DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Mércores, 30 de xullo de 2025 Páx. 41989

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se modifica a Resolución do 22 de outubro de 2013 pola que se aproba o baremo para incrementar o número de cotas nas embarcacións que xa participan nun plan de xestión e para acceder á modalidade de marisqueo con vara no permiso de explotación no marco dun plan de xestión.

A derrogada Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, establecía no artigo 31, para o marisqueo a pé, a posibilidade que se puidese exercer a actividade con apoio dunha embarcación auxiliar dentro dos límites considerados por esa lei.

O derrogado Decreto 424/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da actividade marisqueira e das artes e aparellos permisibles en Galicia, recollía na disposición transitoria primeira que as embarcacións que viñan faenando ao marisqueo na ría de Ferrol e cuxos propietarios posuían o carné de mariscador de primeira clase poderían rexistrarse na correspondente lista de embarcacións auxiliares de pesca, as auxiliares de explotación de acuicultura e os artefactos dedicados ao cultivo ou instalacións de especies mariñas.

A Orde do 31 de maio de 1995 pola que se refunde a expedición e revalidación do permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira, regula o permiso de explotación a pé con utilización dunha embarcación auxiliar.

Neste marco normativo, na ría de Ferrol concedéronse permisos de explotación para o marisqueo a pé con utilización dunha embarcación auxiliar a título individual e intransferible a nome dunha persoa física, que están asociados ás confrarías de pescadores de Ferrol e Barallobre. Na actualidade estes permisos só se poden revalidar anualmente e o seu número redúcese paulatinamente.

Neste contexto, a Federación Galega de Confrarías de Pescadores propón que, no caso das confrarías de pescadores de Ferrol e Barallobre, se priorice o acceso á modalidade de marisqueo no permiso de explotación para as embarcacións de terceira lista cuxa persoa armadora sexa titular dun permiso de explotación a pé con utilización dunha embarcación auxiliar e renuncie a el.

Por outra banda, debe terse en conta que esta priorización non deberá supor un incremento do esforzo pesqueiro. Así, o outorgamento da modalidade de marisqueo ás embarcacións da lista terceira cunha cota de captura non suporá un incremento no esforzo potencial unha vez que as persoas mariscadoras con permisos de explotación para o marisqueo a pé con utilización dunha embarcación auxiliar xa participan deses plans de xestión.

O Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar (DOG núm. 58, do 26 de marzo), atribúelle á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro as competencias da ordenación do marisqueo, o establecemento das condicións para o exercicio da actividade marisqueira e a conservación e a protección e xestión sustentable dos recursos marisqueiros.

En virtude do disposto, e unha vez consultado o sector, esta dirección xeral

RESOLVE:

Engadir un punto 1.bis na alínea A (Criterios xerais) do anexo I do baremo para incrementar o número de cotas nas embarcacións que xa participan nun plan de xestión, e para acceder á modalidade de marisqueo con vara no permiso de explotación no marco dun plan de xestión, que queda redactado como segue:

«1.bis. A continuación, terán preferencia para o outorgamento da modalidade de marisqueo, no marco dos plans de xestión conxunto das confrarías de pescadores de Ferrol e Barallobre, as embarcacións da lista terceira cuxa persoa armadora sexa titular dun permiso de explotación para o marisqueo a pé con utilización dunha embarcación auxiliar en vigor.

As prazas ofertadas cubriranse en función da antigüidade como persoa armadora dunha embarcación da lista terceira nun porto base incluído no ámbito territorial das confrarías mencionadas».

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, ante a persoa titular da Consellería do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 30, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2025

María de los Ángeles Vázquez Suárez
Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro