O Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, establecen unha nova estrutura organizativa dos departamentos da Xunta de Galicia, da que resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. Esta modificación dá lugar a unha nova distribución de competencias entre as distintas consellerías, para os efectos do exercicio das funcións de protectorado sobre as fundacións de interese galego, por razón das materias que constitúen os fins fundacionais.
Segundo. A adscrición das fundacións ás consellerías competentes por razón da materia leva consigo o exercicio das funcións de rexistro das fundacións adscritas, de conformidade co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Terceiro. A fundación obxecto de readscrición é na seguinte:
Pasan a depender da actual Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (anteriormente adscritas á Consellería de Economía e Industria):
– Fundación Pública Galega Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (Cesga).
Cuarto. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos, na súa reunión do 29 de xullo de 2025, emite informe favorable sobre a readscrición da fundación de interese galego ao departamento da Xunta de Galicia competente para o exercicio das funcións de protectorado, de conformidade co sinalado no feito terceiro.
Consideracións xurídicas:
Primeira. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle a esta Comunidade Autónoma competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.
Segunda. A Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e o Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, establecen que o protectorado será exercido polos departamentos da Xunta de Galicia que teñan atribuídas as competencias correspondentes aos fins das fundacións.
Terceira. O artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, atribúe competencias de clasificación das fundacións á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e regula a adscrición do protectorado e rexistro de fundacións de interese galego ás consellerías con competencia na materia que constitúa os fins da fundación.
Vistos a Constitución española, o Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei de fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación,
DISPOÑO:
Artigo 1. Modificación da adscrición dunha fundación de interese galego
Modificar a adscrición da fundación de interese galego ao protectorado do correspondente departamento da Xunta de Galicia, de conformidade coa distribución que se relaciona no feito terceiro desta orde.
Disposición adicional única. Instrumentalización
1. A instrumentalización do disposto nesta orde efectuarase mediante o traslado material da documentación e dos datos inscritos na sección do rexistro do protectorado de orixe e recepción polo órgano competente da consellería a que se readscriben.
2. Formalizarase na aplicación informática do Rexistro de Fundacións de Interese Galego a modificación descrita mediante a adscrición da fundación ao protectorado da consellería correspondente.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
