DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Luns, 28 de xullo de 2025 Páx. 41769

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 9 de xullo de 2025 pola que se fai público acordo de inicio de procedemento para a declaración de abandono da embarcación El Jatavi depositada na zona de varada do porto de Tragove (Cambados).

De conformidade co disposto nos artigos 44, 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por motivos de interese público que o fan aconsellable dado que o titular rexistral do barco, José Antonio Pacheco Vázquez, rexeita a notificación no sistema Notifica.gal, así como pola posible existencia doutros interesados no procedemento que sexan descoñecidos, e por non ser posible a notificación ao suposto propietario actual como comprador da embarcación, Avelino Carballo Castiñeira no domicilio que consta no expediente, faise público mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, o Acordo do 10 de xuño de 2025, da Presidencia da entidade pública Portos de Galicia, que inicia procedemento para a declaración de abandono da embarcación de nome El Jatavi con folio 7ª-CO-1-77-07 depositada na zona de varada do porto de Tragove.

Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

A embarcación en cuestión foi trasladada ao porto de Cangas desde as inmediacións do porto de Moaña polo Servizo de Salvamento Marítimo o 29 de novembro de 2024, e posteriormente, dado o seu estado de abandono e risco de afundimento se traslada ao porto de Tragove o 20 de maio de 2025.

O presente acordo emítese con base no establecido no artigo 128 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.

O órgano competente para a resolución deste procedemento é a Presidencia de Portos de Galicia, en virtude das competencias conferidas polo artigo 12.3, letras a) e l), da Lei 6/2017, de portos de Galicia.

A instrución do procedemento recae en Jesús Javier Fernández Barro, xefe da División Xurídica de Portos de Galicia, sendo o seu réxime de recusación o consignado no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Outórgase aos interesados antes identificados, así como a calquera outra persoa física ou xurídica que acredite dereitos e/ou intereses sobre a embarcación, un prazo máximo de 10 días para formular alegacións.

Advírtese que, de acordo coa normativa máis arriba citada, chegado o termo de declarar o barco abandonado, este pasará a ser propiedade de Portos de Galicia, o que non impedirá que todos os custos de tramitación ou que xeren as actuacións que se vaian realizar sobre o buque sexan por conta do anterior propietario.

Cara ao seu exame, o expediente atópase nas dependencias dos Servizos Centrais de Portos de Galicia en Área central, praza de Europa, 5-A, 6º, Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2025

José Antonio Álvarez Vidal
Presidente de Portos de Galicia