DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Venres, 8 de agosto de 2025 Páx. 43291

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2025 pola que se aproba unha modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo e pola que se lle dá publicidade.

A Asociación de Adegas da IXP Ribeiras do Morrazo acordou, nunha reunión levada a cabo o 14.06.2024, tramitar unha modificación do prego de condicións desta figura de calidade. Posteriormente, o 10.7.2024, esta asociación presentou ante a Axencia Galega da Calidade Alimentaria –órgano competente para a tramitación do expediente de acordo co establecido na Lei 1/2024, do 11 de xaneiro, da calidade alimentaria de Galicia– a solicitude correspondente acompañada da acta da dita reunión e outra documentación que a xustifica.

Co obxectivo de estudar as modificacións que incorporar ao prego de condicións, a dita Axencia mantivo, o pasado día 21.7.2025, unha reunión coas seis adegas certificadas para a elaboración de viño desta indicación xeográfica. Nesa reunión debatéronse todos os cambios propostos e, como resultado dela, elaborouse unha nova versión do prego de condicións.

As modificacións que se van introducir no dito prego de condicións son as que se describen a continuación, xunto coa súa xustificación.

– Diminución do valor da graduación alcohólica mínima dos viños brancos.

A graduación alcohólica adquirida e total mínima rebáixase para os viños brancos en medio grao, polo que quedaría en 11 % vol. O cambio afecta a descrición dos viños que se contén no prego de condicións (punto 2) e no documento único (punto 4).

Esta modificación está relacionada co feito de que nesta zona de produción conviven castes de uva de características moi diferentes e nalgunhas das castes brancas autorizadas o punto de madurez óptimo alcánzase, polo xeral, cun grao alcohólico probable inferior a 11,5 % vol. e tamén se xustifica pola demanda crecente de viños con graduacións moderadas.

– Aumento da acidez volátil máxima permitida.

O valor da acidez volátil máxima admitida pasa a ser 18 miliequivalentes (1,08 gramos de ácido acético por litro) para os viños brancos e 20 miliequivalentes (1,20 gramos de ácido acético por litro para os tintos, fronte ao valor actual, que é 17,9 miliequivalentes, tanto para brancos como para tintos. Como no caso anterior, esta modificación afecta a descrición dos viños que se recolle nos números 2 e 4, respectivamente, do prego de condicións e do documento único.

O cambio afecta principalmente, polo tanto, os viños tintos e xustifícase na necesidade de incrementar o valor debido a que cada vez é máis frecuente a elaboración de viños que pasan máis tempo en depósito de madeira ou de aceiro sobre lías finas antes do embotellado, o que pode dar lugar a unha maior acidez volátil.

– Modificación da descrición das características organolépticas dos viños.

Modifícase parcialmente a descrición das características organolépticas dos viños para axustala mellor á realidade. Esta modificación afecta, ao igual que as dúas anteriores, a epígrafe de descrición dos viños do prego de condicións e do documento único.

O cambio obedece á necesidade de buscar unha descrición organoléptica na cal encaixen todos os viños que se poden elaborar coas variedades autorizadas, xa que a redacción actual contén algún aspecto que non se axusta totalmente a determinados tipos de viños que se elaboran baixo esta indicación xeográfica.

– Modificación do rendemento de elaboración de viño.

Increméntase o rendemento da obtención do viño, que pasa a ser de 70 litros por cada 100 kg de uva no caso das variedades brancas e de 72 litros por cada 100 kg de uva para as variedades tintas.

Esta modificación, que afecta o punto 3 (prácticas enolóxicas específicas) do prego de condicións e tamén o punto 5 (prácticas vitivinícolas) do documento único, xustifícase no feito de que a evolución tecnolóxica nos últimos anos deu lugar a que as técnicas actuais de elaboración permiten extraer máis mosto sen prexudicar a calidade do viño.

– Incremento do rendemento produtivo.

Increméntanse as producións máximas de uva admitidas, que pasan a ser de 12.000 quilogramos por hectárea para as variedades brancas e de 10.000 quilogramos por hectárea para as variedades tintas. Como consecuencia deste aumento e do incremento do rendemento de elaboración, os rendementos máximos en litros de viño por hectárea pasan a ser de 8.400 litros de viño para as castes brancas e de 7.200 litros de viño por hectárea para as tintas.

Este cambio afecta tanto o punto 5 (rendemento máximo) do prego de condicións como o punto 5 (prácticas vitivinícolas) do documento único e xustifícase na necesidade de adaptar os valores do rendemento produtivo á realidade da viticultura da zona, xa que se ten constatado que en determinadas campañas vitivinícolas hai parcelas con producións que superan os límites actuais e que os viños elaborados a partir delas seguen a ter unha boa calidade.

– Eliminación da restrición da altitude dos viñedos.

Suprímese a limitación relativa á altitude máxima dos viñedos (300 metros), que se recolle na redacción actual do prego de condicións, no punto 4 (demarcación da zona xeográfica) e na do documento único, no punto 6 (zona delimitada).

Neste sentido, tense en conta que nesas cotas houbo viñedos e que, ademais, se poden producir nelas viños máis aromáticos e baixo condicións menos sensibles a enfermidades. Ademais, a plantación de viñedos en zonas de maior altitude é unha das prácticas vitícolas recomendadas para a adaptación ao cambio climático.

– Melloras do texto e actualización de referencias legais.

Actualízanse algunhas referencias legais que, polo transcurso do tempo, quedaran desfasadas e, ademais, fanse algunhas melloras de carácter formal na redacción do prego de condicións.

O artigo 24 do Regulamento (UE) nº 2024/1143 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de abril de 2024, clasifica as modificacións dos pregos de condicións en dúas categorías, modificacións «da Unión» e modificacións «normais» e o dito regulamento, xunto coa restante normativa europea de aplicación, a que logo nos referiremos, establece un procedemento de tramitación diferente segundo que a modificación responda a un ou a outro tipo. Así, as modificacións da Unión tenas que aprobar a Comisión Europea e deben someterse previamente a un procedemento que inclúe unha fase de publicidade e apertura dun período para a presentación de oposicións, primeiro no Estado membro e despois no territorio do resto da Unión, mentres que as modificacións normais -que son modificacións de menor relevancia– tramítanse cun procedemento máis simplificado e apróbaas a autoridade competente do Estado membro, que despois debe comunicalas á Comisión.

As modificacións que se pretenden introducir no prego de condicións da indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo descritas responden todas elas á consideración de modificacións normais, xa que non supoñen un cambio no nome da denominación ou no seu uso, nin afectan a categoría dos produtos designados por ela, nin existe risco de anular o vínculo do produto co territorio, e tampouco implican restricións ao comercio, que son os aspectos cuxa modificación requiriría a súa aprobación pola Comisión Europea, conforme se indica no número 3 do citado artigo 24 do Regulamento (UE) núm. 2024/1143 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de abril de 2024.

O procedemento para as modificacións normais dos pregos de condicións das denominacións de orixe e das indicacións xeográficas protexidas recóllese, ademais de no citado artigo 24 do Regulamento (UE) nº 2024/1143, nos regulamentos que o desenvolven, en concreto, no artigo 12 do Regulamento de execución (UE) nº 2025/26 da Comisión, e nos artigos 4 e 5 do Regulamento delegado (UE) nº 2025/27 da Comisión, ambos os dous regulamentos do 30 de outubro de 2024. Segundo o indicado no número 2 do citado artigo 4 do Regulamento delegado (UE) 2024/27 da Comisión, ao ser unha modificación cualificada como normal, non é preceptivo levar a cabo un procedemento de oposición.

Por todo o anterior, considerando que a solicitude presentada cumpre as condicións establecidas no Regulamento (UE) nº 2024/1143 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de abril de 2024, e coas competencias da Axencia Galega da Calidade Alimentaria nesta materia,

RESOLVO:

Primeiro. Adoptar e facer pública a decisión favorable para que a modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo se inscriba no Rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas, unha vez comprobado que se cumpren os requisitos do Regulamento (UE) nº 2024/1143 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de abril de 2024.

Segundo. Publicar a nova versión do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo sobre a que se basea esta resolución, que figura como anexo dela. Ademais, o devandito prego de condicións, así como o correspondente documento único, están accesibles na páxina web da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, nos seguintes enderezos electrónicos:

https://agacal.xunta.gal/sites/default/files/calidade-alimentaria/vinos/Prego-Condicions-IXP-Ribeiras-do-Morrazo-xullo-2025_GAL.pdf

https://agacal.xunta.gal/sites/default/files/calidade-alimentaria/vinos/Documento-unico-Ribeiras-do-Morrazo-Xullo_2025_GAL.pdf

Terceiro. Remitir esta resolución, xunto co resto da documentación pertinente, ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para os efectos do seu traslado á Comisión Europea, de acordo co procedemento legal establecido.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, pode interporse un recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2025

Martín Alemparte Vidal
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

ANEXO

Prego de condicións da indicación xeográfica protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo

1. Denominación do produto.

Ribeiras do Morrazo.

2. Descrición dos viños.

Son viños brancos e tintos que se axustan á categoría 1 do anexo VII, parte II, do Regulamento (UE) nº 1308/2013.

No momento da súa posta ao consumo, os viños terán as seguintes características:

2.a) Características analíticas.

– Graduación alcohólica adquirida mínima (% vol.):

– Viños brancos: 11 %.

– Viños tintos: 10 %.

– Graduación alcohólica total mínima (% vol.):

– Viños brancos: 11 %.

– Viños tintos: 10 %.

– Contido máximo de azucres totais: cumpriranse os requisitos que se recollen no anexo III parte B do Regulamento delegado (UE) nº 2019/33 da Comisión, do 17 de outubro de 2018, para que os viños teñan a consideración de «secos».

– Acidez total mínima: 5,0 g/l de ácido tartárico.

– Acidez volátil máxima: 1,08 g/l de ácido acético para os viños brancos (18 meq/l) e 1,20 g/l (20 meq/l) para os viños tintos.

– Contido máximo de dióxido de xofre total: 200 mg/l para os viños brancos e 150 mg/l para os viños tintos.

2.b) Principais características organolépticas.

Os viños obtidos son frescos e suaves en boca, limpos, brillantes con aromas francos en que se aprecian os aromas primarios, unha graduación alcohólica, en xeral, moderada, acidez equilibrada e posgusto afroitado.

3. Prácticas enolóxicas específicas.

A recollida da uva realizarase en caixas de vendima ou outros recipientes autorizados pola autoridade competente.

O rendemento máximo na elaboración do viño será de 70 litros por cada 100 kg de uva no caso das variedades brancas e de 72 litros por cada 100 kg de uva para as variedades tintas.

4. Demarcación da zona xeográfica.

Os viños amparados coa indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo deberán proceder exclusivamente de viñedos da zona de produción e elaboración, constituída polos terreos aptos para a produción de uva dos termos municipais de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa. Estes viñedos deben estar inscritos no Rexistro vitícola. No apéndice I deste prego de condicións recóllese graficamente o territorio desta indicación xeográfica e a súa localización en Europa.

5. Rendemento máximo.

As producións máximas por hectárea serán de 12.000 quilogramos de uva e 8.400 litros de viño para as variedades brancas; e de 10.000 quilogramos de uva e 7.200 litros de viño para as variedades tintas.

6. Variedades de uva de vinificación.

Os viños elaboraranse exclusivamente con uvas das seguintes variedades:

Variedades brancas: Albariño, Caíño Blanco, Godello, Loureira, Treixadura, Branco lexítimo e Torrontés.

Variedades tintas: Brancellao, Caíño Tinto, Pedral, Espadeiro, Loureiro Tinto, Mencía e Sousón.

7. Vínculo coa zona xeográfica.

a) Factores naturais e humanos.

Dentro da enorme heteroxeneidade climática que presenta Galicia como consecuencia da directa influencia mariña e o relevo do territorio, a zona amparada presenta un clima claramente determinado que podemos clasificar como oceánico-húmido.

Dentro da zona, case a totalidade da superficie dedicada ao cultivo do viñedo atópase por baixo dos 150 m s.n.m., localizada en zona costeira (Península do Morrazo e fondos das rías de Pontevedra e Vigo), en terreos de ladeira, con suaves pendentes e orientacións protexidas polos relevos da dorsal do Morrazo, á Serra de Castrove ao norte, as elevacións cara a Serra do Suído no leste e a Serra do Galiñeiro no sur, que exercen un importante efecto barreira sobre a penetración de ventos oceánicos, o que produce as condicións idóneas para unha área de gran produtividade agrícola.

A comarca agrícola en que se producen os viños da indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo goza dunhas 2.100 horas de sol ao ano e de temperaturas suaves con amplitude térmica reducida no período vexetativo, entre 7,3 ºC e 25,7 ºC, con temperaturas elevadas no período invernal (por encima dos 9 ºC de temperatura media no mes de xaneiro), e a práctica ausencia de xeadas. Polo que se refire ás precipitacións, estas sitúanse entre os 1.300 e 1.800 mm, o que, unido á orientación das serras citadas anteriormente, produce unha debilitación estival das precipitacións que, ao combinarse con temperaturas relativamente altas na mesma época, dá lugar a valores elevados de evapotranspiración (entre os 600 e os 800 mm no ano) e, en consecuencia, unha acusada influencia mediterránea neste período, con temperaturas medias arredor dos 18 ºC, o que claramente beneficia o cultivo do viñedo.

A maioría dos solos son moderadamente ácidos, permeables, con baixa capacidade de retención de auga e con escaso contido en materia orgánica no seu estrato máis superficial. Son, en xeral, solos antigos, con profundidade suficiente e ben quentados pola insolación, o que os fai adecuados para o cultivo. Debemos sinalar os solos en areais e dunas na parroquia do Hío, en Cangas do Morrazo, que os fan especialmente singulares entre a enorme diversidade das viticulturas galegas e, por extensión, das europeas.

O substrato litolóxico está constituído, na súa maior parte, por afloramentos graníticos do período Herciniano e rocas sedimentarias escasamente metamorfizadas.

A proporción de elementos grosos nos solos é moderada, o que produce alta permeabilidade e facilidade de labra, presentan unha textura lixeira, sendo a máis habitual franca ou franco-areosa, con boa drenaxe e axeitada aireación.

Estes solos son, ademais, soltos e moderadamente ácidos, especialmente en ladeiras de escasa pendente, polo que resultan adecuados para a consecución de excelentes calidades.

O prestixioso xeógrafo francés Huetz de Lemps, na súa obra Vignobles et vins du Nord-Ouest de l´Espagne (1967), sinala as primeiras referencias documentais da vide que datan do século XIII, e no século XV aparecen as primeiras regulamentacións sobre restricións á elaboración e comercialización do viño. Pode mencionarse a participación decisiva das ordes relixiosas, como o Priorado de Marín, que era dependente do mosteiro benedictino de Oseira, así como o mosteiro de Melón e outros. Tamén é destacable o papel das vilas como Redondela e as normativas que editan para protexer os viños locais no século XVI, e o papel dos portos con vocación comercial como o de Cangas, gremios como os Mareantes de Pontevedra, xunto con outros estamentos propios daquelas épocas. Co tempo consolidáronse diversas normativas de carácter local co fin de protexer os mercados dos viños elaborados no territorio, que deron lugar aos antecedentes das pequenas tabernas e «furanchos», conformando a identidade típica das zonas vinícolas do Morrazo e os fondos das rías de Pontevedra e Vigo, e que é aínda recoñecible hoxe en día.

A evolución do cultivo da vide no Morrazo tivo unha expansión crecente desde a Idade Media, chegando posiblemente a un máximo histórico arredor de 1660. Logo, a maior presión demográfica e a situación económica farían que as vides fosen dando paso aos cereais, sobre todo o millo. Ao parecer, nesta evolución tamén influían as oscilacións dos prezos. Parece que na segunda parte do século XVIII hai unha recuperación do cultivo ata acadar o 10 % da superficie produtiva agraria para posteriormente diminuír algo. Non todo o mundo tiña vides, nalgúns sitios non pasaba do 20 %; noutros, como O Hío, alcanzaban o 50 %. A apertura de tabernas na zona estaba suxeita a poxa e sometida a impostos especiais; tamén era obrigado vender antes o viño local que o de fóra. Sábese que había una certa valoración maior dos viños de zonas expostas ao sur, cara á ría de Vigo fronte aos que o estaban cara á ría de Pontevedra.

Seguían tendo moita fama os viños do Hío (brancos) e Cela (tintos); Vilaboa beneficiábase de ser unha zona moi abrigada dos ventos do oeste e orientada ao sur, polo que os seus viños alcanzaban boa graduación. Nunha avaliación feita nos anos 70 por Xosé Posada no seu libro sobre os viños galegos (Os viños de Galicia, Ed. Galaxia, 1978), predicíase un futuro favorable para os viños desta zona.

Sendo semellante o contexto social da vitivinicultura atlántica deste territorio, é innegable a diversidade de viños elaborados, diversidade que se apoia no amplo abano de variedades autóctonas, e na fama de certas zonas como O Hío, Cela, Aldán, Redondela, Combarro, Moaña, Salceda, etc; e tamén nas diferentes localizacións debidas ás orientacións das ladeiras e os solos. Todo isto fai que se caractericen viños diferentes que se recoñecen na atlanticidade das paisaxes das rías e con igual importancia para os viños brancos e tintos.

No ano 1979 piblicouse no Boletín Oficial del Estado unha orde pola que «se regula o uso de indicacións relativas á calidade, idade e crianza dos viños». Nesta orde sinalábase a posibilidade de acollerse á indicación «Viño de calidade» tanto a viños procedentes de «rexións vitivinícolas que define o Decreto 835/1972, relacionadas no anexo 1», así como «os viños procedentes de comarcas vitícolas determinadas situadas nas rexións as que se refire o alínea b), que se enumeran e delimitan no anexo número 2 deste regulamento». Defínense tamén unhas variedades recomendadas e complementarias para as devanditas comarcas.

Na devandita orde aparece no anexo 2 a comarca «Fondo da ría de Vigo e Morrazo» cos concellos de Bueu, Cangas e Soutomaior. Naquela época admitíanse como variedades recomendadas Albariño e Treixadura, e como complementarias Brancellao, Caíño, Espadeiro, Loureiro, Palomino e Torrontés; os viños tiñan que alcanzar unha graduación mínima de 9 graos en tintos e 9,5 en brancos.

No ano 1986, a Xunta de Galicia elaborou o Programa de calidade dos viños galegos, onde se cita a comarca de viños de calidade de Fondo da ría de Vigo (que tamén incluía concellos do Morrazo), tal como establecía a Orde ministerial de 1979. Aínda que hai antecedentes de tentativas de solicitar unha indicación de calidade para os viños desta zona, non será ata abril de 2012, cando se celebrou o I Foro dos Viños do Morrazo, e posteriormente a I Mostra dos Viños de Vilaboa, cando se desencadee o proceso que deu lugar á demanda que xustifica a elaboración deste prego de condicións.

b) Detalles do produto.

Son viños que deben manter frescura, suavidade, tanto na cor como aroma e sabor, ademais dunha graduación alcohólica equilibrada.

Os viños brancos presentan tons amarelos dourados brillantes, con destacados aromas florais e de froitas, boca lixeira e fresca, de bo potencial aromático e con toques cítricos ao final.

Os viños tintos presentan unha capa media con tons vermellos de picota e mostras violáceas, de estrutura media e paso suave con aromas de froitas vermellas e silvestres cun toque final lixeiramente tánico.

c) Interacción causal.

O rexistro desta indicación xeográfica protexida baséase tanto nas características específicas do produto, claramente vinculadas ao medio natural de produción, como á reputación que conseguiu, basicamente no mercado galego.

Os viños elaborados conforme as prescricións deste prego son fiel reflexo dos efectos das condicións termopluviométricas e agronómicas para unha vitivinicultura de calidade de litoral atlántica, ao que debe sumarse o efecto do factor humano, que se concreta no adecuado axuste das variedades autóctonas, a implantación de viñas en zonas de boa exposición con solos quentes e permeables, ou en condicións singulares como os solos de areais e dunas ou os de ladeiras de roca granítica, característicos desta área xeográfica. Os sistemas de condución e poda tradicionais tenderon a viñedos de formas baixas con altas densidades para así expoñerse mellor ás influencias marítimas. Todas estas condicións tenden a conferir aos viños producidos nesta comarca equilibrio e harmonía, excelentes expresións aromáticas e boas características de conservación.

8. Requisitos aplicables.

Establécense os seguintes requisitos para os operadores:

Requisitos para a elaboración e embotellado:

– Nas adegas de elaboración e/ou embotellado unicamente se elaborarán e/ou embotellarán viños producidos a partir de uvas da zona delimitada.

– Na elaboración de viños con mención a unha única variedade, polo menos o 85 % da uva utilizada será desa variedade.

– Os viños serán elaborados e embotellados na zona xeográfica de produción delimitada. O transporte e embotellado fóra da zona de elaboración constitúe un risco para a calidade do viño, xa que se pode ver exposto a fenómenos de óxido-redución, variacións de temperatura e outros, tanto máis graves canto maior sexa a distancia percorrida. O embotellado en orixe permite preservar as características e a calidade do produto. Este feito, unido á experiencia e coñecemento profundo das características específicas dos viños adquiridos durante anos polos produtores e produtoras locais, fan necesario o envasado en orixe, co fin de preservar todas as características fisicoquímicas e organolépticas destes viños.

– O embotellado destes viños realizarase en botellas de vidro coas capacidades admitidas pola lexislación vixente.

Requisitos de etiquetaxe.

– Os viños que se comercialicen como monovarietais deben estar elaborados cun mínimo do 85 % da variedade de uva en cuestión.

– Todas as botellas levarán unha contraetiqueta numerada fornecida pola autoridade de control, que deberá ser colocada na propia adega. Esta contraetiqueta incluirá o logotipo da indicación xeográfica que figura no apéndice II deste prego de condicións.

– Na etiquetaxe dos viños da indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo a mención «indicación xeográfica protexida» poderá ser substituída polo termo tradicional «viño da terra».

9. Controis.

a) Autoridade competente para a execución dos controis.

Nome: Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

Enderezo: avda. do Camiño Francés, 10. 15781Santiago de Compostela .

Teléfono: 0034 981 54 00 55.

Correo electrónico: agacal.certificacion@xunta.gal

A Agacal é unha axencia, dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, encargada da comprobación do cumprimento do prego de condicións.

b) Tarefas de control.

b.1) Alcance dos controis.

Análises químicas:

A Agacal verifica que os elaboradores realizan análises químicas de todas as partidas de viño para comprobar que cumpren os requisitos establecidos no punto 2 deste prego de condicións.

A Agacal entrega contraetiquetas cunha codificación específica para cada botella de cada partida destinada a ser comercializada coa indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo que se axuste aos parámetros establecidos. As partidas que non reúnan as características analíticas do punto 2 deste prego de condicións non obterán as contraetiquetas e non poderán ser comercializadas baixo o nome da indicación xeográfica protexida.

Operadores:

A Agacal comproba que os operadores teñen capacidade para cumprir os requisitos do prego de condicións. En particular, comproba que os elaboradores dispoñen dun sistema de autocontrol e rastrexabilidade que permite acreditar as especificacións en canto a: orixe da uva, variedades empregadas, rendementos de produción, rendementos de elaboración de viño sobre a cantidade de uva e análise dos parámetros químicos.

Produtos:

A Agacal, mediante a toma de mostras, verifica que o viño comercializado baixo a indicación xeográfica cumpre as especificacións establecidas no punto 2, utiliza adecuadamente a contraetiqueta asignada e se cumpren os demais requisitos que se recollen neste prego de condicións.

b.2) Metodoloxía nos controis na verificación anual.

– Controis sistemáticos.

A Agacal realiza controis sistemáticos dos sistemas de autocontrol dos operadores que elaboran ou comercializan viño ao abeiro da indicación xeográfica protexida, cos obxectivos seguintes:

– Verificar que a uva, o mosto e o viño son orixinarios da zona de produción.

– Controlar o cumprimento das especificacións no referente a variedades e rendemento de produción de uva.

– Comprobar que se realiza unha xestión da rastrexabilidade desde a produción de uva ata o envasado.

– Comprobar que se realizan análises químicas de todas as partidas de viño que permitan acreditar o cumprimento das características definidas no punto 2 deste prego de condicións.

Ademais, a Agacal realiza os controis de existencias necesarios nas adegas para garantir a adecuada rastrexabilidade e control da produción.

– Controis aleatorios.

A Agacal fai controis aleatorios para comprobar a rastrexabilidade das partidas e o cumprimento dos parámetros analíticos.

missing image file