DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Luns, 11 de agosto de 2025 Páx. 43733

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Ponteareas

ANUNCIO da aprobación inicial e do período de información pública da modificación puntual número 2 (MP2) do Plan xeral de ordenación municipal de Ponteareas no ámbito do SURBZ-01 IND A Lomba.

Na sesión plenaria ordinaria do día 29 de xullo de 2025, aprobouse inicialmente a modificación puntual núm. 2 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ponteareas, que contén a ordenación detallada do ámbito do solo urbanizable SURBZ-01 IND A Lomba, promovida de oficio polo propio Concello e conforme a documentación elaborada pola empresa Estudio Técnico Gallego, S.A., composta polos seguintes documentos:

– Documento en formato non editable (36042_MP02PXOM_202505_AI_01PDF.zip).

– Documento en formato editable (36042_MP02PXOM_202505_AI_02EDIT.zip).

– Declaración responsable do equipo redactor, segundo o modelo do anexo 9.

De conformidade co disposto no artigo 60 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e no seu regulamento de desenvolvemento, acórdase someter a presente modificación puntual a información pública durante un prazo de dous (2) meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Boletín Oficial del Estado. Durante este período, as persoas interesadas poderán presentar alegacións, suxestións ou calquera outra documentación que consideren oportuna en relación co instrumento ou co expediente sometido a información pública.

O anuncio publicado no Boletín Oficial del Estado terá efectos de notificación nos termos do artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para todas aquelas persoas propietarias ou interesadas directamente afectadas que, por seren descoñecidas ou por ignorarse o seu domicilio, non puidesen ser notificadas de maneira individual, ou ben, intentada a notificación persoal, esta non se puidese efectuar.

Así mesmo, e en cumprimento do artigo 47 da LSG e do artigo 86 do seu regulamento, suspéndese o procedemento de outorgamento de licenzas de parcelación de terreos, edificación e demolición dentro do ámbito afectado pola modificación puntual. A suspensión terá unha duración de dous anos, contados desde a aprobación inicial, e extinguirase en todo caso coa aprobación definitiva da modificación.

O expediente completo estará á disposición das persoas interesadas no Departamento de Urbanismo do Concello de Ponteareas, das 8.30 ás 13.30 horas, de luns a venres (agás festivos), así como electronicamente a través do Portal de transparencia do Concello, na seguinte ligazón:

https://ponteareas.sedelectronica.gal/transparency

Premendo na lapela «7. Urbanismo, Obras Públicas e Ambiente».

Ponteareas, 5 de agosto de 2025

María Nava Castro Domínguez
Alcaldesa