Feitos:
Primeiro. O día 7 de xullo de 2025 tivo entrada nesta unidade a solicitude para a inscrición, no Rexistro de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade, da acta da reunión da Comisión Paritaria do Convenio colectivo galego de centros especiais de emprego.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais ten atribuídas, entre outras funcións, as competencias que como autoridade laboral lle corresponden á consellería, de conformidade co disposto no Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Segunda. De acordo co artigo 25 do citado Decreto 147/2024, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais é o órgano competente de coordinación dos rexistros administrativos de eleccións sindicais, de asociacións empresariais e sindicais (Deose), de convenios colectivos (Regcon) e de empresas acreditadas para intervir no proceso de contratación no sector da construción (REA).
Terceira. O artigo 8 do Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos e acordos colectivos de traballo e plans de igualdade, regula o procedemento de inscrición de solicitudes de rexistro e convenios e acordos colectivos de traballo e establece que a autoridade laboral competente ditará a resolución en que ordene o seu rexistro, depósito e publicación no boletín oficial correspondente.
Revisada a documentación achegada e tendo en conta a normativa aplicable, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, na súa condición de autoridade laboral,
RESOLVE:
Primeiro. Ordenar o depósito e a inscrición no Rexistro de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade da acta da Comisión Paritaria do Convenio colectivo galego de centros especiais de emprego.
Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2025
Pablo Fernández López
Secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais
ANEXO
Acta da Comisión Paritaria do Convenio colectivo galego
de centros especiais de emprego
En Santiago de Compostela, ás 13.00 horas do día 3 de xullo de 2025, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, sito na rúa Algalia de Abaixo, 24, baixo, reúnense as persoas abaixo sinaladas, que forman parte da Comisión Paritaria do Convenio colectivo galego de centros especiais de emprego.
Parte empresarial:
– Esther Blanco Araújo (Cegasal).
– Juan Acevedo Vidal (Cegasal).
Parte sindical:
– Esperanza Díez Ferrera (CC.OO.).
– Tania Alonso Soto (CC.OO.).
– Juan Manuel Loureiro Taibo (UGT).
O obxecto da xuntanza é dar resposta ás consultas formuladas a esta Comisión Paritaria pola central sindical CIG.
Logo do oportuno debate, procede reflectir na acta o seguinte:
Primeiro. Teñen dereito as persoas traballadoras que desempeñen postos de persoal técnico auxiliar e persoal operario/auxiliar a percibir a cantidade de 1.184 euros/mes en concepto de salario base cando non perciban ningún outro complemento de carácter salarial.
Esta comisión entende que para unha correcta aplicación do real decreto polo que se fixa o salario mínimo interprofesional de cada ano, non se convertería en salario base, tendo en conta que a disposición transitoria sexta do convenio estatal establece un complemento persoal e absorbible para os casos en que a contía do salario, no seu conxunto e en cómputo anual, fose inferior ao SMI, de tal xeito que se garanta que a persoa traballadora perciba mensualmente como mínimo o SMI mensual vixente, nos termos que estableza o real decreto vixente nese momento.
Segundo. Teñen dereito as persoas traballadoras que desempeñen postos de persoal técnico auxiliar e persoal operario/auxiliar a que non lles sexan absorbidas nin compensadas as cantidades que, de ser o caso, perciban en concepto de complementos salariais diferentes do salario base.
Para dar resposta a esta cuestión, a Comisión Paritaria remítese á dicción literal do artigo 3 do Convenio colectivo galego de centros especiais de emprego.
Terceiro. As partes acordan delegar no persoal habilitado do Consello Galego de Relacións Laborais a realización dos trámites de rexistro, depósito e publicación deste acordo ante a autoridade laboral competente.
Non tendo máis asuntos que tratar, levántase a reunión ás 14.00 horas do día sinalado no encabezamento. Para o efecto esténdese a presente acta, que asinan en proba de conformidade todas as persoas asistentes.
