DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Venres, 8 de agosto de 2025 Páx. 43305

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

EXTRACTO da Resolución do 31 de xullo de 2025 pola que se convocan as bolsas de mobilidade da Escola Internacional de Doutoramento (Eido) para o estudantado de programas de doutoramento desta universidade no curso académico 2024/25.

BDNS (Identif.): 849679.

De conformidade co disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria, cuxo texto completo se pode atopar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/849679

Primeiro. Persoas beneficiarias

Alumnado que estea matriculado na Universidade de Vigo no período de tutela de tese no curso académico 2024/25 nalgún dos programas de doutoramento da Universidade de Vigo.

Alumnado que realice durante o curso 2024/25 a actividade (de acordo coa súa programación académica) que implique o desprazamento fóra da Galicia para a asistencia ou presentación de comunicacións orais ou escritas ou proxectos creativos, en congresos, exposicións de creación artística, e reunións científicas, nacionais ou Internacionais.

Segundo. Obxecto

Estas bolsas teñen por obxecto contribuír a paliar os gastos ocasionados ao estudantado da Universidade de Vigo matriculado nos programas de doutoramento, con motivo da realización de viaxes e demais actividades incluídas na súa programación académica que impliquen desprazamento fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 31 de xullo de 2025 pola que se convocan as bolsas de mobilidade da Escola Internacional de Doutoramento (Eido) para o estudantado de programas de doutoramento da Universidade de Vigo no curso académico 2024/25.

Cuarto. Contía

A contía total do crédito destinado a estes premios será de corenta mil euros (40.000 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Desde o 1 de agosto ata o 15 de outubro de 2025.

Vigo, 31 de xullo de 2025

O reitor da Universidade de Vigo
P.D. (Resolución do 30.5.2024; DOG 10.6.2024)
Natalia Caparrini Marín
Vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade