Examinado o expediente iniciado por solicitude de Esus Energía Renovable, S.L., en relación coa declaración de utilidade pública, así como a compatibilidade con diversos dereitos mineiros e aproveitamentos forestais do parque eólico Mondigo (expediente LU-11/133-EOL) e a LAT de 132 kV de evacuación do PE Mondigo SET PE Mondigo-SET Barreiros (expediente IN408A 2020/134), e á vista da solicitude do promotora de que non se continúe coa tramitación do procedemento expropiatorio, constan os seguintes
Antecedentes:
Primeiro. Mediante a Resolución do 17 de setembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Mondigo, promovido por Esus Energía Renovable, S.L., segundo o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 2 de setembro de 2021, polo que se declara iniciativa empresarial prioritaria, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.
Segundo. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, outórgase autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Mondigo, sito nos concellos de Trabada e Ribadeo (Lugo), e promovido por Esus Energía Renovable, S.L. (expediente LU-11/133-EOL).
Terceiro. O 8.3.2023, o promotora solicitou o recoñecemento como non substancial dunha modificación do proxecto do parque eólico.
Cuarto. Con data do 18.4.2024, o promotora, Esus Energía Renovable, S.L., solicitou a declaración de utilidade pública para o parque eólico Mondigo (expediente LU-11/133-EOL) e a LAT de 132 kV de evacuación do PE Mondigo SET PE Mondigo-SET Barreiros (expediente IN408A 2020/134), e achegan a correspondente relación concreta e individualizada dos bens e dereitos afectados, para dar cumprimento ao establecido no artigo 44.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
Quinto. Mediante a Resolución do 14 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, recoñécese como non substancial unha modificación do parque eólico Mondigo (expediente LU-11/133-EOL), sito nos concellos de Trabada, Barreiros e Ribadeo (Lugo), e promovido por Esus Energía Renovable, S.L.
Sexto. Mediante a Resolución do 4 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, outórganse autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción (AAP+AAC) ás instalacións da LAT de 132 kV de evacuación do parque eólico Mondigo, sitas nos concellos de Barreiros e Trabada (Lugo), e promovida por Esus Energía Renovable, S.L. (expediente IN408A/2020/134).
Sétimo. Mediante Resolución do 24 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 14 de abril de 2025, polo que se outorga a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos dereitos mineiros e aproveitamentos forestais, das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Mondigo (expediente LU-11/133-EOL) e a LAT de 132 kV de evacuación do PE Mondigo SET PE Mondigo-SET Barreiros (expediente IN408A 2020/134), sito nos concellos de Trabada, Barreiros e Ribadeo (Lugo), e promovido por Esus Energía Renovable, S.L. A dita resolución publicouse no DOG núm. 83, do 2 de maio de 2025.
Oitavo. O 4.6.2025, a promotora presenta escrito en que solicita que non se continúe coa tramitación do procedemento expropiatorio correspondente ao parque eólico Mondigo (expediente LU-11/133-EOL) e á LAT de 132 kV de evacuación do PE Mondigo SET PE Mondigo-SET Barreiros (expediente IN408A 2020/134), sito nos concellos de Trabada, Barreiros e Ribadeo, nos seguintes termos:
«Dispón o artigo 150 do Real decreto 1955/2000 que, declarada a utilidade pública da instalación, se iniciarán as actuacións expropiatorias, conforme o procedemento de urxencia establecido no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Con base no artigo 151 do Real decreto 1955/2000 e dado que Esus conta con título para a ocupación das parcelas requiridas para a construción do PE Mondigo, non resulta preciso continuar cos trámites expropiatorios en curso, o que se pon de manifesto para os efectos oportunos en relación con dito procedemento.
Por todo canto antecede,
SOLICITO da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia que, tendo por presentado este escrito, se sirva de admitilo e, logo dos trámites que resulten procedentes, tome razón da desistencia do procedimiento expropiatorio, e en atención ao expuesto, acorde que non procede a súa continuación».
Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
Segundo. No expediente instruído para a declaración de utilidade pública, así como a compatibilidade con diversos dereitos mineiros e aproveitamentos forestais do parque eólico Mondigo (expediente LU-11/133-EOL) e a LAT de 132 kV de evacuación do PE Mondigo SET PE Mondigo-SET Barreiros (expediente IN408A 2020/134), cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.
Terceiro. De acordo co artigo 55.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, a solicitude da declaración de utilidade pública, en concreto, deberá incluír unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación. No mesmo sentido, o artigo 44.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, exixe que a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, inclúa unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos «sobre os que non se obtivo un acordo cos seus titulares e sobre os que se considera necesaria a expropiación».
Cuarto. De acordo co artigo 56.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e o artigo 44 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a declaración de utilidade pública leva implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, implicando a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa.
Quinto. O artigo 151 do Real decreto 1555/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica indica: «En calquera momento, o solicitante da declaración de utilidade pública poderá convir libremente cos titulares dos necesarios bens e dereitos a adquisición polo seu mutuo acordo. Este acordo, no momento de declararse a utilidade pública da instalación, adquirirá a natureza e efectos previstos no artigo 24 da Lei de expropiación forzosa, o que causaría, por tanto, a correspondente conclusión do expediente expropiatorio. Nestes supostos, o beneficiario da declaración de utilidade pública poderá, se é o caso, solicitar da autoridade competente a aplicación do mecanismo establecido no artigo 59 do Regulamento de expropiación forzosa».
Sexto. O artigo 24 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa, ao cal remite o artigo 151 do Real decreto 1955/2000, dispón para estes casos a conclusión do expediente expropiatorio iniciado («nese caso, unha vez convidos os termos da adquisición amigable, darase por concluído o expediente iniciado»). Finalmente, de acordo co artigo 84 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para poñer fin ao procedemento expropiatorio procede ditar a correspondente resolución.
Sétimo. Con data do 4.6.2025, o promotora solicita que non se continúe coa tramitación do procedemento expropiatorio correspondente ao parque eólico Mondigo (expediente LU-11/133-EOL) e á LAT de 132 kV de evacuación do PE Mondigo, SET PE Mondigo-SET Barreiros (expediente IN408A 2020/134), sito nos concellos de Trabada, Barreiros e Ribadeo, con base no disposto no artigo 151 do Real decreto 1955/2000, dado que manifesta contar con título para a ocupación das parcelas requiridas para a construción do parque eólico.
Tendo en conta o previsto no artigo 151 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, xa citado, en relación co artigo 24 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa, máis os artigos 55 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e o artigo 44 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, atendendo á solicitude presentada pola empresa promotora, procede declarar concluído o procedemento expropiatorio.
A aceptación desta solicitude do promotora non implica en ningún caso unha constatación da legalidade dos acordos ou dos títulos para a ocupación das parcelas aos cales se refire na súa solicitude, ao ser responsabilidade exclusiva da promotora o cumprimento dos requisitos legais aplicables a eles.
De acordo con todo o que antecede,
RESOLVO:
Acordar a conclusión do procedemento expropiatorio correspondente ao parque eólico Mondigo (expediente LU-11/133-EOL) e á liña de alta tensión (LAT) de 132 kV de evacuación do PE Mondigo, SET PE Mondigo-SET Barreiros (expediente IN408A 2020/134).
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2025
Paula Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
