DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Mércores, 6 de agosto de 2025 Páx. 42707

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 24 de xullo de 2025 pola que se establecen modelos normalizados en materia do sector lácteo (códigos de procedemento MR360I, MR360J, MR360K, MR360L, MR360M e MR360N).

O Real decreto 95/2019, do 1 de marzo, polo que se establecen as condicións de contratación no sector lácteo e se regula o recoñecemento das organizacións de produtores e das organizacións interprofesionais no sector, e polo que se modifican varios reais decretos de aplicación ao sector lácteo, regula, entre outros aspectos, a normativa básica aplicable ás relacións contractuais na cadea de produción e subministración do leite e o recoñecemento de organizacións e asociacións de organizacións de produtores/as de leite.

Este real decreto establece no seu artigo 10 o deber de información sobre contratación no sector lácteo, mediante soporte informático, á base de datos creada polo Real decreto 319/2015, do 24 de abril, sobre declaracións obrigatorias que deben efectuar os primeiros compradores e produtores de leite e produtos lácteos de vaca, ovella e cabra, que establece o sistema unificado de información do sector lácteo (Infolac). Asemade, o artigo 20 establece que as organizacións e asociacións recoñecidas serán inscritas no Rexistro Nacional de Organizacións e Asociacións de Produtores de Leite, situado na base de datos Prolac.

Por outra banda, o mencionado Real decreto 95/2019 require que determinados procedementos, como as altas, baixas e modificacións dos datos dos primeiros compradores, produtores de leite e os contratos celebrados entre ambos sexan solicitados, comunicados ou declarados á autoridade de xestión da Comunidade Autónoma para o mantemento de datos das bases de datos indicadas no anterior parágrafo.

O Decreto 148/2024, do 20 de maio, polo que se modifica o Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, establece que se corresponde á Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria a función de coordinación das actuacións de inspección e control necesarias para comprobar o cumprimento da normativa de aplicación en materia de cadea alimentaria, que inclúe a xestión do Sistema de información da cadea alimentaria nos sectores lácteo, vitícola e oleico.

Na actualidade, atendendo ao volume de solicitudes, declaracións e comunicacións que atinxen ao sector lácteo, e necesario dotalo con procedementos específicos que conten con modelos normalizados que faciliten a súa presentación e tramitación.

As solicitudes, comunicacións e declaracións a Infolac supoñen un volume importante debido a que afecta os movementos comunicados de 52 primeiros compradores e máis de 5.000 produtores/as de leite cru de vaca, así como primeiros/as compradores/as e produtores/as de leite cru de ovella e cabra.

Preténdese, pois, simplificar e facilitar ás persoas e organizacións que están obrigadas a presentar a información indicada un mecanismo áxil, habilitando un procedemento que facilite a presentación de solicitudes de alta e baixa no Rexistro de Compradores e o envío da información e documentación requirida para a comunicación e declaración das bases de datos de información do sector lácteo Infolac e Prolac.

Esta orde consta dunha parte expositiva e catorce (14) artigos, estruturados en dous capítulos.

O capítulo I, Disposicións xerais, regula o obxecto, as persoas solicitantes, a forma de presentación das solicitudes, comunicacións e declaracións, a tramitación e prazo de presentación, resolución e réxime de recursos. O capítulo II, Documentación complementaria, regula a documentación complementaria que hai que presentar coas solicitudes e comunicacións.

Complétase cunha disposición adicional sobre a actualizacións dos modelos e unha derradeira sobre a súa entrada en vigor.

Esta orde tramitouse de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Finalmente, en prol da mellora da calidade normativa, esta norma adecúase aos principios de boa regulación, singularmente os de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade, eficacia e eficiencia, recollidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, así como no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

En consecuencia, de acordo coas facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar os modelos normalizados de:

a) Solicitude de alta/baixa no Rexistro de Primeiros Compradores do sector lácteo (código de procedemento MR360I). O formulario para a dita solicitude é o anexo I.

b) Comunicación de modificación de datos, de subrogación de contrato, de excepcionalidade do artigo 4.5 do Real decreto 95/2019 e de persoas autorizadas/responsables para os efectos da información das bases de datos do sistema unificado de información do sector lácteo (Infolac) (código de procedemento MR360J). O formulario para a dita solicitude é o anexo II.

c) Declaración de venda directa para as bases de datos do sistema unificado de información do sector lácteo (Infolac) (código de procedemento MR360K). O formulario para a dita solicitude é o anexo III.

d) Solicitude de alta/baixa no Rexistro Nacional de Organizacións e Asociacións de Organizacións de Produtores de Leite (código de procedemento MR360L). O formulario para a dita solicitude é o anexo IV.

e) Comunicación de modificación de membros da organización de produtores de leite, memoria do ano anterior e volume de negocio e de persoas autorizadas/responsables para os efectos da información contida na base de datos Prolac (código de procedemento MR360M). O formulario para a dita solicitude é o anexo V.

f) Solicitude de certificado de pertenza a unha organización de produtores de leite (código de procedemento MR360N). O formulario para a dita solicitude é o anexo VI.

Artigo 2. Persoas solicitantes

1. Deberán cumprir o disposto nesta orde as persoas que teñan a condición de:

a) Primeiros compradores de leite cru de vaca, ovella ou cabra, no suposto do artigo 1.1.a) e b).

b) Produtores de leite cru de vaca, ovella ou cabra, no suposto do artigo 1.1.c) e f).

c) Organizacións de produtores de leite, no suposto do artigo 1.1.d) e e).

d) Asociacións de organizacións de produtores de leite, no suposto do artigo 1.1.d) e e).

2. Os requisitos exixidos para ter a condición de primeiro comprador, produtor, organización de produtores ou asociación de organización serán os recollidos no Real decreto 319/2015, do 24 de abril, sobre declaracións obrigatorias que deben efectuar os primeiros compradores e produtores de leite e produtos lácteos de vaca, ovella e cabra, e no Real decreto 95/2019, do 1 de marzo, polo que se establecen as condicións de contratación no sector lácteo e se regula o recoñecemento das organizacións de produtores e das organizacións interprofesionais no sector, e polo que se modifican varios reais decretos de aplicación ao sector lácteo.

Artigo 3. Forma de presentación das solicitudes, comunicacións e declaracións

1. As solicitudes, comunicacións e declaracións reguladas nesta orde presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados (anexo I para o procedemento MR360I, anexo II para o procedemento MR360J, anexo III para o procedemento MR360K, anexo IV para o procedemento MR360L, anexo V para o procedemento MR360M e anexo VI para o procedemento MR360N), dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude, comunicación ou declaración presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que for realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Para os efectos da presentación da solicitude, comunicación ou declaración, as persoas interesadas poderán actuar por medio de representantes.

Artigo 4. Documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente coa solicitude, a comunicación e/ou declaración.

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, comunicación e/ou declaración, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial, dentro dos prazos previstos nesta orde. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Prazo de presentación

A presentación das solicitudes, comunicacións e declaracións terá o prazo aberto para todos os procedementos desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, con independencia de que se teñan que presentar nun período determinado conforme o disposto na normativa que lles é de aplicación.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións e actos administrativos efectuaranse por medios electrónicos.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

3. As persoas interesadas recibirán sempre a notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. A notificación entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación das solicitudes, comunicacións e declaracións reguladas nesta orde consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante/declarante/comunicante.

b) DNI/NIE da persoa solicitante/declarante/comunicante.

c) NIF da entidade representante ou o DNI/NIE da persoa representante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día nas débedas coa Atriga.

As consultas das letras d), e) e f) só se realizarán en relación cos procedementos MR360I e MR360L.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes, comunicacións e declaracións

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude, comunicación e/ou declaración deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/carpeta-do-cidadan).

Artigo 9. Resolución das solicitudes de alta/baixa no Rexistro de Primeiros Compradores do sector lácteo, no Rexistro Nacional de Organizacións e Asociacións de Organizacións de Produtores de Leite e das solicitudes de certificado de pertenza a unha organización de produtores de leite

1. As resolucións de alta/baixa no Rexistro de Primeiros Compradores do sector lácteo, no Rexistro Nacional de Organizacións e Asociacións de Organizacións de Produtores de Leite e a emisión do certificado de pertenza a unha organización de produtores de leite correspóndenlle á persoa titular da dirección xeral competente en materia de cadea alimentaria.

2. O prazo de resolución e notificación das solicitudes de alta/baixa no Rexistro de Primeiros Compradores do sector lácteo e no Rexistro Nacional de Organizacións e Asociacións de Organizacións de Produtores de Leite será de 2 meses contado a partir da data de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non se dita resolución expresa, entenderase estimada a solicitude por silencio administrativo.

3. No caso de resolución favorable das solicitudes de alta/baixa no Rexistro de Primeiros Compradores do sector lácteo e no Rexistro Nacional de Organizacións e Asociacións de Organizacións de Produtores de Leite, procederase á inscrición no rexistro correspondente. Nestes casos, unha vez realizada a inscrición, remitiranse as claves de acceso, de ser o caso, ao sistema de información Infolac e/ou Prolac.

4. O prazo de resolución e notificación das solicitudes de certificado de pertenza a unha organización de produtores de leite será de 2 meses contado a partir da data de presentación da solicitude.

Artigo 10. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro desta orde non poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Transcorrido este prazo sen terse presentado o dito recurso, a resolución adquirirá carácter de firmeza en vía administrativa.

CAPÍTULO II

Documentación complementaria

Artigo 11. Documentación complementaria nas solicitudes de alta/baixa no Rexistro de Primeiros Compradores

Xunto coa solicitude, as persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:

1. Certificado de alta no imposto de actividades económicas nas epígrafes relativas a explotacións gandeiras de bovino, ovino ou caprino, industrias lácteas ou de comercialización de leite ou produtos lácteos.

2. No caso das sociedades incluídas no ámbito do texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado mediante o Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo: a escritura de constitución e as súas modificacións, e certificado actualizado do rexistro mercantil de todos os asentos efectuados á entidade.

3. No caso de cooperativas, certificado emitido polo Rexistro Oficial de Cooperativas que recolla todos os movementos rexistrados e a composición actualizada do consello reitor ou, de ser o caso, certificado emitido polo presidente do consello reitor que recolla a súa composición actualizada, así como os seus estatutos.

4. No caso das cooperativas ás cales lles sexa de aplicación a excepción recollida no artigo 8 do Real decreto 95/2019, os estatutos ou os acordos da cooperativa onde se conteñan os elementos obrigatorios que debe ter o contrato.

5. No caso doutras persoas xurídicas, distintas das anteriores, certificado emitido polo órgano reitor, ou persoa reitora destas, que recolla a composición actualizada de membros, socios ou compoñentes da entidade, e a composición actualizada do órgano reitor se non é unipersoal, así como os seus estatutos ou documento fundacional da entidade.

6. Relación de persoas autorizadas/responsables para o acceso ao sistema informático Infolac.

Artigo 12. Documentación complementaria na comunicación de modificación de datos, de subrogación de contrato e de excepcionalidade do artigo 4.5 do Real decreto 95/2019, para os efectos da información das bases de datos do sistema unificado de información do sector lácteo (Infolac)

Xunto coa comunicación, as persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:

1. No suposto de modificación de datos, deberán achegar unha memoria explicativa sobre os datos que pretenden modificar. No caso de modificar as persoas autorizadas a acceder a Infolac en nome do primeiro comprador, deberán achegar unha relación de persoas ás que se autoriza e/ou ás que se lle retira o acceso ao sistema informático Infolac; para as novas persoas deberán indicar o nome completo, o NIF, o telefono e o correo electrónico.

2. No suposto de subrogación de contrato, deberán achegar unha memoria en que conste, como mínimo, o identificador de Infolac do contrato que se subroga e os datos identificativos da nova persoa titular.

3. No supostos de excepcionalidade do artigo 4.5 do Real decreto 95/2019, do 1 de marzo, polo que se establecen as condicións de contratación no sector lácteo e se regula o recoñecemento das organizacións de produtores e das organizacións interprofesionais no sector, e polo que se modifican varios reais decretos de aplicación ao sector lácteo, deberán achegar unha memoria en que se indique que:

a) É primeiro comprador de leite cru.

b) Pretende subscribir un contrato de subministración de leite de vaca co acordo do produtor.

c) Os datos dese produtor, incluíndo o NIF e o número de REGA.

d) Non cumprirá o prazo mínimo de dous meses establecido no punto 1.a) do artigo 4 do Real decreto 95/2019, referente á presentación da oferta.

e) Os motivos de excepción, debendo indicar polo menos algún dos seguintes:

1º. Mantense a relación existente entre un mesmo primeiro comprador e un produtor e o novo contrato supón para o produtor unha mellora en relación co volume, prezo ou duración do contrato.

2º. Garántese a recollida de leite, no caso de que un primeiro comprador rescindise unilateralmente a relación co produtor.

3º. As entregas totais anuais entre o primeiro comprador e o produtor, nun ou máis contratos, non supera os 5.000 kg.

Artigo 13. Documentación complementaria na solicitude de alta/baixa no Rexistro Nacional de Organizacións e Asociacións de Organizacións de Produtores de Leite

1. Xunto coa solicitude, no suposto de solicitude de alta, as persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:

a) Estatutos de constitución da organización ou da asociación de organizacións de produtores de leite.

b) Relación dos NIF dos titulares das explotacións e dos códigos REGA das explotacións pertencentes aos produtores da organización, por especies.

c) Declaración da organización en relación a que dispón dos compromisos individuais dos produtores integrantes de permanencia polo menos dous anos na organización e de comunicación de baixa no prazo establecido pola organización.

d) Declaración da organización en relación a que se realiza a posta no mercado do leite a través da súa propia estrutura ou non.

e) Memoria descritiva das funcións que pretende desenvolver e dos medios humanos e materiais de que dispón.

f) Declaración dos produtores de permanencia de polo menos dous anos na organización e de comunicación de baixa no prazo establecido pola organización.

g) Declaración de dispor dos mandatos e compromisos individuais dos produtores integrantes para realizar a negociación dos contratos.

h) Relación de persoas autorizadas/responsables para o acceso ao sistema informático Prolac.

2. Xunto coa solicitude, no suposto de solicitude de baixa, as persoas interesadas deberán achegar un certificado do acordo de órgano de goberno ou de dirección en que se acredite a adopción do acordo de baixa.

Artigo 14. Documentación complementaria na comunicación de modificación de membros da organización de produtores de leite, memoria do ano anterior e volume de negocio e de persoas autorizadas/responsables, para os efectos da información contida na base de datos Prolac

Xunto coa comunicación, as persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:

1. No suposto de modificación de membros da organización de produtores de leite, deberán achegar unha memoria en que se faga constar que membros se deron de alta e de baixa, identificando estes, achegando o NIF dos titulares das explotacións e dos códigos REGA das explotacións por especies ou outra modificación relevante respecto dos produtores integrantes.

No caso de altas de novos membros, deberá achegarse o establecido no artigo 13.1.f) e artigo 13.1.g).

2. No suposto de memoria do ano anterior e volume de negocio, deberán achegar unha memoria en que se fagan constar as actividades desenvolvidas no ano anterior e unha memoria en que se reflicta o volume de negocio da organización, diferenciando por produtores e especies.

3. No caso de modificar as persoas autorizadas a acceder a Prolac, o nome das persoas que se pretende autorizar e das que se pretende retirar a autorización; para as novas persoas deberanse indicar o nome completo, o NIF, o telefono e o correo electrónico.

Disposición adicional única. Actualización de modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2025

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file