De conformidade co artigo 116 da Lei 6/2023, do 2 de novembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e mediante resolución da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica do 4 de xullo de 2025 acordouse deixar aberto, durante un período de trinta días naturais, o procedemento para recadar ofertas para a venda en cuarta poxa do inmoble que se describe a seguir:
Nave sita en Ribadumia (Pontevedra).
Natureza do predio: urbana.
Datos rexistrais: inscrito a nome do Igape no Rexistro da Propiedade de Cambados número 1, predio rexistral número 8.087, tomo 1339, libro 96 e folio 128. Superficie do terreo rexistrada de 8.692,25 m2. Superficie construída rexistrada da nave de 2.077,00 m2.
Referencia catastral: D70100100NH10F0001AF e 36046A001000020000YP.
Localización: rúa A Barca, nº 6 e 8, Sisán, Ribadumia (Pontevedra), código postal 36636.
Superficie: superficie do terreo rexistrada de 8.692,25 m2. Superficie construída: superficie rexistrada da nave de 2.077,00 m2.
Lindeiros: norte, río Umia; sur, estrada de Vilagarcía a Gondar; leste, Marisol Padín, e oeste; camiño ao río.
Descrición: nave dunha planta sobre rasante.
Durante o prazo de trinta días naturais, contados a partir do día seguinte á publicación do presente anuncio, calquera persoa interesada poderá presentar unha proposta de compra por escrito, polo prezo que a persoa interesada determine, sempre e cando iguale ou supere o prezo mínimo que se fixa en cento cincuenta mil euros (150.000 €).
Poderán presentar proposicións todas as persoas, físicas e xurídicas, que teñan capacidade para contratar e, en particular, para celebrar o contrato de compravenda segundo as normas contidas no Código civil. Non poderán participar as persoas que solicitasen ou estean declaradas en concurso, fosen declaradas insolventes en calquera procedemento, estean suxeitas a intervención xudicial ou fosen inhabilitadas conforme o Real decreto lexislativo 1/2020, do 5 de maio, polo que se aproba o texto refundido da Lei concursal, así como as que incorresen nos supostos previstos na normativa sobre incompatibilidades.
As proposicións económicas de compra presentaranse de xeito electrónico, empregando para iso o modelo PR004A de presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/, dirixido á Dirección Xeral do Igape, sinalando no asunto: «Oferta previa para cuarta poxa inmoble Ribadumia Igape 2025».
A solicitude acompañarase de copia dixitalizada de:
– Xustificante bancario acreditativo do depósito do 25 % do prezo ofrecido mediante ingreso en metálico na conta que o Igape mantén aberta na entidade Abanca número ES83 2080 0388 2731 1000 0584.
– Se o ofertante é unha persoa xurídica, deberá achegar para acreditar a representación da persoa asinante as copias dixitalizadas da escritura notarial de constitución da sociedade e de poder específico ou xeral, este último inscrito debidamente no Rexistro Mercantil.
Serán rexeitadas as propostas presentadas fóra de prazo, as que non alcancen o prezo mínimo fixado, as que non veñan acompañadas do xustificante do depósito e aquelas que conteñan defectos substanciais. No caso de deficiencias reparables, outorgarase un prazo de cinco días naturais para a súa emenda.
Transcorrido o prazo de presentación de ofertas, procederase a anunciar unha nova poxa pública e establecerase como tipo de licitación a mellor oferta presentada.
Se durante este prazo de trinta días naturais non se presenta ningunha proposta por escrito desistirase definitivamente deste procedemento de venda e continuará o dito inmoble no patrimonio do Igape, ata nova resolución.
As condicións da adquisición que rexerán na cuarta poxa pública que teña lugar, de ser o caso (na cal poderá tomar parte calquera persoa interesada aínda que non presentase ningunha solicitude dentro deste período de trinta días naturais), serán as recollidas no prego de condicións correspondente, que estará á disposición das persoas interesadas na Subdirección de Recursos Humanos e Xestión Administrativa, Edificio Igape, San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, e na páxina web do Igape (http://www.igape.gal).
As garantías constituídas para a presentación de proposicións servirán para a participación no acto da cuarta poxa, téndose que completar, se for o caso, ata o importe da garantía necesaria en función do tipo de licitación finalmente establecido na convocatoria. As persoas propoñentes non interesadas en participar na poxa poderán solicitar a devolución da súa garantía.
A proposición que sirva de tipo para a poxa producirá plenos efectos, aínda que a persoa ofertante non compareza no acto da poxa pública. No caso de que se presentaran ofertas económicas de igual contía, atenderase á data e hora de entrada no rexistro electrónico sinalado na convocatoria, tendo preferencia a oferta que se presentara antes. Se non existiran poxas de maior importe, adxudicaráselle o ben e a persoa ofertante terá que acreditar o pagamento do prezo total dentro do prazo de quince días a partir da notificación da adxudicación. De non facelo, perderá o depósito constituído.
Para máis información poderán dirixirse á Subdirección de Recursos Humanos e Xestión Administrativa nos teléfonos 981 54 11 51/981 54 11 41.
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2025
Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
