Mediante a Orde do 26 de outubro de 2000 regúlase a extracción de semente de mexillón en bancos naturais, cuxo obxecto é regular o abastecemento dos viveiros con semente de mexillón procedente de banco natural, as habilitacións, zonas e períodos de extracción, e as cantidades máximas que se van extraer en cada zona. Entre as obrigas das persoas titulares das habilitacións está a de remitir, dentro dos quince días seguintes ao final de cada período de extracción, unha relación das cantidades extraídas, indicando detalladamente o lugar e data da recolleita.
Por medio desta modificación introdúcese a utilización dunha aplicación informática que facilitará ás persoas recolectoras cumprir coa súa obriga de comunicar á Administración a información requirida nesta orde de xeito instantáneo, o que permitirá avaliar de forma máis axeitada o estado do recurso co obxecto de alcanzar unha explotación sostible, optimizar a dispoñibilidade de semente de mexillón, segundo avance a campaña de extracción, e dispoñer de información sobre os períodos e as zonas óptimas para a recollida.
Por outra banda, esta aplicación permitirá a identificación das persoas autorizadas para levar a cabo a extracción de semente de mexillón conforme o establecido nos capítulos II e III da Orde do 26 de outubro de 2000, isto é, as persoas concesionarias de viveiros ou persoas traballadoras que pertenzan á súa empresa, así como as persoas recolectoras pertencentes a confrarías ou agrupacións de persoas mariscadoras en virtude dos acordos subscritos para tal efecto.
A utilización desta nova aplicación informática suporá facilitar a comunicación coa Administración para os efectos estatísticos e científicos, así como un paso máis para garantir a seguridade xurídica da persoa titular do establecemento de acuicultura, por canto o documento xerado na aplicación amparará o lote ou lotes de mexilla durante o seu traslado por vía terrestre ou marítima ata o viveiro de destino.
En consecuencia, en virtude das facultades conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación da Orde do 26 de outubro de 2000 pola que se regula a extracción de semente de mexillón en bancos naturais
A Orde do 26 de outubro de 2000 pola que se regula a extracción de semente de mexillón en bancos naturais, queda modificada como segue
Un. Modifícase o artigo 6, que queda redactado como segue:
«Artigo 6. Declaración da extracción e identificación das persoas autorizadas
1. As persoas autorizadas para a extracción de semente de mexillón procedente de bancos naturais e no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, conforme o establecido no capítulo II da presente orde, deberán realizar, ao finalizar os labores de recolleita, a declaración da mexilla extraída a través da aplicación informática que se porá á súa disposición.
Esta declaración incluirá:
– A data da recollida.
– O viveiro de destino da semente de mexillón.
– Identificación dos transportes terrestres e/ou marítimos autorizados que se van empregar para realizar as tarefas de recollida e traslado da semente de mexillón.
– A localización da zona de recolleita.
– A cantidade de semente de mexillón recollida, expresada en quilogramos.
A aplicación informática permitirá emitir a declaración con carácter previo aos labores de recolleita; neste caso, requírese a confirmación posterior tanto da zona como da cantidade extraída.
A declaración de mexilla xerará un documento que amparará o traslado da semente de mexillón desde a zona de recolleita ata a batea de destino.
2. No caso de que a semente de mexillón sexa colleitada en virtude de acordo da persoa concesionaria da/das batea/s coas confrarías de pescadores ou agrupacións de mariscadores, conforme o establecido no capítulo III da presente orde, a persoa autorizada para a extracción deberá realizar, ao finalizar os labores de recolleita, a declaración da mexilla extraída a través da aplicación informática que se porá á súa disposición, en que se incluirá:
– A data da recollida.
– Identificación dos transportes terrestres e/ou marítimos autorizados que se van empregar para realizar as tarefas de recollida e traslado da semente de mexillón.
– A localización da zona de recolleita.
– A cantidade de semente de mexillón recollida, expresada en quilogramos.
A aplicación informática permitirá emitir a declaración con carácter previo aos labores de recolleita, neste caso, requírese a confirmación posterior tanto da zona como da cantidade extraída.
Cos datos de cada declaración xerarase un documento que amparará o traslado da semente de mexillón desde a zona de recolleita ata o punto de control establecido pola confraría de pescadores ou, se é o caso, pola agrupación de mariscadores, as cales deberán realizar a declaración do viveiro ou viveiros de destino da semente.
3. Emitido o documento, a persoa concesionaria poderá levar a cabo unha distribución das cantidades entre os diferentes viveiros dos cales sexa titular, sen sobrepasar a cantidade declarada inicialmente, que xerará un novo documento que amparará o traslado para cada unha das bateas en que se fixo o repartición.
4. As persoas autorizadas para a extracción disporán na aplicación informática dun xustificante da súa autorización, que exhibirán xunto cun documento que acredite validamente a súa identificación, por petición da autoridade competente.
5. A non realización da declaración dará lugar ao inicio do expediente sancionador que corresponda de acordo co disposto no título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia».
Dous. Suprímese o artigo 9, que queda sen contido.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2025
Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar
