico e xurídico municipal do 15-16.7.2024, favorable á aprobación inicial da MP.

5. O Concello Pleno aprobou inicialmente a MP en sesión do 29.7.2024. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (El Ideal Gallego e Diario de Bergantiños do 4.9.2024 e Diario Oficial de Galicia do 1.10.2024) sen se presentar alegacións.

6. No que afecta aos informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), a DXU emitiu informe sobre o resultado do trámite o 17.1.2025:

a) Foron emitidos os seguintes informes sectoriais autonómicos:

• Augas de Galicia: informe do 28.11.2024, favorable con prescricións.

• Instituto de Estudos do Territorio: informe do 11.11.2024, sen obxeccións.

• Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: informe do 17.10.2024, de innecesariedade de informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Dirección Xeral do Patrimonio Cultural: informe do 15.1.2025, favorable.

• Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural: informe do 17.10.2024, favorable.

• Dirección Xeral de Defensa do Monte: informe do 21.10.2024, favorable.

b) Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Laracha, Cerceda, Coristanco, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Tordoia, sen que fose recibida resposta en prazo.

7. En materia de informes sectoriais non autonómicos, no expediente consta:

a) Área de Fomento da Delegación do Goberno en Galicia: escrito do 4.11.2024, sen afección de bens afectos á Defensa Nacional nin das propiedades das entidades xestoras da Seguridade Social.

b) Subdirección Xeral de Operadores de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais do Ministerio para a Transición Dixital e da Función Pública: informe do 26.9.2024, favorable.

c) Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico: informe do 3.10.2024, con observacións de carácter xeral.

d) Subdirección Xeral de Aeroportos e Navegación Aérea do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable: escrito do 28.10.2024 en que sinala que non procede informe.

e) Servizo de Patrimonio do Estado do Ministerio de Facenda: informe do 11.11.2024, sen afección a bens do Inventario de bens e dereitos do Estado.

8. Informe técnico e xurídico municipal do 11.2.2025, en que se propón a aprobación provisional da MP, redactada polo arquitecto municipal Alfredo Garrote Pazos.

9. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Pleno do Concello do 24.2.2025.

10. O Concello solicitou a aprobación definitiva desta MP nº 10 do PXOM con data do 7.4.2025.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. O ámbito da MP é a parcela catastral 001101300NH28B0000GW, situada nas proximidades do núcleo de Gontade, parroquia de Ardaña, de superficie catastral 3.865 m2. Sobre ela existen unha pista polideportiva e un edificio destinado anteriormente a escola infantil.

2. Estase fóra do ámbito do Plan de ordenación do litoral aprobado polo Decreto 20/2011.

3. O plan básico autonómico recoñece sobre o ámbito afeccións de augas, infraestruturas enerxéticas e unhas faixas secundarias de xestión de biomasa nas proximidades.

4. Como antecedente consta que o Pleno municipal, en sesión do 25.9.2023 acordou aprobar inicialmente a desafectación do dominio público da escola de educación infantil e da pista polideportiva sinaladas, cambiando a súa cualificación de ben de dominio público a ben patrimonial. Publicado o acordo no BOP do 6.10.2023, e logo dun mes sen se presentar alegacións, a desafectación dos inmobles resultou aprobada definitivamente. A Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades concedeu a autorización para a desafectación pola Resolución do 12.12.2023.

5. O PXOM vixente clasifica a parcela como solo rústico de protección agropecuaria; e como sistema xeral de equipamento educativo existente EQ-E-Pb-ex en 2.374 m2 e como sistema xeral de equipamento deportivo público existente EQ-D-Pb-ex en 868 m2.

6. A modificación puntual ten por obxecto eliminar a cualificación como equipamentos de sistema xeral das edificacións, instalacións e terreos do ámbito coa finalidade de facer unha cesión temporal das instalacións a unha sociedade cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro para a apertura dun centro docente específico de educación especial.

7. De resultas da modificación puntual a superficie total do sistema xeral de equipamentos queda en 440.785,95 m2, do que resulta un estándar de 9,02 m2 de solo por cada 100 m2 edificables, superior ao mínimo legal (artigo 42.1 LSG) de 5 m2 por cada 100 m2 edificables.

8. Os planos de ordenación resultantes limítanse a eliminar a cualificación de sistema xeral sobre os terreos afectados e incorporan unha nova área de solo rústico de protección de augas non sinalada na cartografía do plan xeral.

III. Análise e consideracións.

1. Interese público da modificación puntual.

A non utilización do equipamento e a falta de previsión de utilización nun futuro inmediato poden ter acollida como razón de interese público de acordo co artigo 83.1 da LSG.

2. Contido da modificación puntual.

a) No ámbito da MP as categorías de solo aplicables son: solo rústico de protección das augas (zona de policía de canles); e no resto solo rústico de protección ordinaria.

Respecto do territorio representado nos planos de ordenación e clasificado como solo rústico, fóra do ámbito da MP, cómpre lembrar que é de aplicación o disposto na LSG para o solo rústico, conforme a disposición transitoria 1ª.1.d) da LSG.

b) O informe favorable da Dirección Xeral de Defensa do Monte do 21.10.2024 contén condicións xerais relativas ao cumprimento da Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e do Plan de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia (Pladiga), que deben terse en conta.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e das súas modificacións puntuais corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.6 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual nº 10 do PXOM do Concello de Carballo para o cambio de cualificación urbanística dos equipamentos Pista deportiva de Gontade e EEI de Gontade coas consideracións sinaladas no punto III anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da MP do PXOM aprobada definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.