Expediente: IN407A 2025/082-1.
Promotora: Electra de Santa Comba, S.L.
Denominación do proxecto: Novo CT Santa Sabiña e enlace coa RBT.
Concello: Santa Comba.
Feitos:
1. O día 8.5.2025, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada. Co obxecto de ampliar a potencia do centro de transformación CT Santa Sabiña (IN407A 2015/141-1) de 100 kVA de potencia de tipo intemperie, sito en Santa Xabiña (San Xulián), concello de Santa Comba, proxéctase a súa substitución por outro, instalando un de superficie de tipo compacto prefabricado de 160 kVA, unha liña de media tensión soterrada que o conectará coa liña de distribución de media tensión LMT a Santa Sabiña (expediente 27.949), tres saídas soterradas en baixa tensión e reforma da rede existente.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, entregan memoria, planos e orzamento co proxecto de execución denominado Novo CT Santa Sabiña e enlace coa RBT, asinado o día 8.5.2025 por Antonio Javier Sabín Vázquez, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, con número de colexiado 2.233 e con número de visado 1398/25-CO.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Santa Comba e Servizo de Patrimonio Cultural.
A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para ese efecto.
O día 4.7.2025 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación:
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas:
As instalacións obxecto deste expediente están situadas en Santa Sabiña (San Xulián), concello de Santa Comba, e as súas características técnicas son as seguintes:
– LMTS a 20 kV, de 623 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×150) mm2 Al, con orixe no PA/S proxectado no apoio nº 31 existente tipo C-14/3000, onde se instalará seccionador tipo SXS-autoválvulas, da liña LMT a Santa Sabiña (expediente 27.949) e remate no CTC proxectado. Desmantelamento do tramo aéreo, LAC-28, comprendido entre o apoio nº 31 e o CTI Santa Sabiña (expediente 2015/141-1) para retirar.
– Novo CT Santa Sabiña compacto prefabricado, cunha potencia de 160 kVA, unha relación de transformación de 20.000/400-230 V e configuración 1L+1P. Desmantelamento do CT Santa Sabiña (IN407A 2015/141-1) de 100 kVA existente sobre apoio de pórtico de formigón.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
2. A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937, e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro de 2024), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro, ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 7 de xullo de 2025
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
