DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Luns, 28 de xullo de 2025 Páx. 41714

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se lle dá publicidade á convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional denominado secretario/a xeral da Deputación Provincial da Coruña.

A Deputación Provincial da Coruña aprobou as bases e a convocatoria para a cobertura, polo sistema de libre designación, do posto de traballo denominado secretario/a xeral da Deputación Provincial da Coruña, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, que lle remitiu á Dirección Xeral de Administración Local para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e posterior envío ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública para os efectos da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

De acordo coa proposta da subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local, e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 29.3.g) do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e o artigo 1.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes,

RESOLVO:

Darlles publicidade á convocatoria e ás bases que a rexerán, recollidas como anexo a esta resolución, para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional que se indica a seguir:

Corporación: Deputación Provincial da Coruña.

Posto: secretario/a de clase primeira da Deputación Provincial da Coruña.

Subescala: Secretaría.

Categoría: superior.

Nivel complemento de destino: 30.

Complemento específico anual: 56.909,87 euros.

Coñecemento da lingua galega: nos termos do Decreto 103/2008 do 8 de maio.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2025

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local

ANEXO

Bases reitoras para a provisión definitiva, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de secretario/a xeral da Deputación Provincial da Coruña

Primeira. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto rexer a convocatoria para prover o posto de secretario/a xeral da Deputación Provincial da Coruña, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de secretaría, categoría superior, polo sistema de libre designación, establecido no artigo 92.bis.6 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, nos artigos 19 e 36 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto do persoal funcionario con habilitación de carácter estatal, e no artigo 45 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional.

Segunda. Corporación

Deputación Provincial da Coruña.

Terceira. Denominación e clase do posto

Secretaría, clase primeira.

Cuarta. Características do posto

O posto que se proverá está incluído na relación de postos de traballo aprobada pola Corporación Provincial en sesión plenaria que tivo lugar o 22 de novembro de 2024, e publicada no Boletín Oficial da provincia da Coruña número 8, do 14 de xaneiro de 2025, coas seguintes características:

– Denominación do posto na relación de postos de traballo: secretario/a xeral.

– Complemento de destino asignado ao posto na relación de postos de traballo: o correspondente ao nivel 30.

– Complemento específico anual fixado para o posto: 56.909,87 euros.

– Sistema de provisión na relación de postos de traballo: libre designación.

Quinta. Requisitos para o seu desempeño

Serán requisitos indispensables para concorrer á convocatoria:

1º. Estar integrado na subescala de secretaría, categoría superior. Non poderá concorrer á convocatoria o persoal funcionario que se encontre nas circunstancias establecidas nas letras a), b) e c) do artigo 36.2 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración Local con habilitación de carácter nacional (en diante, Real decreto 128/2018).

2º. Acreditar o coñecemento do idioma galego mediante a presentación do certificado de lingua galega (Celga 4) ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, segundo o establecido na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga). Na súa falta, a persoa interesada deberá realizar unha proba de carácter eliminatorio, que se valorará como «apto» ou «non apto», destinada a avaliar un grao de coñecemento equivalente ao exixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente (artigo 2 do Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter estatal no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia).

Sexta. Solicitudes

A solicitude dirixirase ao presidente da Deputación Provincial da Coruña e presentarase no Rexistro Xeral da Deputación Provincial ou nas oficinas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dentro do prazo dos quince días hábiles seguintes ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial del Estado (artigo 46.3 do Real decreto 128/2018), e deberán indicarse nesta, ademais do contido mínimo establecido no artigo 66.1 da citada lei, o número de rexistro de persoal, a situación administrativa en que se encontren a persoa solicitante e o seu destino; así mismo, deberá vir acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados na base quinta.

Xunto coa solicitude, as persoas aspirantes achegarán o seu currículo, no cal constarán os títulos académicos, os anos de servizo, os postos de traballo desempeñados na Administración, os estudos e cursos realizados, e outros méritos que consideren oportuno poñer de manifesto, coa correspondente documentación acreditativa destes.

A presentación da solicitude para participar na provisión do posto de traballo a que se refiren estas bases comportará a súa plena aceptación.

Sétima. Nomeamento

Concluído o prazo de presentación de solicitudes, o presidente ditará, no prazo dun mes, de ser o caso, e tras verificar o cumprimento dos requisitos exixidos nestas bases, a resolución correspondente, que deberá estar motivada con referencia ao cumprimento dos requisitos, á observancia do procedemento, á competencia para o nomeamento, aos concretos criterios de interese xeral elixidos como prioritarios para decidir o nomeamento e ás condicións profesionais tidas en conta para apreciar a maior idoneidade da persoa funcionaria nomeada, e da cal dará conta ao Pleno da Corporación, así como traslado á Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e ao ministerio competente en materia de función pública para a súa publicación no Boletín Oficial del Estado (artigo 46.3 do Real decreto 128/2018).

Oitava. Toma de posesión

Os prazos para a toma de posesión serán os establecidos no artigo 34 do Decreto 49/2009 e 41 do Real decreto 128/2018; en consecuencia, os prazos serán de tres días hábiles se se trata de postos de traballo na mesma localidade ou dun mes noutro caso. Os ditos prazos contaranse a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar no prazo de tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución sobre o nomeamento no Boletín Oficial del Estado.

Novena. Impugnación

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, ante o presidente da Deputación Provincial da Coruña, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.