Examinado o expediente iniciado por solicitude de Sestelo Eólica, S.L. (en diante, a promotora) en relación coa autorización administrativa previa e de construción do parque eólico Fofe, constan os seguintes:
Antecedentes de feito:
Primeiro. Mediante a Resolución do 13 de setembro de 2006, e posterior corrección de erros do 17 de novembro de 2006, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 20 de xullo de 2006, polo que se autorizan e se declaran de utilidade pública, en concreto, as instalacións do parque eólico singular de Fofe, promovido pola empresa Central Eléctrica Maceira, S.L., no termo municipal de Covelo, Pontevedra.
Segundo. Mediante a Resolución do 7 de novembro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, autorizase a transmisión de titularidade do parque eólico singular de Fofe, co NIF B36245983, a favor de Sestelo Eólica, S.L., co NIF B36547610.
Terceiro. O 29 de novembro de 2019, Sestelo Eólica, S.L. presentou unha solicitude de modificación substancial do parque eólico, a cal foi admitida a trámite o 11 de xuño de 2020.
Cuarto. O 23 de xuño de 2021, con base no previsto no artigo 33.8 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, esta dirección xeral solicitou un informe previo á Dirección Xeral de Patrimonio Natural en relación coas posibles afeccións do proxecto sobre figuras de protección ambiental. O 6 de agosto de 2021 e o 11 de xullo de 2022, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural emitiu ambos os informes desfavorables.
Quinto. Mediante o Acordo do 7 de setembro de 2023 iniciouse o procedemento de arquivamento da solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción, aprobación do proxecto sectorial e declaración de utilidade pública para o parque eólico singular Fofe, situado no concello de Covelo e promovido por Sestelo Eólica, S.L. (expediente IN661A 04/1-4).
Sexto. O 29 de novembro de 2023 Sestelo Eólica, S.L. presentou unha solicitude de autorización administrativa para a modificación substancial do proxecto do parque eólico Fofe, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (Lei 8/2009). Esta modificación substancial foi admitida a trámite o 3 de xaneiro de 2024.
Como parte da documentación, achega o documento ambiental, denominado Documento ambiental del parque eólico singular de Fofe modificado, Covelo (Pontevedra). Novembro 2023 (con data de sinatura dixital do 29 de novembro de 2023).
De acordo co establecido no artigo 45.3 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (BOE núm. 296, do 11 de decembro), e as modificacións posteriores, solicitan someter o parque eólico a unha avaliación ambiental simplificada.
Sétimo. O 26 de febreiro de 2024 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remite á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a documentación indicada no antecedente de feito anterior para os efectos de iniciar o procedemento de avaliación ambiental simplificada. O 1 de marzo de 2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático realiza un requirimento de emenda de documentación, que é contestado pola promotora o 13 de marzo de 2024.
Oitavo. O 20 de marzo de 2024 a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda remite a información sobre a tramitación da avaliación de impacto ambiental simplificada, na que indica:
«Logo de revisar a documentación recibida, infórmoo do seguinte:
1. O proxecto está incluído no grupo 4.h (instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) non incluídos no anexo I) do anexo II da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, de acordo coa modificación do Real decreto 445/2023, do 13 de xuño, polo que se modifican os anexos I, II e III da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
2. Polo tanto, e de acordo co artigo 7.2.a) da dita lei, debe ser obxecto dunha avaliación de impacto ambiental simplificada.
3. Para realizar a dita avaliación, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, como órgano ambiental, iniciou o período de consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas previsto no artigo 46 da citada norma, informándoas do prazo de 20 días hábiles de que dispoñen para emitir o seu pronunciamento.
Unha vez que remate o dito período de consultas e de acordo co artigo 47 da referida lei, formularase o informe de impacto ambiental, en que se determinará se o proxecto ten ou non efectos significativos sobre o ambiente e, polo tanto, se debe ou non someterse a unha avaliación de impacto ambiental ordinaria, o que se lle comunicará a ese organismo coa maior brevidade posible».
Noveno. O 27 de decembro de 2024 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade remite de conformidade co establecido no artigo 34.1 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, a proposta de Resolución do 21 de decembro de 2024, pola que se finaliza a avaliación e se determina a inviabilidade ambiental do proxecto do parque eólico singular de Fofe modificado, no concello de Covelo (Pontevedra), promovido por Sestelo Eólica, S.L. (clave 2024/0040) para que no prazo de 10 días hábiles presente as alegacións, os documentos ou as xustificacións que considere oportunos. Indica, ademais, que nesta mesma data se lle notificou á promotora o inicio do trámite de audiencia.
Xúntase unha copia de todas as respostas recibidas das administracións públicas afectadas, as persoas interesadas e/ou particulares como resultado da tramitación da avaliación de impacto ambiental simplificada.
Décimo. O 24 de xaneiro de 2025 a promotora presenta ante a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, as alegacións contra a proposta de resolución indicada no antecedente de feito anterior. Estas alegacións son remitidas á DXPC o 7 de febreiro de 2025 co obxecto de que remitan o seu informe ao respecto no prazo de 10 días.
Décimo primeiro. O 3 de abril de 2025 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade recibe un informe da DXPN, no cal di que, á vista dos antecedentes e da análise da documentación e logo de avaliar as alegacións formuladas, dá resposta argumentada a estas e reitérase nas conclusións do seu anterior informe, no cal sinalaba que o proxecto causaría impactos ambientais críticos que non poden ser mitigados. O 7 de abril de 2025 a promotora presenta unha nova documentación e finalmente o 28 de maio de 2025 a DXPN reitérase nos seus informes anteriores.
Décimo segundo. O 18 de xuño de 2025 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade notifica a Resolución do 17 de xuño de 2025 pola que se finaliza a avaliación de impacto ambiental simplificada pola inviabilidade ambiental do proxecto do parque eólico singular de Fofe modificado, no concello de Covelo (Pontevedra), promovido por Sestelo Eólica, S.L. (clave 2024/0040), e declárase o arquivamento das actuacións de avaliación ambiental. Esta resolución élle notificada a promotora de acordo co artigo 34.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e remíteselle ao órgano substantivo para os efectos do establecido nese mesmo artigo 34.2 da dita lei.
Segundo o artigo 34.1 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, esta comunicación terá carácter vinculante para o efecto de impedir a adopción, a aprobación ou a autorización do proxecto declarado inviable por razóns ambientais ou, se é o caso, para impedir a eficacia de calquera declaración responsable ou comunicación que se presente en relación con aquel.
Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental; no que proceda, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e demais normas vixentes de aplicación.
Terceiro. Na Resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade do 17 de xuño de 2025 en que se dá por finalizada a avaliación de impacto ambiental simplificada pola inviabilidade ambiental do proxecto do parque eólico singular de Fofe modificado, no concello de Covelo (Pontevedra), promovido por Sestelo Eólica, S.L. (clave 2024/0040), di:
«De acordo con todo o indicado, RESOLVE:
Dar por finalizada a tramitación da avaliación de impacto ambiental simplificada de acordo co recollido no artigo 34.1 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, ao determinarse de xeito motivado que o proxecto terá efectos adversos significativos sobre o ambiente e, polo tanto, que o proxecto é inviable por razóns ambientais, e declarar o arquivamento das actuacións de avaliación ambiental».
Segundo o artigo 33.17 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia: «A valoración positiva ambiental exixible ao proxecto, de acordo co resultado da avaliación realizada de conformidade co establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, así como o informe de cumprimento de distancias indicado no punto 7 deste artigo, serán requisitos indispensables para o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción».
Así mesmo, o artigo 34.1 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, indica que:
«Se en calquera momento do procedemento de avaliación ambiental o órgano ambiental chegase á conclusión de que o plan, programa ou proxecto é inviable por razóns ambientais, dará por finalizada a avaliación ambiental, despois de dar audiencia ao suxeito promotor e ao órgano substantivo por dez días hábiles, e ditará unha resolución de terminación do procedemento por inviabilidade ambiental, o que comportará o arquivamento das actuacións de avaliación ambiental».
Cuarto. O artigo 1.2 do Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica, indica:
«A non acreditación ante o xestor da rede do cumprimento dos devanditos fitos administrativos en tempo e forma supoñerá a caducidade automática dos permisos de acceso e, se é o caso, de acceso e de conexión concedidos e a execución inmediata polo órgano competente para a emisión das autorizacións administrativas das garantías económicas presentadas para a tramitación da solicitude de acceso ás redes de transporte e distribución. Con todo, se por causas non imputables á promotora, non se producise unha declaración de impacto ambiental favorable, non se procederá á execución das devanditas garantías».
De acordo con todo o que antecede,
RESOLVO:
Primeiro. Denegar a autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico singular Fofe situado no concello de Covelo (Pontevedra) e promovido por Sestelo Eólica, S.L. tras a Resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade do 17 de xuño de 2025, pola que finaliza a avaliación de impacto ambiental simplificada pola inviabilidade ambiental do proxecto do parque eólico singular de Fofe modificado, no concello de Covelo.
Segundo. Proceder ao arquivamento do expediente do parque eólico Fofe modificado (expediente IN661A 04/1-4).
Terceiro. Devolver as garantías económicas depositadas con data do 12 de novembro de 2019 polo importe de 104.880,00 € e 33.120,00 €, respectivamente, e o número de rexistro 1355/2019 e 1356/2019, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico Fofe modificado.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira do Medio Ambiente e Cambio Climático, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2025
Paula Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
