DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Luns, 11 de agosto de 2025 Páx. 43696

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2025, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Crecente (expediente IN407A 2024/320-4).

Expediente: IN407A 2024/320-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: Regulamentación LMTA FRI804, apoios APULNLHT//12 e APTQHCJ3//12-1.

Concello: Crecente.

Feitos:

1. O 17.10.2024, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica denominada Regulamentación LMTA FRI804, apoios APULNLHT//12 e APTQHCJ3//12-1.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro eléctrico Ángel Pérez Vidal, colexiado 4781 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 12.792,11 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a regulamentación da liña de distribución eléctrica en media tensión FRI804, situada no lugar da Capela, na parroquia de Quintela, no concello de Crecente (Pontevedra), mediante a substitución dos apoios APULNLHT//12 e APTQHCJ3//12-1 por un apoio C-3000/16 e un apoio C-1000/16, respectivamente. En consecuencia, substitúese o van entre os apoios proxectados e reténsanse os vans contiguos a eses apoios.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Crecente e a Axencia Galega de Infraestruturas. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Concello de Crecente.

A Axencia Galega de Infraestruturas non emitiu o condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

3. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 2.1.2025 publicada nos seguintes medios:

– Diario Oficial de Galicia: 24.1.2025.

– Xornal Faro de Vigo: 17.1.2025.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Crecente, desde o 8.1.2025 ata o 19.2.2025, segundo o certificado emitido polo propio concello.

– Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.

Durante este trámite non se recibiron alegacións.

4. O 7.4.2025, este departamento territorial, de acordo co artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, informou as persoas titulares da parcela afectada pola declaración, en concreto, de utilidade pública de que dispuñan dun período de 15 días hábiles para presentar alegacións e os documentos e xustificacións pertinentes.

Durante este trámite non se recibiron alegacións.

5. O 4.6.2025, UFD Distribución Electricidad, S.A. comunicou que chegou a un acordo cos titulares da única parcela afectada na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora e, polo tanto, que xa non é necesaria a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións obxecto do proxecto. Coa solicitude, UFD presentou a copia do acordo acadado.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Substitución dos apoios APULNLHT//12 e APTQHCJ3//12-1 da LMTA FRI804 por un apoio C-3000/16 e un apoio C-1000/16, respectivamente.

– Liña de media tensión aérea (LMTA) a 20 kV, con condutor LA-56, de 80 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado C-3000/16 en substitución do APULNLHT//12 e final no apoio proxectado C-1000/16 en substitución do APTQHCJ3//12-1.

– Retensado do van posterior ao apoio proxectado C-1000/16 (56 metros de condutor LA-30).

– Retensado do van anterior e posterior ao apoio proxectado C-3000/16 (294 metros de condutor LA-110).

A instalación está situada na Capela, na parroquia de Quintela, no municipio de Crecente (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Regulamentación LMTA FRI804, apoios APULNLHT//12 e APTQHCJ3//12-1 (expediente IN407A 2024/320-4).

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que estean afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establecen o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 17 de xullo de 2025

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra