A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural foi creada pola disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, como o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e a coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, para mellorar as condicións de vida e contribuír a frear o despoboamento deste territorio.
No exercicio das funcións que ten encomendadas, correspóndelle á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural promover as condicións para que os axentes socioeconómicos locais das zonas rurais formulen iniciativas de desenvolvemento. Neste marco, resulta de interese poñer en marcha actuacións que animen a participación privada no proceso de desenvolvemento rural e que contribúan a conservar e dinamizar o contorno rural facendo del un medio máis atractivo, e dando visibilidade a actuacións que poidan servir como demostrativas ou boas prácticas.
Por estas razóns, estímase conveniente convocar os premios ao desenvolvemento rural de Galicia coa finalidade de premiar e dar difusión a aquelas actuacións que contribúan de forma singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada.
A facultade para aprobar as bases dos premios ao desenvolvemento rural de Galicia e para convocalos está delegada na persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, segundo o acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural do 11 de xullo de 2013, sobre delegación de funcións do Consello de Dirección, publicada mediante a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto).
De acordo co exposto,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
1. Aprobar as bases reguladoras dos premios ao desenvolvemento rural de Galicia.
O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos nos artigos 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (a partir de agora, LSG).
En todo o non previsto nestas bases aplicarase a LSG, así como o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada LSG.
O código do procedemento administrativo na sede electrónica da Xunta de Galicia é o MR709A.
2. Convocar para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, a décimo sexta edición dos premios ao desenvolvemento rural de Galicia. Os premios que se convocan correspóndense coas seguintes categorías:
a) Categoría mocidade, para as iniciativas levadas a cabo por persoas mozas ou dirixidas a elas, segundo os seus estatutos ou normas reguladoras, e que constitúan unha aposta polo presente e o futuro do medio rural galego e da súa poboación. Para estes efectos, terá a consideración de persoa moza quen non teña máis de corenta anos na data en que finalice o prazo para presentar a iniciativa ou, no caso de persoas xurídicas, cando polo menos o 50 % dos seus membros cumpran este requisito.
b) Categoría proxectos de interese social, para as iniciativas orientadas á integración dos colectivos máis desfavorecidos no seu territorio, á inserción laboral e social, ou ao coidado das persoas maiores e/ou dependentes.
c) Categoría sector agro-gandeiro, para as iniciativas desenvolvidas dentro dos sectores de gandería, agricultura e/ou transformación agroalimentaria que aposten por impulsar o valor engadido da produción, a creación de produtos, diversificación, diferenciación ou creación de canais comerciais alternativos, así como a colaboración entre axentes da cadea alimentaria.
d) Categoría mulleres, para as iniciativas levadas a cabo por mulleres ou destinadas a elas no medio rural, desde unha óptica de igualdade e progreso, en que sexan fundamentais valores como o asociacionismo, a profesionalización, a capacidade emprendedora, a innovación e a creación de redes de colaboración.
e) Categoría innovación tecnolóxica, para as iniciativas desenvolvidas no rural galego que incorporen innovacións tecnolóxicas (no proceso produtivo, en procesos industriais, manexo e xestión interna e externa, comercialización, relación cos clientes, etc.), para obter novos produtos ou mellorar a calidade nos seus produtos ou servizos, para diminuír custos, para ofrecer unha maior gama de produtos ou servizos, ou para ser máis rápida a súa introdución no mercado.
f) Categoría recuperación e posta en valor da terra agraria, para as iniciativas que contribúan, directa ou indirectamente, a recuperar e poñer en valor terras que estaban infrautilizadas.
En cada categoría concederase un primeiro premio cunha dotación de 10.000 € e un segundo premio cunha dotación de 3.000 €.
Cada iniciativa poderá presentarse só a unha categoría, para o que debe marcar no modelo normalizado de solicitude (anexo I) a casa correspondente á categoría a que opta.
Se a iniciativa é susceptible de ser incluída en varias categorías ou ten un carácter transversal, deberá elixirse unha delas para a clasificación do expediente e para a súa análise e avaliación. Se o órgano instrutor do procedemento considera que a iniciativa ten mellor cabida nunha categoría diferente á seleccionada, propoñeralle á persoa que presentase a iniciativa a posibilidade de encadrala noutra categoría máis axeitada.
No caso de que unha categoría quede deserta, o importe do premio destinado a esa categoría poderá repartirse proporcionalmente entre as demais categorías respectando, en todo caso, os límites establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión do 13 de decembro de 2023, que regula as axudas de minimis con carácter xeral, e no Regulamento (UE) nº 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro, que regula as axudas de minimis no sector agrícola, modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316, da Comisión do 21 de febreiro de 2019 (DOUE do 22 de febreiro de 2019, serie L), e polo Regulamento (UE) nº 2024/3118 da Comisión, do 10 de decembro de 2024 (DOUE do 13 de decembro de 2024, serie L).
3. Aprobar os anexos que se anexan a esta resolución para a xestión da convocatoria.
Artigo 2. Financiamento
Para financiar esta convocatoria (código de proxecto 2017-00002) está previsto un crédito inicial de 78.000 € (39.000 € imputables á aplicación orzamentaria 15-A1-712A-770.0 e 39.000 € imputables á aplicación orzamentaria 15-A1-712A-781.0) dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o ano 2025. No caso de que sexa necesario, para axustarse ao carácter dos beneficiarios finais dos premios, modificaranse os montantes inicialmente imputados a estas aplicacións orzamentarias, de modo que se poida dar cobertura con eles e sen variar o montante inicial, a todas as iniciativas premiados.
A concesión dos premios queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
Artigo 3. Prazo para presentar as solicitudes de axuda
O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG).
De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (a partir de agora, LPACAP), entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
Artigo 4. Prazo de resolución da convocatoria
O prazo de resolución será de tres (3) meses contado desde que finalice o prazo para presentar as solicitudes. En caso de silencio administrativo este producirá efectos desestimatorios.
Artigo 5. Obrigación de relacionarse a través de medios electrónicos
Nos termos previstos no artigo 14.2 da LPACAP e nos artigos 10.1.a) e 10.1.b) da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira obrigatoriamente estar colexiado para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, as persoas físicas que teñan a condición de autónomos e as persoas que representen unha persoa interesada que estea obrigada a relacionarse coa Administración a través de medios electrónicos.
Artigo 6. Notificacións
As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.
De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.xunta.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario de inicio. No caso de optar pola notificación en papel efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso no formulario pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.
As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fora expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 7. Normativa comunitaria aplicable
Estas axudas réxense pola seguinte normativa:
a) Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L). O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 300.000 euros durante calquera período de tres anos.
Para estes efectos, as persoas candidatas deben presentar unha declaración das axudas de minimis solicitadas ou concedidas no marco deste regulamento durante o período dos tres anos anteriores ao día en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
b) Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE do 24 de decembro de 2013, serie L), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE do 22 de febreiro de 2019, serie L), e polo Regulamento (UE) nº 2024/3118 da Comisión, do 10 de decembro de 2024 (DOUE do 13 de decembro de 2024, serie L). O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 50.000 euros durante calquera período de tres anos.
Para estes efectos, as persoas candidatas deben presentar unha declaración das axudas de minimis solicitadas ou concedidas no marco deste regulamento de axudas no sector agrícola durante o período dos tres anos anteriores ao día en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
Na resolución de concesión informaranse por escrito os beneficiarios sobre o importe da axuda e sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa e completa ao regulamento concreto de minimis que sexa de aplicación.
Artigo 8. Persoas destinatarias
Poderán presentar iniciativas aos premios ao desenvolvemento rural de Galicia as persoas físicas ou xurídicas de natureza privada que sexan titulares das iniciativas que presenten.
Artigo 9. Iniciativas que poden ser premiadas
1. Os premios ao desenvolvemento rural de Galicia están dirixidos ás iniciativas que contribúan de maneira singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada. Nos termos desta resolución poderanse conceder os premios ás iniciativas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que se localicen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Que estean executadas con carácter previo á data de publicación da convocatoria e non en fase de deseño ou execución.
2. Exclúense destes premios as iniciativas:
a) Promovidas e/ou presentadas por entidades que obtivesen premio nalgunha das anteriores edicións dos premios ao desenvolvemento rural de Galicia, dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural ou do premio Agader ao embelecemento do medio rural.
b) Que se desenvolvan nos sectores da pesca e a acuicultura.
c) Que estean relacionadas coa exportación a terceiros países ou a Estados membros.
d) Presentadas por entidades colaboradoras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
Artigo 10. Presentación de solicitudes
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo I) https://sede.xunta.gal
A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria, persoas traballadoras autónomas, o estudantado universitario, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 10 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 11. Documentación complementaria
As persoas interesadas deben achegar a solicitude (anexo I) cos datos da persoa solicitante, así como a descrición da iniciativa, cun máximo de 3.000 caracteres, que poña de manifesto os aspectos máis relevantes, valiosos ou atractivos, tanto desde un punto de vista cuantitativo como cualitativo. Cubriranse as epígrafes do anexo, de xeito que permita unha valoración obxectiva da candidatura.
Ademais, presentarán a seguinte documentación:
a) Se a persoa que presenta a candidatura é unha persoa xurídica, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade documento que acredite a constitución da entidade: certificado expedido polo Rexistro Mercantil ou outros rexistros públicos que correspondan en función da personalidade xurídica de que se trate. De non achegar o devandito certificado, deberán presentar unha copia das correspondentes escrituras de constitución debidamente rexistradas no rexistro público que corresponda segundo o tipo de personalidade xurídica de que se trate. Así mesmo, deberanse presentar as modificacións posteriores dos documentos indicados.
Se a persoa que presenta a candidatura é un empresario/a individual, documentación que xustifique a afiliación ao réxime especial de traballadores autónomos da Seguridade Social.
b) Anexo II (en caso de autorizar a representación), asinado pola persoa solicitante e pola designada como representante para realizar os trámites do procedemento de solicitude.
c) Calquera outra documentación que a persoa/entidade promotora da iniciativa considere interesante, tal como publicacións, fotografías, outros documentos gráficos e, en xeral, calquera outra que contribúa a fortalecer a iniciativa que se presenta (máximo 5 follas por ambos os lados).
De conformidade co artigo 28.3 da LPACAP, non será necesario presentar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideron obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se presenten documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato que non admite a sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo ao Carpeta cidadá da persoa interesada. As persoas interesadas que non estean obrigadas a presentar de forma electrónica as solicitudes tamén poderán realizar trámites de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 13. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consúltanse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante, ou elaborados polas administracións públicas, salvo que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) DNI/NIE da persoa representante.
d) NIF da entidade representante.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigacións tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).
f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
g) Certificado de estar ao día no pagamento de débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
h) Alta no imposto de actividades económicas.
i) Inhabilitacións para poder obter subvencións e axudas.
j) Consulta de concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 14. Instrución do procedemento
Os actos de instrución do procedemento en virtude dos que deba ditarse a resolución de concesión corresponderán á Secretaría Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural poderá requirirlle ao solicitante que achegue os datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.
Artigo 15. Proceso de selección das candidaturas
Para conceder os premios constituirase un xurado, que será designado para o efecto por resolución da persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no prazo máximo dun (1) mes contado desde que se publique a convocatoria no DOG.
Competen ao xurado, entre outras actuacións:
a) Avaliar as iniciativas de acordo cos criterios referidos no artigo 16 destas bases.
b) Efectuar a proposta de resolución, que terá carácter vinculante para o órgano encargado de resolver a selección das iniciativas premiadas.
c) Resolver as incidencias que puidesen presentarse no curso do procedemento de selección de iniciativas naqueles supostos non previstos nestas bases.
A actuación do xurado rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
No curso do proceso de selección, o xurado pode solicitar canta información considere oportuna respecto ás iniciativas presentadas, e pode, para estes efectos, realizar visitas sobre o terreo.
O xurado poderá propoñer que se declare deserto calquera dos premios. Así mesmo, poderá propoñer a concesión compartida dun premio entre varias iniciativas, que repartirán entre si a dotación económica.
Unha vez tramitado o procedemento nos termos anteriormente previstos, a persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural resolverá a concesión dos premios, nos termos previstos na proposta motivada que efectuase o xurado. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, un recurso potestativo de reposición ante o Consello de Dirección de Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, nos termos previstos nos artigos 123 e 124 da LPACAP, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación, ante o xulgado do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela que corresponda, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con todo, pode interpoñerse calquera outro recurso que se estime procedente.
Artigo 16. Criterios de valoración
Os premios outorgaranse ás iniciativas que se adecúen aos requisitos exixidos nestas bases, conforme os seguintes criterios de valoración:
|
Nº de criterio |
Criterio |
Descrición |
Puntuación máxima |
|
1 |
Contribución da iniciativa ao desenvolvemento socio-económico do territorio |
• Valorarase a contribución á xeración de oportunidades de emprego e emprendemento para o territorio a nivel colectivo (provedores, redes comerciais, axentes do sector agrario, etc.). • Valorarase a contribución á dinamización da economía local, sendo tractor doutros procesos de cambio a nivel económico e social. • Terase en conta a implicación e colaboración con outros proxectos e con entidades do territorio. |
10 puntos |
|
2 |
Contribución da iniciativa á creación de emprego |
Valorarase o número total de persoas traballadoras, así como o compromiso coa conciliación e a flexibilidade laboral. |
15 puntos |
|
3 |
Sustentabilidade da iniciativa desde o punto de vista ambiental |
Valoraranse os esforzos da iniciativa pola mellora ambiental do territorio onde se desenvolve (apoio a proxectos de conservación, de mellora da biodiversidade, ou colaboración con entidades ambientais), así como por minorar a súa pegada ecolóxica, reducindo consumos de enerxía, auga, combustibles, etc., e apostando polas enerxías verdes. |
10 puntos |
|
4 |
Contribución da iniciativa á incorporación e inserción laboral da muller |
Valorarase o número de empregos creados para mulleres, así como a presenza de mulleres nos órganos de dirección da empresa/entidade, ou o seu poder para a toma de decisións. |
15 puntos |
|
5 |
Consolidación e apoio social da iniciativa |
Valorarase o crecemento da iniciativa nos últimos dez anos, así como a súa presenza no territorio de actuación e a conexión con outros sectores ou axentes estratéxicos locais. Valoraranse as cartas de apoio á iniciativa presentadas, así como a representatividade das entidades promotoras, e as redes de colaboración e conexións da iniciativa con outros axentes, programas e sectores socio-económicos, tanto locais como de fóra do territorio. |
10 puntos |
|
6 |
Innovación, orixinalidade e excelencia da iniciativa |
Valoraranse entre outros aspectos: • Oferta de novos produtos ou novas formas de valorización de recursos endóxenos no territorio e no conxunto de Galicia. • Prestación de novos servizos. • Utilización de novas tecnoloxías que permitan aumentar a competitividade da empresa (reducir custos, aumentar o valor engadido, mellorar a calidade das producións, e da comercialización, reducir o impacto ambiental, etc.) • Diversificación das producións e/o os mercados e a súa conexión co resto de recursos locais. • Novos métodos de traballo ou enfoque organizativo. • Transferencia da innovación. |
20 puntos |
|
7 |
Contribución da iniciativa á inserción de colectivos ou persoas desfavorecidas |
Valorarase o número de persoas atendidas ou que participan en actividades, en relación coas necesidades e dificultades do territorio. Valorarase tamén a creación de emprego directa e indirecta por parte da iniciativa, nestes colectivos. |
10 puntos |
|
8 |
Desenvolvemento da iniciativa nun concello en risco de despoboamento |
Valorarase que a iniciativa se realice nun concello cun baixo índice de poboamento. |
5 puntos |
|
9 |
Contribución da iniciativa á candidatura á cal se presenta |
Valorarase a importancia que teña a iniciativa para acadar os obxectivos fixados no artigo 1 para cada categoría, así como o grao de implicación da persoa ou entidade que presente a candidatura. |
5 puntos |
As persoas que presenten a súa candidatura describirán a contribución a estes criterios na solicitude (anexo I). Cómpre que se inclúan, sempre que sexa posible, datos non só cualitativos senón tamén cuantitativos, que permitan unha axeitada baremación das iniciativas (número de postos de traballo creados/mantidos, superficie de terras recuperadas, tempo en funcionamento da actividade, investimentos realizados e a súa evolución nos últimos anos, colaboracións a nivel local actuacións de comunicación realizadas, etc.).
Fíxanse como criterios de desempate os seguintes: a igualdade de puntos totais, seleccionarase a proposta que obtivese máis puntuación no número 1 deste artigo. En caso de continuar o empate, será seleccionada a que obtivese maior puntuación no número 5; no caso de continuar o empate, a que obtivese maior puntuación no número 8; no caso de continuar o empate, a que obtivese maior puntuación no número 4, e caso de continuar, a que obtivese maior puntuación no número 3. De continuar o empate, será seleccionada a que presentase antes a súa candidatura.
Artigo 17. Obrigacións das persoas premiadas
Son obrigacións das persoas premiadas:
a) No suposto de opoñerse á consulta ou non prestar o consentimento expreso, acreditar, con carácter previo á proposta de resolución de concesión e ao pagamento dos premios, que están ao día coas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e que non teñen débedas pendentes de natureza ningunha coa Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.
c) Comunicar á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural todos os cambios que se produzan nos requisitos e condicións que determinaron a concesión do premio.
Artigo 18. Transparencia e bo goberno
Deberán cumprirse as obrigacións de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigacións previstas no título I da devandita lei.
Artigo 19. Recursos
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG; ou recurso contencioso-administrativo perante o xulgado do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela que corresponda, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.
Disposición adicional primeira. Información sobre o procedemento
Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:
a) Na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural: https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda/premios-desenvolvemento-rural
b) Na Guía de procedementos e servizos, na dirección https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos
c) No teléfono 981 54 58 58 (Secretaría Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural).
d) De maneira presencial, na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (lugar da Barcia, 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela), con cita previa no teléfono 981 54 58 58.
Disposición adicional segunda. Información ás persoas interesadas
1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RGPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
2. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da convocatoria
A persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta aplicación desta convocatoria.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta resolución aplicarase desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2025
Mª Paz Rodríguez Rivera
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural
